Cinema de Alemaña

O cinema de Alemaña refíreses á industria do cinema establecida en Alemaña e pode ser identificada desde finais do século XIX. O cinema alemán fixo importantes contribucións técnicas e artísticas no período entre 1918 e 1933.

UFA Studios en Berlin-Tempelhof, 1920

Ao contrario que outros cinemas nacionais, que se desenvolveron nun contexto de continuidade relativa e estable de sistemas políticos, Alemaña viu grandes cambios na súa identidade durante o século XX. Estes cambios determinaron o cinema alemán e dividírono en diferentes eras e movementos.[1]

Imperio Alemán (1895–1918) editar

A historia do cinema de Alemaña comeza o 1 de novembro de 1895, cando Max Skladanowsky e o seu irmán Emil fixeron a demostración do proxector da súa invención o Bioscop no teatro Wintergarten de Berlín. Unha serie de quince minutos de curtametraxes foi a primeira exhibición de pago en Europa.[2] A primeira proxección dos irmáns Lumière foi o 28 de decembro dese ano, exhibición á que acudiu Max Skladanowsky e na que descubriu que o cinematógrafo era tecnicamente superior ao Bioscop.

As curtametraxes triviais convertéronse nunha atracción nas feiras, mostrándose en cabinas chamadas Kintopps. Os primeiros filmes alemáns "artísticos" comezaron a producirse en 1910, como foi Der Student von Prag (1913) codirixido por Paul Wegener e Stellan Rye e protagonizado por actores da compañía de Max Reinhardt.

Os cines comezaron a establecerse nos anos inmediatamente anteriores á primeira guerra mundial. Antes, os cineastas facían xiras amosando o seu traballo nas feiras. Neses cines comezaron tamén a importarse filmes mudos estranxeiros, especialmente filmes dinamarqueses e italianos.

O desexo do público de ver determinados actores levou ao desenvolvemento do cinema. A actriz Henny Porten foi unha das primeiras estrelas alemás.

O inicio da primeira guerra mundial e o consecuente boicot aos filmes franceses, entre outros, fixo un gran salto no mercado. En 1917 o proceso de concentración e nacionalización parcial da industria levou á fundación de Universum Film AG (UFA). A industria alemá converteuse na maior de Europa.

República de Weimar (1918–1933) editar

 
Titania-Palast en Berlin-Steglitz, cine de estilo Art Deco inaugurado en 1928

En 1918 tres inventores crearon o sistema de son Tri-Ergon e entre 1922 e 1926 tentaron introducilo no proceso de produción. A UFA amosou un certo interese, mais, posiblemente debido a dificultades financeiras, nunca realizou un filme sonoro.[3] Trala primeira guerra mundial a industria cinematográfica tivo un forte pulo. Os orzamentos eran baixos e a necesidade de aforro contribuíu ao ascenso do Expresionismo Alemán. Os filmes expresionistas estaban cheos de símbolos e imaxes artísticas e centráronse especialmente en temas criminais e de terror. O primeiro filme popular definido como expresionista é Das Cabinet des Dr. Caligari (1920), de Robert Wiene e outros exemplos notables son Nosferatu (1922), de Friedrich Wilhelm Murnau ou Der Golem, wie er in die Welt kam (1920), de Carl Boese e Paul Wegener. O movemento esvaeceuse a mediados da década de 1920, mais continuou a influenciar o cinema mundial durante anos.

En 1921 a UFA foi privatizada. Ademais desta, en Berlín había unhas 230 compañías cinematográficas. Porén, o finanzamento da industria era un negocio fráxil debido a economía inestable da república de Weimar e isto, unido á tendencia ao exceso das compañías (como na produción de Fritz Lang Metropolis) levou á bancarrota a moitas destas empresas. A propia UFA tivo que aliarse de xeito desvantaxoso con Paramount e MGM en 1925. Aínda así puido producir filmes como Madame DuBarry, de Ernst Lubitsch, Die Nibelungen de Fritz Lang, e Der letzte Mann, de Murnau. O desenvolvemento dos estudios Babelsberg, establecidos en 1912 e adquiridos despois por UFA deu á industria cinematográfica alemá unha grande infraestrutura. Babelsberg foi o centro do cinema alemán durante varios anos, "o equivalente alemán de Hollywood".[4]

Neste período naceu ademais a crítica de cinema.

Despois da influencia do expresionismo comezou a aparecer unha gran variedade doutros xéneros e estilos: filmes influenciados pola Nova Obxectividade con temas sociais e a volta ao realismo, como Die Büchse der Pandora (1929), de Georg Wilhelm Pabst. Tamén estaban en activo animadores e directores de filmes experimentais como Lotte Reiniger, Oskar Fischinger e Walter Ruttmann. O documental de Ruttman Berlin: Die Sinfonie der Großstadt (1927) é o epítome da enerxía do Berlín da década de 1920.

