Xograr

artista ambulante na Europa medieval

Un xograr[1] era un artista polifacético dedicado ao divertimento e entretemento durante a Idade Media en Europa.

Ilustración de dous xograres nun cancioneiro medieval.

Características

editar

O xograr adoitaba ser capaz de tocar instrumentos, cantar, contar historias ou lendas, recitar poemas, realizar acrobacias, remedar, amais doutros xogos e destrezas. Habíaos especializados, así os xograres músicos tocaban sobre todo instrumentos de corda, en especial a viola, mais para interpretaren a lírica galega medieval facían un uso predominante da cítola. Aqueles xograres que tocaban instrumentos de vento e percusión considerábanse de pouca categoría[2].

Namentres que o trobador era un poeta lírico e compositor, o xograr soamente interpretaba as composicións, non era por tanto un creador. O seu cometido era exclusivamente o de entreter. Dentro da primeira etapa da Idade Media, entre o século X e a primeira metade do século XIII predominaban os xograres épicos (poetas cultos en realidade) que recitaban (non sempre) tiradas e fragmentos de poesía narrativa ou biográfica. A partir da segunda metade do século XIII e no século XIV predominan máis os xograres líricos que recitaban a chamada "poesía cortesá".

En Galiza a tradición de xograres e trobadores entronca profundamente coa cultura popular e as súas figuras teñen un peso capital dentro da cultura galego-portuguesa.

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para xograr.
  2. Monteagudo, H. et al. Tres poetas medievas da Ría de Vigo. Galaxia, 1998, páxina 63.

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar
  • Pena, Xosé Ramón (2002). Historia da literatura medieval galego-portuguesa. Santiago de Compostela. pp. 92–99.