Competencia monopolística
A competencia monopolística é unha estrutura de mercado caracterizada pola presenza de moitas empresas que venden produtos heteroxéneos, substitutivos achegados, pero imperfectos, entre si. Ao tratarse de produtos heteroxéneos, cada produtor ten un certo poder de mercado sobre o ben que produce, polo que a competencia monopolística pode definirse como unha estrutura de mercado intermedia entre monopolio e competencia perfecta.
O modelo clásico de competencia monopolística débese ao economista británico Chamberlin. Chamberlin formula que, debido ao cáracter heteroxéneo dos bens e ao certo poder de mercado que posúe cada produtor sobre os mesmos, as empresas cren enfrontarse a unha curva de demanda estimada ou "imaxinaria", segundo a cal as decisións do resto de produtores están dadas. Porén, para o resto de competidores non é óptimo manter as súas decisións ante unha variación unilateral da produción da empresa i-ésima. Deste xeito, existe unha curva de demanda real, que recolle as decisións de todos os produtores e que vai determinar o equilibrio de mercado. A curto prazo, o equilibrio de mercado acádase cando as decisións tomadas polas empresas segundo a curva de demanda "imaxinaria" son compatibles coa curva de demanda real. É dicir, no punto no que ámbalas dúas se igualan. A longo prazo, baixo o suposto de libre entrada e saída do mercado, non pode existir beneficio extraordinario, de tal xeito que o equilibrio se acada no punto no que a curva de demanda "imaxinaria" é tanxente ao custo medio ao longo prazo e coincide coa demanda real de mercado. Como resultado obtense o Teorema do exceso de capacidade de Chamberlin, segundo cal a empresa non acada o nivel eficiente de produción a longo prazo (mínimo do custo medio).
A clave dos modelos de competencia monopolística é a existencia de produtos non homoxéneos. Isto explícase habitualmente pola existencia de diferenciación de produtos, é dicir as empresas producen distintas variedades dun mesmo ben, o que lles outorga un certo poder de mercado sobre o mesmo. A diferenciación de produtos pode ser: horizontal, os consumidores demandan bens con diferentes características, ou vertical, os consumidores teñen unha distinta disposición ao pago por unha mesma característica. O modelo clásico de diferenciación horizontal é o de competencia espacial Hotelling(1929).
Véxase tamén
editarOutros artigos
editar