Cantiga de amigo

composición poética breve
(Redirección desde «Cantigas de amigo»)

Na lírica medieval galego-portuguesa unha cantiga de amigo é unha composición breve e sinxela posta en boca dunha muller namorada. Deben o seu nome a que na maior parte delas aparece a palabra amigo no primeiro verso e, sobre todo, a que a voz narrativa é sempre a dunha muller nova —a amiga—, quen fala nelas do seu amigo-amado, habitualmente ausente nese momento. Constitúen o xénero máis destacado desta literatura pola súa orixinalidade, e o corpus lírico galego-portugués conta con arredor de 500 cantigas deste tipo.[1][2]

Manuscrito das cantigas de amigo de Martín Codax.

Características

editar

A cantiga de amigo é un xénero poético de orixe autóctona, cuxas raíces máis antigas non nos é posíbel determinar. Responde ao modelo da canción de amor feminina, un tipo de composición común a todos os pobos indoeuropeos e que nos distintos territorios de Europa deu lugar a produtos peculiares. Na Península Ibérica, a cantiga de amigo emparenta directamente coas kharxas mozárabes, case contemporáneas e con características formais e temáticas moi semellantes. A cantiga de amigo é, polo tanto, un xénero pretrobadoresco, se ben as mostras máis antigas que conservamos son da mesma época cás cantigas trobadorescas.

Autoría

editar

A corrente maioritaria dos estudos de Literatura Medieval considera que as cantigas de amigo eran obra de trobadores homes. No entanto hai correntes que apostan porque os intérpretes (xograres)

serían os seus transmisores e que procederían da literatura oral [3].

Temática

editar
 
As ermidas servían como lugar de encontro dos namorados.

As cantigas de amigo teñen como tema a erótica feminina e, en xeral, dan conta dos diferentes estados psicolóxicos da muller nova namorada. Caracterízanse formalmente pola repetición (paralelismo, leixaprén e refrán).

A temática que desenvolven é, xa que logo, a da relación amorosa nas súas variantes: o amor feliz e correspondido (satisfeito); o amor infeliz (insatisfeito), xa ben por causa da ausencia do amado, ben pola traizón e desdén del ou mesmo polas prohibicións e atrancos que ese amor atopa no seu percorrido. A voz poética é a dunha rapaza nova que relata as súas vivencias amorosas, quer nun monólogo, quer nun diálogo coas súas amigas, irmás ou mesmo coa nai, que rara vez toman a palabra. Os estados de ánimo son diversos e inclúen a ledicia e paixón pola chegada do amigo, a tristura pola súa ausencia ou a ansiedade polo regreso, o desexo de vinganza, celos etc. Os ambientes nos que se atopan son o campo, o mar ou a casa: a fonte, onde foron buscar auga ou lavar o cabelo, o río ou a romaría. Finalmente, cómpre subliñar que a paisaxe non aparece nelas como un simple marco ambiental, sendo que en máis dun caso contén unha forte carga simbólica cando non participa mesmo do diálogo amoroso.

Personaxes

editar

Os personaxes que interveñen son:

  • A amiga, que é con frecuencia a voz poética. Unhas veces é inxenua, outras narcisista, outras compórtase de maneira esquiva ou é vingativa.
  • A nai, que representa xeralmente o código social prohibitivo.
  • Confidentes: a nai, unha amiga, a irmá, outras namoradas, a natureza (as flores, as ondas do mar) etc.
  • O amigo, frecuentemente ausente.
  • Os elementos da natureza.

Dentro dos coprotagonistas, o principal deles é a nai; e tanto así que algúns investigadores chegan a considerar, dentro do conxunto de amigo, o que denominan como cantigas de madre, na medida en que a experiencia desta, o seu papel nos episodios etc., desenvolven un apartado diferente da ficción lírica. Estas cantigas ofrécennos catro retratos da nai: a nai-gardadora, vixiante diante de todo aquilo que fai a súa filla; b) a nai-cómplice ou «confidente» dos comportamentos amorosos da protagonistas; c) a nai-conselleira, capaz incluso de adestrar a súa filla arredor de como debe vestirse se pretende seducir o namorado; a nai-amiga, unha fórmula na que ela mesma, a nai, vén resultar a verdadeira protagonista da relación amorosa.

Tamén, a irmá —ou irmás—, ou unha(s) amiga(s) da protagonista aparecen tamén como testemuñas da narración amorosa. Nalgunha ocasión, tal confidencialidade pode chegar a ocasionar algún enfrontamento (cantiga de Pedr'Amigo de Sevilha):

Moir', amiga, desejando
meu amigu', e vós no vosso
mi falades, e non posso
estar sempr'en esto falando.
Mais, queredes falar migo?
Falemos no meu amigo.

Paisaxe

editar

A paisaxe, a contorna natural onde ocorre a acción narrativa da cantiga manifesta un especial relevo nas cantigas de amigo, quer como marco do relato, quer cunha forte carga simbólica, de tal xeito que a protagonista chega mesmo a interrogar os elementos da natureza. Véxase esta cantiga de Martín Codax:

Ondas do mar de Vigo,
se vistes meu amigo?
E ai Deus, se verrá cedo!

Ondas do mar levado,
se vistes meu amado?
E ai Deus, se verrá cedo!

Se vistes meu amigo,
o por que eu sospiro?
E ai Deus, se verrá cedo!

Se vistes meu amado,
por que ei gran coidado?
E ai Deus, se verrá cedo!

Nas cantigas de amigo pódese suxerir a danza, xunto cos elementos da natureza, como promesa do amor eterno. Tal ocorre, por exemplo, coas avelaneiras, consideradas como un símbolo de vida que renace e mesmo como promesa de amor eterno. Véxase esta cantiga de Airas Nunes:

Bailemos nós já todas três, ai amigas,
sô aquestas avelaneiras frolidas;
e quen for velida, como nós, velidas,
se amigo amar,
sô aquestas avelaneiras frolidas
verrá bailar.
Bailemos nós já todas três, ai irmanas,
sô aqueste ramo destas avelanas;
e quen for louçana, como nós, louçanas
se amigo amar,
sô aqueste ramo destas avelanas
verrá bailar.

Por Deus, ai amigas, mentr’al non fazemos,
sô aqueste ramo frolido bailemos;
e quen ben parecer, como nós parecemos,
se amigo amar,
sô aqueste ramo sô-l’ que nós bailemos
verrá bailar.

Exemplo

editar

Vexamos un exemplo dunha coñecida cantiga de amigo da autoría do rei don Dinís:

—Ai flores, ai flores do verde pino,
se sabedes novas do meu amigo!
ai Deus, e u é?

Ai flores, ai flores do verde ramo,
se sabedes novas do meu amado!
ai Deus, e u é?

Se sabedes novas do meu amigo,
aquel que mentiu do que pôs comigo!
ai Deus, e u é?

Se sabedes novas do meu amado,
aquel que mentiu do que mi há jurado!
ai Deus, e u é?

—Vós me perguntades polo voss' amigo,
E eu ben vos digo que é san e vivo.
Ai Deus, e u é?

Vós me perguntades polo voss' amado,
E eu ben vos digo que é viv' e sano.
Ai Deus, e u é?

E eu ben vos digo que é san' e vivo
E seerá vosc' ant' o prazo saído.
Ai Deus, e u é?

E eu ben vos digo que é viv' e sano
E seerá vosc' ant' o prazo passado.
Ai Deus, e u é?

Clasificación

editar
 
A danza de Aldán (Cangas) probabelmente xa se bailaba na Idade Media, como nas bailadas.

Unha clasificación posíbel das cantigas de amigo distingue entre:

  • Cantigas dirixidas directamente ao amigo.
  • Cantigas dirixidas indirectamente ao amigo. Neste segundo grupo caben numerosas posibilidades: dirixidas a un auditorio indeterminado, ás amigas, aos elementos da natureza etc.

Non obstante, existe unha clasificación tradicional que procura a existencia de ciclos temáticos:

  • Barcarolas ou mariñas: sitúanse en presenza do mar, que adquire certa personalización ao dirixirse a el a amiga como confidente seu.
  • Cantigas de romaría: a amiga está nun santuario, ermida ou capela, lugar de reunión que serve de pretexto para o encontro dos namorados. Este contexto é exclusivo da literatura galego-portuguesa.
  • Bailadas: composicións alegres e festivas nas que se realiza unha invitación á danza.
  • Albas ou alboradas: faise referencia ao amañecer; nas albas provenzais os amantes separábanse após teren pasado a noite xuntos.

Débese salientar que tamén se teñen clasificado as pastorelas galego-portuguesas coma un subxénero da cantiga de amigo, pois non se cinxían moi ben ao canon establecido.

Caracterización formal

editar

As cantigas de amigo teñen unha estrutura moi formalizada e ríxida que se basea na repetición. Os elementos característicos son:

  • Paralelismo literal: consiste na repetición case literal dun verso, introducindo sinónimos ou simplemente traspondo determinados termos.
  • Paralelismo estrutural: retoma unha construción sintáctica e rítmica en lugares preestablecidos dentre do texto.
  • Leixaprén: ("deixa-colle") reiteración dos segundos versos dun par de estrofas como primeiros versos do par seguinte, o que acentúa o paralelismo entre as estrofas que o teñen. O segundo verso da primeira estrofa é o primeiro verso da terceira, o segundo verso da segunda estrofa é o primeiro da cuarta e así sucesivamente.
  • Refrán: verso ou versos repetidos ao final de cada estrofa.

Os poetas máis destacados que compuxeron cantigas de amigo foron Meendinho, Pero Meogo, Martín Codax, Johán Zorro, Johán de Cangas, Johán Airas e don Dinís de Portugal.

  1. Henrique Monteagudo et al. Tres poetas medievais da Ría de Vigo: Matín Códax, Mendiño e Johán de Cangas. Galaxia, 1998, páxina 39
  2. Pena, Xosé Ramón (2013). Historia da Literatura Galega I. Das orixes a 1853. Xerais. ISBN 978-84-9914-551-8. 
  3. Santiago. Xermán Hermida (15/04/2015). "O trobador eran elas". Cultura Galega. Consultado o 18/10/2017. 

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar

Bibliografía

editar
  • Asensio, Eugenio (1979). "Folclore y paralelismo en la cántiga de amigo". En Francisco Rico Manrique. Historia y crítica de la literatura española 1. pp. 76–77. ISBN 84-7423-114-0. 

Ligazóns externas

editar