Institutos Históricos de España

(Redirección desde «Institutos históricos»)

Os chamados Institutos Históricos de España son Institutos de Segunda Ensinanza (hoxe Institutos de Ensino Secundario, IES) de moi antiga fundación e caracterizados por posuíren un patrimonio histórico educativo moi rico.

Antigo convento dos xesuítas da praza de Mazarelos de Santiago, que albergou durante moitos anos o Instituto "Arzobispo Gelmírez".

Historia editar

Durante a segunda metade do século XIX, de acordo co plan de reorganización da ensinanza polo Estado, o chamado Plan Pidal, só existía en España un instituto de ensinanza secundaria en cada unha das capitais de provincia, coa excepción do Santiago, por ter esta cidade Universidade. Estes institutos, e algún outro máis, coñécense hoxe co nome de "institutos históricos".[1]

Razón da súa singularidade editar

A razón principal desta riqueza patrimonial estriba en que a maioría deles estiveron vinculados á Universidade até que, en 1857, coa lei Moyano, propiciouse a súa inclusión nun sistema educativo propio. Nestes Institutos tiveron lugar importantes debates científicos, e moitos dos seus profesores alcanzaron relevancia e presenza pública, ben porque asumiron tarefas de goberno ou porque se converteron en intelectuais de prestixio; pero, sobre todo, porque ao longo dos anos nas súas aulas formáronse alumnos e alumnas que chegarían a seren personalidades destacadas nos máis diversos campos, as ciencias, as letras, as artes, a economía ou a política.[2]

Autoorganización no século XXI editar

 
Cartel das V Xornadas de Institutos Históricos Españois.
Cabra (Córdoba), 2011.

Co obxectivo de poñeren en valor este rico patrimonio histórico, artístico, educativo, documental e simbólico, os equipos directivos dun número importante destes centros iniciaron recentemente unha tarefa de coordinación dos traballos de inventario, catalogación, conservación e difusión dos seus fondos. Froito deste labor foron as "I Xornadas de centros públicos con patrimonio histórico educativo" que se celebraron en Granada en xullo de 2007,[3] á que seguiron outras xa coa denominación de "Xornadas de Institutos Históricos españois".[2]

Estas Xornadas, xa anuais, celebráronse, até o día de hoxe, en:

Asociación de Institutos Históricos de España editar

Os Institutos Históricos de España constiuíron a Asociación nacional para a defensa do patrimonio dos Institutos históricos (ANDPIH), tamén chamada Asociación de Institutos Históricos de España, que é unha asociación cultural, sen ánimo de lucro, con domicilio social en Granada, dedicada á promoción, conservación e difusión do patrimonio cultural e educativo dos Institutos de Educación Secundaria españois,[10] que posúen carácter histórico.[11]

A asociación realiza diversas actividades e celebra encontros anuais entre os seus membros, como quedou dito máis arriba. Foi constituída en 2010 e o seu actual presidente é Luis Castellón Serrano, licenciado en Ciencias Xeológicas e catedrático de Ciencias Naturais do IES "Padre Suárez" de Granada.[12] [13]

Os Institutos Históricos de Galicia editar

O primeiro instituto que se creou en Galicia foi o Instituto Provincial de Segunda Enseñanza de Lugo (hoxe IES Lucus Augusti) a partir dunha Real Orde do 30 de novembro de 1842,[14] sendo por tanto, o instituto decano de Galicia. Pouco despois, ao abeiro do Real Decreto de 17 de setembro de 1845, creouse o primeiro Instituto de Segunda Ensinanza na cidade de Santiago de Compostela, vinculado á Universidade de Santiago.

Os institutos históricos de Galicia, todos eles dotados con fondos de acordo co Plan Pidal, son os actualmente chamados:[6]

As IV Xornadas de Institutos Históricos de España editar

Do 5 ao 8 de xullo de 2010,[8] celebráronse en Santiago (e no último día, en Lugo) as "IV Jornadas de Institutos Históricos de España", nas que se reuniron representantes dos centros de educación secundaria máis antigos do territorio español para tomaren conciencia do importante que resulta a recuperación, estudo e divulgación dos fondos que conservan. Esta cita contou co apoio das institucións galegas, correndo a cargo da súa organización a Consellería de Educación da Xunta de Galicia, e sendo entidades colaboradoras o Museo Pedagóxico de Galicia (MUPEGA), Xacobeo 2010, as Deputacións das catro provincias galegas, a Consellería de Cultura da Xunta e os Concellos de Santiago e Pontevedra. Os participantes foron recibidos polo alcalde compostelán Xosé Antonio Sánchez Bugallo.[2]

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, presentou no MUPEGA estas IV Xornadas, e destacou que os encontros reuniran a preto de 80 profesores e técnicos relacionados cos institutos históricos de España. Con esta nova edición das Xornadas Galicia, dixo, ten a posibilidade de dar a coñecer os seus centros e o o seu patrimonio educativo.[6]

No seu desenvolvemento ao longo das sesións de traballo (relatorios e comunicacións) volveuse a poñer de manifesto o valor do patrimonio documental, instrumental e bibliográfico, moitas veces descoñecido, dos institutos históricos, elemento esencial para axudar a entender mellor a historia educativa de España. Ademais, nese encuentro intercambiáronse experiencias educativas que pretenden contribuír a mellorar as liñas didácticas nos niveis da ensinanza secundaria (educación secundaria obrigatoria e bacharelato). Os centros históricos galegos, organizados a través da rede que centraliza o MUPEGA, presentaron as experiencias particulares e colectivas que levan adiante en defensa do patrimonio educativo do que se dispón na Comunidade galega, e os asistentes ao congreso coñeceron persoalmente os cinco institutos históricos de Galicia. Por outra parte, estas Xornadas serviron para o encontro e a posta en común dos institutos "Domínguez Ortiz" de Guadalaxara, "Lucus Augusti" de Lugo, e "Aguilar y Eslava" de Cabra que, xuntos, participan no proxecto "Agrupación de Institutos con Patrimonio Histórico para a súa utilización, conservación e difusión".[2]

Á clausura das Xornadas asistiu o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria de Galicia, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e a presidenta do Consello Escolar do Estado, Carmen Maestro. A conferencia de clausura foi realizada polo daquela secretario da Real Academia Española, Darío Villanueva (antigo reitor da USC, e hoxe director da mesma), e como colofón actuou un orfeón.[8]

Notas editar

  1. Asociación Nacional para la Defensa del Patrimonio de los Institutos Históricos Arquivado 03 de maio de 2018 en Wayback Machine. (en castelán).
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 Historia y educación a través de los Institutos Históricos de España. Museo Agular y Eslava. Cabra, Córdoba.
  3. Comunicaciones y Conclusiones de las 1ª Jornadas sobre Patrimonio histórico de los Centros Públicos Arquivado 17 de outubro de 2019 en Wayback Machine..
  4. Conclusiones de las 2as Jornadas sobre El patrimonio educativo de los Institutos Históricos Arquivado 17 de outubro de 2019 en Wayback Machine..
  5. Comunicaciones y Conclusiones de las 3as Jornadas Arquivado 17 de outubro de 2019 en Wayback Machine.. Guadalajara, 2009.
  6. 6,0 6,1 6,2 O conselleiro de Educación presenta as IV Xornadas de Institutos históricos españois, que por primeira vez se desenvolve en Galicia. Xunta de Galicia. Consellería de Educación.
  7. IV Jornadas de Institutos históricos españoles. Antonio Prado Gómez. Revista CEE Participación Educativa, nº 15, novembro de 2010, pp. 226-234.
  8. 8,0 8,1 8,2 IV Jornadas de los Institutos Históricos de España Arquivado 21 de abril de 2018 en Wayback Machine. en EDUCARM. Portal Educativo. Consejería de Educación, Juventud y Deportes de la Región de Murcia (en castelán).
  9. José Antonio Griñán inaugura en la localidad cordobesa de Cabra las V Jornadas sobre Institutos Históricos Españoles Oficina de la Portavoz del Gobierno. Junta de Andalucía. 6 de julio de 2011.
  10. La singularidad dentro de la organización escolar. Patrimonio olvidado de los institutos históricos Arquivado 22 de marzo de 2016 en Wayback Machine.. David Pérez-Dionis Chinea. Avances en Supervisión Educativa, nº 12. Maio de 2010.
  11. Historia de un olvido: patrimonio en los centros escolares. Revista Participación Educativa nº 7. Consejo Escolar del Estado, 15 de marzo de 2008.
  12. Castellón Serrano, Luis en Museos de Andalucía.
  13. Los Institutos Históricos en la revista del Consejo Escolar del Estado. La opinión digital, 6 de novembro de 2010.
  14. "Ministerio de la Gobernación de la península. Negociado núm. 10" (PDF). Gaceta de Madrid (en castelán). Nº 2981. 6-12-1842. p. 1. Consultado o 7-9-2019. 

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar