Margaret Brown

sobrevivente do afundimento do Titanic

Margaret Tobin Brown tamén coñecida como Molly Brown, nada en Hannibal (Missouri) o 18 de xullo de 1867 e finada en Nova York o 26 de outubro de 1932, foi unha activista e filántropa estadounidense de orixes moi humildes.

Modelo:BiografíaMargaret Brown

Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento18 de xullo de 1867
Hannibal, Missouri,
Estados Unidos de América Estados Unidos
Morte26 de outubro de 1932 (65 anos)
Nova York,
Estados Unidos de América Estados Unidos
Causa da mortecancro de cerebro Editar o valor en Wikidata
Lugar de sepulturaCemetery of the Holy Rood (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
ResidenciaDenver Editar o valor en Wikidata
País de nacionalidadeEstadounidense
RelixiónCatolicismo Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónfilántropa, socialité, actriz, sufraxista Editar o valor en Wikidata
Familia
CónxuxeJames Joseph Brown Editar o valor en Wikidata
PaisJohn Tobin Editar o valor en Wikidata  e Johanna Collins Editar o valor en Wikidata
Cronoloxía
14 de abril de 1912-15 de abril de 1912afundimento do RMS Titanic
10 de abril de 1912-15 de abril de 1912viaxe de inauguración do RMS Titanic Editar o valor en Wikidata
Premios

IMDB: nm1016006 WikiTree: Tobin-489 Find a Grave: 1707 Editar o valor en Wikidata

Cando cumpriu 18 anos foi buscar fortuna a Colorado, onde coñeceu o que sería o seu marido, James Brown.[1] Millonaria tras o descubrimento de ouro nunha mina da Ibex Company, a parella entrou na alta sociedade e Margaret, comprometida e militante, dedicouse ás persoas máis desfavorecidas, especialmente na defensa dos dereitos das mulleres, a infancia e os mineiros de Colorado.[2] Aproveitou tamén para viaxar polo mundo e, sobre todo, a Francia, país do que namorou. Isto fixo que se mudase precipitadamente a Picardía cando se produciu o estalido da primeira guerra mundial. Xunto con outras estadounidenses, curou soldados, acción que lle valeu a Lexión de Honra.[3] Tamén se dedicou á súa paixón, o teatro, e interpretou sobre os escenarios neoiorquinos e parisienses os papeis do seu ídolo, Sarah Bernhardt.[4]

Con todo, é máis coñecida por ser unha das sobreviventes do afundimento do RMS Titanic, unha traxedia que lle conferiu renome internacional. Salvada a bordo do bote nº 6, no que lamentou o comportamento do cabo Robert Hichens, participou posteriormente na creación do Comité de Sobreviventes.[5] Cen anos despois do afundimento, Brown é coñecida como a «insubmerxible Molly Brown», aínda que nunca recibiu tal apelativo en vida. Trátase, pois, dunha invención da industria do cinema de Hollywood, que utilizou a súa historia para crear un mito, ás veces moi afastado da realidade, sobre todo nunha comedia musical na que o seu papel era interpretado por Debbie Reynolds.[6]

Traxectoria

editar

Mocidade

editar

Naceu en Hannibal (Missouri), no seo dunha familia de inmigrantes irlandeses. Filla de John Tobin (1820-1899) e Johanna Collins (1825-1905)[1] -matrimonio de segundas nupcias, pois ambos os dous quedaran viúvos moi novos-, os seus tres irmáns foron Daniel (1863), William (1869) e Helen Tobin (1871) e as súas medio irmás foron Catalaina Bridget Tobin -froito do primeiro matrimonio do seu pai- e Mary Ann Collins -froito do primeiro matrimonio da súa nai-. Á súa chegada a América, formaron parte dunha comunidade de católicos irlandeses con ideas progresistas, unha mentalidade que transmitiron ós seus fillos e á cal Margaret dedicou toda a súa vida.[1]

Margaret foi a unha escola dirixida pola súa tía, Marie O'Leary, até os trece anos,[2] e despois foi traballar a unha fábrica de tabaco da sociedade Tobacco Company Garth. Alí descubriu as longas xornadas de traballo, os baixos salarios e as loitas da clase obreira. En 1885, con dezaoito anos, trasladouse á cidade mineira de Leadville (Colorado) xunto á súa medio irmá Mary Ann (que acababa de casar cun ferreiro) e ó seu irmán Daniel. Mentres que o seu irmán traballaba na mina, ela atopou traballo na tenda Daniels & Fisher Co, na que se encargaba das cortinas e das alfombras.[2]

Inicios na pobreza

editar

Na tenda, en 1886, coñeceu a James Joseph Brown.[1] Coñecido como J.J., era fillo de inmigrantes irlandeses tan pobres como os Tobin, que traballaba na mina como emprendedor. James estaba moi lonxe do prototipo de home rico co que planeara casar. Declarou que:

