Gonzar, O Pino
Santa María de Gonzar é unha parroquia que se localiza no norte do concello do Pino. Segundo o IGE en 2013 tiña 449 habitantes (239 mulleres e 210 homes) distribuídos en 10 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 493 habitantes.
Gonzar | |
---|---|
Concello | O Pino[1] |
Provincia | A Coruña |
Coordenadas | 42°57′12″N 8°18′22″O / 42.9534, -8.3062 |
Poboación | 449 hab. (2013) |
Entidades de poboación | 18[1] |
[ editar datos en Wikidata ] |
A espiritada de Gonzar
editarTrátase dun sucedido real sobre unha muller de Gonzar chamada Josefa de la Torre, nacida en 1772 ou 1773, e que recolleron autores como Benito Vicetto (Cristina, páginas de un diario, 1852) e Emilia Pardo Bazán (La santa de Karnar, 1890). Chámanse espiritadas aquelas persoas que permanecen durante meses e anos, ata a súa morte, inmóbiles, como mortas, sen comer nin beber, e con capacidade de conseguir curacións dos enfermos que as visitan, cualificadas de milagrosas.
Neste caso, tratábase dunha muller casada, con tres fillos e posteriormente viúva. Dise que en 1806, un día de novembro, saíu baixo a chuvia -acalorada de traballar na cociña- e outro día de decembro saíu ó frío, e a consecuencia diso contraeu algunha enfermidade que a obrigou a encamarse. Pouco a pouco foi sumíndose e quedou inmóbil, sen comer e sen falar. Dise que o arcebispo mandou a alguén a investigar e que, tras observala durante 17 días (tras despedir ós criados, por se a alimentaban de noite), asegurou que non se alimentaba. Dise tamén que os soldados prenderon lume á cama pero que ela nin se moveu nin dixo nada, polo que apagaron o lume axiña. Hai testemuñas de persoas que a visitaron en 1815, e que daquela levaba dez anos encamada, e sen comer nin beber nada durante os últimos seis anos. Tampouco a lavaban nin peiteaban nin a cambiaban de roupa, e a pesar diso mantiña un aspecto impecable, limpo e aseado.
En 1838, despois de 30 anos en cama, foi examinada por un médico de Santiago, Varela Montes. Este escribiu que se ben comía algo nun principio, pronto deixou de comer en absoluto, e que a súa cara estaba tersa, sen signos de extenuación e coa respiración lenta, estando case cega. O párroco do lugar visitábaa tódolos meses para darlle a comuñón; declarou que algunhas veces choraba. Finalmente, morreu en 1848 e foi enterrada baixo o altar da igrexa de Santa María de Gonzar.
Existe un retrato da espiritada de Gonzar no Museo de Pontevedra, obra de Juan José Cancela del Río. A medicina actual considéraa como o primeiro caso documentado en Galicia de anorexia.
Galería de imaxes
editar-
Xenio de bronce do século I atopado na Ponte Puñide.
-
Igrexa parroquial de Santa María de Gonzar.
Lugares e parroquias
editarLugares de Gonzar
editarLugares da parroquia de Gonzar no concello do Pino (Provincia da Coruña) | |
---|---|
Amarelle | A Arnela | A Bugalleira | Cabanelas | O Carballiño | Castelo | Os Castriños | Gonzar | A Igrexa | O Lameiro | A Ponte Puñide | O Pumar | Rabal de Abaixo | Rabal de Arriba | San Gregorio | Santo André | O Vilar |
Parroquias do Pino
editarNotas
editarVéxase tamén
editarBibliografía
editar- Vaqueiro, Vítor (2011). Mitoloxía de Galiza. Lendas, tradicións, maxias, santos e milagres. Galaxia.
Ligazóns externas
editar- "Espiritada de Gonzar" Concello do Pino (en castelán).
- Romar García, Raúl (16/3/2014). "La santa de Gonzar, el primer caso documentado de anorexia" La Voz de Galicia (en castelán).