Batz

antiga moeda suíza de prata e billón

O batz (plural batzen) foi unha moeda, inicialmente de prata e posteriormente de billón, aparecida no cantón suízo de Berna no século XV co valor de dous grosos ou catro kreuzer e que se mantivo vixente en diversos territorios suízos, do sur de Alemaña e do norte de Italia ata mediados do século XIX cando, no sistema decimal de Suíza, equivalía a dez rappen ou a décima parte dun franco.[1][2][3][4][5][6]

Batz de Berna do século XV. A/ Oso heráldico. MONETA BERNENSIS. R/ Cruz e flores de lis. +SANCTVS VINCENCIVS

Orixe do nome editar

A etimoloxía de "batz" parece estar no alto alemán Bätz, que en alemán moderno pasou a Bär, co significado de "oso". De feito, a imaxe dun oso heráldico é recorrente nestas moedas, á parte de formar parte do escudo de Berna.[7][1][8]

Historia editar

Orixe e expansión editar

 
Batz (4 kreutzer) de Bamberg, Alemaña, cuñado en 1696

A finais do século XV, Berna e Soleura levaron a cabo unha reforma monetaria, no contexto da cal Berna creou, arredor de 1492, unha nova moeda con valor de catro kreuzer que debía servir para ocupar o espazo intermedio entre os valores máis pequenos do sistema e os máis grandes, como o tálero. Esta nova moeda tomou inicialmente o nome de rollbatz, simplificado de camiño a batz.[2]

Os batzen estendéronse a finais do século XV pola Suíza occidental (Berna, Soleura, Friburgo...), polos estados do sur de Alemaña e polo norte de Italia. Tal difusión chegou a provocar mesmo cuñaxes inflacionistas (sobre todo en Italia), cara ás que se produciu un fenómeno de rexeitamento na rexión en torno a Berna.[2]

A partir do século XVII os batzen foron cuñados soamente en billón, aínda que coa aparición de múltiplos e fraccións desta moeda varios dos seus múltiplos se emitiron en prata.[2]

As tiraxes de batzen chegaron a ser moi numerosas e, por mor da súa rápida extensión xeográfica, responderon a padróns monetarios moi diferentes, en tanto que a proporción de prata na súa aliaxe ía minguando gradualmente. Como resultado deste proceso, a súa circulación foi prohibida polas cidades do sur de Alemaña (ca. 1535).[2] Con todo, nesta rexión, en 1559 foi introducida en Augsburgo unha moeda co valor de medio batz que estendeu a súa vida ata o século XVII e da que se produciron grandes cantidades.

A tipoloxía máis habitual dos batzen de Suíza caracterizouse pola presenza nos seus reversos dunha cruz cos seus brazos rematados en flores de lis, e o escudo cantonal nos anversos. Nas emisións correspondentes ao sur de Alemaña, no entanto, era máis común a representación dunha aguia heráldica.

 
40 batzen de prata do cantón de Vaud de 1812

Na República Helvética editar

Coa República Helvética (1798-1803) introduciuse o sistema decimal na moeda, de maneira que se estableceu como unidade o franco, dividido en 10 batzen e estes, pola súa vez, en 10 rappen.[2]

Despois da República Helvética, os batzen foron cuñados por todos os cantóns daquela existentes, coas excepcións de Appenzell Interior, Xenebra, Glarus, Tesino e Zug.

O Concordato de 1825 editar

 
5 batzen de Berna (1826) consonte o Concordato de 1925

O 17 de abril de 1825, algúns cantóns (Aargau, Basilea, Berna, Friburgo, Soleura, Vaud) asinaron un acordo ("Concordato") para estandarizaren a tipoloxía e o valor das súas moedas. Este acordo prevía a emisión de moedas coas seguintes denominacións: 2½ rappen (= 1 kreuzer = 1/4 batz), 5 rappen (½ batz), 1 batz, 2½ batzen e 5 batzen. As moedas, emitidas a partir de 1826, tiñan no reverso unha cruz coa letra "C" no centro e a inscrición DIE CONCORDIER[ENDEN] CANTONE DER SCHWEIZ ("Os cantóns concordantes de Suíza). No caso de Vaud, a lenda era en francés (LES CANTONS CONCORDANTS DE LA SUISSE) e no anverso amósase o propio escudo do cantón.[9][10]

A reforma monetaria de 1850 supuxo a desaparición definitiva do batz, aínda que esta denominación segue a aplicárselle popularmente en Suíza ás moedas de 10 céntimos de franco.[2]

Notas editar

  1. 1,0 1,1 Amandry, M. (2006). Páxina 55.
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 "Batz". En Dictionnaire Historique de la Suisse.
  3. "Batzen". En Münzen Lexikon. Reppa.de.
  4. "Batz". En Schweizerisches Idiotikon. Wörterbuch der schweizerdeutschen sprache. Tomo V. Frauenfeld. 1909. Columnas 1.964-1.976.
  5. "Batzen". En Deutsches Rechtswörterbuch.
  6. Geiger, H. U. (1972).
  7. Seguin, F. (1852). Páxina 148.
  8. "Baciones Arquivado 27 de agosto de 2019 en Wayback Machine.". En Du Cange et al. (1883-1887). Glossarium mediæ et infimæ latinitatis. L. Favre. Niort.
  9. "Monnaies Cantonales: Monnaies concordat". En www.schweizer-geld.ch
  10. "Alliances et concordats monétaires". En Dictionnaire Historique de la Suisse.

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Bibliografía editar