Clara Campoamor

política española

Carmen Eulalia Campoamor Rodríguez[1] coñecida como Clara Campoamor, nada en Madrid o 12 de febreiro de 1888 e finada en Suíza o 30 de abril de 1972,[2] foi unha política e feminista española. Como deputada defendeu nas cortes o sufraxio universal, especialmente o voto feminino, lográndoo o 1 de outubro do 1931.

Modelo:BiografíaClara Campoamor

(1930) Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento12 de febreiro de 1888 Editar o valor en Wikidata
Madrid, España Editar o valor en Wikidata
Morte30 de abril de 1972 Editar o valor en Wikidata (84 anos)
Lausana, Suíza Editar o valor en Wikidata
Lugar de sepulturacemiterio de Polloe Editar o valor en Wikidata
Deputada nas Cortes republicanas
4 de xullo de 1931 – 9 de outubro de 1933

Circunscrición electoral: Madrid (provincia)
Editar o valor en Wikidata
Actividade
Campo de traballoDereito e Dereitos da muller Editar o valor en Wikidata
Ocupaciónpolítica, xurista, escritora, avogada, sufraxista Editar o valor en Wikidata
Partido políticoAcción Republicana
Partido Republicano Radical Editar o valor en Wikidata
Membro de

IMDB: nm0133143 BNE: XX1091163 Find a Grave: 7398635 Editar o valor en Wikidata

Introdución

editar

A ningunha política ou político de ningunha época lle debe tanto a democracia no Estado español como a Clara Campoamor, pois grazas á súa loita gózase en España do sufraxio universal. Clara Campoamor é considerada como unha das nais do movemento feminista e sufraxista en España, sendo unha das primeiras deputadas das primeiras Cortes da II República. Defensora da igualdade de dereitos da muller, foi unha das impulsoras da aprobación do voto feminino nas segundas eleccións republicanas, así como da primeira lei do divorcio. Clara Campoamor foi unha muller que se fixo a si mesma, que loitou sempre contra todo, contra todos e contra todas -«a miña lei é a miña loita», dicía- para conseguir un estado onde a lei non fose un castigo, senón un amparo.

Traxectoria

editar

Naceu nunha familia humilde do barrio madrileño de Maravillas. O seu pai, Manuel Campoamor Martínez, era contábel nun xornal madrileño. A súa nai, Pilar Rodríguez Martínez, era modista. Cando o pai morreu, Clara Campoamor deixou a escola e púxose a axudarlle á súa nai repartindo roupa. Entrou despois de dependenta nunha tenda e aos 21 anos fixo oposicións para auxiliar do Corpo de Correos e Telégrafos.[3] Aprobounas e comezou a traballar en 1910 en Donostia. En 1914 fixo oposicións para profesora de adultas no Ministerio de Instrución Pública, que aproba coa mellor nota, malia que só lle permiten ensinar taquigrafía e mecanografía, ao non ter o Bacharelato. Daquela decide estudar mentres segue axudándolle á familia. Ademais de impartir aulas, traballa como mecanógrafa no Ministerio[4] e no diario maurista La Tribuna como secretaria do director Salvador Cánovas Cervantes, un posto que lle permitiu coñecer xente e interesarse pola política, convencéndose entón de que ese tamén era o seu sitio.

En 1920 comeza unha nova vida, ao matricularse como alumna do Bacharelato (que remata en dous anos) e a continuación na Facultade de Dereito, onde obtén o título de licenciada en tan só dous anos. Aos 36 anos convértese nunha das poucas licenciadas españolas e inmediatamente comeza a exercer a avogacía. As súas ideas sobre a igualdade da muller acércana ao PSOE e prologa o libro de María Cambrils Feminismo Socialista, dedicado a Pablo Iglesias Posse. Pero nin ela era socialista nin aceptaba a colaboración do PSOE coa Ditadura. Creou a Asociación Liberal Socialista, pero deixouna cando non puido conseguir a súa definición republicana. Mantivo unha grande actividade como conferenciante na Asociación Feminina Universitaria e a Academia da Xurisprudencia, defendendo sempre a igualdade de dereitos da muller e a liberdade política.

Ilexítimo, pero con indubidábel ánimo renovador, o réxime de Primo de Rivera ofreceulles a tres avogadas novas e prestixiosas -Clara Campoamor, Victoria Kent e Matilde Huici- entrar na Xunta do Ateneo, algo que só Victoria Kent aceptou. Cando a Academia da Xurisprudencia lle outorgou a Clara Campoamor a Cruz de Afonso XII, polo seu Premio Extraordinario, tamén a rexeitou, como xesto republicano. A pesar da súa orixe humilde e da súa rápida ascensión social, non abandonou a austeridade na súa vida privada nin a fidelidade aos seus principios.

Traballou con Martí Jara, bo amigo de Azaña, no embrión de Acción Republicana, en cuxo Consello Nacional figurou ao comezo. Nunca logrou o seu ideal estratéxico: a fusión de todos os republicanos e republicanas nun gran partido de centro, con Azaña como delfín natural de Lerroux.

Trala sublevación de Galán e García Hernández en Jaca, o seu fusilamento e o proceso do Comité Revolucionario, Clara asumiu a defensa dos implicados, entre eles o seu irmán Ignacio. O abandono do trono por Afonso XIII, tralo triunfo republicano nas grandes cidades, levou ao Poder da noite á mañá os seus clientes, convertidos en Goberno Provisional. Convocáronse eleccións a Cortes Constituíntes e, malia que o mito di que a República lles "concedeu" ás mulleres o dereito ao voto, non foi así.[Cómpre referencia] A II República supuxo un retroceso fronte ao dereito parcial de voto das mulleres outorgado por Primo de Rivera. En 1931 as mulleres puideron ser elixidas, pero non electoras. E Clara Campoamor saíu deputada nas listas do Partido Radical, ao que se afiliou por ser «republicano, liberal, laico e democrático»: o seu propio ideario político.

Formou parte da Comisión Constitucional, de 21 deputados, e alí pelexou eficazmente por estabelecer a non discriminación por razón de sexo, a igualdade legal das fillas e fillos habidos dentro e fóra do matrimonio, o divorcio e o sufraxio universal, xeralmente chamado voto feminino. Conseguiuno todo agás o voto, que tivo que debaterse no Parlamento. E alí é onde Clara Campoamor gañou un posto eterno na memoria da liberdade no estado español.

A esquerda, con excepción dun grupo de socialistas e algúns republicanos, non quería que a muller votase porque supuñan que estaba máis influída pola Igrexa e ía favorecer as dereitas. Estas tampouco querían o voto feminino, mais apoiábano porque crían que lles podía favorecer. Daquela, o Partido Radical Socialista puxo fronte a Clara á outra deputada, Victoria Kent, para negar o voto da muller adiándoo sine díe. O debate foi extraordinario e Campoamor mostrouse moi superior. Pero non tiña maioría; conseguiuna co apoio da minoría dereitista, a maioría do PSOE e algúns republicanos. Victoria Kent e o resto de deputados radicais trataron de gañar o perdido mediante unha emenda constitucional, pero Clara desbaratouna.

Cando a dereita abandonou o Parlamento pola Lei de Congregacións, fíxose o último intento para impedir o voto feminino, pero Campoamor non só se impuxo no debate senón que, contra prognóstico e por só catro votos, gañou. Apoiándose no PSOE e nalgúns republicanos de dereita, derrotou os socialistas de Prieto e aos republicanos do seu propio partido, o Radical, o Radical Socialista e o de Azaña. Prieto saíu do hemiciclo dicindo que aquilo era «unha puñalada á República». Houbo un grande escándalo. E cando en 1933 a CEDA gañou as eleccións e Lerroux formou goberno, sen eles e con eles, toda a esquerda lle botou a culpa da súa derrota a Clara Campoamor. Foi a súa morte política.

Ademais da súa loita polo voto feminino Campoamor estivo tamén moi implicada na elaboración da Lei de Divorcio (1932)[5] e defendeu no Congreso o abolicionismo na prostitución como unha forma de garantir a igualdade entre homes e mulleres.[6]

En 1933, non conseguiu renovar o seu escano,[7] e en 1934 abandonou o Partido Radical pola súa subordinación á CEDA e os excesos na represión do golpe revolucionario de Asturias. Pero cando, nese mesmo ano, pediu (coa mediación de Casares Quiroga) ingresar en Izquierda Republicana (fusión de radicalsocialistas, azañistas e galeguistas) sometérona á humillación de abrirlle un expediente e votar en público a súa admisión, que foi denegada.

