Proxecto Apollo
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde abril de 2016.) |
O proxecto Apollo foi un programa de exploración espacial levado a cabo pola NASA entre febreiro de 1966 e decembro de 1972. Constou de 17 misións, 11 delas tripuladas, que ocuparon 2.719 horas e 29 minutos. Este programa custou máis de 25,4 miles de millóns de dólares.
Proxecto Apollo | |
---|---|
Tipo | programa de voos espaciais tripulados, NASA program e proxecto |
Propósito | Aluaxe |
Nomeado en referencia a | Apolo |
Eventos/Actividades | primeiro voo, primeiro voo, ultimo voo, éxito e fracaso |
País | Estados Unidos de América |
[ editar datos en Wikidata ] |
Historia
editarPara os experimentos Apollo, o equipo das misións estaba deseñado para recolle-la máxima información posible sobor da Lúa. A maior parte do material quedou alí para seguir recollendo información trala partida dos astronautas. Os ALSEP (siglas dos grupos de experimentos científicos na superficie lunar do programa Apollo) tiñan os seus xeradores propios e radiotransmisores para envia-los resultados á Terra. Os astronautas recolleron mostras das rochas e do solo. Analizáronse na Terra e comprobouse que a Lúa contén elementos similares ós da Terra.
Características técnicas
editarAs naves espaciais Apollo estaban formadas por tres seccións: un módulo de mando onde estaban as provisións e o aloxamento dos tres astronautas, un módulo de servizo onde estaba o motor principal da nave, que xeraba a enerxía eléctrica necesaria e controlaba o sistema de soporte vital da tripulación, e o módulo lunar co que os astronautas viaxaron á Lúa. Non tiña ningún tipo de asento, só o espazo xusto para que coubesen dous astronautas de pé. Unha vez na Lúa saían a explora-la superficie. No voo de regreso á Terra, o módulo de servizo era abandonado e os astronautas regresaban no módulo de mando. Nas derradeiras misións do Apollo xa se incluíu outra parte máis experimental do programa, os vehículos lunares. O vehículo lunar, tamén chamado "rover", era un coche pregable con tracción ás catro rodas e alimentado por baterías. Tiña unha velocidade máxima de 14 km/h e ía equipado con cámaras para grava-las misións, antenas e bolsas para recolle-las mostras de solo. Chegou á Lúa fixado ó exterior do módulo lunar.
Para levar a cabo estas misións era necesario un foguete encargado de saca-lo aparello fóra da gravidade da Terra. Despois de diversas probas con varios modelos, e de varios experimentos, xurdiu o Saturn V que, despois dalgunhas modificacións sobor das probas, comezou a ser construído para as misións Apollo; foi un dos máis potentes da historia. Obtivo excelentes resultados, dos que se poden contar 13 lanzamentos sen ningún fallo, nin sequera nos voos de proba. O Saturn V situaba primeiro as naves Apollo na órbita e logo as impulsaba coa terceira e última fase, que as colocaba na traxectoria correcta cara á Lúa. Os cinco motores da primeira fase do foguete Saturn V consumían 12,9 toneladas de combustible por segundo. A forza propulsora xerada polos cinco motores era de 168.600 newtons, o que equivale ó pulo de 160 reactores de Boeing 747. O peso total do Saturn V no momento do seu lanzamento, incluído o combustible, era de 3.000 toneladas.
O Saturn I soamente serviu para poñer a punto os elementos que ían permitir a construción dos seguintes foguetes da familia. Era un foguete de 2 etapas e de 590 toneladas lanzado por vez primeira no 29 de xaneiro de 1964 en modo experimental. Xa no 1966, trala as realizadas, foi chamado Saturn IB; fixo o seu lanzamento completo o 26 de febreiro de 1966. Tiña unha altitude de 69 metros, o diámetro era 6,6 m e o seu peso seguía sendo de 590 toneladas. Das 2 etapas en que estaba feito, a primeira estaba chea de propergol (unha mestura feita por queroseno e osíxeno líquido que seguiría a utilizarse para o resto da familia). Dispuña de 8 motores principais e tiña un pulo de 745 toneladas. A segunda etapa tiña un motor principal que consumía como propergol unha mestura de hidróxeno e osíxeno líquido cun pulo de 90,5 toneladas. A súa carga útil podíase ver deste xeito: satelización a 180 quilómetros do solo: 18 toneladas; sonda lunar: 5 toneladas e sonda até Marte ou Venus: 2 toneladas. Pola contra, o Saturn V aproveita os motores e outras cousas dos antecesores, facendo del un lanzador de xigantescas dimensións; as que require para levar a cabo a misión Apollo. Para darse unha idea da súa magnitude con relación os anteriores Saturn, este incluía unha terceira etapa. Fixo o seu lanzamento completo o 9 de novembro de 1967 (lanzando ao espazo o Apollo 4), medía 111 metros de altitude e o seu diámetro máximo era de 10 metros cun peso de 2940 toneladas. Na primeira etapa, pesaba en baleiro 134 toneladas; podía acumular un peso de propergol de 2106 toneladas. En canto a propergol, como xa dixemos: queroseno e osíxeno líquido. Estaba dotada de 5 motores principais que daban un pulo de 3500 toneladas. Na segunda etapa; o seu peso en baleiro era de 38,4 toneladas, podía levar 447 toneladas de propergol, composto, ó igual que na terceira etapa, de hidróxeno e osíxeno líquido. Dispuña de 5 motores principais cun pulo de 520 toneladas. Entrados na terceira etapa diremos que pesaba en baleiro 11,5 toneladas, podía levar 120 toneladas de propergol, tiña 1 motor principal e desenvolvía un pulo de 93 toneladas. A súa carga útil sería a seguinte: satelización a 180 quilómetros do solo: 145 toneladas; sonda lunar: 45 toneladas e sonda até Marte ou Venus: 20 toneladas.
Amais dos 11 motores principais (dos que 10 -5 na primeira etapa e 5 na segunda- son do modelo F-1, namentres que o da terceira etapa era un J-2) que serven para propulsa-lo ten outros 30 motores auxiliares, para a súa estabilización, separación de etapas etc. Durante o proceso de engalaxe do Saturn V calcúlase que o 5 % da potencia dos motores se converte en enerxía acústica. Así, nada menos que o equivalente de 200.000 kw vanse no ruído. Os F-1 dispuñan dunha altura de 5,5 metros, un diámetro de 3,8 metros que chegaba a 4,30 metros na tobeira, cun peso de 9,1 toneladas e a súa forza de pulo de 771 toneladas; cun impulso de 260 segundos. Queimaba a mestura de propergol do seguintes xeito: 790 kg/s de queroseno como combustible con 1.790 kg/s de osíxeno líquido como comburente. Isto exercía unha presión na cámara de 68 kg/cm², poñéndose a unha temperatura de 3.900 °C. O seu tempo de funcionamento máximo era de 150 segundos. Mentres que o motor da terceira etapa, un J-2 dispuña dunha altura de 3,4 metros, un diámetro de 2 metros que chegaba a 1,95 metros na tobeira. O seu peso viña sendo de 1,6 toneladas e a súa forza de pulo de 102 toneladas; cun impulso de 424 segundos. Queimaba a mestura de propergol do seguintes xeito: 37 quilos/segundo de hidróxeno como combustible con 204 quilos/segundo de osíxeno líquido como comburente. Isto exercía unha presión na cámara de 54 kg/cm², poñéndose a unha temperatura de 3.178 °C. O seu tempo de funcionamento máximo era de 140 segundos reducíndose a 360 segundos despois.
A primeira vez que o módulo lunar do Apollo viaxou ó espazo foi en marzo 1969, cando os astronautas do Apollo 9 practicaron nunha órbita terrestre as futuras operacións do aluaxe: a acoplaxe, a desacoplaxe e a propulsión do módulo lunar. Dous meses despois o Apollo 10 voou até a Lúa e o módulo descendeu até situarse a 8 km da superficie. O único que non se fixo nesta misión foi aluar.
Misións
editarA continuación ofrécese un resumo (xa que cada parte merece un profundo estudo por separado), déixase claro que o seguinte termo que vai tratar as misións Apollo (dende a 01 até a 17) se exporá da seguinte forma: Nome da misión (de cara ó público), nome do lanzador, código de lanzamento (aquí figura o tipo de lanzador e mailo número de misión, exemplo -AS-201-: siglas AS, (Apollo Saturn), tipo de lanzador 2, número de misión lanzador 01)
No Apollo 1 saliéntase unha data que non vai de acordo coa nomenclatura dos Apollo; isto débese a que este ía se-lo primeiro voo tripulado, no que se empregaba o novo lanzador, o Saturn V. A NASA denominouno dese xeito en honra da xente que morreu no transcurso das probas.
O proxecto Apollo continuou con dúas misións máis, pero non de exploración na Lúa, senón acoplamentos da nave Apollo coa nave Soiuz, polo que se coñecen como misións Apollo-Soiuz.
Apollo 01. Saturn 1B. AS-201
editarO foguete Saturn 1B, da misión AS-201, lanzouse dende a torre 34 do complexo de lanzamentos de Cabo Cañaveral (Florida) o sábado 26 de febreiro de 1966,ás 11:12:01. A misión realizouse sen tripulación, era un voo suborbital de proba de baixo rango. Só estivo en funcionamento preto de 37 minutos (00:36:59), alcanzando unha altitude de 488 km, e a súa cápsula foi recollida no océano Atlántico a uns 8.472 km de distancia do seu lanzamento.
Os seus obxectivos principais eran confirma-la integridade estrutural da combinación do vehículo e da nave espacial de lanzamento e controla-la operatividade dos seus sistemas. O perfil da traxectoria foi deseñado tal que un vehículo sería acelerado a unha altitude relativamente alta e despois conducido novamente dentro da atmosfera da Terra, causando altas cargas de temperatura, dando por resultado unha aterraxe perceptiblemente distante do punto do lanzamento; tamén se verificaron as operacións da propulsión do Saturn, enderezo e control e os subsistemas eléctricos.
Apollo 1. Saturn V. AS-204
editar- Artigo principal: Apollo 1.
Os inicios do programa Apollo foron tráxicos. Na tarde do venres 27 de xaneiro de 1967 o Apollo 1, que debía se-lo primeiro da serie, foi vítima dun incendio ó saltar unha faísca mentres os astronautas Virgil "Gus" Grissom (o primeiro astronauta en viaxar nas tres misións, Mercury, Geminis e Apollo), Edward White e Roger Chaffee probaban os sistemas do módulo de mando da nave. A atmosfera da cápsula era de osíxeno puro, un gas moi inflamable. O lume estendeuse rapidamente e os astronautas morreron sen posibilidade de escape. Despois daquela catástrofe, modificouse o deseño da nave Apollo para evitar outro accidente similar e engadiuse unha saída de emerxencia.
Virgil I. Grissom, Edward H. White II e Roger B.Chaffee practicaron unha simulación de lanzamento para unha misión AS-204 de 14 días na órbita terrestre. Xa pasaran un ano de adestramento perturbado por avarías constantes do simulador de voo do módulo de mando. Viran atrasada a entrega da súa nave, en particular porque o sistema de climatización tivo que ser substituído. Xurdiron problemas de novo, cando Grissom se queixaba dun forte olor a leite na atmosfera da cabina. Estaba programado un ensaio de evacuación de urxencia, pero os pilotos non tiveron tempo de cumprilo. Ás 18:31 morreron no incendio que se esparexeu brutalmente na cabina. Pasaran ó redor de cinco minutos cando puideron abri-la comporta exterior. Sospeitouse dun cable defectuoso e a mala calidade da realización, pero non se puido descubri-la orixe exacta do incendio.
A NASA obrigou a estudar ó subcontratista unha versión mellorada da nave. Unha comporta de acceso de mando mecánico substituíu as dúas comportas interiores e exteriores fixadas por dous pernís. Outra modificación levouse a cabo sobor da atmosfera utilizada cando a nave xa se atopaba na área de lanzamento. E substituíse por unha mestura de 60 % de osíxeno e 40 % de nitróxeno a presión normal, o osíxeno puro a 115 quilopascais. O nitróxeno purgaríase despois do lanzamento.
O primeiro Apollo sufrira unha traxedia pero quedaban elementos positivos. Nas seguintes misións do Apollo non houbo tripulantes e, a pesar de mante-lo nome da misión baixo o de Apollo, na realidade non foron como tal até a Apollo 7.
Apollo 2. Saturn 1B. AS-203
editarA misión do Apollo 203 foi lanzada sen tripulación dende a torre 37-B, no complexo de lanzamentos de Cabo Cañaveral (Florida) ás 10:53:17 do martes 5 de xullo de 1966. O propósito básico era lanzar e inserir un S-1VB modificado nunha órbita circular con hidróxeno líquido nos depósitos a bordo para avalia-lo respiradoiro e o motor do hidróxeno e os seus sistemas nun ambiente orbital de ingravidez. Durante a cuarta órbita, as presións internas acumuláronse na etapa do S-1VB mentres se realizaba unha proba do diferencial de presión. As presións acumuláronse en exceso e unha das etapas quedou esnaquizada. Malia iso, alcanzáronse tódolos obxectivos da misión. Os obxectivos primarios incluíron a avaliación do sistema de presión continuo do S-1VB LH2, a evolución do motor e os seus sistemas da recirculación da determinación da dinámica do líquido do tanque, e o sinal dunha cámara de televisión. A súa cápsula perdeuse polas Bermudas, non puido ser recuperada.
Apollo 3. Saturn 1B. AS-202
editarO Apollo 3 lanzouse sen tripulación dende a torre de lanzamentos 34 de Cabo Cañaveral ás 13:15:32 do xoves 25 de agosto de 1966. Alcanzou unha altitude de 1.143 km e a súa cápsula amarou no océano Atlántico, a uns 370 km do punto definido. Tiña o obxectivo de avalia-lo funcionamento do protector de calor da nave durante a reentrada. O voo de avaliación non durou 34 minutos (00:33:28).
