Estado dos Presidios

O Estado dos Presidios, tamén denominado ás veces Presidios de Toscana ou, oficialmente, cando se estableceu, Estado dos Reais Presidios, constituíu unha entidade territorial creada polo rei de España Filipe II (cando aínda era príncipe de Asturias, ao asumir o Reino de Nápoles cedido polo seu pai), e que constituía un pequeno territorio en Italia, pero que era de grande importancia estratéxica e militar, sobre territorios que pertenceran á República de Siena e segregados desta despois da súa anexión polo Gran Ducado de Toscana en 1557.

Modelo:Xeografía políticaEstado dos Presidios

Localización
lang=gl Editar o valor em Wikidata
Xeografía
Parte de
Spanish Empire in Europe (en) Traducir (1557–1707)
Imperio de Habsburgo (1707–1801) Editar o valor em Wikidata
Datos históricos
Creación1557 Editar o valor em Wikidata
Disolución1801 Editar o valor em Wikidata

Comprendía o promontorio do Argentario en Toscana así como Orbetello, Porto Ercole e Porto Santo Stefano con Ansedonia e Talamone, e tamén por Porto Longone (o actual Porto Azzurro) na Illa de Elba, que pertencía á señoría, despois principado de Piombino.

Permaneceu baixo soberanía dos reis de España até 1707. Durante a guerra de sucesión española pasou ao Imperio austríaco e, posteriormente, quedou baixo a soberanía do rei de Nápoles até a súa desaparición en 1801, integrado no napoleónico Reino de Etruria.

Orixes do Estado dos Presidios editar

Polos Tratados de Londres e Florencia, subscritos respectivamente o 29 de maio e o 3 de xullo de 1557, establéceronse importantes equilibrios na Toscana dos Medici dous anos despois da conclusión da Guerra de Siena que enfrontara as tropas francesas aliadas da República de Siena coas tropas imperiais de Carlos V, aliadas de Cosme I de Medici, duque de Florencia.

O primeiro tratado, subscrito por Filipe II (sucesor do emperador Carlos V) e Xacobe VI Appiani d’Aragona, señor do Piombino, impoñía a restitución por parte de Cosme I da Señoría do Piombino xunto coa illa de Elba, a excepción de Portoferraio, e o establecemento dalgúns continxentes españois en Piombino e Scarlino, que constituirían o núcleo dos presidios setentrionais. A Coroa de España reservábase, ademais, a posibilidade de fortificar a illa de Elba, como ocorrería de feito na primavera de 1603 cando se inician os labores de fortificación de Porto Longone.

O segundo tratado, á súa vez, sanciona oficialmente o fin da República de Siena e a súa cesión en calidade de feudo ("in feudum nobile, ligium, et honorificum") ao duque de Florencia que, á súa vez, debía xurar fidelidade ao rei de España e aos seus sucesores como así rezaba o tratado:

"...suis veris directis et supremis domino tenentur et sunt obnoxii et contengas dictum Illustrissimum Ducem seu eius ut supra Descendente Masculos subcessores in dicto feudo decedere sine Filis Masculis legitimis et de legitimo Matrimonio natis ac Descendentibus Masculis similiter legitimis, et de legitimo Matrimonio natis, tunc et in eo casu dicta Civitas Senarum cum omni suo integro Dominio, et Statu, eiusque universo Agro prout supra concessum, et cum omnibus et singulis superius descriptis, et concessis ad dictam Regiam, et Catholicam Majestates, eiusque in dicto Regno Hispaniarum Subcessores redeat, et omnino devolvatur, et devolutassit et esse conseatur."

Ademais Filipe II reservábase o control dos importantes postos marítimos de Porto Ercole, Talamone, Orbetello, Porto Santo Stefano e de todo o monte Argentario que constituirían desta forma os presidios meridionais:

"In hac tamen feudi concessione sua praefata Cattolica Majestas, et dictus Illustris Don Ioannio de Figueroa Mandatarius praefatus non intendit Compraehendi nec ullo modo compraehendantur: Nec compraehemo videantur, sed omnino exclusa, et expresse excluduntur, Oppida, Castra, Portus, loca ac terrae dicti agri Senensis, videlicet Portus Herculis, Orbitellum, Thelamonium, mons Orizentalius, Portus Sancti Stefani..."