Quería un home rico, pero amei a Jim Brown. Quería comodidade para o meu pai e propúxome permanecer solteira até atopar un home que nos puidese proporcionar todo iso que necesitabamos [...] Jim era tan pobre como nós e non tiñamos ningunha posibilidade na vida de ir a mellor. Fun forte e loitei neses tempos. Amei a Jim, pero el era pobre. Finalmente convencinme que estaría mellor cun home pobre que me gustase, e non cun rico que só me atraese polo seu diñeiro. Así pois, casei con Jim Brown.[7]

Margaret Tobin e J.J. Brown casaron na igrexa da Anunciación de Leadville o 1 de setembro de 1886.[1] O matrimonio tivo dous fillos: Lawrence Palmer Brown, nado o 30 de agosto de 1887 en Hannibal, e Catherine Ellen Brown, nada o 1 de xullo de 1889 en Leadville.[2] Nun primeiro momento, os recentemente casados viviron en Stumptown, unha cidade mineira fundada en 1876 que albergaba unha pequena comunidade irlandesa. Os mineiros e as súas familias vivían alí pola proximidade das minas, en condicións bastante precarias, sobre todo durante as nevadas invernais, abundantes en Colorado, que facían impracticable a ruta que unía Stumptown con Leadville.[1]

En 1891, James Brown empezou a traballar para a Ibex Company, unha compañía recentemente fundada. Converteuse no superintendente dos diferentes pozos de minas, entre os que se atopaba o pozo 1, chamado «Little Johnny», de onde se extraía a prata.[8]

Unha fortuna inesperada

editar
 
A casa de Denver, comprada polos Brown en 1894. Actualmente é un museo dedicado a Margaret Brown.

Para evitar os numerosos derrubamentos das galerías subterráneas, James Brown puxo en marcha un programa consistente en forrar as galerías de madeiras e fardos para soster as bóvedas. O método era moi eficaz e os mineiros puideron cavar máis en profundidade e con maior seguridade e descubriron xacementos de ouro. Os directivos da Ibex Company enriquecéronse rapidamente e cederon o 12,5 % do capital social a James Brown, así como un asento no consello de administración, para recompensalo.[2]

A mina coñeceu un período próspero até o pánico de 1893 cando a abrogación da Sherman Silver Purchase Act fixo caer o prezo da prata. As minas de Leadville pecharon unha detrás doutra. Little Johnny foi abandonada e Stumptown baleirouse de habitantes até ficar despoboado en 1914.[9] Ese mesmo ano, os Brown (cuxa fortuna era duns 5 millóns de dólares) realizaron a súa primeira viaxe e visitaron Chicago e a súa exposición universal. Á súa volta en 1894 compraron unha casa en Denver, na rúa Pennsylvania, en pleno corazón do prestixioso barrio de Capitol Hill. Ademais da parella e ós seus fillos, a nova mansión acolleu os pais de ambos, así como a tres fillas de Daniel Tobin, o irmán de Margaret, que enviuvara había xa algúns anos.[10] Cinco anos máis tarde, en 1898, James Brown deulle á mansión o nome da súa muller.[11]

En 1902, os Brown emprenderon unha viaxe ó redor do mundo, empezando por Irlanda, onde James Brown quería pasar a súa xubilación. A parella percorreu tamén Francia, Rusia e o Xapón, entre outros países. Tras pasar pola India, Margaret interesouse en particular polo sistema de castes.[1]

Con todo, as viaxes non puideron consolidar a parella e, tras 23 anos de matrimonio, descubriu que o seu marido a enganaba. De común acordo, decidiron separarse en 1909. Ela recibiu unha compensación en metálico así como a mansión de Denver. James Brown comprometeuse a pasarlle 700 dólares ó mes para que puidese seguir coas súas actividades e as súas viaxes.[1] Non estiveron oficialmente divorciados, así que conservou o apelido do seu marido, e mantivo contacto con el. Enviuvou en 1922 cando James Brown morreu dunha crise cardíaca no hospital de Nassau en Nova York, á beira da súa filla Helen.[12]

O Titanic

editar

Unha saída imprevista

editar
 
En Cherburgo Margaret embarca primeiro no SS Nomadic antes de poder subir ó RMS Titanic.

Tras a súa separación de James Brown, Margaret aproveitou para viaxar. O 24 de xaneiro de 1912, embarcou a bordo do RMS Olympic, buque xemelgo do Titanic, para dirixirse a Europa a visitar a súa filla, que estudaba na Sorbona de París.[13] Durante o mes de febreiro as dúas mulleres visitaron Exipto,[13] e foi no Cairo onde ambas as dúas se reuniron con John Jacob Astor IV, que estaba en compañía da súa nova esposa, Madeleine. A parella, que estaba de lúa de mel, faloulles do Titanic, o luxoso transatlántico no que eles reservaran os billetes de volta debido a que se trataba da viaxe inaugural. Durante a súa estancia, Brown visitou a un vidente que lle advertiu de que non se fixese ao mar porque se poría en perigo.[14] Isto pareceulle gracioso, porque para volver a América tiña que abordar un barco obrigatoriamente. A pesar de todo, comprou un pequeno talismán de xade que representaba unha momia e que, supostamente, lle daría sorte.[15]

Volveu a Francia á vez que os Astor e instalouse nun grande hotel parisiense na praza Vendôme.[4] Con todo, unha noticia fíxolle cambiar de plans: o 9 de abril decatouse de que o seu neto estaba enfermo[16] e decidiu, por tanto, volver. Comprou un billete que lle custou 27 libras esterlinas e 14 xilins para o primeiro barco que partise con destino a Estados Unidos, o Titanic.[2]

O 10 de abril, subiu ó tren transatlántico que saía desde a estación de Paris Saint-Lazare e que chegaba algunhas horas máis tarde á estación transatlántica de Cherburgo. Como moitos outros pasaxeiros, tivo que armarse de paciencia antes de subir ó Titanic debido a que un incidente á súa saída de Southampton atrasou a súa chegada. Chegou á rada de Cherburgo ás 18:35, máis dunha hora máis tarde sobre o horario previsto. Margaret embarcou no Nomadic, o transbordador de primeira e segunda clase, que a levou até o paquebote. A súa equipaxe, entre a que se atopaban tres caixas de antigüidades que ía destinar ó museo de arte de Denver,[17] colocáronse no SS Traffic, cos pasaxeiros de terceira clase. O Titanic saíu ás 20:10 en dirección a Queenstown.[18]

A travesía

editar
 
Un camarote de primeira clase similar ó que Margaret Brown ocupaba durante a travesía.

Aínda que Kristen Iversen indica na biografía de Brown que o camarote desta última se atopaba na ponte B,[19] novas investigacións mostraron que, durante a travesía, ocupaba en realidade o camarote E-23, situado na ponte E sobre estribor. Ela mesma describe ademais o seu camarote como unha sala na que cabían tres persoas, o que se corresponde máis coa descrición dun camarote da ponte E e non da ponte B.[13]

Durante os catro días da travesía Margaret gozou da primeira clase máis luxosa da época, que proporcionaba diferentes actividades como deportes no ximnasio, ou algunhas máis innovadoras como os baños turcos eléctricos. Do mesmo xeito, puido acudir ó salón de lectura, principalmente destinado ás damas, así como deleitarse no café parisiense onde se cocían as murmuracións do paquebote. A bordo, relacionouse con personalidades da súa época; alí reencontrouse cos Astor, os máis ricos de entre os pasaxeiros, pero tamén co magnate do cobre Benjamin Guggenheim, o magnate dos ferrocarrís estadounidenses Charles Melville Hays, o gran terratenente Cosmo Edmund Duff Gordon e a súa esposa Lucy, que era a modista da aristocracia, entre outros.[20] Brown recoñeceu tamén outros membros da tripulación, como o capitán Edward John Smith e a camareira Violet Jessop, cos que coincidira tres meses antes a bordo do Olympic.[21]

O naufraxio

editar
 
O bote 6, no que se atopaba Brown, fotografado por pasaxeiros do Carpathia cando foron ó seu encontro. Hichens sostén o remo ó fondo.

Margaret Brown estaba a ler na súa cama cando o Titanic chocou contra un iceberg ás 23:40. Absorta pola lectura, apenas ouviu o ruído do choque e non lle prestou atención, pero acabou por saír do camarote cando empezaron a chegar ruídos da coxía. Como só eran homes en pixama discutindo, volveu deitarse. Con todo, en canto abriu o libro, un home chamou á súa porta. Era James Robert McGough,[22] o hóspede do camarote E-25, que se atopaba xusto enfronte.[23] El avisouna de que ía subir á ponte cun amigo para ver o que ocorría e que ela debería vestirse para estar lista para saír. Ó escoitar isto, saíu á coxía, pero, ó non atopar nada fóra do común, decidiu volver ó camarote. Polo camiño, pasou diante dun grupo de homes, seis camareiros e un oficial, que se congregaban sobre unha placa de latón. Ela ignorábao, pero baixo esta placa atopábase un sistema que permitía pechar manualmente unhas portas da ponte F, que se atopaba debaixo. O oficial e os camareiros estaban a tentar abrir a placa para proceder á manobra. Segundo Brown, ningún deles parecía nervioso. Outros dous sobreviventes, que tamén asistiron á escena, confirmaron esta impresión.[13] Pouco despois, McGough volveu e informouna de que era o momento de atopar un chaleco salvavidas.[24]

Vestiuse rápido, colleu 500 dólares da caixa forte e meteunos nunha pequena carteira que levaba ó redor do pescozo. Despois, ocultou o seu talismán de xade ó fondo do peto e agarrou o seu chaleco salvavidas. Abandonou o camarote, deixando atrás os seus libros, un importante gardarroupas, trece pares de zapatos parisienses[25] e diversas xoias, entre elas, un colar valorado en 352 000 dólares.[1]

Brown subiu rápido á ponte de embarcacións e axudou outras mulleres a evacuar o barco antes de que ela embarcase no bote 6[26] ás 00:55, o primeiro que se fixo ao mar. Unha vez na auga, ela e as outras mulleres tiveron que facer fronte á arrogancia e o egoísmo do cabo Robert Hichens, a quen a ponte de mando puxera á fronte da embarcación.[27] Entre os ocupantes do bote había unha maioría de mulleres: ó redor de vinte fronte a cinco ou seis homes, dos cales catro eran membros da tripulación. Poderían caber 40 persoas máis.[28]

Hichens mostrouse bastante desagradable e, en diversas ocasións, rexeitou volver atrás para recoller náufragos por medo a que fixesen envorcar o bote, a pesar das peticións insistentes de Brown e de Helen Churchill Candee.[29][30] Pesimista, estaba convencido de que ían permanecer á deriva varios días, sen auga nin comida e lamentábase dicindo: «Estamos condenados».[31] Margaret reprocháballe que non fixese nada mentres que as mulleres levaban dúas horas remando. Outra pasaxeira, Leila Meyer,[32] acusouno de apropiarse de mantas e dunha botella de alcol, que confiscara para o seu uso persoal.[33]

Un pouco máis tarde, esa mesma noite, o bote 6 atopouse co número 16 e Hichens decidiu que este os remolcase. No entanto, ó cabo dalgúns minutos, Brown e as outras mulleres, mortas de frío, pedíronlle volver remar para entrar en calor. Hichens rexeitouno e ameazouna con tirala á auga se «non calaba a boca».[4] Sorprendido coas palabras do cabo, un home díxolle: «Non se dá conta de que lle está falando a unha muller?».[34] Finalmente, os ocupantes do bote 16 decidiron separarse do bote 6 e as mulleres tomaron os remos.[35] O intercambio verbal entre Hichens e Brown foi tal que o senador William Alden Smith pediu explicacións durante a comisión de investigación polo naufraxio do Titanic.[27] Margaret Brown escribiu: «Había un ser no noso bote ó que non podería chamar home pois nada, excepto a súa roupa, permitíame cualificalo como tal, debido á súa covardía».[33] Con todo, aínda que todos os ocupantes do bote condenaban a actitude de Hichens, entre todos poderían oporse sen dificultade a un home só, polo que esa unanimidade considérase algo esaxerada.[36]

Salvada polo Carpathia

editar
 
Margaret Brown facendo entrega dun premio ó capitán Arthur Henry Rostron pola súa entrega no rescate do Titanic.

Ás 4:30 os pasaxeiros do bote viron unha luz afastada. De novo derrotista, Hichens díxolles que non se trataba dun barco senón dunha estrela e que non servía de nada esperar a chegada do salvamento. Con todo, Frederick Fleet (o vixía que vira o iceberg) e que até entón estivera en silencio, anunciou que se trataba do RMS Carpathia, un pequeno paquebote da compañía Cunard Line. Como os botes se dispersaran e o mar se encrespara, o Carpathia tardou certo tempo en rescatalos a todos. O calvario dos ocupantes do bote 6 acabou ás 6:00, cando puideron definitivamente abandonar a embarcación.[37]

A bordo do Carpathia, Brown enviou un telegrama á súa filla Helen e tentou ser de utilidade no barco.[38] Axudou a realizar as listas de sobreviventes e actuou como intérprete,[39] ó falar francés e alemán. Así mesmo, efectuou unha colecta entre os rescatados de primeira clase e os pasaxeiros do Carpathia en beneficio dos emigrantes que o perderon todo polo naufraxio e chegou a reunir 10 000 dólares.[40] ó volver a terra firme, foi aclamada como unha heroína e a un xornalista que lle preguntou como sobrevivira, respondeulle: «É a sorte dos Brown: somos insubmerxíbeis».[1]

Ó mesmo tempo que o seu neto se recuperaba da súa enfermidade, decidiu quedar algún tempo en Nova York para seguir axudando óss náufragos.[41] Brown lamentouse de que, pola súa condición de muller, non puidese testificar na comisión de investigación estadounidense e, por iso publicou a historia da súa experiencia no Titanic no Herald Newport os días 28, 29 e 30 de maio de 1912.[13]

O 29 de maio de 1912, como presidenta do comité de sobreviventes que ela contribuíu a crear,[5] entregou ó capitán Rostron unha copa de prata pola axuda dada ós náufragos e medallas a cada un dos membros da tripulación do Carpathia. O día seguinte, The New York Times publicou un artigo relatando os feitos.[42] Brown regaloulle tamén a Rostron o talismán de xade que comprara en Exipto e que lle traía sorte.[43] Finalmente, o 26 de maio de 1931, asistiu á inauguración dun monumento en memoria das vítimas do Titanic en Washington D. C..[44] Nunha entrevista concedida a continuación, afirmou que non estaba de acordo coa norma que daba prioridade ás mulleres sobre os homes no mar e explicou que «se as mulleres piden igualdade de dereitos na terra, por que non no mar?». Así mesmo, opinaba que, en tales momentos, as familias non deberían ser separadas.[45]

Últimos anos

editar

A súa fama como sobrevivente do Titanic proporcionoulle un recoñecemento nacional, cando antes só era coñecida no estado de Colorado. Publicáronse numerosos artigos sobre as diferentes accións que ela realizaba xa que decidiu dedicarse ós demais. Nun primeiro momento atendeu as peticións das mulleres dos folguistas, posteriormente, participou na folga dos mineiros en Ludlow e despois involucrouse no sufraxio feminino. Así mesmo, partiu a Francia para axudar ós soldados feridos na fronte. Cando a paz volveu puido dedicarse á súa gran paixón, o teatro.[1]

Sen contacto cos seus fillos, desde a morte de James Brown e os problemas derivados da herdanza, Margaret morreu soa mentres durmía no hotel Barbizon en Nova York, o 26 de outubro de 1932, dun accidente cerebrovascular. A autopsia revelou a presenza dun gran tumor cerebral.[39] Foi enterrada no cemiterio de The Holly Rood, no condado de Nassau, á beira do seu marido, James Joseph Brown.[39]

Conciencia política

editar

Apoio ós mineiros de Colorado

editar
 
Folguistas de Ludlow e familiares en tendas de campaña.

Durante os anos que pasou en Leadville e Stumptown, Brown participou nas ceas populares en prol das familias de mineiros. En 1893, a chegada dunha fortuna inesperada permitiu á parella empezar unha nova vida, pero Margaret non esqueceu as súas orixes, e como a súa nova clase social lle permitía certo confort e non necesitaba traballar, decidiu adicar o tempo ó servizo dos demais realizando, entre outras actividades, colectas en favor das familias dos mineiros, xa que coa crise da minería xurdiron numerosos barrios de chabolas ó redor das cidades e Denver non foi unha excepción.[1]

En abril de 1914, as mulleres dos mineiros de Ludlow, que ouviran falar dela dous anos antes con motivo do naufraxio do Titanic, escribíronlle unha carta pedíndolle axuda. Esta foi publicada en The Times de Denver, e incluía o seguinte extracto:

Ouvimos falar da súa inquietude polos homes da Revolución mexicana e nós queremos darlle a coñecer o caso dos homes e mulleres da nosa propia guerra, aquí, no noso país[1].

A folga do carbón organizada polo sindicato United Mine Workers of America contra as sociedades mineiras castigou o estado de Colorado desde 1913. As grandes empresas implicadas foron a Colorado Fuel & Iron Company, a Rocky Mountain Fuel Company e a Victor-American Fuel Company, todas dirixidas pola poderosa familia Rockefeller.[46][47] Trala morte dun delegado sindical, os mineiros de Ludlow puxéronse en folga e escribiron unha lista de reivindicacións entre as cales se atopaba unha redución da xornada laboral e mellores salarios, tendo en conta as condicións difíciles e, a miúdo, perigosas debido ó pouco que respectaban as normas de seguridade as compañías mineiras. De feito, os derrubes significaban, de maneira regular, a morte de numerosas persoas. Con todo, todas as súas demandas foron rexeitadas e os mineiros foron expulsados das súas casas coas súas mulleres e os seus fillos e realoxáronse nos outeiros dos arredores, en tendas de campaña cedidas polo sindicato. Rockefeller contratou homes da axencia Baldwin Detective para efectuar incursións nos campamentos dos folguistas, mentres que o gobernador de Colorado enviou a garda nacional para acougar os motíns. Numerosos folguistas foron asasinados.[48]

O 20 de abril de 1914 a garda nacional convocou o líder da folga para asinar un acordo, pero foi asasinado. Iniciouse un violento altercado entre os folguistas e os gardas nacionais. Estes últimos abriron fogo e incendiaron o campamento. Unha trintena de folguistas perderon a vida, entre eles, dúas mulleres e once nenos. Este feito, chamado o «masacre de Ludlow», alertou a opinión pública e a folga tomou unha dimensión nacional. Pouco tempo despois, Brown dirixiuse a Ludlow e axudou a manter unha loita xusta, rexeitando unirse ós radicais. Con outras mulleres dos sindicatos de Denver, multiplicou as manifestacións e os discursos sobre os dereitos dos mineiros, un tema que coñecía ben. Así mesmo, denunciou as prácticas inaceptables dos Rockefeller.[1] A folga desconvocouse semanas despois e John D. Rockefeller aceptou finalmente as esixencias dos folguistas. De feito, asinouse un acordo entre as sociedades mineiras e os mineiros.[49]

Ideas progresistas e reformistas

editar
 
Mulleres da National American Women's Suffrage Association, diante da Casa Branca.

Mentres os seus fillos eran aínda novos, involucrouse na defensa dos dereitos das mulleres. Axudou á asociación estadounidense para o dereito ó voto das mulleres, a National American Women's Suffrage Association, a establecerse en Colorado e, ó mesmo tempo, converteuse nun membro máis do club de mulleres de Denver (Denver Woman's Club) cuxa misión era a mellora das condicións de vida das mulleres a través da educación e da filantropía. En 1901, converteuse nunha das primeiras estudantes do instituto Carnegie en Nova York. Como muller da alta sociedade, entrou no mundo das artes e da literatura e aprendeu francés, alemán e ruso.[2]

Margaret uniuse ós progresistas e ós reformistas que avogaban en prol da mellora da cidade de Denver con, entre outros, a instalación de baños públicos no palacio de xustiza, así como a mellora dos parques públicos. Como a miseria afectaba a moitos nenos, participou na creación do orfanato de Denver e traballou estreitamente con Ben Lindsey,[16] un xuíz reformista e progresista, para crear un sistema de tribunais para menores. Lindsey tamén estaba involucrado na loita para a abolición do traballo infantil. Sempre en favor da cidade de Denver, participou nunha colecta de fondos para financiar os traballos da Catedral Basílica da Inmaculada Concepción de Denver, que acabarían en 1912.[1]

Acumulando unha maior fortuna, presentouse ó senado de Colorado en 1901. Con todo, a súa iniciativa non contou con demasiado apoio e os xornais de Colorado desentendéronse do asunto. Tampouco se beneficiou do apoio do seu marido, pois este pensaba que «unha muller só pode aparecer tres veces nun xornal: o día do seu nacemento, o día da súa voda e o día da súa morte».[1] Posteriormente presentouse ó Senado dos Estados Unidos por Colorado en 1909, 1911 e 1914.[50]

En 1914, foi vivir durante un tempo a Newport (Rhode Island),[51] onde se reuniu coa alta sociedade estadounidense. Alí coñeceu a Alva Belmont, a presidenta da Asociación sufraxista de mulleres estadounidenses, coa que se implicou novamente nos dereitos da muller. Escribiu numerosos artigos a este respecto sobre o que viu en Francia. En xullo dese mesmo ano, pronunciou un discurso nunha conferencia de «Grandes mulleres» na que falou das condicións dos mineiros de Colorado.[1] Co apoio de Alva Belmont, fixo unha segunda campaña para as eleccións ó senado. Aínda que contaba co apoio de moita xente, renunciou á súa candidatura e modificou os seus plans cando se decatou do estalido da primeira guerra mundial. Entón decidiu volver a Francia.[1]

Francesa de corazón

editar

Ó longo da súa vida, Brown sentiu un afecto particular por Francia. O vínculo estreito que a unía co país empezou en 1897, cando creou a Alliance française de Denver, que segue activa máis dun século despois.[4] A principios dos anos 1900, contribuíu á publicación das obras de Mark Twain en braille e en francés. Xactábase incluso de coñecer ó coñecido autor da obra As aventuras de Tom Sawyer, que, como ela, crecera en Hannibal e era tío dunha das súas amigas da infancia.[4] Sempre pasaba por Francia cando realizaba viaxes ó redor do globo: en 1902, visitou París por primeira vez en compañía do seu marido, e volvería alí dez anos despois, pouco antes do episodio do Titanic.

En 1914, ó coñecer o estalido da guerra en Europa, deixou as súas actividades políticas nos Estados Unidos para viaxar a Picardía. Foise á fronte para axudar os feridos. Algúns anos máis tarde, en 1924, coa súa amiga Anne Morgan, filántropa estadounidense e fundadora do comité americano para as rexións devastadas, participou na creación do museo de historia francoestadounidense no castelo de Blérancourt, que se converteu en 1931 no museo nacional da cooperación francoestadounidense.[52] Ó ano seguinte, un ano antes da súa morte, recibiu a Lexión de Honra polos seus servizos durante a guerra.[3]

En tempos de paz frecuentaba os teatros de París como espectadora e como actriz. Grande admiradora de Sarah Bernhardt, realizou en escena os míticos papeis da sonada actriz,[4] por exemplo, a súa interpretación en L'Aiglon, que foi un éxito tanto en París como en Nova York.[1] Por este papel, recibiu a palma académica da Academia Francesa o 2 de xuño de 1929.[3]

Legado

editar

O museo Molly Brown

editar

Vendida tras a morte de Margaret en 1932, a casa de Denver acolleu unha nova familia, antes de que a comprase Art Leisenring e se convertese nun fogar para nenas rebeldes na década de 1960. Nesta época Denver coñeceu unha importante renovación urbana e numerosos edificios antigos foron derrubados. Temendo pola casa, Leisenring creou un grupo de apoio con outros cidadáns, ó que enseguida se uniu a asociación histórica de Denver, que chamou os medios de comunicación e, grazas ás doazóns, conseguiu comprar a casa e levar a cabo unha remodelación minuciosa do edificio. Para devolverlle o esplendor dos seus primeiros días, realizáronse análises microscópicas das pinturas, así como investigacións arquitectónicas a partir de fotografías orixinais da mansión en 1910. Actualmente, é un museo adicado á vida de Margaret Brown.[11]

O museo é unha representación perfecta dunha mansión vitoriana e da vida cotiá daquela época. Conserva obxectos que pertencían á familia Brown e pódense ver cadros que representan o naufraxio do Titanic. O seu neto, Lawrence Palmer Brown, doou tamén fotos da súa familia ó museo, que é actualmente o único propietario.[53]

O fillo de Margaret, Lawrence, e o seu neto, chamado tamén Lawrence, legaron todas as súas fotos familiares ó museo dedicado á súa avoa. A súa bisneta, Muffet Laurie Brown,[53] realizou unha serie de investigacións sobre a vida da súa bisavoa. Foi un dos primeiros membros da familia que colaborou cos historiadores do RMS Titanic. Ademais, redactou o prefacio da biografía da súa bisavoa escrita por Kristen Iversen e que foi publicada en 1999.[54] A filla de Margaret, que se apelidaría Bezinger trala súa voda en 1913, viviu até os 97 anos e faleceu o 17 de outubro de 1993 en Greenwich (Connecticut).[2]

O mito de Molly

editar
 
«Molly Brown» é o nome dunha atracción de Disneyland.

Actualmente Margaret Brown é case exclusivamente coñecida como «Molly» Brown, pero en realidade nunca se lle chamou así en vida. A creación deste alcume atribúeselle ó compositor Meredith Willson, que atopaba que «Molly» era máis fácil de pronunciar para cantar que «Maggie»,[6] o verdadeiro apelativo de Margaret. Wilson compuxo un musical sobre a vida de Brown, que foi un éxito entre 1960 e 1962. Foi mesmo adaptado ó cinema dous anos máis tarde polo director Charles Walters co nome The Unsinkable Molly Brown. Con todo, tanto o musical como a película dan unha imaxe falseada dela, posto que a presentan como unha orfa.[55] A pesar de todo, a película foi un dos maiores éxitos cinematográficos de 1964 e, ós ollos de todos, converteuse en «a insubmerxible Molly».

O telefilme S.O.S. Titanic (1979) de William Ale ofrece unha imaxe dunha muller groseira e pouco culta. Unha escena do naufraxio do Titanic amósaa ameazando a Robert Hichens cunha arma, o que é totalmente falso. Con todo, a película Titanic (1997) de James Cameron ofrece unha visión máis realista. Interpretada pola actriz Kathy Bates, coa que garda un parecido físico, aparece como a muller cultivada e segura de si mesma que era. Entre os pasaxeiros de primeira clase, é a única que trata ben o protagonista do filme, Jack Dawson, pasaxeiro de terceira clase. Con todo, James Cameron usa igualmente o nome «Molly» para o personaxe.

Noutros ámbitos, «Molly Brown» é o nome dun barco de vapor do parque Disneyland de París. A atracción é un tour dunha duración de 15 minutos mentres se conta a historia de Margaret Brown por un altofalante ó público. Unha foto orixinal súa, tomada ó baixar do Carpathia, pode verse na vitrina da biblioteca do salón privado do barco.[53]

