José Gómez Gayoso

político español

José Gómez Gayoso, coñecido como López,[1] nado en Maceda o 28 de abril de 1909 e finado na Coruña o 6 de novembro de 1948, foi un político e guerrilleiro antifranquista galego.[2]

José Gómez Gayoso
José Gómez Gayoso, guerrilleiro antifranquista.png
AlcumeLópez
Nacemento28 de abril de 1909
Lugar de nacementoMaceda
Falecemento6 de novembro de 1948
Causagarrote
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónpolítico e membro da resistencia
editar datos en Wikidata ]

TraxectoriaEditar

 
Monumento a José Gómez Gayoso e outros loitadores contra o fascismo no cemiterio de Santo Amaro da Coruña.

Mestre e afiliado ao PCE, en 1935 converteuse en secretario de organización do partido. O golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 sorprendeuno en Madrid, onde asistía a uns cursiños de marxismo. Durante a guerra foi secretario de Francisco Antón, comisario político do Exército do Centro, e traballou con Luis Delage, comisario do Exército do Ebro. Colaborou co Enrique Líster e Santiago Álvarez nas emisións radiofónicas que o Partido Galeguista realizaba desde a capital. Tamén colaborou na organización das Milicias Galegas e dirixiu o periódico Nueva Galicia. Viaxou á Unión Soviética para recibir instrución militar, coincidindo con Castelao na celebración do Primeiro de Maio.

Exiliado en Francia, marchou á República Dominicana e finalmente a Cuba en 1940. Volveu clandestinamente a Madrid a principios de 1944 para traballar na delegación do Comité Central do PCE e a finais de 1945 apareceu en Galicia como Secretario Xeral do PCE en Galicia. Encargouse de impulsar a organización da guerrilla e afianzar e fortalecer o partido.

En 1948 Antonio Seoane foi delatado por un infiltrado na guerrilla, e o 10 de xullo agardábao o Xefe do Servizo de Información da Garda Civil no bar “Barlovento” da cidade da Coruña, onde foi detido por axentes da benemérita, xunto coa súa compañeira Josefina González Cudeiro. O traidor que delatou a Seoane tamén lle facilitou información á policía sobre unha reunión que ía ter lugar a mañá seguinte entre Seoane e Gayoso no domicilio do primeiro, situado no número 23 da rúa Real no centro da Coruña. Cando Gayoso chegou ao domicilio de Seoane foi recibido por axentes que o feriron gravemente cun disparo que lle entrou pola sen e lle saíu por un ollo, conseguiu fuxir pero logo dunha persecución foi detido completamente ensanguentado.

Torturado durante dous meses, foi xulgado en consello de guerra o 18 de outubro con Antonio Seoane Sánchez, José Bartrina Villanueva, Juan José Romero Ramos, Carmen Orozco Muñoz e outros,[3] e condenado a pena de morte. Foi executado no garrote vil na Coruña con Antonio Seoane o 6 de novembro de 1948.[4] Houbo unha intensa campaña de solidariedade internacional lanzada desde Cuba para salvarlle a vida pero foi inútil.

NotasEditar

  1. "Pseudónimos galegos en ogalego.eu: l". www.ogalego.eu. Consultado o 2023-01-10. 
  2. Portomeñe Pérez, Carlos A. (2022). Vivir e morrer pola causa. Galaxia. ISBN 978-84-9151-961-4. 
  3. La Voz de Galicia, 19-10-1948, p. 2.
  4. "Sentencia cumplida", La Voz de Galicia, 7-11-1948, p. 2.

Véxase taménEditar

BibliografíaEditar

Ligazóns externasEditar