Carcamán
Os carcamáns son unha raza mitolóxica de xigantes que vivían na Illa de Arousa. Segundo unha das versións, estaban dedicados á piratería. Hoxe, o termo pervive como xentilicio popular para designar ós veciños da Illa.[1] Baixo o termo de carcamán tamén se designa un barco grande e pesado e, por extensión, un home lacazán que non quere facer esforzos ou ben un home vello e achacoso.[2]
Carcamán | |
---|---|
Personaxe de Mitoloxía galega | |
Creador(es) | Tradición oral galega |
Información | |
Raza | Raza mitolóxica de xigantes |
Ocupación | Segundo as distintas versións, piratas míticos, mercadores, contrabandistas, navegantes ou só xigantes mitolóxicos sen ocupación definida. |
Residencia | Illa de Arousa, ou a Arousa como lugar de paso |
Orixes do termo
editarExisten diversas hipóteses para a súa orixe, ningunha delas confirmada. Entre elas, as máis coñecidas son:
Mercadores italianos
editarAlgúns historiadores consideran que o termo se refería orixinariamente aos comerciantes italianos que navegaban desde a Península Itálica até Flandres, recalando en Galiza durante os séculos XVII e XVIII. Estes mercadores vendían téxtiles e outras mercancías. A conexión coa Arousa podería deberse ao frecuente tránsito destes comerciantes pola zona.[3] Actualmente, carcamano é un termo depreciativo utilizado no Brasil para designar os italianos.[4]
Contrabandistas ou piratas
editarOutra hipótese apunta a que o termo se empregou para describir os contrabandistas arousáns, especialmente durante períodos de guerra e posguerra, cando o contrabando floreceu debido á escaseza de recursos e á débil presenza da autoridade.[3][5]
Segundo recolle o Diccionario Gallego-Castellano da Real Academia Galega de 1913 (que recolleu posteriormente Eladio Rodríguez no seu Diccionario enciclopédico gallego-castellano de 1958), o nome de Carcamán era unha denominación galega para os contrabandistas. Engade que, en 1826, unha partida de contrabandistas italianos fíxose forte na illa, e desde alí se dedicaban a atacar os lugares veciños. Ámbalas dúas fontes citan como referencia desta información a Murguía, sen concretar máis.[6] Relata Miguel-Anxo Murado que un ano antes, en 1825, sete buques de guerra británicos tomaron a Arousa como base comercial no contexto da guerra dos téxtiles, un conflito entre as potencias que promovían o algodón fronte ao liño.[7]
O Dicionario dos seres míticos galegos de Cuba, Reigosa e Miranda unicamente di que son unha "raza de piratas míticos da illa de Arousa". Vaqueiro relaciona estes carcamáns con piratas míticos nas Rías Baixas, e lembra que Carcamán é un microtopónimo que identifica un pequeno cabo na illa da Arousa, onde se di que están soterrados xentes desta raza; tamén hai unha enseada dos Carcamáns en Bueu.[8]
Barcos e navegantes arousáns
editarO termo tamén se usou para describir os habitantes da Illa de Arousa que se dedicaban á carpintaría de ribeira, a construción artesanal de barcos de madeira.[9] Os arousáns eran coñecidos pola súa habilidade na navegación e construción naval, e este uso do termo puido derivar na súa asociación coa xente da illa en tempos da resistencia contra as tropas francesas (maiormente integradas por mercenarios italianos) nas guerras napoleónicas.[5]
Aspecto lendario e mitolóxico
editarNas fichas de catálogo e inventario de García Alén no Museo de Pontevedra sobre as escavacións arqueolóxicas da Arousa dos Bufos e a praia do Naso, menciona que os carcamáns son unha raza de xigantes, habitualmente ligados na mitoloxía galega á cultura castrexa.
O termo tamén aparece mencionado en Cousas, no conto de Castelao «A cova dos carcamáns», na que din que vivía unha moura ou muller encantada. Castelao non localiza a lenda nin dá explicación ningunha do nome da cova dos carcamáns.[10][11]
Aplicacións do termo na illa de Arousa
editar- O antigo cemiterio do Nicho era coñecido como "dos carcamáns".
- A revista do CEIP Torre-Illa chámase Carcamáns e a radio escolar é Radio Carcamán.
- Un pequeno cabo e a praia adxacente coñécese como Peirao dos Carcamáns e Praia dos Carcamáns.[12]
- A maior peña do Celta de Vigo, con máis de mil socios, con sede na Arousa, chámase "Carcamáns" (tamén escrita Carcamäns ou Cärcamäns).[13] O seu logotipo é unha adaptación da imaxe dos paquetes de tabaco Celtas.
- Un filme documental de 2003 do cineasta arousán Marcos Nine sobre a catástrofe do Prestige e a reacción dos arousáns á mesma titúlase Carcamáns.[14]
- Carcamán é o nome dunha pomba arousá nada en 2019 que bateu o récord de percorrer máis quilómetros nun día.[15]
Notas
editar- ↑ Estévez, Rosa (11/5/2021). "As duascentas palabras que todo carcamán debe coñecer". La Voz de Galicia.
Carcamán: apodo agarimoso para referirse á xente da Arousa
- ↑ Esa acepción é recollida en dicionarios de galego como o DiGalego, e como canarismo ou americanismo en dicionarios de castelán, como o da RAE.
- ↑ 3,0 3,1 "Carcamáns, pobladores de A Illa de Arousa". SonMaravillas (en castelán). Consultado o 2024-12-07.
- ↑ S.A, Priberam Informática. "carcamano". Dicionário Priberam da Língua Portuguesa (en portugués). Consultado o 2024-12-08.
- ↑ 5,0 5,1 "O PEIRAO DOS CARCAMÁNS. O COMEZO DA LENDA". AGUAMORTA. 2013-12-12. Consultado o 2024-12-07.
- ↑ "carcamán". ilg.usc.gal; Dicionario de dicionarios. Consultado o 2024-12-07.
- ↑ Murado, Miguel-Anxo (2013-10-03). Outra idea de Galicia. DEBATE. ISBN 978-84-9992-367-3.
- ↑ Aínda que se recolle dese xeito no Diccionario, o citado cemiterio dos carcamáns estaba no lugar aínda hoxe chamado O Nicho, que se atopa 1km ao sur da necrópole castrexa ou paleorromana de Os Bufos, mentres que o Peirao dos Carcamáns está respectivamente a 2km e 1km de ambos cemiterios.
- ↑ "construcción y reparación de embarcaciones de madera". web.archive.org. 2012-07-12. Archived from the original on 12 de xullo de 2012. Consultado o 2019-01-20.
- ↑ "Na “cova dos carcamáns”". Cousas de Castelao. 2010-04-29. Consultado o 2024-12-07.
- ↑ O mesmo relato pode aparecer baixo o titulo de A dona encantada (Obras (completas) de Castelao, coord.: Henrique Monteagudo, Galaxia 1999, tomo I, pp. 93-95).
- ↑ Galiciana. Arquivo Dixital de Galicia > Ficha identificativa de "Peirao dos Carcamáns" A Illa de Arousa.
- ↑ "A tolemia celtista de Carcamäns: máis de mil peñistas na Illa de Arousa". La Voz de Galicia (en castelán). 2023-08-08. Consultado o 2024-12-07.
- ↑ "O CINEMA DE MARCOS NINE - A Cuarta Parede" (en inglés). 2011-03-17. Consultado o 2024-12-07.
- ↑ "«Carcamán», la paloma de A Illa que voló 970 kilómetros en solo un día". La Voz de Galicia (en castelán). 2022-10-06. Consultado o 2024-12-08.
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- Dicionario de dicionarios (ilg.usc.gal)
- Cuba, Xoán Ramiro; Miranda, Xosé; Reigosa, Antonio (2022). Dicionario dos seres míticos galegos. Vigo: Edicións Xerais de Galicia. ISBN 978-84-1110-072-4.
- Vaqueiro, Vítor (2011). Mitoloxía de Galiza. Lendas, tradicións, maxias, santos e milagres. Vigo: Galaxia.
Ligazóns externas
editar- O Peirao dos Carcamáns Parte 1. O plano de Manuel de Otermín. (youtube.com)