Apollo 4. Saturn V. AS-501
editar- Artigo principal: Apollo 4.
O Apollo 4 lanzouse dende a torre 39-A de Cabo Cañaveral ás 07:00:01 do xoves 9 de novembro de 1967. Era unha misión orbital non tripulada, o primeiro voo de proba Apollo Saturn. Amarou no océano Atlántico, a 16 km do lugar previsto. A misión durou 8 horas, e case 37 minutos (08:36:59). Na que se fixo a avaliación de Módulo de Comando na reentrada e no retorno lunar. Nesta misión probouse de novo o foguete Saturn V, no cal se fixeran reformas, e como dixemos, foi construído para as misións Apollo, foi un dos máis potentes da historia. Obtivo excelentes resultados.
Apollo 5. Saturn 1B. AS-204
editar- Artigo principal: Apollo 5.
O Apollo 5 lanzouse dende a torre 37-B de Cabo Cañaveral ás 17:48:08 do luns 22 de xaneiro de 1968. Foi unha misión non tripulada, a primeira proba do módulo lunar do Apollo nunha órbita terrestre, realizando 4 órbitas. Non se puido recupera-la cápsula de mandos.
Apollo 6. Saturn V. AS-502
editar- Artigo principal: Apollo 6.
O Apollo 6 lanzouse dende a torre de lanzamentos 39-A de Cabo Cañaveral ás 07:00:01 do xoves 4 de abril de 1968. O voo de proba non tripulado en que culminou nesta misión foi o segundo cun foguete Saturn V. Aínda que o vehículo de lanzamento tivo problemas, a nave Apollo funcionou correctamente, cun apoxeo de 367 km e un perixeo de 178 km. Aterrou no océano Pacífico, xusto no punto definido e recuperado polo buque Okinawa do U.S.S.. Os cinco motores da primeira fase do foguete Saturn V consumían 12,9 toneladas de combustible por segundo. A forza propulsora xerada por eses cinco motores era de 168.600 newtons, o que equivale ó pulo de 160 reactores de Boeing 747. O peso total do Saturn V no momento do seu lanzamento, incluído o combustible, era de 3.000 toneladas. A misión durou 10 horas, 22 minutos 59 segundos.
Apollo 7. Saturn 1B. AS-205
editar- Artigo principal: Apollo 7.
O Apollo 7 foi lanzado dende a torre de lanzamentos 34 de Cabo Cañaveral, ás 11:02:43 do venres 11 de outubro de 1968. Foi o primeiro voo tripulado do proxecto Apollo mediante o sistema propulsor Saturn 1B, na súa primeira proba con tripulación. Os astronautas Walter M. Schirra (comandante), R. Walter Cunningham (piloto do módulo lunar) e Donn F. Eisele (piloto do CSM). Donn foi substituído no Apollo 1, por unha lesión no ombro nun simulador. O módulo de comando fora redeseñado despois do incendio en que perderan a vida Grissom, White e Chafee.
A primeira etapa do Saturn IB acéndese durante 2 minutos 25 segundos antes de soltarse e que se acendera a segunda etapa S-1VB, que por primeira vez era impulsada con hidróxeno líquido. Cinco minutos despois do lanzamento, Schirra dixo: "Está cabalgando como nun soño..". Cinco minutos despois o Apollo 7 acadou unha órbita elíptica de 225,308 por 294,509 km sobre a superficie da terra.
Durante o voo, que durou case 11 días (10 días, 20 horas, 9 minutos e 3 segundos) deron 163 voltas arredor da Terra, comprobando o funcionamento dos dous equipos (módulo de mando e módulo lunar), facendo fotografías e transmitindo imaxes de televisión. Os médicos puideron estuda-lo comportamento do organismo humano nunha longa permanencia no cosmos. A amaraxe foi ó suroeste das Bermudas, a case 2 km do punto previsto, a 27°32′ N e 64°4′ O. A tripulación foi rescatada por un helicóptero e levada a bordo do Essex dos U.S.S.
Apollo 8. Saturn V. AS-503
editar- Artigo principal: Apollo 8.
O foguete foi lanzado ás 7:51:00 do sábado 21 de decembro de 1968 dende a torre 39-A do Centro Espacial Kennedy, e tres días despois estaba en órbita lunar. A tripulación da misión Apollo 8, pasou á historia por se-la primeira en escapar á gravidade terrestre e realizar unha viaxe de case 400.000 km até a Lúa, dando dez voltas arredor da mesma. Os astronautas Bormam, Lovell e Anders dedicáronse a localizar posibles lugares de aluaxe. Neste intre a misión consistía en aplicar unha inxección translunar ás 2:56:05.5 horas facendo que a nave alcanzase 376.745 km de distancia máxima da Terra; inxección en órbita lunar ás 69:08:20 horas que faría que a nave orbitase a 312 km por 111 km da Lúa; despois de facer 20 horas e 10 órbitas o redor do satélite recibe unha nova inxección transterrestre ás 89:19:17 horas que devolve a nave cara á Terra.
