Materiais de escrita
Ao longo da historia empregáronse distintos materiais de escrita.
Madeira
editarA madeira foi sempre un material popular para escribir. Na maior parte do mundo é tan doado de obter como a pedra pero presenta menores problemas técnicos. Coñécense desde o Antigo Exipto, Mesopotamia, China, India e as civilizacións clásicas do Mediterráneo, taboíñas de madeira de varias formas e tamaños, que podían estar recubertas con xeso, barro, cera, lacadas, vernizadas, puídas etc, aínda que na maior parte dos casos non recibían tratamento ningún. A palabra latina codex referíase orixinariamente a taboíñas de madeira recubertas con cera negra e unidas por un lateral. Cando o pergamiño substituíu a madeira, retívose o termo codex, que finalmente resultou intercambiábel con liber' ("libro").
Bambú
editarO bambú usouse moito na China antiga. Dise mesmo que a forma da cana de bambú influenciou na dirección vertical da escrita chinesa. O bambú usábase, ora como bandas pequenas, canas individuais, completas ou partidas nunha ou máis pezas, ora, se o texto era especialmente longo, inscribíase en varias cans de bambú que se ataban cun fío de seda. O carácter chinés para "arquivo oficial" ou "rexistro"(ce) representa bandas estreitas de bambú enlazadas. Os libros de bambú que contiñan textos longos resultaban pesados e incómodos e disque cando un erudito viaxaba precisaba dun carro de bois para cargar cos seus textos. O bambú aínda se usa no suroeste asiático, sobre todo en Sumatra entre os redjangs e os bataks.
Casca
editarIgual que o bambú, a casca ou codia precisa dun tratamento mínimo para convertela en material de escrita duradeiro. Na India usábanse dúas variedades: o bidueiro (Betula utilis) no noroeste e o áloe (Aquilaria agallocha) no nordeste. As follas de casca de bidueiro máis antigas que existen están puídas e impregnadas de aceite e conteñen fragmentos de obras budistas de hai 2.000 anos, aínda que se pensa que xa se utilizaban trescentos anos antes. A forma imita as follas de palma, aínda que a existencia de manuscritos longos e estreitos fixo especular sobre a posibilidade de influencia dos rolos de papiro gregos a raíz das campañas de Alexandre Magno. Até hai pouco aínda empregaban casca os curandeiros batak, que a utilizaban para os seus cadernos, dobrándoa en forma de acordeón. Os maias e os aztecas tamén utilizaban casca para os seus "códices".
Follas de palma
editarAté recentemente, as follas de palma constituían aínda o material de escritura máis común na India e nos países do sueste asiático que tiveron influencia india. Hai tres especies de palmeira que fornecen material apropiado para escribir: a palma talipat (Corypha umbraculifera), a palmeira palmira (Borassus flabellifer) e a palmeira lontar (Corypha utan). Ao contrario da madeira e o bambú, as follas de palmeira requiren dun certo proceso de preparación que permita a súa utilización. Hai que separar cada folla do nervio central, cortala ao tamaño, cocela e secala (normalmente, varias veces) e por último raspala cunha concha de caurí ou cunha pedra. Pódese asegurar un monte de follas entre dúas taboíñas de madeira polas que se pasa unha corda que finalmente as ata. Ademais de madeira, en Sri Lanka e noutros países tamén se decoran con ouro, prata, marfil e lacado.
A propia forma e textura da folla de palma parece que influenciaron tamén as características das escritas da rexión. Parece ser que todas se orixinaron dunha forma de escrita chamada brahmi que apareceu na India no século III a.C. As escritas do norte caracterízanse por un trazo horizontal longo do que parece como que suspendesen todas as letras da palabra ou oración. Nesta zona utilizábase tinta e isto non supuña un problema, mais no sur as letras trazábanse cun punzón metálico. Dado que, se se trazaban uns riscos horizontais en paralelo á fibra da folla de palma, a folla remataría por partirse, as letras comezaron a tomar unha forma máis arredondada.
