Ovidio Murguía
Ovidio Martínez de Castro, máis coñecido como Ovidio Murguía,[1] nado en Lestrobe (Dodro) o 2 de xullo de 1871 e finado na Coruña o 1 de xaneiro de 1900, foi un pintor galego, membro da posteriormente denominada Xeración Doente.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 2 de xullo de 1871 Lestrobe, España |
Morte | 1 de xaneiro de 1900 (28 anos) A Coruña, España |
Lugar de sepultura | cemiterio de Santo Amaro da Coruña |
Actividade | |
Ocupación | pintor |
Familia | |
Pais | Manuel Murguía e Rosalía de Castro |
Irmáns | Alejandra Murguía Aura Murguía Gala Murguía Amara Murguía de Castro |
Traxectoria
editarNaceu no pazo de Hermida, fillo dos escritores Manuel Martínez Murguía e Rosalía de Castro, de quen herdou o seu sentimento artístico. Quedou orfo de nai aos 14 anos. Comezou a pintar en Santiago de Compostela, na Real Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago, da que era profesor o artista José María Fenollera. En 1895 trasladouse a Madrid, pero non seguiu os camiños habituais de ir á Real Academia de Belas Artes de San Fernando nin as posibles pensións para Roma, por aquel entón pouco menos que imprescindible para facer carreira oficial.
O seu parentesco co novelista Alejandro Pérez Lugín, en cuxa casa residía, permitiulle asistir a faladoiros literarios e relacionarse con artistas. Saía ao campo, na zona do Guadarrama, a pintar paisaxes do natural, e acudía con frecuencia ao Museo do Prado, onde realizou copias dos grandes mestres, para exercitarse no oficio de pintor.
O seu pai, home ambicioso, relacionouno con políticos influentes da época, para os que realizou escenas de xénero, moi en voga por entón, e decoracións murais para os seus palacios. Así, en 1898 leva a cabo á súa primeira encomenda importante, un conxunto de obras que o político galego Montero Ríos lle encarga para ornar o pazo de Lourizán[2]. Ovidio cumpre estas encargas, aínda que non de moi boa gana, até que decide liberarse deles por completo e vivir sen traballar, unha vida que a súa precaria saúde non tolera.
Concorreu a algunhas exposicións, pero a súa curta vida non lle permitiu callar a obra que, sen dúbida, o seu temperamento estaba destinado. A pintura de Ovidio Murguía figura nos museos de Galicia, especialmente no Museo Provincial de Pontevedra e no Museo de Belas Artes da Coruña, onde está a máis representativa.
En marzo de 2014 a Fundación Rosalía de Castro presenta un cadro inédito de Ovidio Murguía que vén de adquirir para os seus fondos. A obra non está catalogada ao non abandonar nunca a casa da familia Bustelo Calvo-Sotelo de Ribadeo; todo parece indicar que a peza é unha encomenda. O cadro Árbore de montaña, é quizais a obra de maior tamaño (190 x 130 cm) pintada por Ovidio Murguía. A data 1899 figura xunto á sinatura do pintor.[3]
Ovidio Murguía de Castro falece prematuramente de tuberculose no 1900 con 28 anos de idade, feito que máis tarde faría que Barreiro e Bello Piñeiro o encadrase dentro da Xeración Doente.
Galería de imaxes
editarNotas
editar- ↑ Dicionario biográfico de Galicia, Tomo 2, p. 282, Ir Indo Edicións, 2010-2011, Vigo.
- ↑ Fundación Rosalía de Castro (22 de maio de 2014) A Casa-Museo vén de adquirir un cadro descoñecido de Ovidio Murguía. "Ovidio falece con 28 anos cando daba cabo á súa primeira encomenda importante, un conxunto de obras para (...) Montero Ríos (...) encomenda realizada polo político galego en 1898, en Madrid".
- ↑ "A Fundación Rosalía presenta un cadro non catalogado de Ovidio Murguía" Arquivado 07 de xuño de 2014 en Wayback Machine., Galiciaé (22-3-2014).
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Ovidio Murguía |
Bibliografía
editar- Bugallal Marchesi, J. L. (1951). El sentimiento lírico materno en la pintura de Ovidio Murguía. Real Academia Galega.
- VV. AA.: Catalogo da exposición 'Xeración Doente' Fundación Caixa Galicia A Coruña 1993
- Catálogo del Patrimonio Artístico de la Diputación de A Coruña, volume 1 e volume 2 (en castelán).
- Pablos, Francisco (1981). Plástica Gallega (en castelán). Caja de Ahorros Municipal de Vigo. pp. 242–243. ISBN 84-7231-603-3.
- —————— (1981). Pintores gallegos del Novecientos (en castelán). Fundación P. Barrié de la Maza. ISBN 84-85858-06-9.
- —————— (2003). A pintura en Galicia - La pintura en Galicia (en bilingüe). Nigra Trea. p. 44-45. ISBN 84-95364-15-8.
- Valle; Carballo-Calero; Sobrino; Castro (2005). A arte galega na Colección Caixanova (en castelán). Faro de Vigo. pp. 26–28. VG-914/05.
Outros artigos
editarLigazóns externas
editar- Ovidio Murguía na Colección Afundación.
- ObrasArquivado 04 de febreiro de 2012 en Wayback Machine. no Museo de Belas Artes da Coruña.
- Pintores de Galicia (2013). TVG. Intervén Díaz Pardo, Marisa Sobrino, Xosé Antón Castro e outros.