Instituto de Cooperación para a Seguridade Hemisférica
O Instituto de Cooperación para a Seguridade Hemisférica (Western Hemisphere Institute for Security Cooperation), ata 2001 denominado Escola das Américas (en inglés: School of the Americas), é unha organización para a instrución militar do Exército dos Estados Unidos situada actualmente en Fort Benning (Columbus, Xeorxia).
Instituto de Cooperación para a Seguridade Hemisférica | |
---|---|
Tipo | escola e escola militar |
Data de fundación | 2001 e 1946 |
En | Columbus |
País | Estados Unidos de América |
32°21′54″N 84°57′21″O / 32.365, -84.9559 | |
Na rede | |
https://armyuniversity.edu/whinsec | |
[ editar datos en Wikidata ] |
A escola estivo desde 1946 a 1984 situada en Panamá, onde se graduaron máis de 60.000 militares e policías de ata 23 países de América Latina, algúns deles de especial relevancia polos seus crimes contra a humanidade como os xenerais Leopoldo Fortunato Galtieri ou Manuel Antonio Noriega.
Escola das Américas
editarXurdiu como iniciativa no marco da coñecida como unha Doutrina de Seguridade Nacional, en Fort Amador, Panamá, coa denominación inicial de Latin American Training Center - Ground Division ("Centro de adestramento latinoamericano - División de terra"). A súa misión principal era fomentar ou servir como instrumento para preparar ás nacións latinoamericanas a cooperar cos Estados Unidos e manter así un equilibrio político contrarrestando a influencia crecente de organizacións populares de ideoloxía marxista ou movementos sociais de corte esquerdista. Todo iso no novo marco internacional da guerra fría, entre as potencias aliadas e a Unión Soviética.
Algúns citaron a Klaus Barbie, nazi e criminal de guerra, como un dos posibles colaboradores directa ou indirectamente da organización durante o réxime do Xeneral Hugo Banzer en Bolivia[1], xeneral formado na Escola das Américas. Klaus Barbie, fora anteriormente protexido e empregado pola axencia de espionaxe estadounidense Counter Intelligence Corps (antecedente da actual CIA), para colaborar na loita contra a espionaxe soviética na Alemaña ocupada. Segundo a versión oficial, Barbie conseguiu escapar e fuxir, con todo outras versións falan da axuda do propio CIC.[2][3]
En 1950 a escola mudou o seu nome ao de United States Army Caribbean School ("Escola do Caribe do Exército dos Estados Unidos") e trasladada a Fort Gulick, tamén en Panamá; ese mesmo ano adoptouse o español como idioma oficial da academia. En xullo de 1963 o centro reorganizouse baixo o nome oficial United States Army School of the Americas (USARSA), ou máis popularmente como Escola das Américas.
Durante as seguintes décadas cooperou con multitude de gobernos americanos, algúns deles violentos réximes totalitarios. Varios dos seus cursos ou adestramentos incluían técnicas de contrainsurgencia, operacións de comando, tiro franco, guerra psicolóxica, intelixencia militar e tácticas de interrogatorio. Manuais militares de instrución desta iniciativa, entón confidenciais, se desclasificaron ou publicaron en 1996 por o Pentágono. Entre outras consideracións, detállanse a vulneración permitida de dereitos humanos, como o uso da tortura, a extorsión ou a execución sumaria, definindo como obxectivos de control ou seguimento a aqueles pertencentes a organizacións sindicais, literalmente: distribuísen propaganda en favor dos traballadores ou dos seus intereses, simpatizasen con manifestacións ou folgas, "acusacións sobre o fracaso do goberno en solucionar as necesidades básicas do pobo".
Unha institución polémica
editarO xornal panameño La Prensa alcumouna escola para asasinos. Jorge Illueca, presidente de Panamá, chamouna a base gringa para a desestabilización de América Latina.
Nunha carta aberta enviada o 20 de xullo de 1993 ao Columbus Ledger Enquirer, o comandante Joseph Blair, antigo instrutor da Escola das Américas, declarou: "Nos meus tres anos de servizo na Escola nunca escoitei nada acerca de obxectivos tan excelsos como os de promover a liberdade, a democracia e os dereitos humanos. O persoal militar de América Latina viña a Columbus unicamente en busca de beneficios económicos, oportunidades para comprar bens de calidade exentos dos aranceis de importación dos seus respectivos países, e con transporte gratuíto, pagado cos impostos dos contribuíntes estadounidenses".
De acordo co senador demócrata Martin Meehan (Massachusetts): "Se a Escola das Américas decidise celebrar unha reunión de ex alumnos, reuniría algúns dos máis infames e indesexables matóns e malfeitores do hemisferio".
Graduados notables
editarEntre os graduados máis recoñecidos polos seus crimes e á vez responsabilidades nacionais, atópanse importantes instigadores de crimes de guerra ou contra a humanidade, algúns deles tamén relacionados estreitamente coas bandas organizadas de narcotráfico ou a CIA estadounidense:
- Xeneral Manuel Noriega, responsable dun goberno militar en Panamá, e antigo colaborador da CIA, actualmente en prisión nos Estados Unidos pola súa relación co narcotráfico;
- Xeneral Hugo Banzer, responsable do sanguento goberno militar de Bolivia en 1971 e da conseguinte ditadura, que se prolongou ata 1978, admitido en 1988 no Hall of Fame (literalmente, salón da fama) da escola;
- Roberto D'Aubuisson, graduado en 1972 e despois parte do servizo de intelixencia de O Salvador, acusado como líder dun escuadrón da morte entre outros delitos.
