Manuscrito Voynich

libro misterioso do século XVI

O manuscrito Voynich é un misterioso libro ilustrado de contido hoxe incomprensíbel. Crese que foi escrito hai aproximadamente 600 anos por un autor descoñecido que se valeu dun sistema de escrita non-identificado e unha linguaxe inintelixíbel, así como de ilustracións a cor desconcertantes.

Manuscrito Voynich
LinguaVoynichese
Data de pub.valor descoñecido
editar datos en Wikidata ]
Fragmento do manuscrito.

A teoría hoxe máis aceptada é que o manuscrito se creou como peza de arte no correr do século XVI, a modo de fraude. O defraudador sería o mago e astrólogo inglés Edward Kelley contando coa axuda do filósofo John Dee para enganar a Rodolfo II de Xermania (do Sacro Imperio Romano).

O libro adquiriuno o polonés-estadounidense Wilfrid M. Voynich, quen lle deu o seu nome, ao compralo en 1912. A partir de 2005, o manuscrito Voynich pasou a ser o item MS 408 na Beinecke Rare Book and Manuscript Library (Biblioteca Beinecke de libros raros e manuscritos) da Universidade Yale. A primeira edición facsímile publicouse en 2005 (Le Code Voynich), cunha curta presentación en francés do editor, Jean-Claude Gawsewitch. O seu número de rexistro é ISBN 2-35013-022-3.

Ao longo da súa existencia rexistrada, o manuscrito Voynich ten sido obxecto de intenso estudo por parte de moitos criptógrafos, incluíndo algúns dos maiores descifradores norteamericanos e británicos dos tempos da segunda guerra mundial. Ningún eles non deron descifrado ningunha soa palabra, o que transformou o manuscrito Voynich nun tema famoso da historia da criptografía, como tamén a estender a teoría de que é simplemente un engano moi ben tramado, é dicir, unha secuencia arbitraria de símbolos.

Mais que cumpra a lei de Zipf, que di que en todas as linguas coñecidas a lonxitude das palabras é inversamente proporcional á súa frecuencia de aparición (cantas máis veces aparece unha palabra nun idioma, máis curta é), fai pensar que se trata non só dun texto redactado nunha linguaxe concreta, senón tamén que se trata dunha lingua natural, xa que as linguas artificiais, como os idiomas élficos de Tolkien ou o klingon de Star Trek, non cumpren esta regra. Isto é debido á economía lingüística: as palabras que máis utilizamos son máis curtas e así requiren menos enerxía, por iso o uso dunha lingua acaba impoñendo esta lei, enunciada moitos séculos despois da creación deste manuscrito, e polo tanto, é improbable que o autor a aplicase a unha lingua inventada por el.

En 2009 investigacións da Universidade de Arizona demostraron, mediante a proba do carbono-14, e cunha fiabilidade do 95 %, que o pergamiño do manuscrito podía datarse entre 1404 e 1438.[1][2] Por outra parte, o McCrone Research Institute de Chicago demostrou que a tinta se aplicou non moito despois, confirmando así que o manuscrito é un auténtico documento medieval.[1]

Sobre o lugar no que se puido escribir, tan só se dispón dunha posible pista. Nunha das súas ilustracións aparece unha cidade amurallada, e son as súas ameas debuxadas as que achegan unha orientación. A súa forma é a das ameas chamadas de cola de andoriña, un estilo estético que máis tarde, no renacemento, se popularizou por toda Europa, pero que no momento no que supostamente se elaborou o manuscrito, segundo os últimos estudos da Universidade de Arizona, só se podía encontrar no norte de Italia, quizais na ampla rexión que transcorre entre Milán e Venecia.

Descrición editar

O libro ten unhas 240 páxinas de pergamiño, con baleiros na numeración nas mesmas (a cal é aparentemente posterior ao texto, quizais do século XVI), o que suxire que varias páxinas se extraviaron xa antes da súa compra por Voynich. Para evitar extravíos posteriores o padre Theodore C. Petersen fotocopiouno en 1931, repartindo as devanditas copias entre varios investigadores interesados no seu estudo e intento de tradución. Empregouse pluma de ave para escribir o texto e debuxar as figuras con pintura de cores; segundo se pode apreciar, o texto é posterior ás figuras, xa que en numerosas ocasións o texto aparece rozando os bordos das imaxes, algo que non ocorrería se estas fosen engadidas posteriormente.

Ilustracións editar

As ilustracións do manuscrito non aclaran os contidos do texto, pero denotan que o libro consta de seis «seccións», con diferente materia e estilo. Exceptuando a última sección, que contén unicamente texto, case a totalidade das páxinas conteñen polo menos unha ilustración. As seccións e os seus nomes convencionais son:

  • Herbario: cada páxina amosa unha planta (ás veces dúas) e algúns parágrafos de texto, un formato típico de herbarios europeos da época. Algunhas partes destas ilustracións son copias en maior escala e detalle de esbozos vistos na sección farmacéutica.
  • Astronómica: Contén diagramas circulares, algúns deles con soles, lúas e estrelas, o que suxire que trata de astronomía ou astroloxía. Unha serie de 12 diagramas amosa símbolos convencionais para constelacións zodiacais (dous peixes para Pisces, un touro para Tauro, un soldado cun arco para Saxitario etc.). Cada símbolo está rodeado por exactamente 30 figuras de mulleres en miniatura, a maioría delas espidas, cada unha sostendo unha estrela. As dúas últimas páxinas desta sección (Acuario e Capricornio) perdéronse, mentres que Aries e Tauro están separados en catro diagramas con 15 estrelas cada un. Algúns destes diagramas atópanse en páxinas despregables.
  • Biolóxica: Un texto denso e continuo con figuras de pequenas mulleres espidas tomando baños en balnearios públicos ou tinallas interconectadas por unha elaborada rede de canos, algunhas delas claramente en forma de órganos do corpo. Algunhas das mulleres levan coroas.
  • Cosmolóxica: Máis diagramas circulares, pero de natureza descoñecida. Esta sección tamén posúe páxinas despregables, unha delas de seis páxinas de longo, que contén unha especie de mapa ou diagrama con seis «illas» conectadas por calzadas, castelos e posiblemente un volcán.
  • Farmacéutica: Varios debuxos con lendas de partes de plantas illadas (raíces, follas etc.); obxectos similares a xerras farmacéuticas (albarelos) ao longo das marxes e algúns parágrafos de texto.
  • Receitas: Moitos parágrafos curtos, cada un marcado cunha «viñeta» en forma de flor (ou estrela) que fan pensar nunha serie de ordes, pasos ou instrucións para elaborar algo (presumiblemente un produto químico ou alquímico).

O texto editar

 
A sección «biolóxica» do texto contén texto cinguido e ilustracións de mulleres bañándose núas.

O texto (chamado voynichés) foi claramente escrito de esquerda a dereita, cunha marxe dereita desigual. As seccións máis longas atópanse partidas en parágrafos, a miúdo con «viñetas» na marxe esquerda. Non hai evidencia de signos de puntuación.

O texto é fluído, como se o escritor entendese ben o que estaba escribindo mentres o facía; o manuscrito non dá a impresión de que cada carácter tivese que ser calculado antes de ser escrito na páxina.

O texto consiste en máis de 170.000 glifos, normalmente separados uns doutros por pequenos espazos. A maioría dos glifos están escritos cun ou dous trazos simples. Considerando que existen disputas sobre se certos glifos son distintos ou non, calcúlase que o alfabeto enteiro consta de entre 20 e 30 glifos totais para case todo o texto, con raras excepcións dalgunhas decenas de caracteres «estraños», encontrados unha ou dúas veces en todo o texto.

Os espazos máis anchos dividen o texto nunhas 35.000 «palabras» de lonxitude variada. Estas parecen seguir unha certa fonética ou regras ortográficas de certo tipo; por exemplo, algúns caracteres deben aparecer en cada palabra (como as vogais no galego), algúns caracteres nunca seguen a outros, algúns poden ser dobres pero outros non.

As análises estatísticas do texto revelaron patróns similares ás das linguas naturais. Por exemplo, a frecuencia de palabras segue a Lei de Zipf e a entropía (arredor de 10 bits por palabra) é similar á de textos en latín. Algunhas palabras aparecen exclusivamente en certas seccións, ou só nalgunhas páxinas; outras son frecuentes en todo o manuscrito. Existen moi poucas repeticións entre as miles de «lendas» adxuntas ás ilustracións. Na sección herbario, a primeira palabra de cada páxina aparece só nesa páxina, podendo representar o nome da planta.

Por outro lado, o «idioma» do manuscrito Voynich, o voynichés, é distinto dos idiomas europeos en varios aspectos. En particular non existen palabras con máis de 10 «letras». Ademais, a distribución de letras dentro dunha palabra é algo peculiar: algúns caracteres aparecen só no principio dunha palabra, outros só ao final e algúns sempre no medio.

O texto parece ser máis repetitivo que os típicos idiomas europeos; existen secuencias nas cales a mesma palabra común aparece até tres veces consecutivas.

Historia editar

Atribúeselle aos primeiros propietarios reais do manuscrito a crenza da súa autoría por parte de Roger Bacon (1214-1294). O manuscrito presenta notables parecidos cunha obra do autor inglés Anthony Ascham, A Little Herbal (Pequeno herbario), publicada en 1550.

Os primeiros propietarios teóricos do manuscrito foron Rodolfo II de Bohemia (1552-1612) (neto de Carlos I de España) e Jacobus Horcicky de Tepenecz (quen o posuíu entre 1612 e 1622), quen á súa vez llo pasara a Georgius Barschius (quen en teoría o tivo entre 1622-1665). Deste último personaxe non se ten noticias máis que por unhas cartas posiblemente escritas por Johannes Marcus Marci (posuidor do libro en 1665), dirixidas a Athanasius Kircher. Quizais emulando ao orientalista Andreas Mueller, quen conseguira estafar a Kircher cun texto fraudulento, e coa colaboración de Raphael Missowsky, escribira o manuscrito e creara toda a representación anterior.

Permanecería en mans de Athanasius Kircher desde 1665 até 1680, sen que puidese descifralo, pasando á biblioteca do Collegio Romano (actualmente a Universidade Pontificia Gregoriana) até 1912, momento no que o compraría Wilfrid M. Voynich (entre 1912 e 1930) para pasar posteriormente á súa viúva, Ethel Boole Voynich (entre 1930 e 1961), a Hans Peter Kraus (entre 1961 e 1969), cedéndoo este último á Universidade Yale.

O alfabeto do manuscrito Voynich non se parece a ningún tipo de escritura coñecida, e a única evidencia práctica da idade e orixe do libro son as súas ilustracións, en especial os vestiarios e peiteados das figuras humanas e algúns castelos vistos nos diagramas. Todo é caracteristicamente europeo e, baseándose nesta evidencia, a maioría dos expertos datan o libro entre os anos 1450 e 1520, sendo esta estimación apoiada por outras pistas secundarias.

O primeiro dono confirmado do manuscrito foi un certo Georgius Barschius, un escuro alquimista que viviu en Praga a comezos do século XVII. Aparentemente, Barschius encontrábase tan confundido con respecto ao libro coma nós hoxe en día. Tras saber que Athanasius Kircher, un erudito xesuíta do Collegio Romano, publicara un dicionario de copto (etíope) e ter descifrado os xeroglíficos exipcios, enviou unha mostra do manuscrito Voynich a Kircher en dúas ocasións, pedíndolle pistas. A súa carta a Kircher en 1639, recentemente atopada por René Zandbergen, é a mención máis antiga do manuscrito encontrada até o de agora.

Descoñécese se Kircher respondeu ao pedido, pero aparentemente estivo interesado en intentar adquirir o libro, que Barschius non quixo vender. Tras a morte de Barschius, o manuscrito pasou a mans do seu amigo Johannes Marcus Marci, naquel momento reitor da Universidade Carolina de Praga, quen rapidamente enviou o libro a Kircher, o seu amigo correspondente. A carta de Marci (1665) encóntrase aínda adxunta ao manuscrito. Nesta carta ofrécelle o manuscrito para o seu descifrado e menciona que foi adquirido polo emperador Rodolfo II de Bohemia (1552-1612) por 600 ducados de ouro. A carta menciona tamén que na corte de Rodolfo II críase que o autor do manuscrito fora Roger Bacon (o frade franciscano que viviu entre 1214 e 1294).

Non se encontran mencións do libro nos dous séculos seguintes, aínda que moi probablemente fose conservado, xunto coa correspondencia de Kircher, na biblioteca do Collegio Romano (actualmente a Universidade Pontificia Gregoriana). Alí permaneceu probablemente até que as tropas de Vítor Manuel II de Italia conquistaron a cidade en 1870, anexionando os Estados Pontificios ao novo Estado italiano. O novo Goberno italiano decidiu confiscar moitas das propiedades da Igrexa, incluíndo a biblioteca do Collegio. De acordo coas investigacións de Xavier Ceccaldi e outros, xusto despois deste acontecemento, moitos dos libros da biblioteca da universidade foron transferidos precipitadamente ás bibliotecas persoais da súa facultade, onde quedaron a salvo da confiscación. A correspondencia de Kircher, incluíndo o manuscrito, encontrábanse entre estes libros.

Parece ser que arredor do ano 1912, o Collegio Romano estaba nunha situación económica precaria e decidiu vender, discretamente, algunhas das súas propiedades. Así foi como Wilfrid Voynich adquiriu 30 manuscritos, entre eles estes. Trinta anos despois da morte de Voynich, no ano 1961, a súa viúva vendeu o libro a outro marchante de libros antigos, chamado H. P. Kraus. Non podendo encontrar un comprador, Kraus doou o manuscrito á Universidade Yale en 1969.

Teorías sobre a autoría editar

Propuxéronse numerosos posibles autores do manuscrito Voynich. A continuación cítanse os máis populares.

Roger Bacon editar

 
R. Bacon.

A carta, adxunta ao manuscrito, de Marci a Kircher (1665), di que, segundo o seu amigo Raphael Mnishovsky, o Emperador Rodolfo II de Bohemia (1552-1612) tería mercado o libro por 600 ducados (uns miles de euros en moeda contemporánea). Segundo a carta, Rodolfo (ou talvez Raphael) crían que o autor era o franciscano Roger Bacon (1214-1294).

A pesar de que Marci dixo que «non opinaba» sobre a anterior afirmación, Voynich tomouna bastante en serio e fixo todo o posible por confirmala. A súa convicción influíu poderosamente na maioría dos intentos de desciframento durante os 80 anos seguintes. Mais, os estudosos que viron o manuscrito e están familiarizados coa obra de Bacon, negan rotundamente tal posibilidade. Tamén hai que advertir que Raphael morreu en 1644, e a compra debeu acontecer antes da abdicación de Rodolfo, en 1611, polo menos 55 anos antes da carta de Marci.

John Dee editar

 
John Dee.

A hipótese da autoría de Roger Bacon levou a Voynich a concluír que a única persoa que puido vender o manuscrito a Rodolfo foi John Dee, un matemático e astrólogo da Corte de Sabela I de Inglaterra, e coñecido por ser propietario dunha gran colección de manuscritos de Bacon. Dee e o seu scrier (axudante «medium») Edward Kelley viviron varios anos en Bohemia, para ofreceren os seus servizos ao Emperador. Non obstante, os minuciosos diarios de Dee non mencionan esta venda, o que a fai bastante improbable. De todas formas, se o autor non fose Bacon, a relación de Dee co manuscrito simplemente desaparece. Por outra parte, o propio Dee podería telo escrito, e propagar logo o rumor de que era unha obra orixinal de Bacon, coa esperanza de vendelo posteriormente.

Edward Kelley editar

O compañeiro de Dee en Praga, Edward Kelly, ou Kelley, era un extravagante alquimista, que presumía de poder transmutar o cobre en ouro grazas a un po secreto que extraera da tumba dun bispo en Gales. Como scrier de Dee, tamén afirmaba ser capaz de invocar os anxos cunha bóla de cristal, e manter longas conversas con eles, que Dee anotaba escrupulosamente. A lingua dos anxos denominouna «enoquiano», derivado de Enoc, o pai de Metuxalén; segundo o apócrifo «Libro de Enoc», Enoc foi levado a visitar o Ceo nun carro tirado por anxos, e logo escribiu un libro verbo do que alí viu. Algúns suxeriron que, igual que Kelley inventou o «enoquiano» para enganar a Dee, podería ter creado o manuscrito Voynich para estafar o Emperador (quen ademais pagaba a Kelley polos seus presuntos coñecementos alquímicos). Mais, se Roger Bacon non é o autor do manuscrito, a relación de Kelley con este é tan improbable como a de Dee.

Wilfrid Voynich editar

Sospeitouse moitas veces que o propio Voynich elaborou o manuscrito. Como anticuario de libros, seguramente tiña os coñecementos e medios necesarios, e un «libro perdido» de Roger Bacon valería unha fortuna. Mais, o recente descubrimento da carta de Baresh a Kircher, eliminou completamente esta posibilidade, salvo que, Voynich «quitase» a carta do libro orixinal que a contiña e falsificase un libro novo baseándose no contido da devandita carta.

Jacobus Sinapius editar

 
J. Sinapius.

Unha reprodución fotostática da primeira páxina do manuscrito Voynich, feita por Voynich nalgún momento anterior a 1921, mostraba o rastro débil dunhas palabras que foran borradas. Coa axuda dalgúns produtos químicos, púidose ler que o texto dicía «Jacobj `a Tepenece»: é dicir, Jakub Horcicky de Tepenec, en latín Jacobus Sinapius, un especialista en herbas medicinais, médico persoal de Rodolfo II e encargado dos seus xardíns botánicos. Voynich, e moitos outros despois, deduciron desta «sinatura» que Jacobus posuíu o manuscrito Voynich antes que Baresh, e viu niso unha confirmación da historia de Raphael. Outros suxeriron que o propio Jacobus puido ser o autor.

Mais a caligrafía das palabras difuminadas non coincide coa da firma de Jacobus, que aparece nun documento recentemente localizado por Jan Hurich. Por iso é posible que a escritura da primeira páxina fose engadida posteriormente por un dono ou libreiro, e sería só a hipótese desta persoa sobre a autoría do manuscrito. Nos libros de historia dos xesuítas dos que dispoñía Kircher, Jacobus era o único alquimista ou médico da corte de Rodolfo que merece unha entrada dunha páxina completa mentres que, por exemplo, apenas mencionan a Tycho Brahe. Ademais os produtos químicos aplicados por Voynich deterioraron tanto o pergamiño que actualmente apenas se pode ver rastro da escritura, así que tamén existe a sospeita de que a firma foi falsificada por Voynich para contribuír ao fortalecemento da hipótese da autoría de Roger Bacon.

Johannes Marcus Marci editar

Johannes Marcus Marci coñeceu a Kircher cando encabezaba unha delegación da Universidade Carolina de Praga a Roma en 1638, e nos 27 anos seguintes os dous eruditos intercambiaron correspondencia sobre unha gran variedade de disciplinas científicas. A misión de Marci formaba parte da loita continua da facción secularista da Universidade para manter a súa independencia respecto aos xesuítas, que dirixían o Colexio Clementinum de Praga, rival da Universidade. A pesar deses esforzos, as dúas universidades fusionáronse en 1654 baixo control dos xesuítas. Polo tanto, especulouse que a animosidade política contra os xesuítas levou a Marci a «fabricar» a carta de Baresch, e máis tarde o manuscrito Voynich, nun intento de desacreditar a Kircher, «estrela» xesuíta.

A personalidade e coñecementos de Marci parecen adecuados para levar a cabo esta tarefa, e Kircher, un «Doutor Sabichón», era unha presa fácil, pois recórdase máis polos seus erros espectaculares que polos seus logros. Incluso a carta de Baresch garda certo parecido cunha fraude que o orientalista Andreas Mueller fixo ao propio Kircher: Mueller elaborou un manuscrito inintelixible e envioullo a Kircher, cunha nota adxunta que explicaba que procedía de Exipto. Pediulle a Kircher unha tradución, e sábese que Kircher fixo unha inmediatamente.

Tamén hai que sinalar que as únicas probas da existencia de Georg Baresch son tres cartas enviadas a Kircher: unha remitida por Baresch (1639) e dúas por Marci (un ano despois). Tamén é curioso que a correspondencia entre Marci e Kircher acaba en 1665, precisamente coa carta adxunta ao manuscrito Voynich. Non obstante, o resentimento secreto de Marci contra os xesuítas é pura conxectura: era un católico devoto, el mesmo estudara para facerse xesuíta, e pouco despois da súa morte en 1667, foille concedida a pertenza honorífica á Orde.

Raphael Missowsky editar

Raphael Missowsky, amigo de Marci, a quen se lle atribúe a historia de Bacon, era criptógrafo entre outras moitas cousas, e parece que inventou un cifrado presuntamente indescifrable. Isto levou á hipótese de que elaborou o manuscrito Voynich como unha demostración práctica do devandito cifrado, e converteu a Baresh nun involuntario coello de Indias. A hipótese segue con que despois de que Kircher publicase o seu libro sobre o copto, Raphael pensou que enganar a este sería un trofeo moito máis suculento que o enganar a Barech, e convenceu o alquimista para que lle pedise axuda ao xesuíta. Inventaría a historia de Roger Bacon para motivar máis a Barech. O feito de que se abstivese de dar a súa opinión na carta adxunta ao manuscrito Voynich pode significar que Marci sospeitase que era unha farsa. Aínda así, non hai probas definitivas desta teoría.

Anthony Ascham editar

O doutor Leonell Strong, investigador do cancro e criptógrafo afeccionado, intentou descifrar o manuscrito Voynich. Strong dixo que a solución era «un peculiar sistema dobre de progresións aritméticas dun alfabeto múltiple». Strong defendía que o texto revelaba que o autor do manuscrito Voynich era o autor inglés do século XVI Anthony Ascham, cuxa obra incluía A Little Herbal (Un pequeno herbario), publicado en 1550. Aínda que o manuscrito Voynich contén seccións parecidas ao herbario, o principal argumento contra esta hipótese é que se descoñece onde obtivo este autor os coñecementos literarios e criptográficos necesarios.

Teorías sobre o seu propósito editar

 
F34r, sección herbal.

A impresión xeral que proporcionan as páxinas que temos do manuscrito suxiren que o seu propósito era servir como unha farmacopea ou desenvolver temas comúns na medicina medieval ou renacentista. No entanto, os detalles intrigantes das ilustracións alimentaron moitas teorías sobre a orixe do libro, o seu contido, e os fins para os que foi concibido.

Herbario editar

A primeira sección do libro é case seguro un herbario, pero non se deron identificado as plantas. Só se poden identificar con algunha certeza un par de plantas, entre as que se inclúen o pensamento silvestre e unha especie de fieito, o «cabelo de Venus». Os debuxos do herbario que parecen esbozos farmacolóxicos parecen ser copias, salvo que se completaron partes que faltan con detalles inverosímiles. De feito, moitas das plantas parecen ser compostas (xocosamente denomináronse «frankenplantas»): xúntanse as raíces dunha especie coas follas doutra e as flores dunha terceira; algunhas teñen as raíces adornadas con «ollos», gadoupas ou incluso garras: descoñécese que significan estes adornos (salvo que fosen claves ou pistas visuais dalgún tipo).

Xirasoles editar

Brumbaugh cre que unha ilustración representa un xirasol do Novo Mundo, o que axudaría a datar o manuscrito e abriría posibilidades intrigantes acerca da súa orixe. Non obstante, a semellanza é escasa, sobre todo se se a compara coa especie silvestre orixinal; e posto que se descoñece a escala do debuxo, a planta podería representar un exemplar dunha ampla familia botánica, composta por moitas especies (margarida, camomila,...) e estendida por todo o mundo.

Ricinus communis editar

Outra das posibles especies que se distinguiría nas follas e nos froitos é a planta Ricinus communis.

Alquimia editar

Os recipientes e tubos da sección «biolóxica» poderían indicar unha relación coa alquimia, o que sería relevante se o libro contivese instrucións para a preparación de compostos médicos. Mais os libros alquímicos da época comparten unha linguaxe visual común, coa que se representan os procesos e ingredientes por medio de imaxes específicas (a aguia, o sapo, un home nunha tumba, unha parella na cama, o sol etc.) ou símbolos textuais convencionais (un círculo cunha cruz etc.); non se identifica ningún deles no manuscrito.

Herbario alquímico editar

Sergio Toresella, experto en herbarios antigos, sinalou que o manuscrito Voynich podería ser un herbario alquímico, que de feito non ten nada que ver coa alquimia. Trátase dun herbario ficticio con debuxos inventados, co que os curandeiros cargaban para impresionar aos seus clientes. Parece que existiu unha pequena industria doméstica de tales libros nalgunha parte de Italia Setentrional, xusto nesa época. Non obstante, eses libros eran moi diferentes do manuscrito Voynich en estilo e deseño, e sempre estaban escritos en linguaxe normal.

Herbario astrolóxico editar

As consideracións astrolóxicas sempre tiveron un papel importante na recolección de herbas medicinais, sangrías e outros procedementos médicos comúns na época máis probable de elaboración do manuscrito (véxase, por exemplo, os libros de Nicholas Culpeper). Pero á parte dos obvios signos zodiacais, e un diagrama que parece mostrar os planetas clásicos, ninguén foi capaz de interpretar as ilustracións dentro das tradicións astrolóxicas coñecidas (sexan europeas ou doutros lugares).

Microscopios e telescopios editar

 
Nestas tres páxinas do manuscrito aparecen obxectos que parecen astronómicos.