Óso
editarOs ósos téñense usado en moitas partes do mundo. Unha das formas de escrita máis antigas da China son os jia gu wen, ou "documentos en cuncha de tartaruga e ósos de animais", que datan do período Shang e que se empregaban con fins divinatorios. Tamén os árabes usaron ósos até a Idade Media para redactar documentos, textos máxicos e mesmo versos do Corán. Nalgunhas tradicións, o testamento do Profeta foi recollido nuns ósos.
Marfil
editarO marfil dos dentes dos elefantes constitúe un material caro e escaso e foi usado en Exipto e no Oriente Medio en tempos bíblicos, pero especialmente no suroeste asiático. En certos momentos, empregáronse láminas anchas e delgadas de marfil para recoller partes longas do Canon budista usando letras lacadas. Preparar esas láminas requiría bastante destreza técnica e as letras podían acabar desprazándose cos cambios ambientais.
Coiro
editarHai tamén moito tempo que se usa o coiro, que ten que ser tratado mediante curado (afumadura) e procesamento con aceite. O curtido detén a descomposición do coiro e faino impermeábel. Normalmente, só se pode escribir nun dos lados, e de aí o formato en rolos característico dos manuscritos en coiro. O coiro usouse no Antigo Exipto e no Oriente Medio e aínda xoga un papel relevante nos rituais xudeus: no Talmud mándase que, nas sinagogas, os rolos coa Torah deben estar feitos de coiro. O coiro non se usou nunca na India, dado que tanto budistas como hindús non soportarian a idea de escribir textos sagrados na pel de animais mortos.
Pergamiño
editarPlinio o Vello di que o pergamiño inventouno Eumenes II de Pérgamo, en Asia Menor (-197 - -158), un bibliófilo, cando o rei Tolomeo de Exipto, tamén un bibliófilo que se resentía da fama daquel, mandou reter un cargamento de papiro. O proceso de manufactura do pergamiño é complexo: hai que tratar a pel con cal, retirar todos os pelos e a carne, estirala, raspar polos dous lados unha e outra vez, esfregar con pedra pómez e secar. Distínguense perfectamente o recto e o envés: a parte interior (a da carne) é máis dura, máis amarela e máis capaz de reter tinta; o grao da parte exterior (a do pelo) é máis suave e dáse mellor para escribir pero tende a saltar determinados tipos de tinta. Existen fragmentos de pergamiño desde o século II a.C., aínda que non foi até o século IV que se usou o pergamiño para os mellores libros.
Cobre
editarNo Val do Indo utilizáronse lamelas de cobre para gravar texto nelas arredor do ano -2800 a.C. (non se sabe o que din). En época histórica, os reis indios e outras autoridades e persoas de boa posición adoitaban doar terras aos templos ou a individuos de mérito e facían gravar a doazón en placas oblongas de cobre que se traballaban con martelo e braseiro. Tiñan a forma de follas de palma e xuntábanse cun anel que portaba o selo do doador.
Metais preciosos
editarO uso dos metais preciosos, en particular do ouro e da prata para escribir foi común xa nas civilizacións máis antigas. Utilizalos envolvía a posta en valor dun texto relixioso, do mérito que se adquiría por encargar un traballo tal. Disque o Canon budista se gravara en placas de ouro en Sri Lanka no ano 88.
Táboas enceradas
editarGregos e romanos utilizaron moito as táboas enceradas, que apareceran no Próximo Oriente no século VIII a.C., en lugares tales como Nimrud. Cada taboíña consistía nunha táboa rectangular delgada cunha superficie lixeiramente rebaixada que se enchía de cera negra. Escribíase cun punzón de metal, ou stylus, cun extremo puntiagudo e outro romo (co que se borraba). Xuntábanse varias destas taboíñas para formar un codex.
Tea
editarTéñense empregado teas de distintos materiais para escribir. Os exipcios escribían pasaxes do ‘’Libro dos Mortos’’ nas vendas de liño coas que cubrían as momias. Tamén se utilizaba liño (mesmo camisas de liño) para redactar contratos de matrimonio en época islámica. Na India empregábanse até hai pouco anacos de algodón tratados cunha pasta feita de fariña de arroz e trigo. Tamén se podía converter unha tea nun material semellante a un papel negro cru cunha pasta feita de sementes de tamarindo e carbón. En Burma ás veces cortábanse teas de algodón na forma de follas de palma e aplicábaselles laca negra; este proceso é longo e laborioso, xa que a laca seca moi lentamente e hai que aplicar camadas sucesivas só unha vez que secaron as anteriores; durante este proceso íase colocando nácar e o resultado final eran táboas negras ríxidas que non semellan para nada o algodón. Tamén fala Livio (-59 - 17) de libri lintei, ou libros de liño, que se usaron en Roma no seu tempo.
Seda
editarMenciónase a seda como material de escritura frecuente no século IV, aínda que xa en tempos dos han do Leste (25 - 220 d.C.) se utilizaba para cartas, composicións literarias e documentos oficiais. Era moi cara e en consecuencia desenvolveuse un proceso mediante o que se reducían a unha polpa os farrapos de seda e a mestura resultante se estendía sobre unha moldura na que se producía unha especie de "papel de seda".
Óstraca
editarChámanselle óstraca a anacos de cerámica usados na antiga Mesopotamia, Exipto, Grecia e Roma como material barato usado para notas, exercicios escolares etc. (a palabra ostracismo orixinouse en Grecia cando se votaba a expulsión da comunidade de alguén que se volvera demasiado poderoso: os nomes dos sospeitosos escribíanse anonimamente en ‘’óstracon’’ e o acusado tíñase que exiliar durante dez anos).
Papiro
editarO papiro converteuse nun dos materiais de escritura máis importantes de todos os tempos. Durante case 4.000 anos dominou a vida cultural de Exipto (onde constituíu un monopolio estatal moi produtivo) e do mundo mediterráneo. Ningún dos outros materiais que tamén se usaron resultou tan útil e agradábel e ningún se podía producir en cantidades parellas. Cortábanse pezas do talo interior da planta e colocábanse ao través unhas enriba das outras, batíanse e secábanse logo ao sol; as láminas resultantes variaban en tamaño, textura, cor e, sobre todo, en calidade. Estas follas enrolábanse de maneira que a cara escrita ficase no interior. A comezos da era cristiá o papiro fíxose máis escaso e caro e comezou a aparecer o codex, que facía uso das dúas caras. Existen restos de papiros de mediados do III milenio. Hoxe en día a planta desapareceu do Val do Nilo e só se atopa nos xardíns botánicos. Ironicamente, a palabra papel provén da denominación grega do papiro, papyros.
Papel
editarDi a tradición que o papel inventouno Cai Lun, un ministro da corte do emperador Han Wu Di no ano 105. Na altura usábase bambú (que resultaba incómodo) e seda (que era cada vez máis cara). Os ingredientes básicos do papel eran farrapos de liño macerados pero o proceso era laborioso e converteuse nun segredo. En 751, o gobernador musulmán de Samarcanda rexeitou un ataque á súa cidade e tomou 20.000 prisioneiros chineses, algúns dos cales coñecían a técnica de fabricación do papel. Desde Samarcanda, o coñecemento estendeuse por todo o Oriente Medio. Bagdad, Damasco, Tiberius, Hamah, Trípoli e posteriormente O Cairo convertéronse en centros de manufactura importantes. No século XII os árabes introduciron a técnica en Península Ibérica e Sicilia e esta ficou unha vez foron expulsados en 1492, aínda que a calidade do papel en Europa declinou. O proceso permaneceu idéntico até o século XIX, en que, debido de novo a razóns económicas (o aumento da educación causou un aumento na procura), a madeira substituíu o liño.