Dúas afiliadas pasearon en alto a súa bóla negra, xactándose da vinganza. Non entrou nas listas da Fronte Popular, que gañou por unha maioría máis ampla cá dereita en 1933 e, evidentemente, co voto feminino. Ninguén lle pediu desculpas. Escribiu entón, e publicou en maio de 1935, Mi pecado mortal. El voto femenino y yo, unha testemuña das súas loitas parlamentarias e un dos libros políticos máis admirábeis e menos divulgados do século XX español.

 
Busto de Clara Campoamor en Madrid (L. Alcalde, 2006).

Cando estalou a Guerra Civil, Campoamor exiliouse en París, onde permaneceu ata 1955. O perigo pesaba sobre ela, despois da vitoria franquista, por ser republicana, feminista e masona.[7]

En 1937 publicou en París La revolución española vista por una republicana, en francés, traducida ó castelán por Luis Español Bouché para a editorial Espuela de Plata. Viviu unha década en Bos Aires e gañou a vida traducindo, dando conferencias e escribindo biografías -Concepción Arenal, Sor Juana Inés de la Cruz, Quevedo-.

Tratou de volver a finais dos 40 e a comezos dos 50, pero atopouse con que tiña que ser depurada por pertencer á loxa masónica Reivindicación.[7] A diferenza doutros exiliados e exiliadas, ela negouse a declarar por un delito que non era tal cando se cometeu. Así, por principios, ficou no exilio para sempre.

En 1955 instalouse en Lausana (Suíza), e traballou nun bufete até que perdeu a vista. Morreu de cancro en abril de 1972, e mandou que os seus restos fosen incinerados en Donostia, onde ela estaba cando se instaurou a II República.

Concha Fagoaga e Paloma Saavedra, na súa reedición de El voto femenino y yo, en 1981, citan unha carta de Clara Campoamor en 1959 a Martín Telo: «Creo que o único que ficou da República foi o que fixen eu: o voto feminino». Abofé. E con só o voto masculino nunca acadaríamos o sufraxio universal.

En 2022 o Ministerio de Ciencia e Innovación publicou as bases da primeira convocatoria dos Premios Nacionales de Investigación para Jóvenes, entre eles o Premio Nacional Clara Campoamor, na área de dereito e ciencias económicas e sociais.[8]

  • O meu pecado mortal. O voto femenino e mais eu. (1936)[9]
  • La revolución española vista por una republicana (1937)
  • El derecho de la mujer en España (1937).
  • La révolution espagnole vue par une républicaine (1937). A primeira edición foi en París e posteriormente fixéronse varias traducións ao español.
  • El pensamiento vivo de Concepción Arenal (1943).
  • Sor Juana Inés de la Cruz (1944).
  • Vida y obra de Quevedo (1945).
  • Heroísmo criollo: la Marina argentina en el drama español (1939-1983), Buenos Aires. Editado no ano 1939 por Talleres Gráficos Fanetti & Gasperini e reeditado no 1983 polo Instituto de Publicaciones Navales. Libro escrito conxuntamente co deputado republicano Federico Fernández de Castillejo, tamén exiliado.
  • Del amor y otras pasiones. Artículos literarios.​ (artigos e dúas entrevistas inéditas, recollidas polo traballo de investigación realizado por Beatriz Ledesma Fernández de Castillejo, tamén, antologado e prologado para a 'Colección de Cuadernos de Obra Fundamental' do Banco Santander). (2019)[10]
  • La forja de una feminista. Artículos periodísticos. 1920-1921, edición de Isabel Lizarraga Vizcarra e Juan Aguilera Sastre, Sevilla, Renacimiento (2019).
  • Del Foro al Parlamento. Artículos periodísticos 1925-1934, edición de Isabel Lizarraga Vizcarra e Juan Aguilera Sastre, Sevilla, Renacimiento (2021).
editar
Ano Filme Director Actriz
2011 Clara Campoamor, la mujer olvidada Laura Mañá Elvira Mínguez
2020 El ministerio del tiempo. La memoria del tiempo Javier Olivares María Morales

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar

Ligazóns externas

editar