Caixa de Aforros Provincial de Pontevedra

entidade financeira galega

A Caixa de Aforros Provincial de Pontevedra foi unha entidade financeira dependente da Deputación de Pontevedra e con sede na cidade de Pontevedra, existente entre 1930 e 2000.

Caixa de Pontevedra
Edificio
EstiloArquitectura moderna
EnderezoRúa Augusto González Besada, 2
LocalizaciónPontevedra
Coordenadas42°25′44″N 8°38′45″O / 42.428833333333, -8.6459722222222Coordenadas: 42°25′44″N 8°38′45″O / 42.428833333333, -8.6459722222222
PropietarioAbanca
Uso(s)Centro Cultural
Construción
Inicio1944
Construción1948
Remate1948
Remodelación1956, 1974, 2004
Dimensións
Plantas6 (planta baixa, 5 andares)
Equipo
Arquitecto(s)Emilio Quiroga Losada (1948)
Robustiano Fernández Cochón (1956)
Joaquín Basilio Bas (1974)
César Portela (2004)
editar datos en Wikidata ]

Historia editar

Fundouse en Pontevedra o 12 de xaneiro de 1930 e comezou a súa actividade o 20 de xaneiro de 1930.[1] O seu primeiro presidente foi Daniel de la Sota e o seu primeiro director Alexandre Bóveda.[2] Tras o cesamento de Daniel de la Sota como presidente da Deputación, ocupou o cargo o militar Manuel Casas Medrano, quen quixo pechar a entidade, e Alexandre Bóveda dimitiu do cargo.[3] Nos anos da Segunda República Española comeza a súa expansión polo norte da provincia, con axencias en diversas vilas. A comezos de 1938 levouse a cabo unha depuración do persoal, en cumprimento das disposicións da Junta de Defensa Nacional.

Entre 1940 e 1960 as caixas de aforros viviron un período de expansión en toda España, ao abeiro das reformas lexislativas. Por entón ábrense as primeiras sucursais en Ponte Caldelas, Tomiño e Caldas de Reis. Nesa etapa en que hai enfrontamentos coa Caixa de Aforros Municipal de Vigo por ocuparen diferentes espazos, situación na que media o Ministerio de Traballo.

En 1944 a entidade adquire un soar en Campolongo onde constrúe a súa sede, elaborada polo arquitecto Emilio Quiroga Losada. O edificio foi inaugurado en 1949.[4] e ampliouse na década de 1950, co deseño de Robustiano Fernández Cochón. O edificio foi de novo ampliado entre 1971 e 1973, coa construción dun auditorio e diversas oficinas, que acolleron durante un tempo as aulas da Universidade Nacional de Educación a Distancia.[5]

Participou no financiamento de obras públicas na cidade de Pontevedra, como o Estadio da Xuventude (actual Centro Galego de Tecnificación Deportiva)[6] ou o Estadio de Pasarón, así como a construción de diversas vivendas sociais. En 1965 construíu a residencia de estudantes Virxe Peregrina, en orixe destinada a Colexio Menor, destinada a alumnado de Bacharelato, Maxisterio e Mestría Industrial.[7] Dentro da obra social, a entidade patrocinou equipos deportivos como o Pontevedra CF ou a SD Teucro.[8]

En 1980 constituíu o premio Julio Camba de Periodismo. En 1977 comezaron diversas conversas para crear unha gran caixa de aforros galega. Leváronse a cabo negociacións con Caixa Galicia, resultado da fusión das Caixas de Aforros da Coruña, Lugo, Santiago de Compostela e Ferrol,[9] mais a negativa da Caixa de Aforros de Vigo botaron atrás o proxecto conxunto. Ante esta diatriba, na década de 1980 levou a cabo unha fase de expansión coa apertura de sucursais en diversas vilas galegas e mesmo en Madrid.

En 1990 comezan diversas colaboracións coas Caixa de Aforros de Vigo e Ourense, que culminan no ano 2000 coa fusión e a creación da entidade privada Caixanova.[10] A parte de accións que lle corresponderon na nova caixa foi do 24 %. Á súa vez Caixanova fusionouse en 2010 con Gaixa Galicia, e o proceso culminou na entidade Abanca.[11]

En 2006 inaugurouse o novo Centro Cultural da Caixa de Aforros, cun amplo programa cultural que inclúe obradoiros de poesía, literatura e arte, exposicións de museos nacionais e internacionais, obras de teatro, concertos e conferencias no seu auditorio.[12] En 2010 pasou a chamarse Centro Cultural Afundación.

