Tumor cerebral
Un tumor cerebral é un crecemento descontrolado e desproporcionado de células derivadas de compoñentes cerebrais (tumores primarios do cerebro), ou ben de células tumorais localizadas noutras áreas do organismo pero que invaden o cerebro (metástases). Os tumores poden ser de carácter benigno ou maligno, dependendo das súas características, isto é, da velocidade de crecemento, de se son quen de invadir estruturas a distancia (metastatizar), e de se poden ser resecados ou curar mediante o tratamento neurocirúrxico. A diferenza dos tumores doutros tecidos, a distinción entre manifestacións malignas e benignas non é tan clara, xa que algunhas lesións benignas poden ter certos comportamentos malignos. Os tumores malignos producen metástases. Outros tumores malignos noutras localizacións do corpo poden producir metástases no cerebro. Os tumores que máis adoitan producir metástases no cerebro son, por orde de frecuencia, os cancros de pulmón, mama, pel (melanoma), ril e sistema dixestivo, e adoitan medrar entre a unión do córtex e a substancia branca.
Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos. Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico. |
Clasificación histolóxica
editarO grao de benignidade ou malignidade dun tumor, feito que determinará en grande medida a supervivencia do paciente, determínase baseándose nas características histolóxicas do tumor[1]. Os tumores benignos adoitan ter un crecemento lento, e as marxes deste están, polo xeral, ben delimitadas, feito que facilita a súa extirpación cirúrxica. Os tumores malignos, pola contra, adoitan medrar rapidamente e afectar a estruturas veciñas compromentendo a sobrevivencia e minguando o prognóstico do doente. Os tumores benignos son máis frecuentes que os tumores [2][3].
- Tumores de grao I benignos, de crecemento lento e circunscritos.
- Tumores de grao II De crecemento lento, mais con límites imprecisos, ou de extensión.
- Tumores de grao III Tumores anaplásicos, a súa evolución é máis rápida.
- Tumores de grao IV Tumores malignos, amosan signos histolóxicos de crecemento moi rápido en todas as rexións examinadas.
Tumores primarios
editarOs tumores primarios son os que se orixinan no cerebro, e non por metástase cerebral de cancros noutros órganos.
Gliomas
editar- Artigo principal: Glioma.
Os gliomas son tumores orixinados a partir das células gliais. Ademais de no cerebro, poden localizarse na medula espiñal. Segundo o tipo de célula glial da que proveñan, podemos diferenciar entre oligodendriomas (tumor dos oligodendrocitos), ependiomas (tumor das células ependimarias) ou astrocitomas (tumor dos astrocitos).
Astrocitoma
editar- Artigo principal: Astrocitoma.
Os astrocitomas son os tumores intracraniais máis frecuentes, sendo o 30% destes cancros. Derivan dos astrocitos, un tipo de células da glía. Nos adultos adótanse presentar no propio cerebro, e nos nenos, pola contra, son máis frecuentes no cerebelo[4]. A OMS (Organización Mundial da Saúde, clasifica este cancro en catro graos. O grao I ten un prognóstico excelente, sendo a curación case que completa. Os graos III e IV teñen, pola contra, unha supervivenvia menor.
Grao | Histoloxía | Prognóstico |
---|---|---|
Grao I | Baixo grao | Prognóstico excelente |
Grao II | Astrocitoma propiamente dito | Variábel |
Grao III | Astrocitoma anaplásico | Potencialmente agresivos |
Grao IV | Glioblastoma multiforme | Mal prognóstico |
Oligodendrioglioma
editar- Artigo principal: Oligodendrioglioma.
Son tumores derivados dos oligodendrocitos. Polo xeral adoitan ser máis benignos ca os astrocitomas. Este tipo de tumor representa o 6% dos gliomas, e adoita presentarse entre a cuarta e a quinta década da vida. A súa localización máis frecuente é nos lóbulos frontal e temporal[5].
Meninxiomas
editarConstitúen entre o 15 e o 20% dos tumores primarios intracraniais. Son máis frecuentes entre os 20 e os 60 anos de idade. Orixínanse nas células aracnoides das meninxes. Son moi frecuentes e polo xeral son de carácter benigno, xa que fican encapsulados e ben delimitados, non comprometendo estruturas veciñas. Poden aparecer en calquera parte do cerebro, tanto infratectorial coma supratectorial.
Tumores secundarios ou metástases
editarOs tumores secundarios ou metástases son aqueles que non se orixinan nas células do cerebro, se non que proveñen de células tumorais doutros órganos do corpo que posteriormente migran ao cerebro. As células tumorais poden chegar ao cerebro ben polo sangue, ben polo líquido cefalorraquídeo, ou ben polos ganglios linfáticos. A vía circulatoria é a máis habitual. O cerebro é o lugar predilecto do corpo para as metástases do melanoma e do cancro de pulmón microcítico (de células pequenas ou oat cell). No home, as metástases proveñen principalmente de cancros de pulmón, colon e ril. Nas mulleres, pola contra, veñen do cancro de mama, pulmón, colon e melanoma[6]. As metástases espinais ocorren no 5% dos doentes de cancro, sobre todo de cancro de mama, de próstata e o mieloma múltiple.
Signos e síntomas
editarOs tumores cerebrais causan síntomas moi variados. Polo xeral, distínguense as manifestacións derivadas da hipertensión intracranial, e os síntomas derivados da expansión do tumor, estes últimos denominados signos ou trastornos focais, que dependen da estrutura anatómica afectada polo tumor.
Síntomas de hipertensión intracranial
editarTamén denominados trastornos neurolóxicos non focais, xa que non dependen do crecemento do tumor senón que deriva da hipertensión cranial. Os máis frecuentes son:
- Visión dobre
- Dor nunha extremidade
- Cefalea
- Vómitos
- Edema de papila e alteracións visuais.
- Trastornos da conduta (irritabilidade, labilidade emocional, erros de discernimento, alteracións da memoria, falla de iniciativa, indiferenza perante os costumes sociais.)
Síndromes focais
editarEstas manifestacións son aquelas que dependen da localización anatómica do tumor, así como do seu tamaño e se afecta ou non a estruturas veciñas. Son manifestacións que orientan a localización da lesión.
Diagnóstico
editarO diagnóstico realízase mediante técnicas de imaxe como a TAC ou a resonancia magnética (RMN). Ámbalas dúas permiten coñecer a localización e o tamaño do tumor, ademais de suxestionar a natureza do mesmo. Así e todo, é a biopsia quen clasifica e identifica o tipo exacto de tumor.
Notas
editar- ↑ "Tumor Cerebral". Arquivado dende o orixinal o 29 de setembro de 2007. Consultado o 02 de febreiro de 2013.
- ↑ Harrison's: Principles of Internal Medicine, 18ª Edición. DL Longo, AS Fauci, DL Kasper, SL Hauser, JL Jameson, E Braunwald. McGraw Hill, 2011
- ↑ N Engl J Med., 2001 Jan 11; 344(2):114-123.
- ↑ Farreras-Rozman: Medicina Interna, 16ª Edición. Elselvier, 2009.
- ↑ Galdames, D. (1997). Manual de neurología clínica.
- ↑ "Metastatic Tumors to the Brain and Spine". Arquivado dende o orixinal o 22 de maio de 2013. Consultado o 02 de febreiro de 2013.
Véxase tamén
editarOutros artigos
editarLigazóns externas
editar- Información sobre o cancro do cerebro (en) Arquivado 29 de xuño de 2011 en Wayback Machine. da Cancer Research UK
- Cancer.Net: Brain Tumor (en) – Informacón da American Society of Clinical Oncology