Convención para a protección ambiental mariña do Atlántico Nordeste

A Convención para a protección ambiental mariña do Atlántico Nordeste ou Convención OSPAR[1] é un convenio de regulación da cooperación internacional e de protección dos ecosistemas mariños da zona nordeste do océano Atlántico.[2][3][4][5] O seguimento e traballo baixo o amparo do convenio está xestionado pola Comisión OSPAR. Esta comisión componse de representantes dos 15 gobernos asinantes e da comisión europea, en representación da Unión Europea.[2][5]

Atlántico nordés e estados membros asinantes do Convenio OSPAR.

A Convención OSPAR asinouse en París o 22 de setembro de 1992. Supuxo a unión e actualización da Convención de Oslo, que regulaba o lixo mariño nos océanos, e a Convención de París de 1974 sobre do uso de recursos terrestres con impacto contaminante no mar. O nome do convenio é a combinación de Oslo e París.[3][4][5]

Esta convención supuxo un cambio no xeito de protexer os ambientes mariños pois intenta regular todas as fontes de polución mariña nun único marco instrumental.[6]

Historia editar

 
Área de influencia da OSPAR.

O buque de transporte de petróleo Torrey Canyon afundiu en 1967 verteu 117 mil toneladas de petróleo no Atlántico norte, provocando un enorme impacto ambiental. Ese afundimento iniciou as conversas internacionais e levou á sinatura do Acordo de Bonn de 1969 para cooperar en relación ás verteduras de petróleos neste océano.[3]

Unha seguinte convención internacional, celebrada en Oslo en 1972, tratou a temática da polución mariña pola liberación nas augas de verteduras de residuos da frota naval e aérea. O convenio resultante entraría en vigor no 1974. Así mesmo, nese ano outra convención en París avanzou debatendo a polución con orixe terrestre que chega ao medio mariño, xa que son unha fonte de verteduras con efectos nocivos nas augas mariñas. Esa convención de París asinouse ese ano e entrou en vigor en 1978.[3]

En París o 22 de setembro de 1992 xuntáronse as convencións de Oslo e París de xeito conxunto para a ratificación dun novo acordo. Ese novo tratado internacional creou un novo acordo coa finalidade de protección do medio mariño do atlántico norte. O novo acordo, "Convención para a protección dos ambientes mariños do nordeste atlántico", ou convenio OSPAR, que combina o nome dos dous convenios anteriores, foi ratificada por 15 estados e a Unión Europea. Os estados asinantes foron Alemaña, Bélxica, España, Finlandia, Francia, Holanda, Irlanda, Islandia, Noruega, Portugal, o Reino Unido, Suecia e a Unión Europea. Ademais destes, ratificáronos tamén Luxemburgo e Suíza. No caso de Finlandia, inda que non é un país con territorio na costa leste atlántica europea, si ten ríos que flúen cara ao mar de Barents. Así mesmo, fora un país activo en canto a participación nos proxectos de redución do lixo no Atlántico norte nas décadas anteriores. Do mesmo xeito, Luxemburgo e Suíza non son países costeiros. Porén, as augas fluviais do río Rin, que desemboca no Atlántico, si pasa por eles.[3]

Cada estado foi ratificando os acordos da convención ata aprobarse a súa entrada en vigor o 15 de marzo de 1998. Con iso, finalizou a vixencia dos acordos de París e Oslo de 1974. A primeira comisión de seguimento ministerial da comisión OSPAR produciuse en Sintra, Portugal, en 1998. Nesa xuntanza aprobaron a extensión da cooperación a "todas as actividades humanas que puidesen afectar de xeito perxudicial ás áreas dos ecosistemas mariños do nordeste Atlántico". A estratexia alí establecida marcouse na liña de protexer e conservar os ecosistemas e a biodiversidade mariña, reducir as substancias nocivas vertidas e as radioactivas, a eutrofización e en conseguir varios retos de xestión ambiental en altamar.[3]

Malia a ese acordo, algunhas medidas da convención non poden ser aplicadas dentro do marco desta. Competen aos acordos dos estados europeos no nordeste atlántico e atlántico norte dentro do marco do Consello internacional da Exploración do Mar (ICES).

Áreas de traballo editar

A OSPAR ten unha estratexia de aplicación definida no libro "Estratexia ambiental do Atlántico Nordeste 2010-2020". Nel defínense como aplicar a aproximación de ecosistemas (definidas nunha primeira estratexia de actuación), e cinco temas de actuación (segunda estratexia de actuación), que son[7]:

  1. a eutrofización,
  2. substancias perigosas,
  3. substancias radioactivas,
  4. a produción de gas e petróleo en altamar,
  5. biodiversidade e ecosistemas.

Áreas Mariñas Protexidas pola OSPAR editar

Dentro da augas competencia da OSPAR decláranse áreas mariñas protexidas.[8][9]

As áreas mariñas protexidas propóñenas os estados membros que teñen competencia sobre das súas augas dun xeito xurisdicional, ben por ser o estado soberano desas augas ou por estar dentro da súa zona económica exclusiva. Ademais destas, pódense declarar áreas fóra das xurisdición de calquera estado membro por acordo dos países.[9]

A convención tiña declaradas en 2020 493 áreas mariñas protexidas. As áreas dentro da soberanía dos países membros supoñen a protección de 181394,8 km2 e dentro da súas zonas económicas exclusivas 196,096.2 km2. Outras 7 áreas mariñas protexidas están fóra das desas áreas de competencia e supoñen outros 464,839.7 km2 dos espazos protexidos da OSPAR.[10] Estas áreas mariñas protexidas son[9]:

Nome AMP
Complexo de monte submarino de Milne
Charlie-Gibbs Sur
Altamar do monte submarino Altair
Altamar do monte submarino Antialtair
Altamar do monte submarino Josephine
Altamar do mar do norte dos Azores
Altamar norte de Charlie-Gibbs

En canto ás áreas OSPAR declaradas e vencelladas ao territorio de España, existen os seguintes áreas mariñas protexidas[9]:

Nome AMP
Illas Atlánticas de Galicia
El Cachucho
Banco de Galicia
Espazo mariño de Cabo Peñas
Espazo mariño da Baía de Cádiz
Espazo mariño da Costa da Morte
Espazo mariño da Costa de Ferrolterra - Valdoviño
Espazo mariño da Ría de Mundaka-Cabo de Ogoño
Espazo mariño das Rias Baixas de Galicia
Espazo mariño dos Illotes de Portios - Illa Conejera - Illa de Mouro
Espazo mariño de El Tinto y del Odiel
Espazo mariño de Punta de Candelaira - Ría de Ortigueira - Estaca de Bares
Golfo de Cádiz

Notas editar

  1. En inglés Convention for the Protection of the Marine Environment of the North-East Atlantic e en francés Convention pour la protection du milieu marin del'Atlantique du Nord-Est.
  2. 2,0 2,1 OSPAR Commission (eds.). "OSPAR Convention". Consultado o 08/04/2020. 
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 OSPAR Commission (eds.). "OSPAR Convention" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 02/05/2020. Consultado o 27/01/2021. 
  4. 4,0 4,1 United Nations: Treaties Collections (eds.). "Registration Number 42279: Convention for the protection of the marine environment of the North-East Atlantic". Consultado o 08/04/2020. 
  5. 5,0 5,1 5,2 Unión Europea (eds.). "Comisión Europea". Consultado o 08/04/2020. 
  6. Philippe Sands (2003). Cambridge University Press, eds. Principles of International Environmental Law. ISBN 9780511813511. doi:10.1017/CBO9780511813511. 
  7. OSPAR Commission (eds.). "OSPAR Work Areas". Consultado o 08/04/2020. 
  8. OSPAR Commission (eds.). "OSPAR Marine Protected Areas". Consultado o 08/04/2020. 
  9. 9,0 9,1 9,2 9,3 Ministerio para la Transición Ecológica y Reto Demográfico, Goberno de España (eds.). "Biodiversidad Marina: Espacios protegidos por instrumentos internacionales". Arquivado dende o orixinal o 13/04/2020. Consultado o 08/04/2020. 
  10. OSPAR Commission (eds.). "OSPAR MPA database". Consultado o 08/04/2020. 

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar