Complexo Ons-O Grove

espazo natural galego

Coordenadas: 42°22′55″N 8°54′36″O / 42.382000, -8.909900

Complexo Ons - O Grove
As Ons desde San Vicente do Mar, O Grove.
Marco Legal
Figura de Protección: ZEC
Ano de constitución: Decembro de 2004
Superficie: 7.607 ha. (74% augas mariñas)
Lexislación: LIC o 29 de decembro de 2004 e 21 de setembro de 2006, ZEC o 31 de marzo de 2014.[1][2][3]
Datos de interese
País: Galicia Galicia
Provincias: Pontevedra
Concellos: Bueu, Cambados, A Illa de Arousa, Meaño, O Grove, Ribadumia e Sanxenxo.
Ríos:
Picos
Direccións de interese:
Teléfonos:

O Complexo Ons - O Grove é un espazo natural galego catalogado como zona especial de conservación (ZEC) que inclúe as augas interiores e o litoral do suroeste da ría de Arousa, o arquipélago das illas Ons e as súas augas, e un treito do litoral norte da ría de Pontevedra.[1][2][3][4][5]

Neste ZEC destaca a presenza das tartarugas mariñas común (Caretta caretta) e verde (Chelonia mydas), que son especies migratorias e en alto risco de extinción, e da planta vascular Rumex rupestris. Así mesmo, destaca polas colonias de aves como a píllara cincenta, o mazarico rabipinto, o cullereiro ou a gabita.

Xeografía editar

Este espazo natural atlántico está formado por varias áreas diferenciadas. Primeiro, comprende o sur da illa de Arousa e illotes achegados a esta, como a illa da Rúa, a illa Xidoiro, o illote Xidoiro Pedregoso e Xidoiro Areoso ou o illote Corveiro. Segundo, un continuo de litoral e as augas mariñas da enseada do Vao e a enseada e esteiro do río Umia, que son a zona suroriental da ría de Arousa entre Cambados e o Grove. Esta sección continúa en terra acollendo a todo o istmo da Lanzada, e continúa coa parte norte do litoral de Sanxenxo, ata a praia de Maior. Desde aí o espazo ábrese para acoller as illas Ons e as augas que as rodean. Finalmente, inclúe ao litoral do Grove dende a súa parte central, na praia Mexilloeira, ata a punta Avelleira, no oeste dese litoral.[4]

As áreas diferenciadas deste espazo son a parte da illa de Arousa e as augas que van desde Cambados ao Grove; e as augas mariñas xa do exterior da ría de Pontevedra e o arquipélago das Ons.[4]

Fauna e flora editar

Flora editar

 
Cistanche phelypaea no Complexo Ons-O Grove.

No espazo destacan as áreas en bo estado de conservación das extensións das fanerógamas mariñas Zostera noltii e Zostera marina. No sistema dunar da Lanzada destaca a Iberidetum procumbentis. Cómpre citar a presenza do fieito mariño Asplenium marinum, un endemismo, e o único espazo galego coa presenza do coutiño (Cistanche phelypaea).

As especies da flora catalogadas como especies silvestres en réxime de protección especial ou presentes no catalogo galego de especies ameazadas son:[4]

Especie
Rumex rupestris

Fauna editar

No complexo atópanse durante a fase da súa migración a tartaruga mariña común (Caretta caretta) e a mariña verde (Chelonia mydas). Destaca tamén que arredor das illas Ons estean presentes os arroaces (Tursiops truncatus) e as marsopas (Phocoena phocoena).[5]

O espazo chega a acadar a presenza en inverno de trece mil aves acuáticas, como o culleiro (Platalea leucorodia) ou a gabita (Haematopus ostralegus). Nas illas Ons atópanse colonias dos corvos mariños cristados (Phalacrocorax aristotelis), e da gaivota Larus cachinnans.[5]

As especies de fauna catalogadas como especies silvestres en réxime de protección especial ou presentes no catalogo galego de especies ameazadas son:[4]

Grupo Especie
Invertebrado Euphydryas aurinia
Invertebrado Geomalacus maculosus
Peixe Alosa alosa
Peixe Alosa fallax
Peixe Petromyzon marinus
Anfibio Chioglossa lusitanica
Anfibio Discoglossus galganoi
Réptil Caretta caretta
Réptil Chelonia mydas
Réptil Lacerta schreiberi
Mamífero Lutra lutra
Mamífero Myotis myotis
Mamífero Phocoena phocoena
Mamífero Rhinolophus ferrumequinum
Mamífero Rhinolophus hipposideros
Mamífero Tursiops truncatus

Lexislación editar

En 2004 o "Complexo Ons - O Grove" foi declarado como lugar de importancia comunitaria (LIC) pola comisión bioxeográfica atlántica da rede Natura 2000.[1]. Ascendeu a zona especial de conservación (ZEC) en marzo de 2014.[2]

Pero ademais, este espazo inclúe diferentes áreas recollidas por outras figuras de protección nacionais e internacionais. Ademais, e dentro da Rede Natura 2000, ten parte dentro das zonas de especial protección para as aves (ZEPAs) "Complexo Intermareal Umia - O Grove, A Lanzada, Punta Carreirón e Lagoa Bodeira" e "Illa de Ons". Así mesmo, o arquipélago das Ons é parte do "Parque Nacional Marítimo terrestre das Illas Atlánticas de Galícia".

Igualmente, parte deste ZEC están dentro das zonas húmidas protexidas do "Complexo intermareal Umia-O Grove, A Lanzada, punta Carreirón e lagoa Bodeira" e a zona húmida de importancia internacional, ou Ramsar, "Complexo intermareal Umia - Grove".

Con isto, o ZEC "Complexo Ons - O Grove" forma parte total ou parcialmente de:

Galería de imaxes editar

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 BOE - Goberno de España, eds. (29/12/2004). "Decisión de la Comisión, de 7 de diciembre de 2004, por la que se aprueba, de conformidad con la Directiva 92/43/CEE del Consejo, la lista de lugares de importancia comunitaria de la región biogeográfica atlántica [notificada con el número C(2004) 4032].". Diario Oficial de la Unión Europea: L 387/1–96. 
  2. 2,0 2,1 2,2 Consellería de medio ambiente (Luns, 31 de marzo de 2014). DOG - Xunta de Galicia, eds. "DECRETO 37/2014, do 27 de marzo, polo que se declaran zonas especiais de conservación os lugares de importancia comunitaria de Galicia e se aproba o Plan director da Rede Natura 2000 de Galicia." (62): 13.427. 
  3. 3,0 3,1 Consellería de medio ambiente (Luns, 12 de abril de 2004). DOG - Xunta de Galicia, eds. "DECRETO 72/2004, do 2 de abril, polo que se declaran determinados Espazos como Zonas de Especial Protección dos Valores Naturais." (69): 5.046. 
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 Consellaría de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Xunta de Galicia (eds.). "Complexo Ons-O Grove". Consultado o 01/04/2020. 
  5. 5,0 5,1 5,2 Axencia Ambiental Europea - Unión Europea (eds.). "ES1140004 Complexo Ons - O Grove". Consultado o 18/10/2019.