O SS Nomadic é un barco de vapor da White Star Line, construído no ano 1911 nos estaleiros de Harland and Wolff na cidade de Belfast, Irlanda do Norte. Foi construído como transbordador para o RMS Olympic e o RMS Titanic. Foi deseñado por Alexander Carlisle e Thomas Andrews e é o único barco da frota da White Star que aínda existe, sendo actualmente usado como barco museo.

SS Nomadic

O SS Nomadic convertido nun barco museo en Belfast.
Historial Reino Unido
Francia
Belfast (Irlanda do Norte)
Estaleiro Harland and Wolff, Belfast, Reino Unido Reino Unido
Tipo Transbordador
Operador White Star Line
Posta en grella 22 de decembro de 1910
Botado 25 de abril de 1911
Asignado 27 de maio de 1911
Baixa 4 de novembro de 1968
Destino Agora: barco museo en Belfast (Irlanda do Norte)
Características xerais
Desprazamento 1.273 t
Eslora 67,2 m
Manga 11,3 m
Calado 2,4 m
Cubertas 4
Propulsión Dous motores de dobre expansión e dúas hélices de tripla pá.
Potencia 550 HP
Tripulación 14
Capacidade 1014 persoas entre pasaxe e tripulación

Historia

editar
 
O Nomadic en 1911.

A quilla do Nomadic foi colocada nos estaleiros de Harland and Wolff en 1910, e foi botado o 25 de abril de 1911. Realizou as probas de mar o 16 de maio de 1911 e foi asignado a White Star Line o 27 de maio dese ano.

Xunto co seu irmán, o SS Traffic, o Nomadic foi empregado como transbordador para o RMS Titanic e para o RMS Olympic en Cherburgo, Francia. Foi equipado cun luxoso interior e foi polo tanto usado polos pasaxeiros de primeira e segunda clase, mentres que o Traffic serviu para os de terceira.

Durante a primeira guerra mundial o Nomadic usouse para o transporte das tropas dos Estados Unidos en Brest, Francia.

En 1927 foi vendido á Compagnie Cherbourgeoise de Transboerdement e despois, en 1934 á Société Cherbourgeoise de Remorquage et de Sauvetage (SCSR). Entón baixo o nome de Ingenieur Minard, serviu outra vez como barco de tropas na segunda guerra mundial.

Ó rematar a guerra continuou co transbordo de pasaxeiros a barcos da Cunard White Star, ata o 4 de novembro de 1968, cando serviu ao RMS Queen Elizabeth por última vez.

 
O SS Nomadic atracado no río Sena en París no ano 2000.

No ano 1974 foi adquirido por Yvon Vincent, e convertíuno nun restaurante sobre o río Sena en París. O restaurante funcionou dende 1977 até 1999, e tras o seu peche, o Nomadic permaneceu atracado e semiabandonado, ata que foi levado ao porto de Le Havre no 2003 onde permaneceu ata o 2006.

Conservación do Nomadic

editar
 
O SS Nomadic en Belfast sendo restaurado, en marzo de 2012.

O 26 de xaneiro de 2006, o Nomadic foi adquirido polo Department of Social Development of Northern Ireland polo prezo de 171 320 £.

O concello de Belfast inverteu 7 millóns de libras esterlinas para a conservación e restauración do Nomadic.

O Belfast Industrial Heritage levou a cabo a campaña de financiamento e a colaboración do 'White Star Memories' e outros apaixonados pola preservación do Nomadic contribuíron na restauración do navío.

Situación actual

editar

Tras o seu regreso a Belfast, o Nomadic foi amarrado no peirao de Queen xusto as aforas do centro Odyssey Arena de Belfast e aberto en exposición temporal. A finais do 2008, o barco foi pechado ao público e trasladado ao porto de Barnett para o mantemento do interior.

En xaneiro do 2009, a empresa Frazer-Nash foi nomeada administradora do Plan de Xestión da Conservación. O nivel da restauración estaba planificado que a restauración completa do Nomadic estivera completada a tempo para o 100 aniversario do afundimento do RMS Titanic no ano 2012. En 2009 entrou en dique seco para a súa completa restauración.[1]

En 2013 completouse a nova superestrutura e a restauración do interior.

  1. "Belfast Telegraph: "Titanic's Nomadic wanders down the quayside"". Arquivado dende o orixinal o 04 de xuño de 2009. Consultado o 21 de abril de 2010. 

Véxase tamén

editar

Ligazóns externas

editar