Jules Mazarin

(Redirección desde «Cardeal Mazarino»)

Jules Mazarin, Giulio Mazarini, Mazzarini ou Mazarino, nado en Pescina (Abruzos) o 14 de xullo de 1602 e finado en Vincennes o 9 de marzo de 1661, foi un diplomático, cardeal e político italiano, primeiro ao servizo do papa e despois ao servizo do reino de Francia. Foi o sucesor do cardeal Richelieu como primeiro ministro.

Jules Mazarin
Nome completoGiulio Raimondo Mazzarino
Nacemento14 de xullo de 1602
Lugar de nacementoPescina
Falecemento9 de marzo de 1661
Lugar de falecementoVincennes
Soterradotomb of Cardinal Mazarin
NacionalidadeFrancia e Reino de Nápoles
RelixiónIgrexa católica
Alma máterPontificia Universidade Gregoriana, Universidade de Alcalá e Universidade de Salamanca
Ocupacióndiplomático, político, sacerdote católico, coleccionista de arte e bispo católico
PaiPietro Mazzarini
NaiOrtensia Buffalini
IrmánsLaura Margarida Mazzarini, Geronima Mazzarini, Miguel Mazzarino e Francesco Maria Mancini
Na rede
WikiTree: Mazzarini-3 Find a Grave: 1642 Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]

Mazarin, que non era sacerdote, obtivo o nomeamento como cardeal a proposta do rei Lois XIII, polos servizos prestados á monarquía.[1]

Traxectoria editar

Inicios editar

Mazarin naceu na abadía de Pescina, ao leste de Italia.[2] A súa nai, Hortensia Bufalini,[2] pertencía a unha familia nobre de Città di Castello, na Umbría. O seu pai, Pietro Mazzarini, de orixe siciliana,[3] estaba ao servizo da poderosa familia romana dos Colonna.[3] A parella tivo catro fillas e dous fillos, dos que Jules era o máis vello.[2] O seu irmán máis novo, Miguel, foi ordenado sacerdote e chegou a ser bispo de Aix.[2]

Estudos editar

A pesar de nacer en Pescina, trasladouse axiña a Roma, onde recibiu a súa educación.[2] Mazarin formouse cos xesuítas no Colexio Romano, onde foi enviado con sete anos,[4] e mostrouse como un alumno brillante e un mozo con encanto para os seus profesores e compañeiros.[4]

Acabados os seus estudos con dezaseis anos, comezou unha época disipada, polo que os seus pais, grazas ao padroado novamente dos Colonna, o enviaron a estudar dereito canónico a España, á Universidade de Alcalá de Henares.[5] Durante os seus tres anos de estadía na Península Ibérica aprendeu castelán á perfección, o que máis tarde lle foi de grande utilidade.[5] Aínda libertino, namorouse dunha española e, a piques de casar, foi enganado para regresar a Italia e así evitar a voda polo seu compañeiro de estudos, fillo do seu patrón o condestable Colonna.[5][6] De volta en Italia completou os seus estudos.[7]

Militar editar

Adxudicada a administración militar da Valtelina ao papa, este recrutou un exército para ocupar a rexión e Mazarin foi nomeado capitán das novas tropas, pasando polas gornicións de Loreto e Ancona.[8] Logrando facerse nomear para un posto de axudante do xeneral do exército pontificio, axiña se fixo imprescindible nos tratos con franceses e españois, percorrendo todo o norte de Italia en misións de enlace e como negociador entre as partes interesadas no control da rexión.[9]

Retiradas as tropas pontificias tralo Tratado de Monzón en 1626, Mazarin pasou a Ferrara, dende onde viaxou a miúdo a Roma como enviado do seu superior para informar a corte e onde entrou en contacto co cardeal Bentivoglio, representante dos intereses de Francia na cidade.[9] Gañado o favor deste, Bentivoglio recomendouno ao cardeal ministro, Francisco Barberini, que o enviou como secretario da legación pontificia na Lombardía.[9]

Negociador papal editar

Confinado no norte de Italia polas intrigas do duque de Savoia Carlos Manuel I de Savoia e a rivalidade franco-española, Mazarin recibiu instrucións do papa de favorecer a Francia para contrarrestar o predominio español, mais non tanto como para substituír unha preponderancia por outra.[10] Mazarin, atendendo de forma característica os intereses do seu empregador, mais tamén os seus propios,[10] amosou unha acusada simpatía cara a Francia,[10] pero mantivo a confianza de todas as partes.[11] Isto permitiulle obter información relevante que enviaba puntualmente a Roma.[11]

Avisado o duque de Savoia da inminente invasión francesa da península italiana, enviou a Mazarin a tratar de deter o cardeal Richelieu.[12] Mazarin chegou a Lión o 28 de xaneiro de 1630, entrevistándose con Richelieu o día seguinte.[12] A curta estadía fracasou no seu obxectivo de parar o avance francés, mais foi de crucial importancia para a carreira de Mazarin.[12] Os seus intentos de negociación con Richelieu continuaron durante a primavera, entrevistándose de novo con el o 17 de marzo, poucos días antes da toma francesa da fortaleza de Pinerolo, mantendo unha intensa actividade diplomática a favor da paz, infrutuosa e consciente da súa inutilidade, pero destacando pola súa diplomacia ante Richelieu.[13]

