Mámoa

(Redirección desde «Medorra»)

As mámoas ou medoñas son túmulos funerarios característicos do Neolítico[1] do noroeste da Península Ibérica.

Vista xeral da mámoa Chan de Castiñeiras I (tamén coñecida como mámoa do Rei), na que pode verse tanto a entrada ó dolmen coma o montículo de terra.

Características

editar

Son amoreamentos artificiais de terra e/ou pedras, habitualmente de forma circular (xa que ás veces presentan unha estrutura lixeiramente elíptica), que se presentan de forma brusca sobre o terreo que sinalan e conteñen un ou varios enterramentos[2]. Son coñecidas con variados nomes que aluden as súas diversas manifestacións ou tipos, como dolmen, anta, medoña, modia, medorra ou túmulo, que deixaron unha enorme pegada na toponimia e microtoponimia de Galicia.[Cómpre referencia]

Normalmente no seu interior agachan unha estrutura pétrea coñecida como dolmen ou anta, formando o conxunto un túmulo funerario característico da cultura megalítica. É habitual que presenten unha depresión na parte superior coñecida como cono de violación, resto dalgunha escavación ilegal na busca de materiais preciosos ou máis comunmente para aproveitar as pedras. Atópanse mámoas en moitos lugares onde houbo cultura megalítica.

Ao longo da historia serviron como sinalizadores de rutas e como límites territoriais, aparecendo habitualmente nos documentos medievais e modernos para facer puntualizacións xeográficas. No imaxinario popular atribuíronselles propiedades sanadoras e de fecundidade, así como unha constante relación co mundo imaxinario dos mouros e mouras que as converteron nas protagonistas de multitude de lendas e contos, moitos delas afirmando que no seu interior había grandes tesouros, o que provocou que a maioría fosen espoliadas.[Cómpre referencia]

 
A Chousa Nova, reconstruída.

A mámoa máis antiga datada en Galicia é A Chousa Nova I, en Silleda. Está datada hai 6350 anos, mil máis antiga que o dolmen de Dombate.

As mámoas forman grupos en campos chamados ás veces oleiros ou campo das olas, polos restos de cerámica que conteñen. Sinalouse restos de escritura hemisférica e talvez altares druídricos sospeitados por Obermayer.[3]

Arredor das mámoas hai lendas, como a que di que se aparece unha galiña con pitos debaixo dun dolmen na noite de san Xoán, convértense en ouro, ou que nelas hai escondidas pota que poden ter ouro ou veleno.

Denominacións

editar

A denominación máis estendida para coñecer este tipo de monumentos é a de mámoa e procede do diminutivo latino mammula 'órgano glandular das femias dos mamíferos'[4]. Esta denominación aplícase metaforicamente a este tipo de monumentos pola similitude dos mesmos cun peito feminino. Tamén se usan diminutivos como mamoíña ou mamoela.

Outras denominacións teñen que ver coa voz latina meta (galego meda), obxecto de forma cónica ou marco de delimitación. Esta palabra unida a distintos sufixos deu á súa vez distintas verbas usadas para referirse a este tipo de túmulos:

META + ONEA > medoña
META + ORRA > medorra
META + ELA> medela

  1. López Carreira, Anselmo (2013): Historia de Galicia. Vigo: Ed. Xerais, p.41
  2. Romero Masiá, A.; Arias Vila, F. Diccionario de termos de arqueoloxía e prehistoria. Ir Indo Edicións, páxina 116, ISBN 84-7680-168-8
  3. Otero Pedrayo, Ramón (1926). Guía de Galicia. Galaxia. 
  4. "Mámoa". Portal das Palabras. Consultado o 14 de novembro de 2016. 

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar