John D. Rockefeller

Magnate de negocios estadounidense e filántropo

John Davison Rockefeller, nado en Richford (Nova York o 8 de xullo de 1839 e finado en Nova York o 23 de maio de 1937, foi un empresario e investidor industrial, que traballou no mundo da industria petroleira, chegando ao punto de monopolizala. Foi o fundador e presidente da Standard Oil, unha xigantesca compañía que chegou a controlar a extracción, refinamento, transporte e distribución de máis do 90 % do petróleo dos Estados Unidos e sostivo monopolios enteiros (en forma de investimentos) en múltiples países estranxeiros.[1] Durante un período de máis de corenta anos, Rockefeller consolidou a Standard Oil como a compañía petroleira máis grande do mundo, revolucionando a industria en todos os seus niveis e demostrando unha extraordinaria e implacable capacidade competitiva. Por outra banda, Rockefeller dedicou gran parte da súa fortuna e recursos a numerosas doazóns, fundacións e programas, sendo o fundador da Universidade de Chicago, unha das universidades máis prestixiosas do mundo, berce de 87 premios Nobel, así como tamén da Universidade Rockefeller en Nova York, ademais de impulsar numerosas áreas da educación, a ciencia e a medicina.[2][3]

Modelo:BiografíaJohn D. Rockefeller

Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento(en) John Davison Rockefeller Editar o valor en Wikidata
8 de xullo de 1839 Editar o valor en Wikidata
Richford, Estados Unidos de América Editar o valor en Wikidata
Morte23 de maio de 1937 Editar o valor en Wikidata (97 anos)
Ormond Beach, Estados Unidos de América (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
Causa da mortecardiopatia isquémica (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
Lugar de sepulturaLake View Cemetery 41°30′40″N 81°35′28″O / 41.511, -81.591 Editar o valor en Wikidata
ResidenciaCleveland Editar o valor en Wikidata
Grupo étnicoEstadounidense Editar o valor en Wikidata
RelixiónCatolicismo Editar o valor en Wikidata
EducaciónChancellor University (en) Traducir
Bryant & Stratton College (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
Actividade
Lugar de traballo Cleveland
Nova York Editar o valor en Wikidata
Ocupaciónemprendedor, contable, banqueiro Editar o valor en Wikidata
Partido políticoPartido Republicano Editar o valor en Wikidata
Patrimonio estimado663 M$ (2007) Editar o valor en Wikidata
Obra
Obras destacables
Familia
FamiliaFamília Rockefeller (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
CónxuxeLaura Spelman Rockefeller (1864–1915) Editar o valor en Wikidata
FillosElizabeth Rockefeller Strong, Alta Rockefeller Prentice, Edith Rockefeller McCormick, John D. Rockefeller Editar o valor en Wikidata
PaisWilliam Avery Rockefeller Editar o valor en Wikidata  e Eliza Davison Editar o valor en Wikidata
IrmánsFrank Rockefeller
William Rockefeller Editar o valor en Wikidata
Premios

Descrito pola fonteObálky knih,
Dicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron
Encyclopædia Britannica Editar o valor en Wikidata
IMDB: nm1377260 BNE: XX1237073 Musicbrainz: 22dbf9e8-9417-4f81-a16e-0680d7d1fc23 WikiTree: Rockefeller-1 Find a Grave: 886 Editar o valor en Wikidata

Os seus logros empresariais son tan magníficos como controvertidos, pois mediante astucia, enxeño, dedicación e poucos escrúpulos, ascendeu no mundo empresarial, levantou un extenso imperio que se estendeu ata tal punto que ningunha outra empresa na historia logrou acadar. Sinalado polas súas prácticas monopolistas, foi denunciado por xornalistas e investigadores, e finalmente o goberno dos Estados Unidos tivo que enfrontarse a el, logrando levalo ante os tribunais e conseguindo tras anos enteiros de litixios que se ditase a separación da xigantesca petroleira de Rockefeller, separación que tardou moito tempo en materializarse despois de ditada.