As outras dúas pólas fundamentais eran os espectáculos históricos con estreas internacionais, como algunhas das obras de Lubitsch, e os Kammerspiel ou "dramas de cámara", asociados co guionista Carl Meyer e o director Murnau.

A chegada do cinema sonoro produciu un novo florecemento artístico. Der blaue Engel (1930) do director austríaco Josef von Sternberg foi o primeiro filme alemán falado. Foi rodado simultaneamente en alemán e inglés e converteu a Marlene Dietrich nunha estrela mundial. Pabst adaptou a Bertolt Brecht en Die 3-Groschen-Oper e Lang dirixiu M - Eine Stadt sucht einen Mörder, ambas as dúas en 1931.

Alemaña Nazi (1933–1945) editar

A situación económica e política da Alemaña de Weimar xa levara a deixar o país algúns cineastas, como Ernst Lubitsch e Michael Curtiz, que marcharan aos Estados Unidos en 1923 e 1926, respectivamente. Trala chegada dos nazis ao poder, emigraron uns 1500 profesionais do cinema. Entre eles figuras chave como o xefe da UFA Erich Pommer, os actores Marlene Dietrich e Peter Lorre e o director Fritz Lang. O resultado da fuxida foi unha grande influencia no cinema estadounidense: varios filmes de terror da Universal foron dirixidos por Karl Freund, Joe May e Robert Siodmak e tamén chegaron ao país Edgar Ulmer, Douglas Sirk e o austríaco Billy Wilder. Pola contra, o actor e director Kurt Gerron non conseguiu marchar e faleceu nun campo de concentración.

En marzo de 1933, Alfred Hugenberg xa converteu a UFA nunha ferramenta do nazismo expulsando os empregados xudeus. En xuño creouse a Reichsfilmkammer (Cámara de cinema do Reich), encargada do control da industria cinematográfica. Todas as producións estaban sometidas a esta cámara, que dependía directamente do ministerio de Propaganda de Joseph Goebbels. Como os xornalistas tamén estaban organizados como unha división do ministerio, Goebbels tamén puido abolir en 1936 a crítica cinematográfica, substituíndoa pola Filmbeobachtung (observación cinematográfica): os xornalistas só podían informar do contido dun filme, non facer ningún outro xuízo de valor. Ademais, a importación de filmes estranxeiros restrinxiuse a partir de 1936.

Durante estes anos, a pesar dalgúns filmes de propaganda antisemita, como Jud Süß (1940), a maioría dos filmes do período eran obras de entretemento. Estes filmes tamén foron importantes nos últimos anos da segunda guerra mundial, pois servían de distracción no medio dos bombardeos.[5] Os maiores éxitos de público deses anos foron Die große Liebe (1942) e Wunschkonzert (1941), que combinaban o musical, o romance en tempos de guerra e a propaganda patriótica, Frauen sind doch bessere Diplomaten (1941), comedia musical en cores, e Vienna Blood (1942), adaptación dunha opereta cómica de Johann Strauß.

A pesar da emigración dos profesionais e das restricións políticas houbo innovacións estéticas. Resulta especialmente espectacular a obra de Leni Riefenstahl, con Triumph des Willens (1935) e Olympia (1938). Ambos os filmes, particularmente Triumph des Willens, resultan controvertidos, xa que o seu mérito estético é inseparable da súa propaganda dos ideais nazis.

Alemaña Oriental (1945–1989) editar

O cinema da República Democrática Alemá aproveitou inicialmente o feito de que unha gran parte da infraestrutura cinematográfica do país, especialmente os antigos estudios UFA estaban na área de ocupación soviética. O 17 de maio de 1946 fundouse a Deutsche Film-Aktiengesellschaft (DEFA), que tomou o control da produción. En total a DEFA produciu 900 longametraxes durante a súa existencia, ademais de 800 filmes animados e máis de 3000 documentais e curtametraxes.

Nos primeiros anos a produción foi limitada polos estritos controis impostos polas autoridades, que restrinxían os argumentos dos filmes. Porén a partir de 1953 realizáronse numerosos filmes de temas variados. DEFA foi especialmente forza no cinema para nenos, especialmente con adaptacións de contos como Drei Haselnüsse für Aschenbrödel (1973), pero tamén noutros xéneros: ciencia ficción (Der schweigende Stern, 1960) ou westerns, coma Die Söhne der Großen Bärin (1966), nos que os heroes adoitaban ser os nativos americanos.

O cinema da RDA estivo sempre orientado pola situación política do país. A finais da década de 1970 numerosos cineastas abandonaron o país cara ao Oeste polas restricións no seu traballo, como o director Egon Günther e os actores Angelica Domröse, Eva-Maria Hagen, Katharina Thalbach, Hilmar Thate, Manfred Krug e Armin Mueller-Stahl.

República Federal Alemá (1945–1989) editar

Reconstrución (1945–1960) editar

Trala guerra as posesións da UFA foron confiscadas polos aliados e as licenzas para producir filmes foron compartidas con outras compañías moito máis pequenas. Ademais, o Estatuto de Ocupación de 1949, que garantía unha independencia parcial da República Federal Alemá prohibía especificamente as cotas de importación para protexer os filmes alemáns.

Coa devastación de 1945 a asistencia aos cines baixaron en relación aos tempos de guerra, mais a finais da década xa volvía superar ao período prebélico.[5] Por primeira vez os alemáns tiñan acceso libre ao cinema de todo o mundo, triunfando os filmes de Charlie Chaplin e os melodramas estadounidenses. Non obstante o cinema local chegou ao 40 por cento do mercado total, moitos deles dentro do xénero do Trümmerfilm (literalmente, "filme rubble film"). Eran filmes emparentados co neorrealismo italiano e narraban a vida na Alemaña devastada e a reacción contra os acontecementos da era nazi. Algúns destes filmes foron Die Mörder sind unter uns (1946), de Wolfgang Staudte, e Liebe 47 (1949), de Wolfgang Liebeneiner.

A pesar da chegada da televisión en 1952 o público dos cines continuou a aumentar, acadando o máximo en 1956.[5] Na década de 1950 triunfaron filmes de entretemento, sen pretensións artísticas nin compromiso social (Heimatfilm ou "filmes da patria"), decotío ambientadas en espazos rurais. Tamén foron xéneros típicos as adaptacións de operetas, os melodramas de hospitais, as comedias e os musicais. Dende 1955 realizáronse filmes nos que se retrataban os soldados alemáns da segunda guerra mundial como valentes e apolíticos. Os filmes criminais máis coñecidos foron as adaptacións de novelas de Edgar Wallace producidas por Rialto Film entre 1959 e 1972.

O cinema alemán deses anos non podía competir co de Francia, Italia ou Xapón, mais algúns cineastas alemáns si lograron recoñecemento internacional, como o filme Die Brücke (1959), de Bernhard Wicki, e as actrices Hildegard Knef e Romy Schneider.

Cinema en crise e producións populares (1960–1970) editar

A finais da década de 1950 estancouse o número de espectadores no cinema e seguiu en caída libre durante a década seguinte. Como consecuencia moitas compañías de produción e distribución alemás entraron en bancarrota neses anos e moitos cines pecharon.

Inicialmente viuse a crise como un problema de sobreproducción, o que fixo que se pasase de 123 filmes en 1955 a só 65 en 1965. Moitas compañías seguiron a tendencia das coproducións internacionais con Italia e España, con xéneros como os spaghetti westerns e o eurospy, rodados neses países ou en Iugoslavia e con actores alemán no elenco. A mayoría dos filmes produciron foron obras de xénero, westerns adaptados de Karl May ou suspense. A finais da década de 1960 triunfaron tamén filmes de softcore.

As raíces do problema viñan do cambio das circunstancias económicas e sociais. Apareceron novas alternativas de lecer e a televisión estaba a converterse nun medio de masas.

Novo Cinema Alemán (1960–1980) editar

Artigo principal: Novo cinema alemán.

Como reacción ao estancamento artístico e económico do cinema alemán, un grupo de cineastas novos asinaron o Oberhausen Manifesto o 28 de febreiro de 1962. Entre eles estaban Alexander Kluge, Edgar Reitz, Peter Schamoni e Franz-Josef Spieker. Chegaron logo tamén simpatizantes como Rainer Werner Fassbinder, Volker Schlöndorff, Werner Herzog, Jean-Marie Straub, Wim Wenders, Werner Schroeter e Hans-Jürgen Syberberg que tamén rexeitaban a industria existente e buscaban construír unha nova, fundada na excelencia artística e non nas imposicións do comercio.

Moitos destes directores organizáronse eles mesmos ou cooperaron na produción e distribución. Ao rexeitar o apoio oficial víronse dependentes dos cartos da televisión.

O novo movemento volveu dar ao cinema alemán recoñecemento internacional que non tiña desde a República de Weimar, con filmes como Abschied von Gestern (1966), de Kluge, Aguirre, der Zorn Gottes (1972), de Herzog, Angst essen Seele auf (1974) e Die Ehe der Maria Braun (1979), de Fassbinder e Paris, Texas (1984), de Wenders. Autores como Heinrich Böll e Günter Grass foron fonte de adaptacións, como en Die verlorene Ehre der Katharina Blum oder: Wie Gewalt entstehen und wohin sie führen kann (1975), de Schlöndorff e Margarethe von Trotta, e O tambor de folla de lata (1979), de Schlöndorff, que se converteu no primeiro filme alemán en gañar o Oscar ao mellor filme en lingua non inglesa.

1980–1989 editar

Na década de 1980, xa recoñecido internacionalmente, o Novo Cinema Alemán comezaba a mostrar signos de fatiga, aínda que moitos dos seus membros continuaban a ter éxito individual.

Entre os filmes de éxito deses anos destacan The NeverEnding Story (1984) e O submarino (1981), de Wolfgang Petersen e a serie de filmes Otto (comezada en 1985), co cómico Otto Waalkes. Debutaron tamén directores como Doris Dörrie e Uli Edel.

Alemaña contemporánea (1990-actualidade) editar

 
John Rabe (2009), dirixido por Florian Gallenberger.

Filmes como Lola rennt de Tom Tykwer, Good Bye, Lenin! de Wolfgang Becker, Gegen die Wand de Fatih Akin e Das Leben der Anderen de Florian Henckel von Donnersmarck, mantiveron unha natureza provocativa e innovadora. Unha serie de filmes como Der Untergang, Sophie Scholl – Die letzten Tage e Der Baader Meinhof Komplex trataron temas históricos.

Cineastas alemán como Roland Emmerich ou Wolfgang Petersen construíron as súas carreiras internacionais con éxito como directores e produtores. O músico Hans Zimmer converteuse nun dos máis recoñecidos compositores de bandas sonroras.

En 2003 fundouse en Berlín a Deutsche Filmakademie. Desde 2005 a Academia elixe os gañadores do premio Deutscher Filmpreis, tamén coñecido como Lolas. Cun premio en efectivo de tres millóns de euros, é o mellor dotado da cultura alemá.

Festivais editar

 
Cartel da Berlinale, 2011.

O Festival Internacional de Cinema de Berlín, tamén chamado Berlinale, é un dos máis importantes festivais cinematográficos do mundo. Foi creado en Berlín Occidental en 1951 e celébrase anualmente en febreiro desde 1978. Está considerado o festival de maior asistencia do mundo.[6][7]

Notas editar

  1. Cook, Pam; Bergfelder, Tim (2007). The Cinema Book. Londres: British Film Institute. p. 207. ISBN 978-1-84457-192-5. 
  2. Brockmann, Stephen (2010). A Critical History of German Film. Camden House. p. 13. ISBN 978-1-57113-468-4. 
  3. Bordwell, David and Thompson, Kristen. (2003) "Film History An Introduction". Nova York: McGraw-Hill, p.200.
  4. Brockmann, Stephen (2010). A Critical History of German Film. Camden House. p. 24. ISBN 978-1-57113-468-4. 
  5. 5,0 5,1 5,2 Kinobesuche in Deutschland 1925 bis 2004 Arquivado 04 de febreiro de 2012 en Wayback Machine. Spitzenorganisation der Filmwirtschaft e. V
  6. Most frequented film festivals Arquivado 18 de xaneiro de 2012 en Wayback Machine., filmfestivals.com
  7. Facts and Figures of the Berlinale, berlinale.com

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Bergfelder, Tim, et al. eds. The German Cinema Book (2008)
  • Blaney, Martin. Symbiosis or Confrontation? (Bonn, 1992)
  • Brockman, Stephen. A Critical History of German Film (2011)
  • Garncarz, Joseph, e Annemone Ligensa, eds. The Cinema of Germany (Wallflower Press, distribuído por Columbia University Press; 2012)
  • Hake, Sabine. German National Cinema (2002; 2nd ed. 2008)
  • Heiduschke, Sebastian. East German Cinema: DEFA and Film History (2013)
  • Hoffman, Kay 1990 Am Ende Video – Video am Ende? Berlín
  • Kapczynski, Jennifer M. e Michael D. Richardson, eds. (2012) A New History of German Cinema (Rochester Camden House, 2012) 673 pp. online review
  • Kracauer, Siegfried (2004) From Caligari to Hitler: A Psychological History of the German Film. Princeton: Univ. of Princeton Press. ISBN 0-691-11519-2
  • Schneider, Irmela 1990 Film, Fernsehen & Co. Heidelberg.
  • Fay, Jennifer. 2008. Theaters of Occupation: Hollywood and the Reeducation of Postwar Germany. Minneapolis: Univ. of Minnesota Press. ISBN 978-0-8166-4745-3

Ligazóns externas editar