  1. 1,00 1,01 1,02 1,03 1,04 1,05 1,06 1,07 1,08 1,09 1,10 1,11 1,12 1,13 1,14 1,15 1,16 1,17 1,18 «Molly Brown», Molly Brown House Museum. Consultado o 20 de marzo de 2018 (en inglés)
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 2,7 «Mrs Margaret Brown», Encyclopedia Titanica. Consultado o 17 de marzo de 2018 (en inglés)
  3. 3,0 3,1 3,2 (en francés) Olivier Mendez, ««Molly» Brown, une Française de cœur», Latitud 41°, numero 3, marzo de 1999, p. 3
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 4,5 Olivier Mendez, «Molly» Brown, une Française de cœur», Latitud 41°, número 3, marzo de 1999, p.2 (en francés)
  5. 5,0 5,1 Kristen Iversen 1999, p. 38
  6. 6,0 6,1 Kristen Iversen 1999, p. XVI
  7. Kristen Iversen 1999, p. 90
  8. «Little Johnny Mine», Colorado Past. Consultado o 9 de xullo de 2012 (en inglés)
  9. «Stumptown», Ghost Towns. Consultado o 9 de xullo de 2012 (en inglés)
  10. Kristen Iversen 1999, p. XXIV
  11. 11,0 11,1 «Molly's House» Arquivado 16 de xullo de 2012 en Wayback Machine., Molly Brown House Museum. Consultado o 9 de xullo de 2012 (en inglés)
  12. "Wealthy Coloreado Mine Owner Dies". Encyclopedia Titanica (en inglés). 7 setembro de 1922. Consultado o 20 de xuño de 2019. 
  13. 13,0 13,1 13,2 13,3 13,4 «Molly Brown: Mystery Unravelled», Encyclopedia Titanica. Consultado o 25 de outubro de 2012. (en inglés)
  14. Kristen Iversen 1999, p. 2
  15. Kristen Iversen 1999, p. 3
  16. 16,0 16,1 «Women Revealed as Heroines by Wreck», Encyclopedia Titanica. Consultado o 9 de xullo de 2012 (en inglés)
  17. «The Riddle of the Sphinx», Encyclopedia Titanica. Consultado o 9 de xullo de 2012 (en inglés)
  18. «Déroulement de l'escale du Titanic en 1912» Arquivado 16 de marzo de 2013 en Wayback Machine., Titanic Cherbourg. Consultado o 9 de xullo de 2012 (en francés)
  19. Kristen Iversen 1999, p. 1
  20. «Quelques personnalités voyageant à bord du Titanic», Lle site du Titanic. Consultado o 9 de xullo de 2012 (en francés)
  21. Kristen Iversen 1999, p. 5
  22. «Mr James Robert McGough», Encyclopedia Titanica. Consultado o 9 de xullo de 2012 (en inglés)
  23. «Mr James Robert McGough», Association Française du Titanic. Consultado o 9 de xullo de 2012 (en francés)
  24. Kristen Iversen 1999, p. 13
  25. Kristen Iversen 1999, p. 14
  26. «Composition du canot n°6», Le site du Titanic. Consultado o 9 de xullo de 2012 (en francés)
  27. 27,0 27,1 «Testimony of Robert Hichens» Arquivado 13 de xuño de 2013 en Wayback Machine., Titanic Inquiry Project. Consultado o 9 de xullo de 2012 (en inglés)
  28. Gérard Piouffre 2009, p. 156
  29. Kristen Iversen 1999, p. 24
  30. Gérard Piouffre 2009, p. 169
  31. Kristen Iversen 1999, p. 22
  32. «Mrs Leila Meyer», Encyclopedia Titanica. Consultado o 9 de xullo de 2012 (en inglés)
  33. 33,0 33,1 Kristen Iversen 1999, p. 32
  34. Kristen Iversen 1999, p. 27
  35. Kristen Iversen 1999, p. 26
  36. Gérard Piouffre 2009, p. 171
  37. Gérard Piouffre 2009, p. 202 - 203
  38. Kristen Iversen 1999, p. 33
  39. 39,0 39,1 39,2 «Margaret «Unsinkable Molly Brown» Brown», Find a Grave. Consultado o 10 de xullo de 2012 (en inglés)
  40. Kristen Iversen 1999, p. 35
  41. Kristen Iversen 1999, p. 37
  42. "Titanic Survivors". encyclopedia-titanica.org (en inglés). Consultado o 25-09-2018. 
  43. Kristen Iversen 1999, p. 39
  44. «Women's Titanic Memorial», Titanic Memorials. Consultado o 10 de xullo de 2012 (en inglés)
  45. Kristen Iversen 1999, p. 43
  46. (en inglés) «Ludlow Coal Massacre» Arquivado 23 de abril de 2013 en Wayback Machine., About.com Archaeology. Consultado o 25 de outubro de 2011
  47. (en inglés) «Colorado Coal Field War Project» About.com Archaeology. Consultado o 10 de xullo de 2012
  48. Howard Zinn 2010, p. 403-404
  49. Howard Zinn 2010, p. 404-405-406
  50. Leah Schwartz. "The Unsinkable Margaret Brown" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 16 de outubro de 2013. Consultado o 18 de setembro de 2012. 
  51. «Titanic Survivor in Newport» Arquivado 26 de xuño de 2012 en Wayback Machine., Newport Historical Society. Consultado o 10 de xullo de 2012 (en inglés)
  52. «Du château au musée» Arquivado 12 de outubro de 2012 en Wayback Machine., Musée Franco-américain. Consultado o 10 de xullo de 2012 (en francés)
  53. 53,0 53,1 53,2 Olivier Mendez, «Rencontre avec Muffet Brown, arrière petite-fille de «Molly Brown», Latitude 41°, número 15, abril de 2002, p. 7-8-9 (en francés)
  54. Kristen Iversen 1999, p. IX
  55. Kristen Iversen 1999, p. XV

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar

Ligazóns externas

editar