Miguel Nicolás Esperante
Miguel Nicolás Esperante, coñecido como Corcheiro, nado en Taragoña (Rianxo) o 29 de marzo de 1915 e finado en Siador (Silleda) o 9 de abril de 1948, foi un guerrilleiro antifranquista galego.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 29 de marzo de 1915 Taragoña, España |
Morte | 9 de abril de 1948 (33 anos) Siador, España |
Causa da morte | morte en combate, ferida por arma de fogo |
Outros nomes | Corcheiro |
Actividade | |
Ocupación | maquis |
Carreira militar | |
Conflito | guerra civil española |
Traxectoria
editarFillo de Alfonso Nicolás, da Bandeira, e Dolores Esperante de Taragoña. Viñeron á Bandeira para facerse cargo da fábrica de cortiza que rexentaban os seus antepasados na parroquia de Chapa. Miguel traballou na fábrica e ingresou no Partido Comunista en 1935. Co golpe de Estado do 18 de xullo de 1936, foi detido o 21 de xullo, xunto con algúns integrantes da Fronte Popular na Bandeira. Levárono á prisión de Silleda onde permaneceu cinco meses. Logo trasladárono ao campo de concentración da Illa de San Simón xunto cos demais compañeiros de Silleda. Máis tarde foi destinado ao Batallón de Tabajadores de León, axiña ao de Ourense e finalmente ao de Miranda de Ebro.
Liberado a principios dos anos corenta, regresou á Bandeira, onde os fascistas e a Garda civil lle fixeron a vida imposible deténdoo constantemente e propinándolle malleiras. Decidiu fuxir, farto destes abusos e torturas. O seu paso á clandestinidade coincidiu coa liberación de Eugenio Rueda Perosanz no Destacamento de Minas de Silleda en Fontao (Vila de Cruces), quen o acompañou por negarse á obrigatoria incorporación ao exército en Oviedo. Así creouse o xerme da agrupación guerrilleira "Os Corcheiros" que pasou a actuar baixo a disciplina dos grupos volantes da IV Agrupación do Exército Guerrilleiro de Galicia. En 1946 era membro do destacamento Paco Barreiro activo na zona de Vigo. Logo da morte de Manuel Simón Campos e Avelino Otero Montes, en maio de 1947, volveu á comarca de Deza. Foi reclamado mediante requisitoria polo Xulgado Militar de Vigo en agosto de 1947 como encartado na causa 271/47, xunto con Víctor García García, Manuel Álvarez Díaz, Claudio Rodríguez Vázquez, Basilio Calvar Solla, Estanislao Cantero Izquierdo e Eugenio Rueda Perosanz.[1]
No remate de 1947 creouse a V Agrupación de Guerrilleiros fundada por Antonio Seoane, xefe militar do Exército Guerrilleiro, integrando a Benigno Andrade "Foucellas" como xefe da agrupación guerrilleira que actuaba no norte da provincia de Pontevedra. Miguel e Eugenio Rueda integráronse nesta V Agrupación. Nos primeiros meses de 1948 Foucellas decidiu dividir o grupo e constituír dúas partidas: unha comandada por Vicente López Novo e a outra por Miguel Nicolás da que formaban parte Florentino Menéndez Palacio e José Remuiñán Barreiro. As ordes de Seoane eran dar golpes cada vez máis soados coa intención de chamar a atención e desviar a presión sobre a guerrilla cara a outros puntos de Galicia. Seguindo estas ordes, Os Corcheiros tiñan intención de executar os falanxistas Benito Rivas Fondevila e Pena de Fonteboa de Silleda. O 9 de abril de 1948, no asalto á casa de Rivas en Siador, Miguel resultou ferido polos disparos de escopeta de Benito Rivas. A autopsia do cadáver presentaba máis de cinco feridas de arma curta, máis feridas das que podía facer Rivas, pois, segundo a fonte oral, foi rematado polos propios compañeiros.
Notas
editar- ↑ El Pueblo Gallego, 9-8-1947, p. 2.