Desde moi novo desempeñou acertadamente cargos diplomáticos para a Santa Sé. Interveu nas intrigas da sucesión de Mantua, o que lle permitiu coñecer a Richelieu e a Lois XIII, do que foi gran defensor da súa política na corte pontificia. As súas intervencións foron decisivas para a consecución da paz de Cherasco, en 1631, grazas ao que foi recompensado cunha nunciatura extraordinaria en París (1635); este cargo aproximouno ao cardeal e ao rei, de quen obtivo o favor.

En 1639 nacionalizouse francés, pasando a ser un estreito colaborador do primeiro ministro, grazas ao que foi nomeado cardeal (1641) e ministro de Estado. O 5 de decembro de 1642 foi nomeado ministro principal do Estado por recomendación do cardeal Richelieu, que morrera a véspera. Dende 1643, trala morte de Lois XIII, Mazarin gobernou Francia baixo a rexencia de Ana de Austria en nome do novo rei Lois XIV, quen herdou o trono con tan só cinco anos. Continuou no cargo de primeiro ministro ata a súa morte, a pesar de ter fortes opositores.

Dende a súa chegada ao cargo, debeu afrontar a hostilidade dos nobres, incluíndo un complot para asasinalo. A pesar dos seus éxitos militares e diplomáticos, que permitiron dar fin á Guerra dos Trinta Anos (Tratado de Westfalia, 1648), coas dificultades financeiras de Francia, Mazarin debeu adoptar medidas de austeridade que resultaron impopulares. Os seus inimigos trataron de expulsalo do poder, mais en cada ocasión logrou manexar a situación. En 1650 e 1652 debeu exiliarse, mais continuou a gobernar por intermedio da raíña e dun grupo de leais seguidores, como Hugues de Lionne (1611-1671) e Michel Le Tellier (1603-1685).

De regreso a París, foi aclamado polo pobo que lle agradecía o final da guerra. A Mazarin non lle perdoaban a súa orixe italiana nin a concentración de poder que lograra e que lle permitía aumentar impostos sen negociar. Mazarin faleceu por mor dunha longa enfermidade no castelo de Vincennes o 9 de marzo de 1661.

Legado editar

Ademais da súa herdanza no ámbito político (Jean-Baptiste Colbert foi secretario persoal de Mazarin e o seu sucesor), Mazarin legou ao rei todos os seus bens, que se calculan como a maior fortuna privada do Antigo Réxime, dobrando mesmo a que conseguira o seu predecesor, Richelieu: 35 millóns de libras, 8 millóns das cales en efectivo (tanto como os fondos do Banco de Ámsterdam, o máis importante da época), depositadas en distintas cidades. O desmesurado enriquecemento do cardeal produciuse en menos de dez anos (1652-1661), suponse que sobre todo a base de especular cos fondos do Estado ou o valor das moedas, e coas grandes comisións obtidas a través de testaferros sobre o aprovisionamento dos exércitos. O rei tardou tres días en aceptar formalmente a herdanza, mais ao pouco devolveuna aos seus herdeiros.[14] No seu testamento Mazarin ordenou tamén a creación do Colexio de Catro Nacións, que logo se converteu no Instituto de Francia.

Notas editar

  1. Biografía do cardeal Mazarin
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 Bailly (1969), páx. 11.
  3. 3,0 3,1 Bailly (1969), páx. 10.
  4. 4,0 4,1 Bailly (1969), páx. 12.
  5. 5,0 5,1 5,2 Bailly (1969), páx. 14.
  6. Perálvarez, José Antonio (7 de marzo de 2014). "El amor imposible del Cardenal Mazarino". Historias de Alcalá (en castelán). 
  7. Bailly (1969), páx. 15.
  8. Bailly (1969), páx. 16
  9. 9,0 9,1 9,2 Bailly (1969), páx. 17
  10. 10,0 10,1 10,2 Bailly (1969), páx. 19.
  11. 11,0 11,1 Bailly (1969), páx. 20
  12. 12,0 12,1 12,2 Bailly (1969), páx. 21.
  13. Bailly (1969), páx. 24.
  14. P. Goubert, Mazarin, París, 1990, cap. XIX; D. Dessert, Colbert, le serpent venimeux, París, 2000, pp. 63-65. Para unha visión máis favorable ao cardenal, con discusión sobre a realidade da herdanza, véxase o traballo de T. Yoshida (1990).

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Bailly, Auguste (1969). Mazarino. Espasa-Calpe. p. 215. OCLC 275364. 
  • Amedeo Benedetti, Sul Breviario dei politici di Giulio Mazzarino, en "Rivista di Studi Politici Internazionali", a. 79 (2012), fasc. 314, pp. 269–278. (en italiano)
  • Antonio de Zayas, Ensayo sobre Mazarino