Os tres astronautas do Apollo 8, Frank Boorman (comandante), James Lovell e William Anders, foron os primeiros en facer un voo arredor da Lúa. Na súa volta puido comprobarse que o sinal do módulo non chegaba a Terra cando este pasaba por tras do satélite. O control de Terra tivo que esperar a que a nave reaparecese para comprobar que todo funcionaba correctamente. Os astronautas do Apollo 8 foron os primeiros en presenza-lo orto da Terra por enriba da Lúa. A nave describiu unha órbita de 190 km no apoxeo por 180 km no apoxeo. O tempo da misión estableceuse en 7 días, 3 horas e 42 segundos (147:00:42).
Seis días despois do seu lanzamento, o Apollo aterrou o 27 de decembro de 1968, as 10:52 a 8°7′30″ Ne 165°1′12″ O, no océano Pacífico a 2,5 km do punto establecido. Os tripulantes foron rescatados polo buque Yorktown dos U.S.S. as 12:20.
Apollo 9. Saturn V. AS-504
editar- Artigo principal: Apollo 9.
O Apollo 9 engalou ás 11 da mañá do 3 de marzo de 1969 dende a torre 39-A, tripulado por McDivitt, Scott, Schweickart. O seu principal obxectivo era realizar probas de separación, atopo e acople do módulo lunar (ML) de aterraxe, en órbita terrestre, pilotado por primeira vez no espazo por McDivitt nunha misión de 151 voltas á Terra. Durante un paseo espacial de 38 minutos, Schweickart probou por primeira vez o sistema de soporte vital do Apollo. Antes da aluaxe. A nave describiu unha órbita de 192 por 190 km.
Esta era a primeira vez que o módulo lunar viaxa ó espazo e os astronautas do Apollo 9 practicaron nunha órbita terrestre as futuras operacións da aluaxe: o acoplamento, o desacoplamento e a propulsión do módulo lunar chamado Spider que estaba aloxado na segunda etapa do Saturn. Despois do acoplamento as dúas naves separáronse até unha distancia duns 160 km. O módulo lunar foi probado, os seus motores acendéronse para alcanzar unha nova órbita, separouse da etapa inferior de aluaxe e acoplouse de novo no Apollo chamado Grumdop. Aterraron o 13 de marzo de 1969 as 12:01 no océano Atlántico, a 23°12′30″ N e 67°56′ O. A tripulación foi rescatada ás 12:45 polo buque Guadacanal dos U.S.S. A misión durou 10 días e 1 hora, e incluíu algún feito non previsto, ó vomitar en dúas ocasións o piloto do ML, Russell L. Schweickart.
Apollo 10. Saturn V. AS-505
editar- Artigo principal: Apollo 10.
O voo do Apollo X partiu ás 0:49 do sábado 18 de maio de 1969, dende a torre de lanzamentos 39-A do Centro Espacial Kennedy, levando a bordo o astronauta Stafford, o capitán de corveta John W. Young e o capitán de fragata Eugene A. Cernan. Deu 31 voltas á Lúa, en preparativos para a posterior aluaxe, nunha órbita de 190 por 184 km. Segundo estaba planeado, Stafford e Cernan trasladáronse dende o módulo de comando Charlie Brown do Apollo (MC) ó módulo lunar Snoopy, co que descenderon até unha distancia de 8 km da superficie da Lúa, mentres o astronauta Young pilotaba o módulo de comando. Despois, na fase ascendente, realizaron con éxito as manobras de aproximación e acoplamento ó módulo de comando, entraron nel e abandonaron o módulo lunar, acendendo os foguetes para regresar á Terra. A misión durou 8 días, 3 minutos e 23 segundos (192:03:23).
Ás 0:52 do 26 de maio de 1969 amenizaron no océano Pacífico, a 15°2′ S e 164°39′ O, sendo a tripulación rescatada ás 13:31 polo buque Princeton dos U.S.S. O programa Apollo estaba xa listo para levar astronautas á Lúa.
Apollo 11. Saturn V. AS-506
editar- Artigo principal: Apollo 11.
A nave Apollo 11 engalou ás 9:32:00 do mércores 16 de xullo de 1969, dende a torre 39-A do Centro Espacial Kennedy en Florida. Unha vez na órbita lunar, (de 186 por 183 km) Edwin E. Aldrin (piloto do CSM) e Neil A. Armstrong (comandante) trasladáronse ó módulo lunar. Michael Collins (piloto do módulo lunar) permaneceu na órbita lunar pilotando o módulo de control despois da separación, e apoiando as manobras do módulo lunar. Este último descendeu á Lúa e pousouse sobre a súa superficie o 20 de xullo, no mar da Tranquilidade (71º N e 23°38′ E), enviouse a seguinte mensaxe a Terra “Houston, aquí Base Tranquilidade. A Aguia aluou”. Horas máis tarde, Armstrong descendeu por unha escaleiriña co seu traxe espacial e puxo o seu pé sobre a Lúa. As súas primeiras palabras foron "este é un pequeno paso para o home, pero un gran salto para a humanidade". Pronto seguiulle Aldrin e ambos os dous astronautas camiñaron durante máis de dúas horas pola Lúa. As tarefas de carácter científico máis importantes realizadas durante as misións foron a recollida de 21 kg de mostras do solo, toma fotografías e colocación dun artefacto para detectar e medi-lo vento solar, un reflector de raios láser e un sismógrafo. Armstrong e Aldrin cravaron no solo a bandeira dos Estados Unidos e falaron por radio co presidente Richard M. Nixon na Casa Branca.
Comprobaron que non era difícil camiñar e correr baixo unha gravidade seis veces menor que a da superficie da Terra. Millóns de persoas puideron seguir a retransmisión vía satélite do acontecemento. Unha vez de volta ó módulo lunar, os astronautas quitaron os traxes espaciais e descansaron unhas horas antes de engalar. Abandonaron a Lúa en voo vertical deixando na superficie lunar a parte inferior do módulo lunar que actuou como plataforma de lanzamento. Esta plataforma tirouse unha vez acoplados o módulo lunar ó módulo de comando, ó que regresaron os dous astronautas.
O regreso do Apollo 11 realizouse sen contratempos e a nave caeu nas augas do océano Pacífico, a 13°19′ N e 169°9′ O, ás 12:50 do 24 de xullo, sendo recuperada ás 13:53 polo buque Hornet dos U.S.S. cerca de Hawai. A misión durou 8 días, 3 horas, 18 minutos e 35 segundos (195:18:35). Ante a posibilidade de que organismos lunares contaminasen a Terra, os astronautas vestíronse con traxes de illamento biolóxico antes de saír da nave e foron sometidos a unha corentena de tres semanas. A súa saúde non se viu afectada. O programa Apollo foi de considerable importancia na industria americana, xa que agrupaba, no momento de máxima actividade, a 20.000 sociedades e a máis de 350.000 persoas de forma directa.
Apollo 12. Saturn V. AS-507
editar- Artigo principal: Apollo 12.
O voo saíu ás 11:22 do venres 14 de novembro de 1969 da torre 39-A de Cabo Cañaveral, levando a bordo os astronautas Charles Conrad, Richard F. Gordon e Alan L. Bean. Unha vez en órbita lunar, Conrad (piloto e comandante) e Bean (piloto do módulo lunar), pasaron a este último. Pousaron ó norte da cadea montañosa Riphaeus (no océano das Tormentas, a 3º S 23°27′ O, a uns 180 metros do lugar onde o fixera dous anos antes o Surveior 3. Os dos astronautas exploraron as inmediacións, en dúas fases de case catro horas cada unha. Nunha delas ocorreu o seguinte: -Hei! Aí está! Aí está! Oh, meu deus! Xusto no medio do camiño! Non podo crelo! Sorprendente! Fantástico! "Pete" Conrad xunto ó Surveior 3. No fondo, o módulo lunar Intrepid e unha antena parabólica para transmitir TV e datos á Terra.
A nave Apollo 12 aprestábase a concreta-la segunda aluaxe tripulada da historia. A man de Conrad foi cara á cámara de televisión do Surveior. Mentres Richard Gordon orbitaba a Lúa no módulo de comando Yankee Clipper, Conrad e Bean debían pousa-lo módulo de descenso Intrepid a curta distancia da Surveior 3, unha sonda que aluara dous anos e medio antes, o 19 de abril de 1967, camiñar até ela e retira-la cámara de TV para traela de regreso. O Surveior estaba no bordo dun suave cráter que, xunto con outros dos arredores, sería visto polos astronautas como o ombreiro dun boneco de neve a medida que se aproximaran á árida superficie. O Intrepid aluou a menos de 200 metros do Surveior e alí permaneceu 31 h e 31 min. A mesma noite da chegada, na segunda camiñada, acercáronse á sonda e cuns alicates especialmente fabricados arrincaron a cámara de TV. Pódese dicir que as transmisións da cámara de TV interrompéronse ó pouco tempo por un defecto nela. Realizaron probas científicas, tiraron fotografías, recolleron mostras de solo lunar e recolleron algúns elementos da sonda Surveior 3 para examinalos de camiño á Terra. Despois de engalar e acoplarse á nave que pilotaba Gordon, amararon con éxito ás 15:58 no océano Pacífico a 7,25 km do punto de contacto, e foron recollidos o luns 24 de novembro polo U.S.S. Hornet. Tamén foron sometidos a corentena. O Apollo 12 supuxo un grande adianto respecto do Apollo 11, en especial na precisión da aluaxe, o que levou a planea-la posibilidade de que o Apollo 13 aluase en terreo máis accidentado. A misión durou 10 días, 4 horas, 36 minutos e 25 segundos (244:36:25).
Apollo 13. Saturn V. AS-508
editar- Artigo principal: Apollo 13.
O Apollo 13 foi lanzado ó espazo ás 13:13 do sábado 11 de abril de 1970, levando a bordo o veterano Lovell (o astronauta con máis horas no espazo (572) antes de enrolarse nesta misión, que xa estivera no Geminis 7, no Geminis 12 e no Apollo 8), xunto con Fred W. Haise e a John L. Swigert. Estaba previsto que a tripulación do Apollo 13 fose a terceira en pisar a Lúa, pero ás 22:00 (hora da costa oeste) do luns 13, cando o Apollo estaba a 370.000 km da Terra, con destino de aterrar na rexión lunar de Fra Mauro, tivo lugar unha avaría nun tanque de osíxeno. Instantes despois soaba no centro base da NASA a comunicación «Houston, temos un problema». O segundo tanque de osíxeno explotara, rematando a fonte elemental para a respiración da tripulación. Dende o centro espacial de Houston deseñouse un plan de emerxencia para que os cosmonautas volvesen sans e salvos, utilizando os sistemas do módulo de mando para a navegación, corrección de rumbo e regreso a Terra, despois de dar a volta á Lúa sen aterrar nela.
Apagáronse tódolos mecanismos que puidesen restar enerxía á nave, e logo de momentos de gran tensión por mor das dificultades para recupera-la órbita con destino á Terra, finalmente a tripulación aterrou con éxito. O venres 17 de abril de 1970 aterrou a 6,4 km da illa Pago Pago, no sur do océano Pacífico, e foron recollidos polo U.S.S. Iwo Jima as 13:07. A pesar do incidente a NASA cualificou o voo como un fracaso exitoso debido ás experiencias obtidas no rescate da tripulación. A misión durou 5 días, 22 horas, 54 minutos e 41 segundos (142:54:41).
Esta misión foi levada ó cine co título de Apollo 13.
Apollo 14. Saturn V. AS-509
editar- Artigo principal: Apollo 14.
O Apollo 14 retomou a fracasada misión do seu predecesor, despois de efectua-las modificacións necesarias para evitar fallos como o ocorrido no Apollo 13. Foi lanzado o domingo 31 de xaneiro de 1971 dende a torre 39-A do Centro Espacial Kennedy ás 16:03. Shepard e Edgar D. Mitchell aluaron con éxito co módulo lunar Antares sobre a accidentada zona do cráter Fra Mauro (3°37′ S 17°29′ O), onde recolleron numerosas mostras de roca dunha rexión diferente ás que xa exploraran. Mentres, o astronauta Stuart A. Rossa permanecía en órbita lunar pilotando o módulo de comando Kitti Hawk. O voo fíxose famoso porque antes de saír da Lúa, Shepard (que sacou dun dos petos do traxe espacial unha bóla de golf e a golpeou cunha extensión de recolle-las rocas, segundo súas palabras a bóla voou e voou varios quilómetros) e Mitchell, estiveron máis de nove horas explorando a zona, na que se atoparon os fragmentos de roca máis antigos, recollendo uns 43 kg de mostras xeolóxicas e instalando instrumentos científicos. Regresaron sen problemas á Terra o 9 de febreiro de 1971, onde aterraron a 7 km do punto prefixado as 16:05, no océano Pacífico. Foron recollidos polo U.S.S. New Orleans e o 12 de febreiro foron sometidos en Houston a unha corentena até o 26 do mesmo mes. A misión durou 9 días (216:01:57).
Apollo 15. Saturn V. AS-510
editar- Artigo principal: Apollo 15.
O Apollo 15 foi lanzado o luns 26 de xullo de 1971 dende a torre 39 do Centro Espacial Kennedy, en Florida. Levaba a bordo o piloto de probas da USAF David R. Scott, que xa voara na Geminis 8 (1966) e no Apollo 9 (1969). Usou o primeiro automóbil lunar, o Moon Rover, como comandante. Amais, ían o piloto da forza aérea James Benson Irwin (que soltou unha pluma e un martelo para demostrar que, como predixera Galileo, caían á mesma velocidade no baldeiro) como piloto do módulo lunar Falcon e Alfred M. Worden como piloto do módulo de comando Endeavour. Despois de aterrar no Hadley-Apennine (26°5′ N e 3°39′ E), Scott e Irwin pasaron dous días na Lúa e 18 horas fóra do módulo, á beira do mar Imbrium, próximos á fisura de Hadley, de 366 m de profundidade, e á cadea montañosa dos Apenninos, unha das máis altas da Lúa.
