Astroloxía
A astroloxía é unha disciplina, considerada pseudociencia polo consenso académico, na que a partir da posición aparente dos astros e do seu movemento se intenta comprender e descodificar a realidade toda e particularmente a existencia humana na Terra. Durante a Antigüidade e ata o Renacemento a astroloxía e a astronomía adoitaron designar o mesmo tipo de estudo.
Historia e características
editarA palabra astroloxía provén do grego αστρολογία, de άστρον (ástron), ‘estrela’ e λόγος (logos) ‘palabra, estudo’, ou sexa, o estudo das estrelas e dos ceos.
Desenvolvéronse en diversas épocas e ámbitos culturais, como testemuñan as primeiras escrituras desde Sumeria[1], Exipto antigo[2] e a China imperial[3] ata o continente americano[4], distintos sistemas de observación e interpretación que tiñan en común a certeza dun nexo entre a posición e o movemento dos corpos celestes e acontecementos constatables na Terra. As diferentes astroloxías acabaron construíndo cadanseus calendarios unidos ao universo simbólico[5] e referencial no que se confunden a procura de patróns na natureza, especulacións místico-relixiosas e a observación dos sucesos en relación ao percorrido dos planetas, das estrelas e mesmo de puntos abstractos[6] no ceo calculados a partir do saber astronómico. O que se entende habitualmente por tradición astrolóxica -a que distingue doce signos do Zodíaco repartidos entre catro elementos e atribúe as súas cualidades aos planetas que os rexerían- afunde as raíces na antiga Mesopotamia e, a través das achegas de determinadas filosofías e especulacións helenísticas, romanas, árabes e hindús, configura un tronco[2] común ás distintas propostas (astroloxía andalusí, védica, renacentista, psicolóxica etc.). A máxima autoridade desa tradición foi, durante séculos, Tolomeo.
Aínda que o tópico vulgar relacionou a astroloxía, xa ben antes da época romana[7], con teorías e prácticas de tipo preditivo, un groso continxente das especulacións que se tiñan por irrefutables -en campos como a protomedicina, a agricultura ou a meteoroloxía, entre moitos máis[8]- baseábase na tradición astrolóxica. Case indisolublemente unida ás outras disciplinas con forte contido esotérico coma a alquimia, a astroloxía nunca cesou de se actualizar[2] nin de ser fonte de polémicas[9] e viuse progresivamente cuestionada a partir das hostilidades da Igrexa na Idade Media ata o triunfo do racionalismo no século XVIII, o cal non impediu que ao longo das épocas personalidades da ciencia (Newton[10], Kepler), da filosofía e da literatura (Roger Bacon, Goethe, Ted Hughes) ou da psicoloxía (C. J. Jung[11]) defendesen a súa validez.
O descrédito contemporáneo desta disciplina vese reforzado pola ausencia de métodos e prácticas científicas na maioría da literatura astrolóxica, pero un importante volume de producións culturais[9][2][8] (que abranguería desde a arte prehistórica ata varias das obras referenciais das Humanidades en Occidente e Oriente) resulta incomprensible sen algún coñecemento básico de astroloxía.
Notas
editar- ↑ "Astronomía sumeria, la más antigua que se conoce". OKDIARIO (en castelán). 2018-08-11. Consultado o 2019-05-22.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 von Stuckrad, Kocku (2005). Astrología: Una historia desde los inicios hasta nuestros días. Herder. ISBN 84-254-2382-1.
- ↑ "AGRICULTURA - HISTORIA: Las nuevas civilizaciones agrícolas - 9ª parte". natureduca.com. Consultado o 2019-05-22.
- ↑ "Los mayas y sus avanzadas observaciones de Venus". www.nationalgeographic.com.es (en castelán). 2016-08-17. Arquivado dende o orixinal o 01 de abril de 2019. Consultado o 2019-05-22.
- ↑ Cornelius, Geoffrey (1998). Manual de los cielos y sus mitos. Blume. ISBN 84-8076-254-3.
- ↑ Pottenger Dobyns, Zipporah (1986). El libro de los nodos. Sirio. ISBN 84-86221-23-4.
- ↑ Cumont, Franz (1989). Astrología y religión en el mundo grecorromano. Edicomunicación. ISBN 84-7672-227-3.
- ↑ 8,0 8,1 Mariño Ferro, Xosé Ramón (1989). La Llave de la Astrología. Edicomunicación. ISBN 84-7672-226-5.
- ↑ 9,0 9,1 Tester, Jim (1990). Historia de la astrología occidental. Siglo XXI. ISBN 968-23-1544-1.
- ↑ Durán Guardeño, Antonio J. (2012). "Newton". National Geographic. Ed. Especial. ISSN 1576-8880.
- ↑ Jung, Carl Gustav (2005). Psicología y Alquimia. Trotta. ISBN 978-84-8164-704-4.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Astroloxía |
Ligazóns externas
editar- Dicionario escéptico da astroloxía Arquivado 22 de febreiro de 2009 en Wayback Machine. (en francés)