Un debuxo circular na sección «astronómica» representa un obxecto de forma irregular con oito brazos curvados e estrelas amarelas e azuis no seu interior; algúns interpretárono como o debuxo dunha galaxia, que só se pode observar cun telescopio e incluso insinuouse que o propio Roger Bacon puido fabricar un cun espello cóncavo: mais incluso cos maiores telescopios actuais ningunha galaxia presenta ese aspecto salvo que se utilice a fotografía; a Galaxia de Andrómeda aparece bastante de canto e non de fronte como a que se aprecia no manuscrito.
O parecido é moi discutible: nunha inspección ocular o centro da «galaxia» aseméllase máis ben a un estanque de auga mentres que os presuntos brazos son liñas espirais con texto, non con estrelas amarelas ou azuis.

Interpretáronse outros debuxos como células vistas a través do microscopio: iso implicaría unha orixe moderna do manuscrito (século XVII), máis que medieval.

Enerxía nuclear editar

Jacques Bergier, na súa obra Les livres maudits (editorial J' ai Lu, París, 1971), propón unha interesante e case horripilante hipótese: o autor do Manuscrito Voynich posuía coñecementos extraordinariamente avanzados e demasiado perigosos para o mundo moderno, por exemplo o segredo das estrelas novas, polo que se ocultou para evitar a nosa propia autodestrución.

Non hai probas de tales coñecementos avanzadísimos no manuscrito, salvo algúns deseños «astronómicos» (por exemplo estrelas que parecen «explotar» nos folios 68 anverso e 69 reverso, que poden representar calquera outra cosa): de todos modos é altamente improbable que Voynich en 1912, por non mencionar ao dúo máxico-alquimista Dee-Kelley (en 1585) ou incluso o propio Roger Bacon, soubese que é a enerxía nuclear, como manipulala ou liberala de forma artificial.[3][4][5]

Autores múltiples editar

Prescott Currier, un criptógrafo da Mariña dos Estados Unidos, que traballou co manuscrito nos 70, observou que se podían separar as páxinas da sección «herbario» en dous conxuntos, as mans A e B, con propiedades estatísticas distintas e caligrafías diversas. Concluíu que o manuscrito Voynich era obra de dous ou máis autores con diferentes dialectos e convencións ortográficas. Porén, estudos recentes puxeron en dúbida esta conclusión. Un experto en caligrafía que examinou o libro opinou que unha soa man redactara o manuscrito enteiro. Ademais, cando se examinan todas as seccións, vese unha transición máis gradual, co herbario A e o herbario B nos extremos opostos. Así, as observacións de Prescott poderían ser tan só a consecuencia de que as seccións do herbario foron escritas en dúas épocas moi separadas no tempo; tamén cabe a posibilidade de que o manuscrito actual fose cosido a partir de seccións que, orixinalmente, tiñan outra disposición.

Teorías sobre a lingua editar

Déronse moitas hipótese acerca da natureza da lingua do manuscrito Voynich.

Cifrado de letras editar

Segundo esta teoría, o manuscrito Voynich contén texto, con significado nalgunha lingua europea, que se fixo escuro a propósito convertendo as letras mediante algún sistema de cifrado: un algoritmo que operaba sobre letras individuais.

Foi a hipótese de traballo na maioría de intentos de desciframento durante o século XX, incluído un equipo de criptógrafos da NSA (Axencia de Seguridade Nacional dos Estados Unidos) dirixido por William F. Friedman, a principios dos anos cincuenta. Primeiro agrupou o First Study Group (1944-1946) e logo o Second Study Group. Descartáronse os cifrados de substitución simple, porque son moi fáciles de descifrar. Por iso os esforzos dirixíronse en xeral cara aos cifrados polialfabéticos, inventados por Leon Alberti por 1460. Este tipo inclúe o popular cifrado de Vigenère, talvez reforzado polo uso de símbolos baleiros ou equivalentes, reordenación de letras, rupturas falsas de palabra etc. Algúns autores supoñen que se eliminaron as vogais antes do cifrado. Algúns pretenderon o éxito no desciframento seguindo estes supostos, pero ningún foi amplamente aceptado, principalmente porque os algoritmos de desciframento propostos dependen de tantas suposicións por parte do lector que se podería obter un texto con significado de calquera serie aleatoria de símbolos.

O principal argumento para esta teoría é que o uso dun alfabeto estraño por un autor europeo non é moi explicable. O certo é que Roger Bacon sabía de cifrados, e a data estimada para o manuscrito apenas coincide co nacemento da criptografía como disciplina sistemática. Contra esta teoría está o argumento de que un cifrado polialfabético normalmente destruiría as características estatísticas «naturais», que se observan no manuscrito, tales como a Lei de Zipf. Ademais, aínda que os cifrados polialfabéticos foron inventados por 1467, as variantes só se fixeron populares no século XVI, un pouco tarde para a data estimada do manuscrito.

Cifrado con libro de códigos editar

Segundo esta teoría, as «palabras» do manuscrito Voynich realmente serían códigos para consultar nun dicionario ou libro de códigos. A proba principal deste aserto sería que a estrutura interna e a distribución de lonxitude desas palabras son similares ás dos números romanos, que nese tempo fora un código natural usado. Non obstante, os cifrados baseados nun libro de códigos só son viables en textos curtos, pois son moi complexos para ler e escribir.