Rockefeller é o único caso visto dun home que chegou a construír un monopolio puro, que lle custou ao mesmo goberno disolver e que de feito marcou en profundidade o desenvolvemento da industria petroleira a nivel mundial.

Está considerado como o home máis adiñeirado da historia[4][5][6][7][8] e é o fundador da mítica familia de millonarios que aínda persiste co seu mesmo apelido e poder así como a extensión da súa riqueza foron extremas non só sobre os Estados Unidos senón sobre outros lugares, como Europa e Latinoamérica; de feito, a súa familia continuou a controlar o 90 % da industria petrolífera nesta última rexión durante máis de seis décadas despois do seu falecemento.

Traxectoria

editar

Infancia

editar

John Davison Rockefeller naceu en Richford, nunha familia de clase media descendente de inmigrantes alemáns chegados aos Estados Unidos en 1799, á súa vez descendentes de franceses hugonotes que se trasladaron a Alemaña no século XVII. A súa nai, Eliza, era unha muller moi organizada e dedicada a atender a súa familia, mentres que o seu pai, William Avery Rockefeller, non foi modelo de fidelidade conxugal nin exemplo para os seus seis fillos. Afastado do seo familiar durante longos períodos, cando volvía os seus petos polo xeral estaban cheos de diñeiro e incriblemente volvía cargado de regalos para a súa muller e os seus fillos. Moito máis tarde, John descubriu que o seu pai non era máis ca un impostor, que visitaba as reservas indíxenas vendendo aos seus moradores toda clase de obxectos e posteriormente foi moito máis rendible a venda de produtos farmacéuticos, que vendía como panacea para o cancro.

Da súa nai Eliza herdou non só o físico, senón tamén a estrita moral calvinista, ademais de moitos dos principios básicos da súa vida, entre eles a orde e a dedicación.

John Davison demostrou ser dende moi novo intelixente e aplicado. Mudouse coa súa familia a Ohio, Cleveland, onde o seu pai conseguira unha mellor oportunidade de traballo. Alí estudou en varios colexios públicos.

Xa dende moi novo Rockefeller mostraba grande interese polos negocios. De feito, recollía pedras para pintalas e logo vendelas aos seus compañeiros, dos que depositaba os seus pagos nun frasco azul, que el mesmo denominou máis tarde como a súa primeira «caixa forte», e que gardaba celosamente no seu cuarto, logrando reunir a pequena fortuna de 50 dólares, que para a época representaba unha suma de diñeiro considerable. Rockefeller alegou que foi entón cando puido aprender unha das leccións máis valiosas da súa vida, cando un día un amigo do seu pai foi á súa casa a pedirlle un préstamo para saldar un par de débedas que estaban a punto de vencer. O seu pai non tiña os cartos, mais el si, e acordou emprestarllo cun interese do 7 %. Rockefeller sorprendeuse posteriormente cando, despois dun ano, recibiu unha suma monetaria moi superior á que dera orixinalmente. Por iso fixou a máxima da súa vida:

Non traballe polo diñeiro, deixe que o diñeiro traballe por vostede.

A partir de aí, todas as súas ganancias foron estritamente contabilizadas nun caderno que el chamaba «o rexistro A» e comezou a fundamentar a mentalidade que o levou a triunfar anos máis tarde.

Inicio da carreira

editar
 
Rockefeller aos 18 anos

O seu gusto polos negocios estimulouno aínda máis a escola comercial de Cleveland, de onde saíu aos 16 anos. Ese mesmo ano obtivo o seu primeiro emprego nunha empresa de corretores e comerciantes en grans, onde traballou con xeral beneplácito sen fixarse nos horarios, perdido no mar de cifras que tanto o apaixonaba. Pola noite, na cama, repasaba mentalmente as operacións financeiras do día, tratando de descubrir en que puidera obter mellores ganancias.