- Xeneral Héctor Gramajo, exministro de Guatemala, autor de políticas militares xenocidas nos anos oitenta.
- Xeneral Roberto Eduardo Viola promotor dun golpe de estado na Arxentina en 1976.
- Leopoldo Fortunato Galtieri, precursor da guerra das Malvinas (1982), líder da Xunta Militar da Arxentina na que supervisou desde 1981, os dous anos finais da "guerra sucia", onde se torturaron decenas de miles, quizais máis de 100.000 persoas, e posteriormente unhas trinta mil delas asasinadas e desaparecidas pola súa suposta disidencia co réxime.
- Xeneral Guillermo Rodríguez, responsable do golpe de estado de 1972 a 1976 de Ecuador.
- Vladimiro Montesinos, avogado, militar, colaborador inicial da CIA, responsable durante o polémico goberno de Alberto Fujimori do servizo de intelixencia do Perú, acusado de represión política, incitar un golpe de estado e de xuntar unha gran fortuna grazas ás súas estreitas relacións co narcotráfico.
- Se ben non está confirmado, fálase que tamén foron alumnos desta institución Augusto Pinochet, xeneral e ditador chileno, e Anastasio Somoza, ditador de Nicaragua.
Reestruturación
editarEn 1976, unha comisión parlamentaria do Partido Demócrata, durante o goberno de Jimmy Carter, recoñeceu ditas prácticas e obrigou a suspender as súas actividades. En 1977, baixo as previsións dos Tratados Torrijos-Carter relativos ao canle de Panamá os Estados Unidos aceptaron a demanda panameña de retirar do país a escola para recolocala en territorio estadounidense, Fort Benning, Xeorxia.
En 1984, o novo goberno do Partido Republicano de Reagan, deu o visto e prace para reiniciar os adestramentos de contraguerrillas na escola. Renoméase oficialmente como United States Army Training and Doctrine Command school ("Escola de Adestramento e Doutrina do Exército dos Estados Unidos"), aínda que con algunhas diferenzas, é unha organización herdeira en maior ou menor parte da misión inicial da Escola das Américas. Anteriormente en 1983, revisouse o manual máis polémico que instruía en torturas utilizado durante dúas décadas, pasándose a chamar como Human Resource Exploitation Training Manual ('Manual de adestramento para a explotación de recursos humanos).
Tras o asasinato de catro membros da Igrexa católica de O Salvador por graduados da escola comandados por D'Aubuisson, en 1989, e a constitución dunha ONG dedicada á denuncia das actividades da Escola SOA Watch, a atención pública sobre o asunto foi cada vez maior. En 1996, baixo a presión de numerosos xornais e organizacións de dereitos humanos estadounidenses, o Exército dos Estados Unidos fixo pública parte da documentación sobre a Escola, incluíndo algúns dos manuais. Estes foron publicados polo National Security Arquive.
A crítica fíxose sentir, e en outubro de 2000, durante a presidencia de Bill Clinton, o congreso estadounidense analizou a situación e finalmente decidiu pechalo para crear un novo. O 15 de decembro de 2000 a escola foi pechada oficialmente. Ata o 1 de xullo de 1999 levaba graduado a 61.034 alumnos.
O 17 de xaneiro de 2001 inaugurouse o Instituto de Defensa para a Cooperación de Seguridade Hemisférica Lei de Autorización do Departamento de Defensa, 10 USC, sección 2166. As organizacións críticas, como SOAW e Amnistía Internacional[4] e organizacións sociais e políticas estadounidenses criticaron reiteradamente o cambio, afirmando que se trata de "pura cosmética", mentres que o goberno, á vez que recoñece a nova institución como herdeira de Escola das Américas, considera que nesta mellorou substancialmente a importancia do respecto á democracia e aos dereitos humanos. Coa excepción da Cruz Vermella, que de acordo coa súa política de neutralidade abstívose de realizar declaracións, hoxe en día continua recibindo críticas de organizacións de dereitos humanos polo adestramento que ofrece a un milleiro de militares latinoamericanos cada ano.
Venezuela en 2004 cesou de enviar novos cadetes á organización estadounidense, decisión que dous anos máis tarde, os gobernos da Arxentina e o Uruguai compartiron de xeito público, abandonando a súa pertenza e envío de soldados á organización. Recentemente en maio de 2007 Costa Rica deixou de enviar membros da Forza Policial[5].[6].
Notas
editar- ↑ Los manuales de tortura del ejército de los Estados Unidos
- ↑ The Return of Bolivia's Blood-Stained Dictator Arquivado 10 de maio de 2006 en Wayback Machine., en inglés.
- ↑ Una charla con Klaus Barbie, criminal de guerra Arquivado 27 de setembro de 2007 en Wayback Machine..
- ↑ Unmatched Power, Unmet Principles (2002)
- ↑ "Uruguay no enviará más militares a la terrorífica School of Americas". Arquivado dende o orixinal o 16 de setembro de 2006. Consultado o 15 de novembro de 2007.
- ↑ "Costa Rica abandona Escuela de las Américas". Arquivado dende o orixinal o 07 de agosto de 2007. Consultado o 15 de novembro de 2007.
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- Manual de Contrainteligencia (1963), Escuela de las Américas. Dispoñible en SOAW.org.
Ligazóns externas
editar- Escola das Américas, A páxina web oficial ata o 17 de decembro do 2000.
- Instituto de Defensa para a Cooperación de Seguridade Hemisférica, páxina web da organización (en inglés).
- School Of America WatchArquivado 15 de maio de 2019 en Wayback Machine., organización crítica coa Escola das Américas (en castelán)