Budiño, O Pino
Santa María de Budiño[1] é unha parroquia do concello coruñés do Pino, na comarca de Arzúa. Segundo o IGE en 2018 tiña 324 habitantes (158 homes e 166 mulleres), 110 menos ca en 1999.
Budiño | |
---|---|
Cruceiro e igrexa parroquial de Santa María. | |
Concello | O Pino[1] |
Provincia | A Coruña |
Coordenadas | 42°57′31″N 8°22′57″O / 42.958611111111, -8.3826111111111 |
Poboación | 324 hab. (2018) |
Entidades de poboación | 18[1] |
[ editar datos en Wikidata ] |
Economía
editarAs súas actividades económicas principais son a agricultura e a gandaría, se ben na actualidade estase procurando activar o sector turístico, grazas á construción dunha casa de turismo rural.
Historia e Patrimonio
editarAs Medorras de Catasol son un conxunto de cinco túmulos megalíticos, gravemente alterados na actualidade. Están situadas xunto á parroquia de Castrofeito nunha zona que se inunda con relativa facilidade. Aos seus pés discorre o antigo Camiño Real que unía con Sigüeiro. Varias delas presentan cono de violación e moitas plantacións de árbores ao seu redor.
Na aldea de San Migueliño hai restos dun poboado castrexo, un asentamento fortificado da Idade de Ferro. Conta cun recinto lixeiramente ovoide e cun terraplén que o circunda. A máxima pendente deste corresponde ao sector oeste, norte e leste. Cara ao noroeste e o leste hai un aterrazamento que na parte nordeste desaparece. Asemade, poden observarse restos da muralla na zona interior do terraplén.
O nome de Budiño aparece na Historia compostellana (crónica encargada no século XII por Diego Xelmírez) ligado a unha fundación monástica polo que é probábel que durante a Idade Media existise nesta parroquia un pequeno cenobio.
Conforme ao Diccionario de Madoz, durante o antigo réxime Budiño era a cabeza dunha antiga xurisdición que abranguía as parroquias de Bando, Burres, Budiño, Carballal, Cesár, Enfesta, Ferreiros, Marantes, Neménzo, Pino, Prebediños, Sabugueira (Lavacolla), Verdia e Beseño. O señorío era exercido polo conde de Altamira, o cal nomeaba o xuíz ordinario[2].
A igrexa parroquial está consagrada a Santa María. A fábrica actual data de inicios do século XX, momento no que se reconstruíu e ampliou a antiga igrexa grazas ao patrocinio de Don Manuel Barreiro Calvo, veciño de Budiño que emigrara a América.
Na aldea de Sar hai un hórreo tipo O Pino antigo sobre o camiño. Hai varios muíños, entre os que cómpre destacar o de Mosqueira (Xarrape), o do Cotón (Xesteira) e o de Porto.
Existe unha ruta de sendeirismo ó longo do río Tambre dende Portobudiño (Carolliño) ata Portochao (Campo). Destacan a presa (Carolliño), o berce de Santa Mariña (Quintás) e a área recreativa de Portochao (Campo). Dende esta última parte unha ruta de sendeirismo ata a área recreativa do río Mera.
Hai unha lenda na parroquia sobre as Pedras Malditas, a cal está vinculada á antiga Capela de Santa Mariña (mencionada no Catastro de Ensenada), hogano desaparecida.
Festas
editarNa parroquia celébrase a Pascua de Resurrección (o día propio), Virxe de Fátima (data variable), o Corpus Christi (2º domingo despois do día propio), Santo Antón (13 de xuño), Santa Mariña (18 de xullo), Santa María (15 de agosto), San Roque (16 de agosto), O Carme (17 de agosto), San Miguel (data variable) e O Rosario (primeiro domingo despois do día propio, o 7 de outubro).
Notas
editar- ↑ 1,0 1,1 1,2 DECRETO 189/2003, do 6 de febreiro, polo que se aproba o nomenclátor correspondente ás entidades de poboación da provincia da Coruña.
- ↑ Madoz, Pascual (1846). "BUDIÑO". Diccionario geográfico-estadístico-histórico de España y sus posesiones de Ultramar (en castelán) IV. Madrid. p. 471.
Lugares e parroquias
editarLugares de Budiño
editarLugares da parroquia de Budiño no concello do Pino (Provincia da Coruña) | |
---|---|
O Campo | As Cancelas | Carolliño | O Couto | O Cruceiro | Fixó | A Fontaíña | Parañoa | Pazos de Abaixo | Pazos de Arriba | Pipas | A Porta de Roxos | Quintás | Regodauga | A Rúa | San Migueliño | Sar | A Voutureira |