Con 16 anos, John Davison Rockefeller xa era contador en Cleveland e mostraba gran competencia nesta rama, traballando para a firma Hewit and Tuttl e outras empresas, chegando ao punto de que, ao terceiro ano en devandito sector, xa gañaba a considerable suma de 600 dólares anuais, mais cando lle negaron un aumento de 200 dólares, decidiu instalar un negocio por conta propia. Tiña aforrados 800 dólares, pero aínda lle faltaban outros 1000 para crear a súa primeira firma de corretaxe. O seu pai adiantoullos cun interese anual do 10 %, ata que alcanzase a maioría de idade. Así fundou, co seu socio M. B. Clark, a firma Clark & Rockefeller, que obtivo, no primeiro ano, beneficios por 4000 dólares e no segundo cuadruplicou a suma.

Entón comezou a investir no sector cafeteiro, o que aumentou aínda máis os seus ingresos. Porén, a pesar da gran cantidade de diñeiro que ganaba, Rockefeller non se sentía satisfeito, pois desexaba chegar moito máis lonxe e estaba decidido a logralo.

O imperio de Rockefeller

editar

A desconformidade de Rockefeller respecto aos seus logros e á produción da súa empresa, así como a súa percepción de que a industria petroleira lle ofrecería máis oportunidades, inducírono a entrar no sector industrial, na produción petroleira. John Davison Rockefeller era agora un mozo adiñeirado e entusiasta do sector petroleiro, mais ningunha persoa naquel mundo imaxinaba que a ambición e intelixencia deste mozo o levarían a crear o maior monopolio de todos os tempos sobre aquela importante industria.

Forza e sentido da oportunidade

editar
 
Clevelande en 1857

Dende os anos 1850, Cleveland experimentara un acelerado crecemento, especialmente nos sectores industriais, dando como resultado que, contra 1861, convertérase nunha das cidades máis modernas e produtivas dos Estados Unidos, ademais de ser unha das principais sedes industriais. En medio deste ambiente, Rockefeller apreciou de preto o crecemento paulatino que a industria petroleira comezaba a experimentar e foi o bastante brillante como para entender que ese combustible pronto se convertería na fonte de enerxía do mundo.

En 1862, cos aforros e ganancias da súa firma cafeteira, pasou a ser socio da Clark & Andrews, que comezou instalando as súas refinerías, e en cuestión de moi pouco tempo comezou a adquirir outras en Cleveland, actividade que continuou ata apropiarse de forma definitiva de gran parte das da cidade.

O inicio da guerra civil en 1861 foi a clave da súa fortuna. Dous anos antes, coa perforación do primeiro pozo de petróleo, comprendeu que podía gañar máis co seu transporte e refinamento que coa explotación. Cando a compañía ferroviaria do Atlántico e o Oeste estendeu a súa liña ata Cleveland en 1863, poñendo esta cidade en contacto directo con Nova York a través da rexión do petróleo, soubo que chegara o momento. Tiña 23 anos e investiu 4000 dólares como socio comanditario na nova firma Clark, Andrews & Co. as refinerías xurdían como fungos en Cleveland e o seu entusiasmo polo ouro negro fíxoo abandonar o comercio de grans. Ao negarse o seu socio Clark a expandir a firma (atemorizáballe o pasivo de 100 000 dólares), decidiron vender a empresa nunha poxa. O 2 de febreiro de 1865, a compañía saíu á venda e as apostas subiron rapidamente. Clark, decidido a quedar coa firma, ofreceu 72 000 dólares. Rockefeller, imperturbable, retrucou con 72 500 dólares e quedou coa compañía. O negocio, que a partir de aí se chamou Rockefeller & Andrews, era a maior refinaría de Cleveland, cunha capacidade de 500 barrís por día e ganancias dun millón de dólares por ano, que se duplicaron o ano seguinte.

