Automobilismo
Este artigo contén varias ligazóns externas e/ou bibliografía ao fin da páxina, mais poucas ou ningunha referencia no corpo do texto. Por favor, mellora o artigo introducindo notas ao pé, citando as fontes. Podes ver exemplos de como se fai nestes artigos. |
O automobilismo é o deporte consistente en todo tipo de probas de vehículos con motor de catro rodas ou máis, normalmente modificados ou construídos especialmente co fin de competir. É regulado principalmente a nivel mundial pola Federación Internacional do Automóbil como unión das Federacións Automobilísticas membros, no caso de España, a RFEDA, que á súa vez está formada polas Federacións Autonómicas, estando Galiza representada pola Federación Galega de Automobilismo.
Tipos de competicións
editarA FIA ten a súa base fundamental no Apéndice J do Código Internacional dos Deportes de Motor, que define tres categorías principais divididas en grupos, e por outra banda, presenta tamén unha división por cilindrada[1]. Estas tres categorías son as de automóbiles manufacturados (aqueles fabricados baixo a definición de coches de rúa, modificados especialmente ou non), automóbiles de competición (aqueles construídos especificamente para competir nunha categoría) e camións.
Este deporte pódese dividir en dúas ramas, a organizada directamente pola FIA e as súas federacións membros, sendo os seus máximos expoñentes a Fórmula 1, o World Touring Car Championship e o World Rally Championship, e as organizadas polas asociacións norteamericanas subordinadas ó Automobil Competition Committee for the United States (ACCUS) e ás súas asociacións membro, que á súa vez tamén están subordinadas á FIA[2]. Porén, nas categorías estadounidenses aínda que a FIA é a encargada de regula-lo deporte mediante o seu código, deriva as responsabilidades de organización ás nove asociacións membros da ACCUS. As tres máis importantes son a National Association for Stock Car Automobile Racing (NASCAR), que organiza as competicións de autos stock e de camións, e conta á súa vez con diferentes niveis de competición en varios países; a Champ Car, que organiza un campionato de monoprazas open-wheel; e a Indy Racing League, unha escisión da Champ Car que regula outra competición de características semellantes e que ten como proba estrela as 500 Millas de Indianápolis.
Tamén existen outras competicións automobilísticas fóra destas dúas ramas principais e da xurisdición da FIA, tendo a súa máxima representación no Rally Dakar, organizada pola Amaury Sport Organization, ou que a Federación Internacional do Automóbil non recoñece como competicións profesionais, como o drifting.
Historia
editar- Artigo principal: Historia do automobilismo.
O cambio de século (1894-1918): o comezo dun deporte
editarOs inicios do automobilismo pódense situar a finais do século XIX, pouco despois da construción dos primeiros vehículos alimentados con gasolina. En 1894, a revista parisiense Le Petit Journal organizou unha proba de rendemento, que resultou se-la primeira competición automobilística da Historia: a Paris-Rouen de 1894, na que o Conde Jules de Dion levaría a vitoria co seu De Dion-Bouton, aínda que logo sería descualificado.
Un ano despois tería lugar a primeira carreira real, de París a Bordeos. Saíu vitorioso Émile Levassor, que tamén sería descualificado por non correr cun vehículo de catro prazas como establecían as normas.
No ano 1900, James Gordon Bennet Jr. estableceu a primeira competición regular de automóbiles, a Copa Gordon Bennet. Era unha competición internacional na que cada país podía inscribir até tres vehículos manufacturados totalmente no seu territorio. Esta competición sería tamén a primeira en utiliza-las cores identificativas para cada país. A semellanza desta competición, naceu tamén nos Estados Unidos a Copa Vanderbilt en 1904.
En 1906, disputouse por primeira vez a primeira carreira que levaría dunha forma regular o termo Grand Prix: o Grand Prix do Automobile Club de France. Nun circuíto situado preto de Le Mans, o húngaro Ferenc Szisz gañou a proba a bordo dun Renault.
En 1911, celebráronse por primeira vez as 500 millas de Indianápolis, e a primeira proba baixo a denominación de rally, o Rally de Montecarlo, aínda que varias probas deste tipo foron disputadas en anos precedentes en Italia (Targa Florio), Alemaña (Prinze Heinrich Fahre) ou Gran Bretaña (Thounsand Mile Trial), e varias carreiras de longa distancia, como a Pequín - París de 1907 ou a Nova York - París de 1908.
Os anos de entreguerras (1918-1939): internacionalización e primeiras organizacións
editarNesta época pódense salientar tres evolucións principais no deporte: a internacionalización dos Grandes Premios, a organización nunha federación internacional e a diferenciación entre os coches de rúa e vehículos deseñados e preparados para a competición.
En 1922, Italia importou o termo Grand Prix, procedente de Francia, para unha carreira precisamente en Monza. Após dous anos, Bélxica e España farían o mesmo, e axiña se estendería a outros países. En 1933 celebrouse por primeira vez o Gran Premio de Mónaco, no que se introduciu por primeira vez a clasificación para determina-los postos de saída na carreira, substituíndo ó sorteo. Cada tempada o número de probas consideradas con status de Grandes Premios aumentou, chegándose a disputar 18 en 1934. Outra competición importante que xorde nesta época é as 24 horas de Le Mans, organizadas por primeira vez en 1923, amosando que fóra dos Grandes Premios non eran as únicas competicións existentes.
En 1924, os clubs automobilísticos de varios países organizáronse nunha federación internacional: a Association Internationale des Automobile Clubs Reconnus (AIACR), que logo mudaría o seu nome polo de Fédération Internationale de l'Automobile (FIA), cuxo órgano interno, a Commision Sportive Internationale (CSI) foi a encargada de regula-la competición de Grandes Premios e outras modalidades internacionais, que até o momento se regulaban por potencia e peso dos vehículos. Porén, en 1928 estas normas foron abandonadas e instaurouse a chamada Fórmula Libre, na que cada Gran Premio poñía as súas propias normas en canto á configuración dos coches. De 1925 data o primeiro Campionato de Mundo de Construtores, consistente en 4 probas en Europa e Estados Unidos. Xa en 1931, instaurouse o Campionato de Europa de Automobilismo para pilotos, estando vixentes ámbolos dous até o comezo da segunda guerra mundial en 1939.
Nestes anos, comezaron a xurdi-los primeiros coches preparados especificamente para a competición, utilizándose até daquela coches de rúa. Nomes como Enzo Ferrari, Ettore Bugatti, Ferdinand Porsche ou Alfieri Maserati, e fabricantes como Mercedes-Benz implicáronse no deporte, fabricando coches con novas tecnoloxías da época. Por outro lado, nos Estados Unidos, comezan a organizarse os primeiros eventos procedentes dos retos que se facían os contrabandistas de alcohol durante a Lei seca. Para escapar da policía, tiñan que modifica-los seus coches para aumenta-la potencia, a velocidade punta, e diminuí-lo peso, costumes que foron adoptadas polos que despois competirían nestes eventos organizados, que máis tarde darían lugar ás competicións de autos stock.
Dende a segunda guerra mundial á guerra fría (1939-1980): a diversificación en categorías
editarCo comezo da segunda guerra mundial, en 1939, e durante toda a súa duración, o deporte do automobilismo ficou reducido a eventos menores xeralmente disputados no continente americano, sobre todo nos Estados Unidos, a Arxentina e o Brasil. Pero nada máis remata-la contenda, a competición volveu a Europa, disputándose a primeira proba en París en 1945. Nestes anos, aparecen as primeiras competicións de drag racing en Norteamérica, fundándose a National Hot Rod Association, o meirande órgano regulador, en 1951 da man de Wally Parks.
En 1946, a Commision Sportive Internationale da FIA instaurou as regras para unha categoría nova, con comezo en 1950, baixo o nome de Fórmula A, e que serviría como máxima categoría do deporte. Na actualidade, coñecémola baixo o nome de Fórmula 1, categoría cumio do deporte e na que máis cartos se invisten con diferenza. O primeiro GP disputado foi o de Inglaterra, e sería o primeiro Campión Mundial de Pilotos o italiano Giuseppe Farina.
Por outro lado, en 1947, Bill France Sr. coa axuda doutros pilotos e promotores de autos stock da época, fundou a National Association for Stock Car Auto Racing (NASCAR), nunha reunión nun hotel de Daytona Beach, Florida. A NASCAR serviría como órgano regulador de tódalas categorías norteamericanas de autos stock, e dende aquela a súa importancia non pararía de medrar. O 15 de febreiro de 1948 disputouse a primeira carreira en Daytona, gañada por Red Byron a bordo dun Ford modificado. O propio Byron gañaría o Campionato Nacional dese ano. En 1958 disputaríase por primeira vez a Daytona 500.
En 1953, a FIA crea o World Sportscar Championship para coches sport prototipos. Sería nunha das probas desta categoría na tempada de 1955 cando se produce o peor accidente da historia do automobilismo nas 24 horas de Le Mans, no que morreu o piloto francés Pierre Levegh e 82 espectadores máis.
No que ó rally se refire, a década dos 50 foi a etapa de ouro das probas de longa distancia. Viuse o nacemento de probas como o Rally dos 1000 Lagos en Finlandia (1951) ou o Rally da Acrópolis en Grecia (1956), o que levou á FIA a crea-lo Campionato de Europa de Rallies. Xa en 1973 nace o World Rally Championship, considerado o segundo maior evento da FIA após a F1.
Tamén en 1956 naceu o karting, cando o empregado de Kurtis Kraft Art Ingels construíu o primeiro kart en California. Ó ano seguinte, xa aparecera a International Kart Federation para leva-las funcións de corpo regulador da categoría nos Estados Unidos, e en 1962 a FIA toma o mando na categoría e crea a Commission Internationale de Karting, establecendo o Karting World Championship en 1964.
En 1958 nace o British Saloon Car Championship, que agora coñecemos como British Touring Car Championship, a primeira competición regular de turismos, que sería seguida en 1963 polo European Touring Car Championship e en 1987 polo World Touring Car Championship, reanudado en 2005.
Xa en 1979, aparece nos Estados Unidos a primeira competición de monoprazas open-wheel autóctona, a CART, actualmente nomeada como Champ Car. No mesmo ano tamén se disputa a primeira edición do rally Dakar.
Dende 1980 á actualidade: de deporte a negocio
editarDende 1980 até a actualidade, o deporte pouco a pouco medrou en importancia así como en impacto social e económico. Isto comezouse a notar cando a finais da década dos 70 e a comezos dos 80, unha serie de desacordos entre a Fédération Internationale du Sport Automobile e a Formula One Constructors Association polos dereitos das retransmisións por televisión, coñecidos como a guerra FISA-FOCA, e que levaron incluso á cancelación de varias carreiras de Fórmula 1, tiveron que ser resoltos tras arduas e longas negociacións coa sinatura do primeiro Pacto da Concordia, que lle daba a Bernie Ecclestone o control económico da categoría.
A importancia crecente das grandes multinacionais como patrocinadores nas categorías máis altas de tódalas disciplinas automobilísticas e polo tanto dos cartos dispoñíbeis, e o aumento de interese dos espectadores fixeron que tanto os equipos competidores como os campionatos en si mesmos pasaran de dirixirse como un deporte a facerse como se fosen modelos de negocio. A publicidade, a procura e expansión cara mercados aínda inexplorados como Asia (novas probas como o Gran Premio da China de Fórmula 1 ou o Gran Premio de Macau de WTCC o demostran) e a busca de espectáculo para o aumento das asistencias ós circuítos e das audiencias televisivas son constantes nos equipos directos de cada disciplina.
Por outro lado, os avances tecnolóxicos da época non foron alleos ó desenvolvemento do deporte. A aparición do ordenador e do seu uso para procesamento fiábel de datos, así como a evolución dos sistemas de comunicación como Internet permitiron que a tecnoloxía dos vehículos utilizados avanzase e se sofisticase espectacularmente, así como que a percepción dos espectadores das carreiras aumentase sobremaneira pola cantidade de datos recibidos. Alén dos tempos dos pilotos e a posición, agora móstranse por televisión dende as comunicacións do piloto por radio cos boxes até a gravidade que ten que soportar nas aceleracións e deceleracións do coche.
Categorías
editarMonoprazas Open-Wheel
editar- Artigo principal: Monopraza.
As carreiras de monoprazas open-wheel son as máis populares a nivel mundial. Dispútanse con coches especificamente construídos para competición, que só dan cabida ó piloto e nos que as rodas están descubertas, de alí o nome de open-wheel (en galego, roda aberta). Estes monoprazas tamén acostuman incorporar pezas aerodinámicas, como aleróns ou pontóns, xa que a dinámica de fluídos acostuma ser unha parte moi importante do rendemento da máquina en carreira.
A categoría superior de monoprazas é a Fórmula 1, aínda que non é tan popular en Norteamérica como noutras partes do mundo. A F1 é un campionato mundial que consta de 18 carreiras e no que se reparten dous títulos, o Campionato do Mundo de Pilotos e o Campionato do Mundo de Escuderías. Considerada como o cumio do automobilismo, participan os fabricantes máis importantes do mundo, como Ferrari (Scuderia Ferrari), BMW (BMW Sauber) ou Renault (Renault F1 Team), algúns deles cun orzamento de máis de 400 millóns de dólares anuais[3].
En Norteamérica, as competicións de monoprazas máis importantes son a Champ Car e a Indy Racing League. Son moi semellantes entre si e á Fórmula 1, aínda que menos avanzadas e máis restrinxidas tecnoloxicamente por mor dun control de gastos máis férreo. Outras competicións de monoprazas son a A1GP, a GP2 (anteriormente coñecida como Fórmula 3000 e Fórmula 2), a Fórmula 3 ou a Fórmula Nippon. A maioría destas serven de categorías lanzadeira para a Fórmula 1.
Rally
editar- Artigo principal: Rally.
O rally é unha categoría do automobilismo no que unha parella de condutor e copiloto debe chegar á meta a través dun camiño predeterminado, que non ten por que ser un circuíto, no menor tempo posíbel. Estes camiños poden ser estradas normais que acostuman estar pechadas ó público ou pistas de terra, barro, neve, ou outras superficies nas que a condución é dificultosa.
Cada rally divídese en seccións, que á súa vez se dividen en tramos. Hai dous tipos de tramos, os cronometrados e os de enlace. Estes últimos son os que levan ós pilotos dun tramo cronometrado a outro, e transcorren por estradas abertas á circulación normal, polo que teñen que respecta-las normas de tráfico vixentes. Os coches saen en cada tramo cun tempo determinado de diferenza entre eles, polo que o contacto visual é moi raro.
En cada coche van un piloto e un copiloto. Este último encárgase de ler unhas notas sobre o percorrido do tramo escritas nun código mnemotécnico, que describe as curvas, o estado da estrada ou calquera outra circunstancia relevante para a pilotaxe, servíndolle así ó condutor para anticiparse a elas.
Dentro do mundo do rally, hai tamén diferentes categorías, mais a raíña é o World Rally Championship, reservado para os coches da Categoría WRC. A nivel mundial, a FIA organiza tamén o Junior World Rally Championship, para pilotos menores de 28 anos e con coches da Categoría Super 1600, e o Production World Rally Championship, para coches do Grupo N. Tamén acostuman organizarse campionatos nacionais. Por outra banda, está o rally Dakar, a proba máis importante de rallies de resistencia.
Turismos
editar- Artigo principal: Carreiras de turismos.
As carreiras de turismos é unha categoría automobilística que engloba varias competicións ó redor do globo. Aínda que a organizada pola FIA, o World Touring Car Championship, é considerada como o Campionato do Mundo, algunhas competicións nacionais como a Deutsche Tourenwagen Masters alemá, a V8 Supercars australiana ou o British Touring Car Championship británico teñen tanta importancia coma ela. Dentro desta categoría tamén se atopan as carreiras monomarca, onde tódolos pilotos conducen o mesmo vehículo dun fabricante determinado. Unha das competicións máis importantes deste tipo é a Porsche Supercup.
