Este artigo trata sobre unha bebida alcólica, para o froito cítrico véxase cidra.

Sidra natural de Asturias.
Home a escanciar nunha sidraría.

A sidra é unha bebida alcohólica de baixa gradación (menos de 3º no caso da bretoa Cidre Doux, unha sidra doce, ata un máximo de 8º) fabricada co zume levedado da mazá.

Características editar

Trátase dunha bebida moi espallada por todo o mundo, así en Europa atópase en numerosos países: Alemaña, Bretaña, Portugal (Madeira), España (Asturias, Galicia, Cantabria e País Vasco), Italia (Piemonte), Irlanda, Escocia e Inglaterra. En América, atópase en zonas de distintos países, probablemente debido á influencia da emigración española do século pasado: por exemplo en México prodúcese nas cidades de Huejotzingo e Zacatlán, no estado de Puebla. Na Arxentina a sidra localízase sobre todo nas provincias de Río Negro, San Juan e Santa Fe. Nos Estados Unidos prodúcese principalmente en Nova Inglaterra e no estado de Nova York.

Pola súa singularidade hai que diferenciar a sidra natural da sidra espumosa. En xeral, mentres que en Galiza e no norte de España se consome maioritariamente a sidra natural, no resto do mundo adóitase consumir a sidra espumosa (máis similar ao champagne ou á cervexa).

A sidra en Galicia editar

O xeógrafo romano Estrabón, falando do seu paso por Galiza, menciona unha bebida que se interpretou como sidra:

Os montañeses viven durante dous terzos do ano de landras, que secan, machacan e logo moen para facer pan e conservalo durante moito tempo. Tamén beben zhytos. Están escasos de viño e o que conseguen gástano rapidamente en festíns coas familias...

Zhytos en grego é cervexa, pero dada a similitude na cor das dúas bebidas, e a ausencia de produción de cereais nas zonas de montaña que el visitou e a abundancia de maceiras, enténdese que a bebida á que se refire é a sidra.

A sidra aparece tamén mencionada no Libro do peregrino do Códice Calixtino. No libro V, capítulo VII, "Dos nomes das terras e das particularidades das xentes que se atopan no camiño de Santiago":

Vén logo a terra dos galegos, pasados os confíns de León e os portos de Monte Irago e Cebreiro. É unha terra frondosa de ríos, prados e extraordinarios verxeis, bos froitos e clarísimas fontes, pero escasa en cidades, vilas e terras de labor, escasa en pan, trigo e viño pero abundante en pan de centeo e sidra, ben abastecida en gandos e cabalerías, en leite e mel, e en peixes de mar, grandes e pequenos.

Galicia é con moito a comunidade que máis mazá sidreira produce no conxunto de todo o estado español, por riba de comunidades produtoras coma Asturias ou Euskadi, que importan o produto galego. En 2006 a produción galega de mazá sidreira situouse nas 60.000 toneladas mentres que a de Asturias pasaba por entre 35.000 e 40.000 e a de Euskadi por 8.000[1].

Esta bebida dá nome a varios lugares, como As Sidras (Carnota), A Leira da Sidra (As Somozas), A Fonte da Sidra (Vigo), O Hórreo da Sidra (A Pontenova), O Lugar da Sidra (Cospeito), Pereira-Sidral, (O Valadouro), A Sidreira (Paderne) ou Os Sidreiros (As Somozas). Amais, existen numerosos lugares con nomes referidos a lagares (tamén destinados a facer viño) ou terreos nos que se dá a maceira.

Hai festas gastronómicas adicadas a este produto en Fornelos de Montes, Guitiriz, San Tomé de Piñeiro (Marín), Bembrive (Vigo), Redondela e A Estrada. Ademais, en Chantada existe unha planta de produción industrial propiedade do grupo Hijos de Rivera, que comercializa a sidra co nome de Maeloc e na Estrada a empresa Lagar de Ribela produce a súa propia sidra con mazá ecolóxica. Outras iniciativas empresariais que apostan por esta bebida en Galicia son, entre outras Val do Traba (Noia); Torres de Moreda, Rabiosa, Lagar de Ribela, Camino, Sidra Nord e Sidras Peroja (A Estrada).[2]

Galería de imaxes editar

Notas editar

  1. ""Galicia es la mayor productora de manzana sidrera de toda España, con una producción anual de 60.000 toneladas"". vigometropolitano.com. 21/11/2007. Arquivado dende o orixinal o 02/02/2014. Consultado o 27/01/2014. 
  2. "La sidra gallega se hace más fuerte". La Voz de Galicia (en castelán). 29 de maio de 2018. Consultado o 29 de agosto de 2021.