Nesa época dicíase que John Davison Rockefeller só tiña que mostrar aos seus competidores a súa carteira de investimentos e propiedades, para que estes decidisen venderlle ou negociar con el. No caso contrario podían estar seguros de que Rockefeller se encargaría de levalos á bancarrota. Despois de todo, deixaba moi clara a súa visión coa frase:

A competencia é un pecado, por iso procedemos a eliminala.

Rockefeller amosaba a súa mentalidade de home de negocios depredador, buscando a expansión das súas empresas, o aumento dos seus investimentos e a eliminación progresiva da competencia a toda costa. A partir de entón, fixo moitas manobras que reflectían a súa visión e en máis dunha ocasión demostrou a súa efectividade á hora de sobreporse aos demais.

A conquista de Clevelande e a expansión nacional

editar
 
Rockefeller en 1875

O seu seguinte paso foi negociar co ferrocarril tarifas preferentes, e ese desconto foi unha arma esencial para fundar en 1870 unha nova sociedade, con 1 millón de dólares de capital: a Standard Oil, que absorbeu a empresa Rockefeller & Andrews. Debido a que a Standard Oil fora creada por Rockefeller, o seu irmán William e varias persoas máis, Rockefeller pasou a liderar a compañía.

Agora John Davison Rockefeller controlaba unha ampla rede de refinerías. Ademais, como el mesmo determinara que o negocio do petróleo podía xerar ganancias dende máis dun enfoque, levou a compañía a desenvolver sistemas de extracción e transporte do cru, controlando así todos os aspectos da produción petroleira.

En 1870 a Standard Oil era unha das maiores refinerías do centro dos Estados Unidos e xa en 1872, xunto con dous dos máis importantes refinadores de Pittsburg e Filadelfia, puideron manexar como querían as tarifas cos ferrocarrís. A Standard Oil refinaba un cuarto de toda a produción de petróleo do país, e eliminando paso a paso a competencia, converteuse nun poderoso monopolio que refinaba o 95 % da capacidade total do país. O seu equipo directivo estaba formado por un conxunto dos máis capaces financeiros do país. Todos eran millonarios. Para Rockefeller, a escolla do persoal sempre fora un ingrediente importantísimo; escollía os máis capaces e entusiastas.

A principios de 1872, Rockefeller estaba decidido a finalizar o seu proxecto de facerse dono da industria petroleira, para o que avanzou, dando unha manobra sen precedentes, ao axudar a crear a South Improvement Company, unha asociación que englobaba os principais refinadores de petróleo de Cleveland, chegando a acordos coas empresas ferroviarias para obter importantes descontos para os membros da asociación. Este acordo ocasionou o reclamo do público que avogou pola súa anulación; algo logrouse de xeito legal, tres meses máis tarde, ante as protestas da xente, pero para entón case todos os competidores de Rockefeller víranse obrigados a vender ou a asociarse con el. En cuestión de tres meses, Rockefeller mercara 22 das 25 refinerías de Cleveland, todo grazas a esta magnífica manobra, pasando aquela fazaña a ser denominada a "conquista de Cleveland".

Despois daquel extraordinario éxito, John Davison Rockefeller encargouse de expandir a presenza da Standard Oil cara a todo o país. Instalando ou comprando, o seu obxectivo era dominar a industria. En 1878 Rockefeller controlaba o 90 % das refinerías de petróleo dos Estados Unidos e pouco despois exercía un monopolio dos canais de distribución.

Agora Rockefeller era, na práctica, "o dono da industria petroleira dos Estados Unidos" e xa nada podía cambialo.

A Standard Oil Trust, dominio total

editar
 
Caricatura de Rockefeller de 1901 na revista Puck

Como consecuencia de todas estas manobras, Rockefeller instaurara o seu poder sobre a industria petroleira, mais agora desexaba afianzalo de forma total. Para iso decidiu proceder á creación da Standard Oil Trust. Esta foi unha especie de extraordinario holding empresarial que concentrou diversos investimentos no mundo do petróleo e os combustibles, non só nos Estados Unidos senón en varios outros países do mundo.

 
Acción da Standard Oil

A creación desta entidade, baseouse nunha idea de Rockefeller para evitar ser acusado de monopolio polas autoridades, dado que para o momento o goberno xa comezaba a ter inxerencia na regulamentación da libre competencia entre empresas. Debido a iso, Rockefeller non podía adquirir de forma corrente, todas as empresas que desexaba controlar, porque de facelo, as autoridades intervirían, a solución foi a creación do trust, vocábulo que en inglés significa “confianza”, e que se refería a unha concentración de empresas baixo unha mesma dirección, o control legal das sociedades constituíntes conferíase á xunta de administradores, cambiándose as accións das compañías polos certificados do trust. Deste xeito, Rockefeller lograba unir as distintas empresas, baixo unha mesma dirección central coa finalidade de exercer un control das vendas e a comercialización do petróleo.

A idea de Rockefeller materializouse en 1882, creándose así a Standard Oil Trust, que foi o primeiro monopolio do mundo, abranguendo toda a industria petroleira estadounidense, controlando os procesos de extracción, refinamento, transporte, distribución e venda de todos os produtos derivados do 90% de todo o petróleo dos Estados Unidos e sostendo operacións, investimentos e actividades en decenas doutros países.

Este foi o epítome da extraordinaria carreira empresarial de Rockefeller, que agora era o home máis adiñeirado dos Estados Unidos e posiblemente do mundo.

Os Estados Unidos contra Rockefeller

editar

A finais da década de 1880, o goberno dos Estados Unidos estaba centrando a súa atención no inmenso desenvolvemento do sector privado do país. Nese momento, o goberno estaba decidido a regulamentalo, para permitir o desenvolvemento equilibrado e xusto dos investimentos e as compañías, buscando establecer a libre competencia, nun país onde non existía. Por suposto, para levar a cabo ese proxecto de reforma era necesario demostrar que non se permitirían monopolios, e a única forma de probalo era suprimindo o máis grande e poderoso de todos, a Standard Oil, que grazas á Standard Oil Trust, aos seus múltiples investimentos e ao seu dominio da industria, controlaba case na súa totalidade o petróleo estadounidense e gran parte do petróleo do mundo.

 
a Exxon Mobil, é a máis grande das trinta sucesoras da Standard Oil
 
O goberno debeu enfrontarse a Rockefeller para poder aplicar as novas medidas antimonopolio que planeaban

Desta maneira, o goberno preparouse para enfrontarse ao home máis poderoso de Norteamérica, Rockefeller, e levalo ante os tribunais. A pesar de que foron moitos os xornalistas e investigadores, tanto públicos como privados, os que expuxeron ao monopolio de Rockefeller, ao goberno resultoulle moi difícil facer fronte ao poderoso magnate e ao seu imperio. Foron necesarios anos enteiros de litixios só para levalo ante os tribunais, pois John D. Rockefeller dispuxo do seu exército de avogados para defender os seus intereses.

 
Chevron mantén no seu logotipo unha referencia á súa antecesora, Standard Oil

Finalmente, formulouse o caso ante o Tribunal Superior de Xustiza de Ohio, que decretou a Standard Oil Trust como un monopolio ilegal e ordenou a súa disolución. A decisión foi apelada por Rockefeller, pero perdeu. Aínda así, con todo e as esixencias da corte, o monopolio non se disolveu como tal ata 1899, dado que se ben accedeu a desactivar a Standard Oil Trust, o imperio petrolífero de Rockefeller xa estaba máis que afianzado, e ese ano John Davison Rockefeller estableceu a Standard Oil Company en Nova Jersey, sendo o seu presidente ata a súa xubilación en 1911. Este mesmo ano a empresa dividiuse en 37 por orde do Tribunal Superior de Xustiza dos Estados Unidos, que considerou a compañía demasiado grande e poderosa na industria como para continuar unida. Aínda así, Rockefeller continuou a manter o 30 % das accións de todas esas compañías e a súa familia conservou a maioría do resto das accións, polo que a súa fortuna non se viu afectada.

Cómpre destacar que a listaxe de empresas que xurdiron da Standard Oil continúan a ser as principais compañías petroleiras, non só dos Estados Unidos senón do mundo, contándose na lista compañías como a Exxon Mobil, que é a multinacional petroleira máis grande do mundo, Chevron, que é outra das grandes multinacionais petrolíferas, ConocoPhillips, Amoco (que foi absorbida por British Petroleum no ano 2000) e Standard Oil of Ohio, previamente coñecida como Sohio.

Final da súa vida

editar
 
Rockefeller en 1911

Aos 53 anos de idade, a súa saúde comezou a empeorar. Con varias enfermidades dixestivas, perdeu o cabelo, adelgazou e afundíronselle os ombreiros. Co lombo torcido, chegou a ter a aparencia dun home moito máis vello do que en realidade era e apenas podía manterse en pé. Buscou tratamentos custosos mais a súa saúde non mellorou. Foi entón cando comezou a baixar o seu ritmo de traballo, a descansar máis e a alimentarse ben, e a súa saúde foi mellorando.

Rockefeller, tras a separación en trinta diferentes empresas da súa xigantesca petroleira, e tras o seu retiro como presidente do grande imperio en 1911, centrou a súa atención sobre todo nas súas actividades filantrópicas e no seu máis ambicioso proxecto no ámbito inmobiliario, a construción do Rockefeller Center, que non puido ver rematado, debido á súa morte en 1937 na súa residencia de Ormonde Beach, Florida, aos 98 anos de idade. Foi enterrado en Lake View Cemetery, en Cleveland, a cidade que viu nacer o seu inmenso imperio.

Foi o seu fillo, John Davison Rockefeller Jr. quen completou a construción do proxecto que era o Rockefeller Center, que foi o maior centro empresarial no seu momento.

Vida privada

editar

Rockefeller gozou da vantaxe do anonimato naquela época, o seu nome era recoñecido, mais non se viu envolto en ningún tipo de escándalo nin sufriu de persecución dos medios. Dende novo, mostrou sempre un carácter reservado, sempre se esforzaba ao máximo no que facía e a súa intelixencia para os negocios era innegable, mais sempre foi discreto.

Casou con Laura Celestia Spelman, profesora de Nova York, con quen se mantivo casado ata a súa morte e coa que tivo cinco fillas: Elizabeth, Alice, Alta, Edith e Maríe, e un fillo varón, John Davison Rockefeller Jr., quen herdou o seu imperio tras a súa morte. A súa vida familiar transcorreu entre as súas múltiples residencias e na súa casa de nove plantas en Nova York, onde máis tempo pasou.

Crenzas e ética

editar

Rockefeller era moi firme respecto a todo o que conformaba a súa personalidade e o seu complexo de ideoloxías e crenzas. En primeiro plano era firmemente fiel á Igrexa baptista e en segundo plano era extremadamente ríxido respecto ao seu paradigma organizativo, de planificación e de administración monetaria e do seu tempo.

En canto á súa tendencia política, sempre apoiou ao Partido Republicano.

Filosofía empresarial

editar

A súa filosofía empresarial baséase simplemente nun ideal de profesionalismo, dado que cría e aplicaba a idea de que só os mellores, con máis experiencia, con máis títulos e mellor preparación e determinación debían traballar para el. Esta filosofía complementábase coa súa ideal de dominación e crecemento esaxerado, por parte dos seus negocios, creando así unha idea xeral, próxima ao darwinismo social, baixo a clásica crenza de que só os mellores triunfan. Ese ideal foi representado por el na súa reflexión denominada «American Beauty» (Beleza americana).

A súa frase, célebre na cultura capitalista estadounidense, foi pronunciada como metáfora do darwinismo social:

O crecemento dun gran negocio é simplemente a supervivencia do máis apto... a bela rosa estadounidense só pode lograr o máximo do seu esplendor e perfume que nos encantan, se sacrificamos os casulos que crecen ao seu arredor. Isto non é unha tendencia maligna nos negocios. É máis ben só a elaboración dunha lei da natureza e dunha lei de Deus.[9]

Esta frase, representa en máis dun sentido, a visión capitalista do mesmo Rockefeller e para efectos do darwinismo social, é a máis representativa de todas as frases ou reflexións que se fixeran sobre esa liña de pensamento.

Fortuna persoal

editar
 
Rockefeller utiliza como referencia á rosa americana, para explicar súa punto de vista, coa famosa frase de "American Beauty"

Debido á súa gran fortuna, Rockefeller logrou converterse na imaxe por antonomasia do multimillonario estadounidense. Posuíu múltiples propiedades inmobiliarias. A súa residencia principal en Nova York, era a máis luxosa e extensa de todas, con nove plantas.

As súas achegas filantrópicas acadaron os 550 millóns de dólares. Destes, o 80 % foi a parar a catro organizacións caritativas creadas por el mesmo: a Fundación Rockefeller, a General Education Board, o Instituto Rockefeller para a Investigación Médica (Universidade Rockefeller) e o Laura Spelman Rockefeller Memorial, creado en 1918 e absorbid pola Fundación Rockefeller en 1929.

  1. "John D. ande Standard Oil". Bowling Green State University (en inglés). 2008. Arquivado dende o orixinal o 17 de decembro de 2011. Consultado o 25 de setembro de 2012. 
  2. Fosdick, Raymonde Blaine (1989). The story of the Rockefeller Foundation. Transaction Publishers.ISBN 0-88738-248-7.
  3. Albro Martin (2012). John D. Rockefeller. Encyclopedia Americana 1999 Vol. 23 (en inglés). 
  4. askMen.com (2012). "Top 10 Richest Men Of All Time" (en inglés). Consultado o 25 de setembro de 2012. 
  5. PBS (2007). "Rockefeller Family" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 29 de febreiro de 2012. Consultado o 25 de setembro de 2012. 
  6. Fortune (2007). "The richest americans" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 17 de outubro de 2012. Consultado o 25 de setembro de 2012. 
  7. New York Times (2007). "The Wealthiest Americans Ever" (en inglés). Consultado o 25 de setembro de 2012. 
  8. Glenday, Craig; Fall, Stephen, eds. (2013). "Introducción. ata o límite.". Guinness World Records 2013. España. p. 2. ISBN 9788408008651. 
  9. Esta frase foi pronunciada nunha conferencia escolar, e está citada en Hofstadter, Richard; 1959; Social Darwinism in American Thought, George Braziller; New York, páx. 45. O texto orixinal en inglés é: The growth of a large business is merely a survival of the fittest.... The American Beauty rose can be producede in the splendor ande fragrance which bring cheer to its beholder only by sacrificing the ealy buds which grow up arounde it. This is not an evil tendency in business. It is merely the working out of a law of nature ande a law of God.

