Louis E. Eliasberg

numismático e financeiro estadounidense


Louis Edward Eliasberg, nado en Selma, Alabama, o 12 de febreiro de 1896 e finado en Baltimore, Maryland, o 20 de febreiro de 1976, foi un financeiro e coleccionista numismático estadounidense.

Infotaula de personaLouis E. Eliasberg
Biografía
Nacemento12 de febreiro de 1896
Selma, Estados Unidos de América Editar o valor em Wikidata
Morte20 de febreiro de 1976 (80 anos)
Baltimore.
Datos persoais
País de nacionalidade Estadounidense.
EducaciónUniversidade de Pensilvania.
Coñecido porColección máis completa de moeda dos EEUU.
Actividade
Campo de traballoNumismática e negocios.
Ocupaciónfinanceiro , numismático Editar o valor em Wikidata
Familia
CónxuxeHortense Miller Kahn (1927).
R. Lucille Jones (1974).
FillosLouis Eliasberg.
Richard Eliasberg.

Eliasberg é coñecido por ser o único que reuniu unha colección completa das moedas emitidas nos Estados Unidos.[1]

Traxectoria editar

Primeiros anos e formación editar

Louis E. Eliasberg naceu en 1896 en Selma, Alabama, fillo de Hortense Rosalinde Schwartz e de Adolph Eliasberg.[2] A familia desprazouse a Atlanta, Xeorxia, cara a 1900, e logo a Baltimore, en 1907.[3] Durante a súa infancia en Selma comezou a súa afección polo coleccionismo de moedas.[4]

Como consecuencia do falecemento do seu pai en 1915, asumiu o papel de cabeza de familia, como representante da súa nai e das súas irmás, na xestión da herdanza dos negocios familiares, para o que a xustiza lle recoñeceu a maioría de idade antes dos anos regulamentarios.[3]

Cursou o ensino secundario no Baltimore City College.[2][4] O seu primeiro traballo foi como corredor no Citizens National Bank, de Baltimore, e durante a primeira guerra mundial traballou nos estaleiros desa cidade. Posteriormente asistiu durante só un semestre á Wharton School, da Universidade de Pensilvania, en condición de "estudante especial", onde cursou unha escolma de materias relacionadas coas finanzas, e formou parte da promoción de 1921.[3]

Negocios editar

Coa axuda financeira da súa familia, en 1919 el e uns socios investiron para tomar o control da compañía de Baltimore Capital Service Corporation, creada en 1917, á que axiña lle cambiaron o nome por The Finance Company of America. Eliasberg converteuse en presidente da nova compañía.[2][3]

Á parte de The Finance Company of América, como primeiro foco da súa actividade empresarial, Eliasberg tivo tamén intereses noutras compañías, como a Seaboard Insurance Company, constituída en 1924 e vendida en 1926; a Colonial Mortgage Company, creada en marzo de 1928; a Gunther Brewing Company; a BPR Distilery; a Tom Moore Distillery; ou a Real Drug Company, entre outras. En 1933 foi un dos fundadores, principais investidores e director do Baltimore National Bank, convertido máis tarde no Maryland National Bank.[5]

Simultaneamente á súa dedicación ao mmundo dos negocios, foi incrementando a súa colección numismática que comezara na súa infancia, sinaladamente a partir do momento en que se propuxo facerse cun exemplar de cada tipo recollido no que daquela era o catálogo de referencia para o coleccionismo da moeda estadounidense, o Record and Type' Table: United States Coins, publicado a partir de 1936 por Charles Elmore Green.[2][4][6]

A Colección Eliasberg editar

 
Moeda de 10 centavos de 1873 sen frechas, da Ceca de Carson City.

Eliasberg adquiriu a través da compañía Stacks a colección de moedas de ouro estadounidenses de John Clapp en 1942,[5] por máis de 100.000 dólares. No seu momento, esta considerouse como a maior transacción en efectivo da historia da numismática. Aínda que este lote supuxo un forte avance na Colección Eliasberg, faltaban nela varias rarezas que tivo que ir conseguindo ao longo dos anos.[4] A derradeira peza que conseguiu foi un exemplar dos 10 centavos Liberty Seated sen frechas de 1873 cuñada na Ceca de Carson City, o cal sucedeu en 1950,[7] momento en que cumprir o seu propósito de dispor dunha moeda de cada tipo, ano e ceca, das emitidas nos Estados Unidos.[1][2][6][8]

Entre as pezas máis salientables da Colección de Eliasberg figura un exemplar dos 5 centavos Liberty Head de 1913,[9] coñecido como o "espécime Eliasberg";[10] este exemplar foi adquirido posteriormente por un coleccionista californiano anónimo por 5 millóns de dólares, o 25 de abril de 2007.[11] Tamén cabe destacar entre as pezas máis raras a antes citada de 10 centavos Liberty Seated de 1873-CC sen frechas;[12] os 5 dólares de ouro de 1822, dos que só se coñecen tres exemplares, dous dos cales están na Colección Numismática Nacional dos EEUU, do Instituto Smithsoniano;[4][13] e un exemplar do dólar de 1804 clase I —o coñecido como exemplar Stickney— que lle comprou a B. Max Mehl en 1946.[14] No seu día tamén formou parte da colección unha moeda de 20 dólares Saint-Gaudens de ouro de 1933 unha das tres que daquela se sabía que pertencían a coleccionistas privados, entre eles o rei Farouk de Exipto, mais ao ter noticias de que o Goberno cría que esas moedas foran cuñadas irregularmente pola Casa da Moeda dos EEUU e as estaba a retirar, Eliasberg devolveu voluntariamente o seu exemplar ao Goberno cara a 1944 sen compensación ningunha, e se supón que este foi destruído pola Casa da Moeda, xunto con outros[15] —mantivéronse só dous exemplares, que forman parte da Colección Numismática Nacional.[16]

 
O coñecido como "espécime Eliasberg", da moeda de 5 centavos Liberty Head de 1933.

A colección de Louis E. Eliasberg, con todo, non se limitaba á moeda estadounidense, xa que tiña tamén unha boa representación de papel moeda dese país e tamén moedas de ouro principalmente de México e doutros países latinoamericanos, así como moedas que Eliasberg consideraba "estrañas e curiosas".[15]

Unha parte dos duplicados da colección foron vendidos por Stacks, baixo a denominación de Colección H. R. Lee, en 1947. Pola súa banda, New Netherlands Coin Company vendeu outro grupo de duplicados en xuño de 1957.[6][15]

A Colección Eliasberg foi exposta no Instituto Smithsoniano entre o 1 de maio e o 31 de agosto de 1960, onde se calcula que foi vista por máis dun millón e medio de persoas. Tamén se expuxo na Ceca de Filadelfia en 1976 e, do mesmo xeito, nunha exposición itinerante en bancos de diversas cidades do país, entre elas Chicago, Dallas, Filadelfia e Nova York.[2][15][17]

Finalmente, a colección quedou repartida entre os seus dous fillos de Eliasberg, que posteriormente venderon as 1.074 moedas de ouro por separado en tres poxas históricas levadas a cabo pola compañía Bowers & Ruddy Galleries, entre o 27 e o 29 de outubro de 1982, baixo o título de The United States Gold Coin Collection. O prezo acadado polas moedas de ouro foi de 13,5 millóns de dólares. Pola súa banda, o resto da colección, formado polas pezas de cobre, níquel e prata, mantívose inicialmente en mans da familia Eliasberg,[15] e acabou sendo vendida en 1996 nunha poxa de Bowers & Merena.[1] O prezo total da Colección Eliasberg logo da súa venda acadou os 60 millóns de dólares.[8]

Louis E. Eliasberg foi membro da Comisión de Ensaios dos Estados Unidos en 1962.[2]

Vida persoal editar

Eliasberg casou o 1 de xuño de 1927 con Hortense Miller Kahn, con quen tivo dous fillos: Louis e Richard Eliasberg.[18][19] Logo do falecemento desta en decembro de 1949, casou en segundas nupcias con R. Lucille Jones,[2][20] o 30 de setembro de 1974.[21]

Louis E. Eliasberg morreu na súa casa de Baltimore o 20 de febreiro de 1976,[15] vítima do cancro.[22] Está soterrado no cemiterio Hebreo de Baltimore.[2][23]

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 Hall, D. (2011). "The Eliasberg Collection". Professional Coin Grading Services. 4 de xaneiro.
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 2,7 2,8 Smith, P. (2012).
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 Eliasberg, R. A. (1996). Páxina 1.
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 Smith, P. (1993). Páxina 939.
  5. 5,0 5,1 Eliasberg, R. A. (1996). Páxina 7.
  6. 6,0 6,1 6,2 Eliasberg, R. A. (1996). Páxina 9.
  7. "1873-CC 10C No Arrows". Professional Coin Grading Services.
  8. 8,0 8,1 "The Louis E. Eliasberg Collection". En Coin World. 15 de novembro de 2012.
  9. "1913 Liberty Head Nickel". En Eliasberg, R. A. (1996). Páxinas 81-84.
  10. Bowers, Q. D. (2001). "Pedigree of Five Known 1913 Liberty Nickels". Professional Coin Grading Services.
  11. "Eliasberg 1913 Liberty Head Nickel Sold for Record $5 Million". Usrarecoininvestments.com
  12. "1873-CC Liberty Seated Dime No Arrows at Date". En Eliasberg, R. A. (1996).. Páxinas 85-86.
  13. "1822 $5 Gold". En Eliasberg, R. A. (1996). Páxina 159.
  14. "1804 Silver Dollar Clas I, Original". En Eliasberg, R. A. (1996).. Páxina 95.
  15. 15,0 15,1 15,2 15,3 15,4 15,5 Smith, P. (1993). Páxina 940.
  16. "NU.39166.0001" e "39166.0002". National Museum of American History.
  17. Eliasberg, R. A. (1996). Páxinas 9-11.
  18. Eliasberg, R. A. (1996). Páxina 4.
  19. Eliasberg, R. A. (1996). Páxina 4.
  20. Smith, P. (1993). Páxina 939.
  21. Eliasberg, R. A. (1996). Páxina 11.
  22. Eliasberg, R. A. (1996). Páxina 12.
  23. "Louis Edward Eliasberg Sr.". Findagrave.com

Véxase tamén editar

Bibliografía editar