Arquitectura editar

Tras a derriba da capela de San Xosé na praza do mesmo nome, construíuse o edificio da Caixa de Aforros Provincial de Pontevedra. Esta sede construíuse en tres etapas: o edificio orixinal iniciouse en 1944 e converteuse na sede da Caixa de Aforros de Pontevedra en 1948. O edificio ocupaba unha parcela de 200 metros cadrados na Praza de San Xosé e era un edificio de pedra de aspecto nobre, con planta baixa e catro pisos, segundo o proxecto de Emilio Quiroga Losada, arquitecto municipal.[13]

A segunda parte deseñouse como unha ampliación ao longo da rúa Augusto González Besada en 1956. Esta ampliación foi deseñada e construída polos arquitectos Robustiano Fernández Cochón e Laureano Barreiro. A última parte consistiu na execución dun anexo de arquitectura moderna con fachada ás rúas San Xosé e Augusto García Sánchez, construído entre 1970 e 1974 polo arquitecto Joaquín Basilio Bas.[14] Desde esta ampliación, o edificio conta cun gran auditorio con máis de 800 prazas.

O edificio foi completamente reformado polo arquitecto César Portela en 2004 e inaugurado o 15 de xullo de 2006.[15][16] Ten unha superficie de 12 000 metros cadrados de superficie construída e conserva dúas fachadas de pedra, combinadas cun enorme cubo de cristal na fachada posterior que se abre á Avenida Augusto García Sánchez e que lle dá un aspecto moderno e vangardista.[17] O edificio está coroado na fachada da súa entrada principal por unha escultura de bronce de 6 metros de altura do escultor Cándido Pazos, realizada en 2006, que representa ao arqueiro grego Teucro, mítico fundador da cidade de Pontevedra.[18] Na fachada sur restauráronse os baixorrelevos de Xoán Piñeiro O mar e O campo.

No interior do edificio hai un gran vestíbulo ao que se accede desde a entrada principal pola rúa Augusto González Besada e que conecta as diferentes salas. Cinco grandes esculturas do escultor Sergio Portela están colocadas estratexicamente neste vestíbulo para atraer as miradas. Na terraza instalouse un xardín de camelias e nos dous patios interiores hai unha fervenza de 11 metros e xardíns colgantes de 15 metros de altura. Ademais dun auditorio con máis de 800 asentos, o edificio conta cunha sala de conferencias e tres grandes salas de exposicións.[19]

Galería editar

Notas editar

  1. "Cronología del auge y caída de las cajas gallegas". ABC (en castelán). 19 de decembro de 2013. 
  2. ""Pocos saben que Bóveda fue el primer director de la Caja de Pontevedra"". La Voz de Galicia (en castelán). 14 de xullo de 2003. 
  3. "El 'gallego' que modernizó la agricultura". La Opinión A Coruña (en castelán). 23 de abril de 2010. 
  4. "La desconocida capilla de San José". Diario de Pontevedra (en castelán). 14 March 2021. 
  5. "La sede que la Caja no inauguró nunca". Faro (en castelán). 3 de marzo de 2013. 
  6. "El Estadio de la Juventud". Faro (en castelán). 16 de novembro de 2014. 
  7. "Alcalde Filgueira Valverde". Pontevedra Viva (en castelán). 12 de xullo de 2014. 
  8. "75 años de historia azul". Diario de Pontevedra (en castelán). 4 de maio de 2020. 
  9. "De Caixa de Aforros a Caixa Galicia". La Opinión A Coruña (en castelán). 5 de abril de 2009. 
  10. "La Xunta consigue la fusión de las tres cajas de ahorro del sur de Galicia". El País (en castelán). 15 de marzo de 1999. 
  11. "Diez años de la fusión de Caixa Galicia y Caixanova: el fracaso que costó 9.000 millones". El Español (en castelán). 29 de xuño de 2020. 
  12. "Los Reyes inauguran en Pontevedra el nuevo edificio del Centro Social de la entidad Caixanova". ABC (en castelán). 16 de xullo de 2006. 
  13. "La sede que la Caja no inauguró nunca". Faro (en castelán). 3 de marzo de 2013. 
  14. "Una nueva forma de actuar". El Correo Gallego (en castelán). 23 de xullo 2006. 
  15. "'Arquitectura de sensacións', desde el martes 13 en la sede de Afundación". Pontevedra Viva (en castelán). 9 de setembro de 2016. 
  16. "La sede de Afundación presentaba su nueva cara". La Voz de Galicia (en castelán). 15 de xullo de 2016. 
  17. "Los Reyes inauguran en Pontevedra el nuevo edificio del Centro Social de la entidad Caixanova". ABC (en castelán). 16 de xullo de 2006. 
  18. "Teucro ya pisa el reloj". La Voz de Galicia (en castelán). 18 de xullo de 2006. 
  19. "Una nueva forma de actuar". El Correo Gallego (en castelán). 22 de xullo de 2006. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Aganzo, Carlos (2010). Pontevedra. Ciudades con encanto (en castelán). Madrid: El País-Aguilar. p. 100-101. ISBN 978-8403509344. 
  • López Torre, R. (2000). La Caja de Pontevedra. 1930/2000. Caja de Pontevedra. 

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar