Antonio Seoane
Antonio Seoane Sánchez, coñecido como Julián ou Jorge, nado en Boiro o 13 de outubro de 1906 e finado na Coruña o 6 de novembro de 1948, foi un guerrilleiro antifranquista galego.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 13 de outubro de 1906 Boiro, España |
Morte | 6 de novembro de 1948 (42 anos) Campo da Rata, España |
Causa da morte | pena de morte, garrote |
Lugar de sepultura | cemiterio de Santo Amaro da Coruña |
Datos persoais | |
Outros nomes | Julián Jorge |
País de nacionalidade | España |
Actividade | |
Ocupación | guerrilleiro |
Partido político | Partido Comunista de España |
Membro de | |
Lingua | Lingua galega |
Traxectoria
editarEmigrou a Arxentina cando tiña cinco anos, instalándose no barrio de San Telmo, onde vivían miles de emigrantes galegos. Cando medrou comezou a traballar no xornal La Prensa. Foi bailarín de tango e directivo da Federación de Sociedades Gallegas de la República Argentina, o que o levou a relacionarse con moitos galegos do bando republicano, fuxidos da Guerra Civil. En 1939 afiliouse ao Partido Comunista de España co propósito de loitar contra a ditadura franquista.
Volveu clandestinamente a España en 1943 e logo de fallarlle os contactos establecidos en Pamplona e Barcelona onde realizou tarefas de axitación e propaganda, pediu instrución a Buenos Aires e ordenáronlle dirixirse a Madrid. En 1946 chegou a Galicia como responsábel do Exército Guerrilleiro de Galicia xunto a José Gómez Gayoso.
En 1948, Julián, como era coñecido dentro do Exército Guerrilleiro e no Partido Comunista, foi delatado por un infiltrado na guerrilla, e o 10 de xullo agardábao o Xefe do Servizo de Información da Garda Civil no bar “Barlovento” da cidade da Coruña, onde foi detido por axentes da benemérita, xunto coa súa compañeira Josefina González Cudeiro. O traidor que delatou a Seoane tamén lle facilitou información á policía sobre unha reunión que ía ter lugar a mañá seguinte entre Seoane e Gayoso no domicilio do primeiro, situado no número 23 da rúa Real no centro da Coruña. Cando Gayoso chegou ao domicilio de Seoane foi recibido por axentes que o feriron gravemente cun disparo que lle entrou pola sen e lle saíu por un ollo, conseguiu fuxir pero ao pouco foi detido completamente ensanguentado.
Xulgado en consello de guerra sumarísimo o 18 de outubro con José Gómez Gayoso, José Bartrina Villanueva, Juan José Romero Ramos, Carmen Orozco Muñoz e outros,[1] foi condenado a morte. Seoane, como Xefe do Exército Guerrilleiro de Galicia e Gayoso, como Secretario Xeral do PCE en Galicia, sendo os máximos responsables, sabían que tiñan poucas opcións de salvar a vida, pero apelaron ás familias para que mobilizasen a opinión internacional e exerceran presión sobre a ditadura franquista e conseguir que lles rebaixen as condenas aos outros condenados. A campaña non deu os froitos agardados e o día 6 de novembro de 1948, ás 7 horas e 45 minutos, Seoane e Gaioso foron executados no garrote vil,[2] sendo soterrados no Cemiterio Civil da Coruña, nas tumbas número 98 e 99.
Notas
editarVéxase tamén
editarBibliografía
editar- Alonso Montero, Xesús (2004). As últimas horas de José Gómez Gayoso e Antonio Seoane, loitadores antifranquistas. Sada: Do Castro. ISBN 84-8485-134-6.
- Alonso Montero, Xesús (2009). Cartas de republicanos galegos condenados a morte (1936-1948). Vigo: Xerais. ISBN 978-84-9914-000-1.
- Redondo Abal, Francisco Xavier (2006). Botarse ao monte. Censo de guerrilleiros antifranquistas na Galiza (1939-1965). Sada: Do Castro. ISBN 84-8485-231-8.
- Santidrián Arias, Víctor Manuel (2003). Historia do PCE en Galicia (1920-1968). Sada: Do Castro. ISBN 978-84-8485-079-3.