Cifrado visual editar

James Finn propuxo no seu libro Pandora's hope (A esperanza de Pandora, 2004) que o manuscrito Voynich é realmente hebreo codificado visualmente. Unha vez transcribiuse correctamente as letras, usando como guía o E.V.A., pódense ler moitas das palabras do manuscrito en hebreo, e repítense con diversas deformacións para confundir ao lector. Por exemplo, a palabra AIN do manuscrito significa «ollo» en hebreo, e tamén aparece con formas distorsionadas como «AIIN» ou «AIIIN» para facelas parecer como palabras diferentes cando realmente son a mesma. Tamén se utilizan outros métodos de criptografía visual. Isto explicaría o fracaso dos demais investigadores para descifrar o manuscrito, porque se basean máis nunha metodoloxía matemática. O principal argumento en contra é que tal codificación cualitativa constitúe un obstáculo formidable para o talento do descifrador individual, dada a multiplicidade de posibles interpretacións visuais alternativas do mesmo texto. Sería difícil separar canta interpretación é do texto xenuíno, e canta reflicte simplemente a subxectividade do intérprete.

Esteganografía editar

Esta teoría mantén que o texto do manuscrito Voynich carece na súa maior parte de significado, pero contén a información oculta en detalles discretos: por exemplo, a segunda letra de cada palabra, ou o número de letras en cada liña. Esta técnica, chamada esteganografía (en grego, «escritura encuberta») é moi antiga, e describiuna, entre outros, o abade Johannes Tritemius en 1499. Suxeriuse que o texto traducido obteríase mediante unha reixa de Cardano dalgún tipo. Esta teoría é difícil de probar ou rexeitar, posto que os textos esteganográficos poden ser arbitrariamente difíciles de transcribir. Un argumento en contra é que usar un texto que aparenta estar cifrado vai en contra do principal obxectivo da esteganografía, que é ocultar a propia «existencia» da mensaxe secreta.

Algúns suxeriron que o texto con significado podería estar codificado na lonxitude ou forma de certos trazos da escritura. Hai exemplos de esteganografía de aproximadamente esa época, que usan o tipo de letra (por exemplo regular fronte a cursiva) para ocultar información. Malia isto, cando se examina cun grande aumento, os trazos de escritura do manuscrito Voynich teñen un aspecto natural e aparecen afectados principalmente só pola superficie rugosa do pergamiño.

Linguaxe natural exótica editar

O lingüista Jaques Guy suxeriu que o texto do manuscrito Voynich podería estar expresado nunha lingua natural exótica, aínda que escrito cun alfabeto inventado. Certamente, a estrutura de palabras é similar á de moitas familias lingüísticas de Asia Oriental e Central, principalmente a sino-tibetana (chinés, tibetano e birmano), a austroasiática (vietnamita, khemer,...) e talvez a tai (tailandés, lao,... ). En moitas destas linguas, as «palabras» (é dicir, as unidades lingüísticas máis pequenas cun significado definido) constan dunha soa sílaba; e esas sílabas teñen unha estrutura bastante rica, incluídos patróns tonais.

Esta teoría goza de certa plausibilidade histórica. Aínda que esas linguas dispoñen en xeral de sistemas de escritura propios, estes adoitan ser notablemente difíciles para os visitantes occidentais, o que motivou a invención de varios alfabetos fonéticos, habitualmente usando letras latinas, pero ás veces empregáronse letras inventadas. Aínda que os exemplos coñecidos son moi posteriores ao manuscrito Voynich, a historia rexistra centos de exploradores e misioneiros que o poderían ter feito (incluso antes da famosa viaxe de Marco Polo no século XIII), pero especialmente despois de que Vasco de Gama descubrise a vía marítima a Extremo Oriente en 1499. O autor do manuscrito Voynich podería ser tamén un nativo do Afastado Oriente que vivía en Europa, ou ben se educou nunha misión europea.

O principal argumento a favor desta teoría é que é consistente con todas as propiedades estatísticas que foron comprobadas até hoxe, incluíndo as palabras dobradas e triplicadas, que aparecen nos textos escritos en chinés e vietnamita coa mesma frecuencia aproximada que no manuscrito Voynich. Tamén explica a aparente falta de números e de características sintácticas occidentais (tales como artigos e cópulas), e a inescrutabilidade xeral das ilustracións. Outra posible pista constitúena dous grandes símbolos vermellos na primeira páxina, que foron comparados co título dun libro de estilo chinés, dado a volta e pobremente reproducido. Ademais, a aparente división do ano en 360 graos (en lugar de 365 días), en grupos de 15 e comezando en Pisces, son sinais propios do calendario agrícola chinés (jie q'i). O principal argumento en contra desta teoría é que ninguén (incluídos os eruditos da Academia de Ciencias de Pequín) puido encontrar ningún exemplo claro de simbolismo oriental ou de ciencia asiática nas ilustracións.

A finais de 2003, o polaco Zbigniew Banasik propuxo que o manuscrito é texto redactado en lingua manchú, e deu unha tradución incompleta da primeira páxina do manuscrito.

Lingua políglota editar

No libro Solution of the Voynich Manuscript: A liturgical Manual for the Endura Rite of the Cathari Heresy, the Cult of Isis (1987), Leo Levitov afirmou que o manuscrito era unha transcrición sinxela dunha «lingua oral políglota», que definiu como «unha lingua literaria comprensible para aqueles que non entendesen o latín, a quen se lles podería ler nesta lingua». Propuxo un desciframento parcial nunha mestura de lingua flamenga medieval con moitos préstamos lingüísticos de francés antigo e antigo alto alemán.

Segundo Levitov, o rito de Endura non era senón un ritual de suicidio asistido, asociado coa fe cátara (aínda que a historicidade deste ritual está posta en dúbida). Explica que as plantas quiméricas non están destinadas a representar ningunha especie botánica, senón que son símbolos secretos da fe. As mulleres nos baños xunto á rede de tubos representan o propio suicidio ritual, que incluiría a venesección: cortarse as veas para que o sangue se derramase nunha bañeira con auga quente. As constelacións sen análogo celestial representan as estrelas do manto de Isis.

Cuestiónase esta hipótese en varias frontes. Unha é que se sabe moi ben que a fe cátara era un gnosticismo cristián, e non se asociaba de ningunha forma con Isis. Outro é que esta teoría sitúa a orixe do libro nos séculos XII ou XIII, co que sería considerablemente máis antigo do que incluso os partidarios da teoría de Roger Bacon defenden. Levitov non ofreceu ningunha defensa fronte a este argumento, máis alá da súa tradución.

Lingua artificial editar

A peculiar estrutura interna das «palabras» do manuscrito Voynich levou a William F. Friedman e John Tiltman a postular por separado que o texto podería ser simplemente unha lingua artificial, e máis especificamente, unha lingua filosófica. As linguas deste tipo teñen un vocabulario organizado segundo un sistema de categorías, polo que se pode deducir o significado xeral dunha palabra pola secuencia das letras que a compoñen. Por exemplo, na lingua artificial moderna ro, bojo é a categoría das cores, e calquera palabra que comece con esas letras sería o nome dunha cor: así vermello é bofoc, e amarelo é bofof (é, pois, unha versión extrema da Clasificación Decimal Universal que se usa nas bibliotecas).

Este concepto é bastante antigo, como o proba o libro Philosophical Language (Lingua filosófica) de John Wilkins. Nos exemplos máis coñecidos, as categorías subdivídense engadindo sufixos; como resultado, un texto sobre unha materia concreta tería moitas palabras con prefixos similares. Por exemplo, todos os nomes de plantas empezarían con letras similares, e analogamente con todas as enfermidades etc. Esta característica podería entón explicar a natureza repetitiva do texto Voynich.

Non obstante, ninguén puido asignar un significado plausible a calquera prefixo ou sufixo do manuscrito, ademais de que todos os exemplos coñecidos de linguas filosóficas son bastante tardíos (século XVII).

Engano editar

As estrañas características do texto do manuscrito (tales como as palabras duplicadas ou triplicadas) e o contido sospeitoso das súas ilustracións (tales como as plantas quiméricas) levaron a moitos a pensar que o manuscrito é realmente un engano.

En 2003 o especialista en computación doutor Gordon Rugg demostrou que se podía reproducir texto con características similares ás que contén o manuscrito, mediante o uso dunha táboa con prefixos, raíces e sufixos, que serían seleccionados e combinados por medio dun pladrón de papel perforado. Este mecanismo, coñecido como «reixa de Cardano», inventouse por 1550 como ferramenta criptográfica. Mais os pseudotextos xerados nos experimentos de Gordon Rugg non teñen as mesmas palabras e frecuencias que o manuscrito Voynich, e o seu parecido co voynichés é só visual, non cuantitativo.

Notas editar

  1. 1,0 1,1 Mysterious Voynich manuscript is genuine - Evidence in 2009 showing that the manuscript is indeed old as had been suspected
  2. Daniel Stolte. "UA's Findings". Experts determine age of book 'nobody can read'. Consultado o 10-02-2011. 
  3. Jacques Bergier
  4. Los libros condenados. Plaza & Janés, (1973)
  5. El ABC do Manuscrito Voynich. Francisco Violat Bordonau, Ed. Asesores Astronómicos Cacereños, Cáceres, 2006

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • D' Imperio (1978) (1980). Aegean Park Press, ed. The Voynich Manuscript: An Elegant Enigma. 
  • Frattini, Eric (2007). Espasa Calpe, ed. El Quinto Mandamiento. ISBN 978-84-670-2442-5. 
  • Dos Santos, Marcelo (2006/2005). Madrid/Bogotá: Editorial Aguilar, ed. El Manuscrito Voynich. ISBN 84-03-09587-2/ISBN 958-704-314-6. 
  • Kennedy, Gerry & Churchill, Rob (2006). Barcelona: Editorial Melusina, ed. El manuscrito Voynich: un enigma sin resolver. ISBN 84-934214-5-6. 
  • Pérez-Ruiz, Mario M. (2003). Barcelona: Editorial Océano Ámbar, ed. El manuscrito de Voynich y la búsqueda de los mundos subyacentes. ISBN 84-7556-216-7. 
  • Violat Bordonau, Francisco (2005). Ed. Asesores Astronómicos Cacereños, Cáceres, ed. Breve ensayo sobre el Manuscrito Voynich. 
  • — (2005). Ed. Asesores Astronómicos Cacereños, Cáceres, ed. Sobre el posible autor del Manuscrito Voynich. 
  • — (2006). Ed. Asesores Astronómicos Cacereños, Cáceres, ed. El ABC del Manuscrito Voynich. 
  • Wollet, Benjamin (2001). Flamingo, Londres, ed. The Queen's Conjuror. 

Ligazóns externas editar