Durante a súa exploración da superficie lunar, de 18 horas e 37 minutos de duración, recorreron máis de 28,2 km cun vehículo eléctrico de exploración lunar de catro rodas o Moon Rover. Instalaron instrumentos científicos e recolleron uns 91 kg de rocas, entre elas o que se pensaba que era unha mostra cristalina da cortiza orixinal da Lúa, dunha antigüidade duns 4.600 millóns de anos. A tripulación do Apollo 15 deixou unha cámara de televisión para retransmiti-la engalaxe de Irwin e Scott, e antes de deixa-la órbita lunar soltaron un subsatélite de 35,6 kg, deseñado para transmiti-la información sobre os campos magnéticos, gravitacionais e de alta enerxía do espazo lunar. Durante a seu regreso, Worden realizou un paseo espacial de 16 minutos, cando a nave estaba a 315.400 km de distancia da Terra, unha distancia récord para os paseos espaciais realizados até entón. Os astronautas de Apollo 15 amararon sen problemas o 7 de agosto, a uns 530 km ó norte de Hawai e 10 do punto de contacto, sendo recollidos polo U.S.S. Okinawa. Foi a primeira tripulación de volta da Lúa que non se someteu a corentena. A misión durou 12 días, 17 horas, 11 minutos e 53 segundos (295:11:53).
Apollo 16. Saturn V. AS-511
editar- Artigo principal: Apollo 16.
Foi lanzada ás 12:54 do domingo 16 de abril de 1972. dende a torre 39-A do Centro Espacial Kennedy. Os astronautas Young, (piloto naval, que xa participara en Geminis 3 e 10, no Apollo 10 e que repetiría no transbordador en 1981 e 1983), Duke (piloto da forza aérea, este foi o seu único voo) e Thomas Mattingly para explora-los Altos de Descartes e as planices de Cayley. Mentres Mattingly permanecía en órbita, no módulo de mando Casper os outros dous astronautas pousaron na zona prevista o 20 de abril, co módulo lunar Orión; a de Descartes-Highlands nas coordenadas 8°58′ S e 15°31′ E. Pasaron 20 horas e 14 minutos na Lúa realizando probas, percorrendo 26,6 km no segundo vehículo lunar Moon Rover, recollendo máis de 97 kg de mostras de rocas.
Os tres tripulantes pasaron 11 días, 1 hora, 51 minutos e 5 segundos (265:51:05) no espazo. Amararon ás 14:44 do xoves 27 de abril no océano Pacífico central, a 346 km ó sueste de Christmas Illand e a 5 km do punto de contacto, sendo recollidos polo U.S.S. Ticonderoga.
Apollo 17. Saturn V. AS-512
editar- Artigo principal: Apollo 17.
A última misión do programa lunar engalou ás 12:33 do xoves 7 de decembro de 1972 dende a torre 39 do Centro Espacial Kennedy. 11 minutos e 53 segundos despois da ignición entraba en órbita terrestre. Despois de dar dúas revolucións, as 08:45:37 do tempo universal o Apollo 17 foi inserido en curso transluar. Durante a viaxe, de 13 días de duración participaron o veterano astronauta Cernan (piloto naval, que xa voara na Geminis 9 e no Apollo 10, última persoa en deixar pegada na Lúa, na chaira de Taurus-Littrow, 20°10′ N e 30°46′ E), o xeólogo Harrison H. Schmitt (adestrado coma piloto da forza aérea especialmente para ir á Lúa como piloto do módulo lunar, único científico que estivo alí), e Ronald B. Evans. Os dous primeiros pasaron 75 horas na Lúa (récord de permanencia) e recorreron 35 km no Moon Rover, explorando a zona do val do Taurus- Littrow, un canón situado xunto ó mar da Serenidade, mentres Ronald B. Evans permanecía en órbita no módulo de mando América arredor do satélite con cinco ratos para estudos.
Antes de abandona-la Lúa, Cernan colocou unha placa conmemorando o final do Programa Apollo de exploración á Lua. O 19 de decembro os tres homes regresaron á terra, a súa cápsula caeu ó Pacífico as 14:25, preto da illa de Samoa, a 6,4 km do punto previsto. A tripulación foi recollida polo U.S.S. Ticonderoga, 52 minutos máis tarde despois de rematar a misión que durou 12 días, 13 horas e 52 minutos (301:52:00). Este último lanzamento custou máis de 450 millóns de dólares. Richard Nixon sinalou que así se marcaba o fin dun dos capítulos máis significativos da historia do home.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Proxecto Apollo |