Víctor García García

político e guerrilleiro antifranquista

Víctor García García, coñecido como Brasileiro, nado en Bárzana (Quirós) o 20 de setembro de 1908 e finado en Quinteiro (Moalde, Silleda) en abril de 1948 foi un guerrilleiro antifranquista español, membro do comité central do Partido Comunista de Asturias e da Internacional Comunista.

Víctor García García
Nacemento20 de setembro de 1908
Lugar de nacementoBárzana
Falecementoabril de 1948
Lugar de falecementoQuinteiro
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónpolítico e membro da resistencia
editar datos en Wikidata ]

Traxectoria editar

Emigrou de neno cos seus pais e os seus dous irmáns ao Brasil. Durante a súa estadía no país que lle deu o alias do Brasileiro estudou contabilidade e afiliouse ao Partido Comunista. En 1934 regresou a España e participou na Revolución de outubro. A súa loita levouno preso ao cárcere Modelo (Madrid) e ao penal de Dueso (Santoña). Na guerra civil, loitou na Fronte Norte como comisario de brigada nun batallón das Brigadas Internacionais. Foi membro do Comité Central do Partido Comunista de Asturias e da Internacional Socialista.

Finalizada a guerra, seguiu na loita polos ideais perdidos e incorporouse á clandestinidade. Estableceuse no norte de Portugal e Galicia reorganizando o PC, que fora desarborado polo réxime.[1] En 1942 foi encargado de reorganizar o PC creando o Comité Rexional do Partido Comunista nas minas de Brea, na parroquia de Fontao, en Vila de Cruces. Foi o inicio da reorganización guerrilleira con sabotaxes para conseguir financiamento para o PC. En xuño de 1944 Víctor García trasladou o Comité Rexional do Partido Comunista de Fontao a Vigo. Foi entón cando a súa muller e o seu fillo abandonaron Sama de Langreo, en Asturias, e asentáronse nunha pequena casa protexida por un bosque no barrio do Calvario. Foi detido en 1945, pero nun descoido policial puido fuxir e incorporouse á guerrilla. Foi procesado con Estanislao Cantero Izquierdo, Teófilo Fernández Canal e Francisco Rey Drox na causa 75/1946 da Coruña.[2]

Pero a dirección do PC destituíuno e ordenoulle unirse aos guerrilleiros. A negativa do Brasileiro provocou a súa expulsión do PC. A represión interna do seu propio partido, segundo Hartmut Heine, levouno a esconderse na Bandeira. Foi condenado pola propia organización comunista, acusado de "infiltrado" e de "estar en contacto cos servizos aliados na rede de evacuación de pilotos derrubados na fronte europea" que, desde Francia, cruzaban por Galicia cara Portugal. Aínda que os guerrilleiros da comarca tiñan orde do novo secretario do Comité Rexional de PC en Galicia, José Gómez Gayoso, de acabar coa vida do Brasileiro, esperaron á decisión do Comité Central. E esta non tardou en chegar, en abril de 1948, Víctor García apareceu morto dun tiro na cabeza. Todo indica que o encargado da súa execución foi Eugenio Rueda Perosanz.

Vida persoal editar

Casou con María de los Angeles Fernández e foi pai de Víctor García Fernández.

Notas editar

  1. Segundo un informe do Servizo de Información da Garda Civil de setembro de 1943, foi identificado como José Rodríguez Páramo.
  2. La Voz de Galicia, 10-4-1946, p. 2.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Santidrián Arias, Víctor Manuel (2003). Historia do PCE en Galicia (1920-1968). Sada: Do Castro. ISBN 978-84-8485-079-3. 

Ligazóns externas editar