Se na vertente setentrional subsistía unha difícil relación entre o goberno de Appiani e a milicia española, os presidios meridionais constituían defensas exclusivamente destes últimos, e gozaban dunha capacidade impositiva autónoma no ámbito fiscal.

Á parte de todo isto, pódese dicir que foi durante os anos dos enfrontamentos contra Francia por Siena, cando Filipe II madurara a idea de establecer un sistema defensivo tirrénico entre o Piombino e o Argentario contra as frecuentes incursións turco-berberiscas, obtendo ao mesmo tempo a inhibición das aspiracións francesas na zona, ademais de ampliar a xa famosa estratexia filipina no Mediterráneo occidental.

Períodos na historia Estado editar

Na historia do Estado dos Presidios distínguense catro períodos:

No primeiro período, de 1557 a 1707, o goberno dependía das directivas políticas e administrativas do vicerrei español de Nápoles.

O segundo período, de 1707 a 1737, baixo a dominación austríaca, esténdese desde a guerra de sucesión española á guerra de sucesión de Polonia, época na que o Estado foi gobernado polo vicerrei austríaco de Nápoles.

O terceiro período, de 1737 a 1800, o Estado foi anexionado ao Reino das dúas Sicilias por Carlos de Borbón (que despois foi o rei Carlos III de España) até Fernando IV.

O cuarto período, de só un ano, (1800 a 1801), foi baixo dominación francesa despois da conquista de Italia por Napoleón. O Estado foi entón incorporado ao Reino de Etruria. Este foi o episodio final deste Estado, que non foi recreado pola restauración política de Congreso de Viena, e o seu territorio foi integrado no Gran Ducado de Toscana.

Gobernación do Estado e principais feitos políticos editar

Estes períodos históricos teñen varios puntos en común, o máis importante é que o Estado dos Presidios non foi nunca un estado soberano, non tivo nunca unha dinastía reinante nin representacións oficiais propias. En case todos os casos, non foi máis que un apéndice do Reino de Nápoles, e non foi máis que un título que recibiron, sucesivamente, os reis de España, os emperadores de Austria e os reis de Nápoles.

O Estado non tivo máis que gobernadores enviados polos gobernos centrais. Estes foron esencialemente militares de rango medio dos cales poucos foron brillantes, preocupados unicamente do mantemento das fortificacións.

 
O Palacio dos Gobernadores (Palazzo dei Governanti), sede dos gobernadores españois en Porto Ercole

O período máis importante foi o primeiro debido á súa duración. No curso dela, o Estado dos Presidios cumpre plenamente as funcións políticas e militares polas cales fora creado. É tamén este período o que deixou a máis numerosa documentación sobre a planificación urbana e arquitectónica.

En canto a estrutura organizativa, os presidios dependían directamente do Reino de Nápoles, non só en materia militar, senón tamén no referente aos asuntos xurídicos, administrativos e contábeis. Destacaban, sobre todo, as figuras do auditor (nomeado polo vicerrei) encargado da administración da xustiza civil e criminal; do vedor, responsábel da xestión económico-administrativa dos traballos de fortificación e da xestión dos soldados das compañías (pagas, licenzas...), ademais do aprovisionamento de artillaría e munición; do escribán de ración, que axudaba o vedor ademais de subscribir e preparar os recibos de pagamento do pagador dos Presidios; do mestre portolano, residente en Orbetello (capital dos presidios), que controlaba a entrada e saída de mercadorías no porto e cuxa presenza resultaba bastante irregular, sendo a súa función exercida polo arrendador (contratista das entradas fiscais presidiarias), e do pagador, encargado das pagas aos soldados dos Presidios e dos gastos de construción e mantemento das fortificacións.

Despois da formación do Estado, o rei de España Filipe II ordenou aos comandantes españois de Orbetello, Talamone, Porto Ercole e Piombino que obedeceran o seu aliado e amigo Cosme I de Medici.

 
O Palazzo del Podestà na Piazza Eroe dei due Mondi de Orbetello, residencia do gobernador durante a dominación española

No relativo á estrutura de fortificacións dos presidios, é no período de 1563 a 1571) onde se concentran as intervencións máis importantes. No espazo de cincuenta anos, o Estado dos Presidios disporá dun sistema de fortificacións cada vez máis poderoso, completando as obras medievais construídas no tempo da dominación sienesa. Cosme I, que dispoñía dos máis grandes arquitectos militares, soubo aproveitarse da situación para apropiarse de Castiglione della Pescaia e da illa de Giglio en detrimento do seu propietario lexítimo Innico Piccolomini, marqués de Capestrano e duque de Amalfi, pero inimigo de España e de Florencia.

Despois do edicto de 1563 do vicerrei Per Afán Enríquez de Ribera, duque de Alcalá, iníciase un proxecto de construción de torres defensivas costeiras en todo o Reino de Nápoles, incluídos, por tanto, os presidios toscanos. O ritmo de construción, pero, sobre todo, de readaptación e reconstrución de estruturas xa existentes, é bastante rápido; das catro torres activas en 1563 nas xurisdicións de Orbetello e Porto Ercole, pásase a dezasete en 1571, distribuídas xeralmente polo cabo do Argentario. Contrariamente á case exclusiva función de observación das torres (derivada da Idade Media), as novas construcións desempeñaban tamén funcións de defensa e disuasión.

En 1589, as illas de Palmaiola, Pianosa e Montecristo (pertencentes ao Estado do Piombino), como as do resto do canal de Piombino, estaban escasamente fortificadas, a pesar de non faltar proxectos e propostas dirixidas ao peche balístico do canal e ao reforzo das estruturas de terra firme.

Paralelamente á construción e restauración de torres, iníciase a construción de fortes. Coa exclusión de Porto Longone, na illa de Elba, os labores de modernización e ampliación das estruturas preexistentes iníciase a partir de 1557. En Porto Ercole interveuse na Rocca (identificada como Castelo Vello ou da Terra); en Forte Filippo no Castelo Novo ou Monte Filippo; entre ambas as posicións, interveuse no bastión de Santa Bárbara e sobre o Forte Stella. As dúas fortalezas principais, Castelo Vello e Castelo Novo sofren varias intervencións que se prolongaron durante case vinte anos, intervencións que afectaron tamén á Rocca, ao bastión de Santa María e ás murallas de Orbetello.

O mandato do vicerrei Henrique de Guzmán, conde de Olivares, en 1596, foi particularemente frutífero. Consentiu que os habitantes, contrariamente ás disposicións gobernamentais, se armasen co fin defenderse contra os turcos e os exiliados, numerosos na Maremme. Nese ano remátase o bastión Guzmano, así chamado en honor do vicerrei. En 1597, as grandes festas en honor da visita do cardeal Pietro Aldobrandini, neto de Clemente VIII, serviron para mellorar o clima glacial debido á rixidez imposta polos gobernadores.

 
Forte español de Porto Santo Stefano

No tempo do goberno do conde de Olivares Porto Santo Stefano dispoñía só dunha simple torre polo que era enormemente vulnerábel aos ataques desde o mar (só en 1607 se iniciaron as obras para a súa fortificación). Outros labores de consolidación e fortificación leváronse a cabo nos castelos e fortificacións de Piombino, Scarlino, Populonia, Suvereto e Buriano, todas elas construcións precedentes á constitución dos Presidios.

O cambio nas relacións entre o Gran Ducado de Toscana e a coroa española permitiron a Filipe III, grazas a unha das cláusulas do Tratado de Londres, encargar a construción da fortaleza de Porto Longone, tamén chamada fortaleza de San Giacomo, ao arquitecto español García de Toledo, cuxa planta estrelada estaba inspirada na cidadela de Antuerpen, para opoñer á fortaleza toscana de Portoferraio, o que permitiu asegurar aínda máis o control español sobre o centro de Italia e especialmente sobre os Estados Pontificios. Nun período de cincuenta anos, por tanto, os presidios toscanos dispoñen dun impresionante sistema defensivo que permitiu un férreo control da zona por parte da coroa española, que se manterá até a desmembración da monarquía en Europa durante a guerra de sucesión española.

En 1630, pola súa parte, Filipe IV ordenou reforzar o forte das Salinas, próximo a Orbetello, para incorporalo tamén ao sistema defensivo dos Presidios.

Baixo o vicerreinado de Juan Alonso Pimentel de Herrera, conde de Benavente, o gobernador Egidio Nunes Orejón restaurou e valorizou Porto Santo Stefano. Fixo rodear a antiga fortaleza dunha plantación de cítricos alimentada pola auga dun manancial, e fixo acondicionar dúas fontes para uso público (a pilarella e a fonte da praza) o que fixo posíbel a instalación de familias de Orbetello, Porto Ercole e Talamone.

En 1646 Orbetello viuse sometida a un sitio de case dous meses por parte das tropas francesas enviadas por Mazarino para expulsar os españois de Italia, do 9 de maio ao 20 de xullo. O 14 de xuño librouse unha batalla naval. A pesar de que este sitio resultou fracasado, os franceses si lograron a conquista de Porto Longone (que retiveron do 27 de setembro de 1646 ao 15 de xullo de 1650), despois de que conquistaran previamente o Piombino. Este episodio da guerra dos Trinta Anos permitiu exercer á Francia de Mazarino ameazas directas contra o reino de Nápoles, e iso conduciu a trastornar toda a organización da dominación española en Italia. O vicerrei español, despois desta guerra, impuxo pesados impostos en Nápoles, o que provocou unha violenta insurrección na cidade, na que Tommaso Aniello, chamado Masaniello, foi un protagonista. A denominada República napolitana foi suprimida polo duque de Arcos acompañado dunha frota que saíu de Gaeta baixo o mando de Xoán Xosé de Austria, fillo natural de Filipe IV.

Debido a que os ataques por parte dos piratas seguiron, e para defenderse dun eventual novo ataque de Francia, a coroa decidiu construír outra fortaleza na baía de Longone, Forte Focardo, que toma o nome do seu construtor Fernando Joaquín Fajardo de Requesens y Toledo como reza a inscrición que se encontra na porta interna do forte:

"En el año 1678, reinando la majestad del invicto Carlos, rey de España, el excelentísimo Don Fernando Foxardo, ordenó iniciar este fuerte siendo Gobernador de la Plaza de Longone por Su Majestad"
 
Situación xeográfica do Estado dos Presidios (en vermello) na Península Itálica.

Pechado o capítulo da ameaza francesa, o Estado dos Presidios viviu un notábel florecemento e, como consecuencia, unha mellora na calidade de vida dos seus habitantes. Foi precisamente durante este período cando máis se fixo sentir a influencia española, xa non só nos grandes complexos de fortificacións, senón tamén na convivencia civil, na pompa, nos costumes e incluso na lingua.

Na capital, Orbetello, fixéronse traballos para a ampliación e embelecemento da catedral, como novos altares, capelas ou sepulcros para nobres, e construíronse numerosos edificios públicos, como os palacios do gobernador de Orbetello e de Porto Ercole etc.

Este período de paz e prosperidade durou de 1650 a 1707, unicamente turbado pola peste contaxiada polos mariños que desembarcaban nos portos do Argentario e Talamone, e que fixo que en 1676 fose necesario instituír un comisariado de sanidade.

En 1667, non obstante, comenzara un novo período de guerras contra a Francia de Lois XIV que fixo que o gran duque de Toscana Cosme III de Médici fose tentado por Francia, o Imperio e España, ofrecéndolle compensacións territoriais para así conseguir o seu apoio.

O gran duque fíxose querer e mesmo reclamou o título de rei de Sardeña pero, ao final, todo acabou en nada.

Desta forma chégase á guerra de sucesión española, cando as tropas imperiais desembarcan nos presidios tomando posesión dos mesmos en nome do rey de las Españas Carlos III (o arquiduque Carlos, futuro emperador Carlos VI de Austria)) ao igual que fixeran co Reino de Nápoles.

Desta forma os presidios pasaron a depender do vicerrei austríaco de Nápoles até o ano 1734 cando Carlos de Borbón (futuro rei de España), apoiado polos exércitos españois, se apoderou do reino napolitano.

Fin do Estado editar

O Estado dos Presidios foi oficialmente suprimido por Fernando IV en 1796, que decidiu integralo nos dominios do Reino de Nápoles co ducado de Sora. Permaneceu asociado a Nápoles até o tratado de Florencia (28 de marzo de 1801), en virtude do cal, o Estado foi cedido a Francia que o integrou no Reino de Etruria. Este último durou pouco, xa que polo tratado de Fontainebleau (23 de outubro de 1807) o Estado, como por outra parte toda a Toscana, foi anexionado a Francia, antes de integrarse no Gran Ducado de Toscana no Congreso de Viena (1815).

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Caciagli,Giuseppe (1929): Stato dei Presidi. Pontedera: Arnera Edizioni.
  • Ferretti, Roberto (a cura di) (1979): Aspetti e problemi di storia dello Stato dei Presìdi in Maremma.

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar