Monopolio puro
O monopolio puro (do grego, mono=único e polio=vendedor) é unha estrutura de mercado caracterizada pola presenza dunha única empresa, que produce un ben homoxéneo e que se comporta non paramétricamente en prezos, e pola existencia de barreiras de entrada e saída no mercado. En xeral está probado, nos modelos Microeconómicos que o estudan, que, cando o Monopolio non pode realizar discriminación entre os seus compradores (é dicir, cando non pode poñer prezos distintos para cada consumidor en función das posibilidades deste), senón que pon o mesmo prezo para todos os posibles compradores, neste caso, o prezo de equilibrio no mercado e a cantidade producida dese ben, que se determinan a partir de onde se cruzan a curva de custo marxinal (que depende da función de produción da empresa monopolística) e a curva de ingreso marxinal (que depende da demanda do ben producido pola empresa, demanda que depende dos compradores dese ben), son tales que, xeralmente, cumpren isto:
- O prezo posto pola empresa é máis alto que nos casos nos que non hai monopolio.
- A cantidade producida pola empresa é tamén menor que nos casos de non monopolio.
- E a utilidade total percibida por todos os axentes, tanto os compradores como a empresa monopolística, a suma desas utilidades, acostuma ser menor tamén que nos casos de non monopolio.
Por todas estas razóns, e algunhas máis, os monopolios son vistos de forma negativa nos mercados (como as leis Anti-Monopolio dos Estados Unidos). Non obstante, existen algúns monopolios inevitables, chamados monopolios naturais. En ocasións procúrase que os problemas deste tipo de monopolios se resolvan de maneira que sexa unha institución pública (que se supón que non ten interese en maximizar o seu propio beneficio, senón o benestar global) quen controle o prezo e a produción dese monopolio o que permite varialos en función dos usuarios ou compradores do monopolio.