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar
  • Bringhurst, Bruce. Antitrust
  • Chernow, Ron. Titan: The Life of John D. Rockefeller, Sr. Warner Books. (1998). ISBN 0-679-75703-1 Online review.
  • Collier, Peter, and David Horowitz. The Rockefellers: An American Dynasty. Nova York: Holt, Rinehart and Winston, 1976.
  • Ernst, Joseph W., editor. "Dear Father"/"Dear Son:" Correspondence of John D. Rockefeller and John D. Rockefeller, Jr. Nova York: Fordham University Press, with the Rockefeller Archive Center, 1994.
  • Folsom, Jr., Burton W. The Myth of the Robber Barons. Nova York: Young America, 2003.
  • Fosdick, Raymond B. The Story of the Rockefeller Foundation. Nova York: Transaction Publishers, Reprint, 1989.
  • Gates, Frederick Taylor. Chapters in My Life. Nova York: The Free Press, 1977.
  • Giddens, Paul H. Standard Oil Company (Companies and men). Nova York: Ayer Co. Publishing, 1976.
  • Goulder, Grace. John D. Rockefeller: The Cleveland Years. Western Reserve Historical Society, 1972.
  • Harr, John Ensor, and Peter J. Johnson. The Rockefeller Century: Three Generations of America's Greatest Family. Nova York: Charles Scribner's Sons, 1988.
  • Harr, John Ensor, and Peter J. Johnson. The Rockefeller Conscience: An American Family in Public and in Private. Nova York: Charles Scribner's Sons, 1992.
  • Hawke, David Freeman. John D: The Founding Father of the Rockefellers. Nova York: Harper and Row, 1980.
  • Hidy, Ralph W. and Muriel E. Hidy. History of Standard Oil Company (New Jersey : Pioneering in Big Business). Nova York: Ayer Co. Publishing, Reprint, 1987.
  • Jonas, Gerald. The Circuit Riders: Rockefeller Money and the Rise of Modern Science. Nova York: W.W. Norton and Co., 1989.
  • Josephson, Matthew. The Robber Barons. Londres: Harcourt, 1962.
  • Kert, Bernice. Abby Aldrich Rockefeller: The Woman in the Family. Nova York: Random House, 1993.
  • Klein, Henry H. Dynastic America and Those Who Own It. Nova York: Kessinger Publishing, [1921] Reprint, 2003.
  • Knowlton, Evelyn H. and George S. Gibb. History of Standard Oil Company: Resurgent Years 1956.
  • Latham, Earl ed. John D. Rockefeller: Robber Baron or Industrial Statesman? 1949.
  • Manchester, William. A Rockefeller Family Portrait: From John D. to Nelson. Nova York: Little, Brown, 1958.
  • Morris, Charles R. The Tycoons: How Andrew Carnegie, John D. Rockefeller, Jay Gould, and J. P. Morgan Invented the American Supereconomy. Nova York: Owl Books, Reprint, 2006.
  • Nevins, Allan. John D. Rockefeller: The Heroic Age of American Enterprise. 2 vols. Nova York: Charles Scribner's Sons, 1940.
  • Nevins, Allan. Study in Power: John D. Rockefeller, Industrialist and Philanthropist. 2 vols. Nova York: Charles Scribner's Sons, 1953.
  • Pyle, Tom, as told to Beth Day. Pocantico: Fifty Years on the Rockefeller Domain. Nova York: Duell, Sloan and Pierce, 1964.
  • Roberts, Ann Rockefeller. The Rockefeller Family Home: Kykuit. Nova York: Abbeville Publishing Group, 1998.
  • Rockefeller, John D.; Random Reminiscences of Men and Events. Nova York: Sleepy Hollow Press and Rockefeller Archive Center, 1984 [1909].
  • Rose, Kenneth W. and Stapleton, Darwin H. "Toward a "Universal Heritage": Education and the Development of Rockefeller Philanthropy, 1884; 1913 " Teachers College Record" 1992/93(3): 536–555. ISSN.
  • Sampson, Anthony. The Seven Sisters: The Great Oil Companies and the World They Made. Hodder & Stoughton., 1975.
  • Smith, Sharon. Rockefeller Family Fables Counterpunch, 8 de maio de 2008
  • Stasz, Clarice. The Rockefeller Women: Dynasty of Piety, Privacy, and Service. St. Martins Press, 1995.
  • Tarbell, Ida M. The History of the Standard Oil Company 2 vols, Gloucester, Mass: Peter Smith , 1963. [1904].
  • Williamson, Harold F. and Arnold R. Daum. The American Petroleum Industry: The Age of Illumination,, 1959; also vol 2, American Petroleum Industry: The Age of Energy, 1964. Yergin, Daniel. The Prize: The Epic Quest for Oil, Money, and Power. Nova York: Simon & Schuster, 1991.
  • Public Diary of John D. Rockefeller, en Cleveland Western Historical Society