Apollo 13
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde abril de 2015.) |
O Apollo 13 foi a sétima misión tripulada do Proxecto Apollo dos Estados Unidos de América. Non puido cumprir o seu obxectivo, que era realizar unha aluaxe na rexión de Fra Mauro, debido ás enormes complicacións causadas pola explosión dun tanque de osíxeno cando a nave espacial viaxaba cara á Lúa. Esta aventura espacial foi levada ao cine en 1995 coa película Apollo 13.
Apollo 13 | |||||
Insignia da misión | |||||
Datos da misión | |||||
---|---|---|---|---|---|
Misión: | Apollo 13 | ||||
Nome dos módulos: | Módulo de mando: Odyssey Módulo lunar: Aquarius | ||||
Rampla de lanzamento: | Centro Espacial Kennedy, Florida LC 39A | ||||
Engalaxe: | 11 de abril de 1970 19:13:00 UTC | ||||
Aluaxe: | prevista para o día 15 de abril de 1970 | ||||
Amaraxe: | 27 de abril de 197018:07:41 UTC 21°38′24″S 165°21′42″O / -21.64000, -165.36167 | ||||
Duración: | 5 días 22 h 54 min 41 s | ||||
Masa: | MC: 28.945 kg; ML: 15.235 kg | ||||
Foto da tripulación | |||||
E-D: Lovell, Swigert e Haise | |||||
Outras misións | |||||
|
Tripulación
editarAo principio, seguindo o programa estándar de rotación de tripulacións, a tripulación principal da misión era a tripulación suplente do Apollo 10:
- Gordon Cooper (comandante).
- Donn F. Eisele (piloto do módulo de mando).
- Edgar D. Mitchell (piloto do módulo lunar).
Porén, Deke Slayton non quería rotar a Cooper e a Eisele a outra misión, porque os dous tiñan varios problemas coa NASA. Así, Slayton propuxo ós seus superiores outra tripulación principal:
- Alan B. Shepard, Jr. (comandante).
- Stuart A. Roosa (piloto do módulo de mando).
- Edgar D. Mitchell (piloto do módulo lunar).
Por vez primeira, a recomendación de Slayton foi rexeitada, e no seu lugar púxose á tripulación suplente do Apollo 11. Con esta decisión, as tripulacións quedaron:
Tripulación principal:
Posición | Astronauta |
---|---|
Comandante | James A. Lovell, Jr. |
Piloto do módulo de mando | T. Kenneth Mattingly II |
Piloto do módulo lunar | Fred W. Haise, Jr. |
Tripulación suplente:
Posición | Astronauta |
---|---|
Comandante | John W. Young |
Piloto do módulo de mando | John L. "Jack" Swigert |
Piloto do módulo lunar | Charles M. Duke, Jr. |
Uns días antes do lanzamento, Ken Mattingly foi apartado da misión porque había risco de que contraera sarampelo, sendo substituído por Jack Swigert. Mattingly nunca chegaría a contraer a enfermidade.
Insignia da misión
editarA insignia representa a Apolo, deus do Sol na mitoloxía grega, como o Sol. É levado por tres cabalos pola superficie da Lúa. Preténdese simbolizar con isto como os voos do Proxecto Apollo estenden a luz do coñecemento a toda a humanidade.
O lema da misión foi a frase latina "Ex luna, scientia", que significa "Da lúa, coñecemento".
Incidente no lanzamento
editarDurante a engalaxe, o motor central da segunda etapa apagouse dous minutos antes do previsto, polo que os outros catro motores permaneceron encendidos máis tempo para compensalo.
Incidente durante a viaxe
editarDurante a viaxe da Terra á Lúa, a 361.869 km da Terra, o control de misión pediu ós astronautas que acenderan os ventiladores dos tanques de hidróxeno e osíxeno. Case inmediatamente despois, escoitouse unha grande explosión, e pensouse que un asteroide chocara coa nave.
Foi neste momento cando a tripulación pronunciou a hoxe famosa frase: Houston, we've had a problem("Houston, tivemos un problema").
O que ocorreu realmente foi que o tanque de osíxeno número 2 (situado no módulo de servizo) estoupara debido a un curtocircuíto. O osíxeno expandiuse a gran velocidade polo compartimento das células de combustible. A tripulación viuse obrigada a pechar as válvulas de regulación das células 1 e 3 para tratar de deter o escape. A célula de combustible 2 acabou desactivándose, deixando ao módulo de mando e servizo coa pouca enerxía das baterías. Os astronautas tiveron que apagar completamente o módulo de mando e servizo (CSM), empregando o módulo lunar (LM) como "bote salvavidas".
Nesta situación, a aluaxe quedou descartada e a misión abortouse. A prioridade era devolver os astronautas á Terra a salvo.
O regreso
editarPara levar a cabo o plan de aborto analizáronse dúas opcións:
- Aborto directo (implicaba dar a volta directamente e retornar á Terra): era o plan máis rápido, pero para realizar tal cambio de traxectoria era necesario o motor SPS do módulo de servizo, que podía estar danado pola explosión. Supoñía, polo tanto, un gran risco.
- Traxectoria de retorno libre (a nave circunvalaría a Lúa e, dende a apoapse, impulsaríase cara á Terra coa axuda do motor do LM): era o plan máis seguro, pero requiría moito máis tempo ao ter que percorrer unha traxectoria máis longa.
Finalmente, elixiuse a segunda opción porque daba unha maior seguridade.
As subministracións do módulo lunar estaban pensadas para manter a dúas persoas durante dous días, e non a tres durante catro días. Para manter os sistemas de soporte vital e de comunicacións, os niveis de enerxía do módulo lunar foron reducidos ao mínimo posíbel.
O hidróxido de litio que eliminaba o dióxido de carbono do ambiente converteuse noutro problema. O módulo tiña un número limitado de recipientes de LiOH, o CSM tiña unha cantidade axeitada, pero estes recipientes eran incompatíbeis cos do módulo lunar. Os enxeñeiros de terra tiveron que improvisar unha forma de unir os contedores cadrados do CSM cos cilíndricos do módulo lunar empregando só os obxectos que os astronautas tiñan dentro da nave.
O motor de descenso do módulo lunar foi usado unha vez máis para realizar unha corrección de rumbo. Como os niveis de enerxía eran mínimos, os astronautas tiveron que realizar a ignición sen o computador de guiado, voando manualmente e utilizando a propia Terra como punto fixo.
Xa preto da Terra, desacoplouse o módulo de servizo, momento que se aproveitou para fotografar a zona da explosión, descubrindo que o panel do sector 4 desaparecera. Máis tarde, separouse tamén o módulo lunar, e os astronautas preparáronse para a reentrada na atmosfera dentro do módulo de mando.
O temor de que o escudo térmico (que protexía á nave das altas temperaturas da reentrada) estivese danado disipouse cando o Odissey restableceu o contacto por radio e amarou no Pacífico Sur, sendo recuperado polo USS Iwo Jima.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Apollo 13 |