Moeda cartaxinesa

(Redirección desde «Moedas cartaxinesas»)

A denominación xenérica de moeda cartaxinesa (tamén chamada moeda púnica), abrangue as emisións monetarias da antiga cidade-estado fenicia de Cartago e dos territorios do seu imperio estendido polo Mediterráneo, ata a súa destrución en 146 a. de C.[1][2]

Moedas cartaxinesas expostas no Museo de Albacete.

A moeda base deste sistema era o siclo ou shekel.[3][4]

Historia editar

 
Moeda cartaxinesa: Ás ibérico de bronce da ceca de Gadir (Cádiz). A/: cabeza de Melqart á esquerda. R/: dous atúns á esquerda e letras fenicias.

Os fenicios, malia a súa ampla zona de influencia comercial, comezaron a cuñaxe de moeda relativamente tarde. As primeiras moedas silico-púnicas (da Sicilia cartaxinesa) comezaron a emitirse a mediados do século IV, con anterioridade aos primeiros siclos tirios de Fenicia, que apareceron ca. 300 a. de C.[5][6]

O Estado púnico de Cartago foi, ademais, o primeiro en utilizar títulos de pagamento, como un antecedente das actuais notas promisorias, feitos de coiro.[7][8][9]

Cartago emitiu siclos de prata de 7,20 gramos, e tamén divisores de medio siclo e múltiplos de 1 ⅔, de dous e de tres siclos.[10] En Sicilia, ademais, cuñáronse tamén moedas de cinco unidades e na Península Ibérica ata de doce siclos.[11] Nestas emisións utilizouse o ouro, a prata, o electro, o bronce e o billón.[12]

Dos tesouros atopados despréndese que a súa circulación non foi moi abundante no norte de África e si, porén, particularmente, noutros territorios cartaxineses como Sardeña ou Sicilia.[13] En concreto en Sardeña producíronse importantes cuñaxes de moeda de bronce durante a primeira guerra púnica e, novamente, durante a tentativa de recuperar a illa no transcurso da segunda.[14] E en Sicilia púxose en circulación unha gran masa de moedas de bronce e de prata, ademais de cantidades máis discretas de ouro e de electro, que aparecen sinaladas coas siglas MHSBM, que aluden ao título de cuestor.[15][16][17]

 
Moeda cartaxinesa: estatero de electro cuñado en Cartago ca. 310-290 a. de C. A/: cabeza coroada de Tanit á esquerda. R/: cabalo en pé.

Unha tipoloxía característica das moedas cartaxinesas sicilianas do tempo da primeira guerra púnica consiste na representación de Melqart (Hercules) nos anversos e a cabeza dun cabalo nos reversos. Máis comunmente, aparece unha cabeza feminina identificada como a divindade fenicia Tanit.[11]

En Kerkouane cuñáronse moedas de bronce durante a resistencia á invasión de Régulo, na primeira guerra púnica, que amosan a Tanit no anverso e un cabalo ao galope no reverso.[13]

Cara ao final da primeira guerra púnica foron moi numerosas as emisións en bronce destinadas ao pagamento das tropas que lles facían fronte aos mercenarios rebeldes que apoiaban a Roma.[18][19]

Aníbal, o poderoso líder militar e inimigo acérrimo de Roma, marchou durante 15 anos atravesando a Península Itálica loitando contra o exército romano e establecendo alianzas coas tribos locais. En Bruttium, ao sur, Aníbal cuñou pequenas moedas de electro co valor de 3/8 de siclo (arredor de 3 gramos). O deseño baseábase no popular cuadrigato romano de prata, con Xúpiter no reverso dirixindo un carro e a piques de lanzar un lóstrego, pero cunha imaxe bicéfala de Tanit substituíndo o deus Xano no anverso. En Capua, Aníbal cuñou moedas de prata dun cuarto e de medio siclo, cunha tipoloxía máis convencional.[20]

Entre ambas as guerras, Cartago só emitiu moeda de bronce no norte de África, mentres que membros da familia Bárcida cuñaron na Península Ibérica moedas de ouro e de prata con Melgart nos anversos e un cabalo e unha palmeira nos reversos.[19] As de ouro tiñan un peso de 7,50 gramos e un valor de 12 siclos de prata (coa equivalencia da época, de 1:11⅓).[21]

A expansión cara a Hispania e os saqueos aos romanos favoreceron as cuñaxes en metais preciosos durante a segunda guerra púnica.[19] Destacan entre estas emisións dúas moedas de gran tamaño para a súa circulación en Sicilia.[22] A esta época corresponden dous medios siclos que amosan, nun caso, unha cabeza masculina diademada no anverso e un elefante no reverso, e no outro caso unha cabeza coroada no anverso e un cabalo a galope no reverso.[23]

Cara ao fin da guerra retómanse as cuñaxes ordinarias de bronce e tamén nunha prata moi empobrecida e de billón.[19] No transcurso da guerra, o siclo pasou nas zonas controladas polos Bárcidas desde os 7,2 ata os 7,0 gramos, o que motivou tamén axustes na moeda de bronce, para manter a súa proporción de valor con respecto á de prata.[24]

En paralelo a estas emisións, circularon tamén en Cartago moedas numidias, todas elas de bronce.[25]

Galería de imaxes editar

Notas editar

  1. Visonà, Paolo. (1998).
  2. Markowitz, Mike. "The Coinage of Carthage: An Introduction".
  3. "Siclo ("shekel")". En Algunos tipos de monedas antiguas. www.tesorillo.com.
  4. "Siglos". En Schulzki, Heinz-Joachim. Brill’s New Pauly.
  5. Markovitz, Mike (2014). "Silico-Punic coins".
  6. Bronson (1976). Páxina 8.
  7. Moulton, L. V. (1880). The Science of Money and American Finances: Containing a Philosophy of Money in Accordance with Scientific Principles, and Adapted to the Wants and Civilization of the Age. Also, an Analysis and History of the Financial Operations of the Government ... Co-operative Press.
  8. Jones, John P. (1890). Speeches of J.P. Jones: Money and Tariff, 1890-93.
  9. Wells, H. G. (1921). The outline of history, being a plain history of life and mankind. The Macmillan Company. Nova York.
  10. Crawford (1985). Páxinas 87, 135, 137.
  11. 11,0 11,1 Crawford (1985). Páxina 106.
  12. Markovitz, Mike (2014). "Gold and electrum".
  13. 13,0 13,1 Crawford (1985). Páxina 133.
  14. Crawford (1985). Páxina 103.
  15. Curtoni Tusa, A. (2001).
  16. Jenni, E.; Westermann, C. (1978). Diccionario teológico manual del Antiguo Testamento. I. Ed. Cristiandad. Madrid. Páxina 889. ISBN 84-7057-241-5
  17. Crawford (1985). Páxinas 104-105.
  18. Markovitz, Mike (2014). "The Mercenary Revolt".
  19. 19,0 19,1 19,2 19,3 Crawford (1985). Páxina 87, 88, 136, 138.
  20. Markovitz, Mike (2014). "Hannibal in Italy".
  21. Markovitz, Mike (2014). "Barcids in Spain".
  22. Crawford (1985). Páxina 109.
  23. Crawford (1985). Páxina 108.
  24. Markovitz, Mike (2014). "The End of Carthage".
  25. Crawford (1985). Páxina 140.

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Bibliografía editar