Esta categoría dispútase en circuítos pechados a bordo de coches de rúa preparados para competición, que adoitan ser sedáns de catro portas, nos que normalmente se pode modificar todo agás a carrocería do vehículo. Por mor disto, a importancia da aerodinámica é moito menor que noutras disciplinas, ocasionando que os competidores estean máis igualados nas carreiras. Tamén axuda a isto a incorporación de pesos adicionais segundo a posición na que o piloto rematara a anterior competición. Nestas carreiras, o contacto entre coches adoita ser moi común.
Autos Stock
editar- Artigo principal: Autos Stock.
As carreiras de autos stock son as competicións máis populares en Norteamérica. Os vehículos utilizados, aínda que poidan semellar coches de rúa, son coches construídos especialmente para esta competición, coidando certos elementos como a aerodinámica. Normalmente disputada en circuítos ovais, cada competencia adoita ser moi espectacular polo número de adiantamentos e polo contacto entre coches, moi frecuente por mor da alta velocidade atinxida e da gran cantidade de coches que compiten en cada carreira, o que fai que a anchura do circuíto ás veces non sexa abondo.
Este tipo de competición, procedente das carreiras entre contrabandistas estadounidenses durante os tempos da Lei seca, ten unha grande historia detrás. O primeiro órgano regulador, e o máis importante na actualidade, é a National Association for Stock Car Auto Racing (NASCAR), que organiza a Copa Nextel así como outras competicións ó longo de México, os Estados Unidos e o Canadá. Outra organización menor é o Automobile Racing Club of America (ARCA), que organiza as ARCA RE/MAX Series. Tamén existe algo semellante a un All-Star Game desta categoría, a International Race of Champions. En Europa, a súa presenza limítase a Gran Bretaña, onde a British Stock Car Association (BriSCA) regula a BriSCA Formula One Stock Car Racing.
Sport Prototipos
editar- Artigo principal: Sport Prototipos.
As carreiras de Sport Prototipos dispútanse en circuítos a bordo de biprazas que poden estar construídos especialmente para esta competición (prototipos) ou en Grandes Turismos preparados (sport), que á súa vez están divididas en varias cualificacións segundo as características técnicas. Normalmente, tódolos tipos de coches corren ó mesmo tempo en carreiras de resistencia, que adoitan ter unha duración de máis de 1000 km, nas que en cada equipo dous ou tres pilotos, ou incluso máis nalgunhas competicións nos Estados Unidos de América, se relevan na condución do vehículo segundo a estratexia de carreira deseñada polos enxeñeiros.
A proba anual máis importante son as 24 Horas de Le Mans, pero tamén existen varios campionatos desta categoría, sendo os máis importantes as Le Mans Series organizado polo Automobile Club de l'Ouest, as American Le Mans Series, e o FIA GT Championship, aínda que este está limitado ós Grandes Turismos.
Karts
editar- Artigo principal: Karting.
Porta de entrada de moitos pilotos afeccionados ó mundo da competición e trampolín cara a outras categorías máis altas, o karting dispútase con monoprazas open-wheel de dimensións reducidas, e cunha potencia de motor limitada. Porén, grazas ó pouco peso da estrutura do vehículo, un Superkart de 250 centímetros cúbicos pode chegar ata os 250 km/h en determinados circuítos. As carreiras poden ser de sprint, resistencia ou carreira en circuíto, tendo o evento unha duración media variábel segundo o tipo. Xeralmente considérase a Art Ingels como o pai do karting.
O maior evento do karting é o Karting World Championship, organizado pola Comission Internationale de Karting (CIK ou CIK-FIA), membro da FIA dende o ano 2000, e que se compón de seis categorías (KF1, KF2, KF3, KF4, KZ1 e KZ2), cunha idade mínima do piloto, normalmente 15 anos, como requisito de entrada. Tamén se organizan outras series a nivel estatal, por exemplo, en Estados Unidos a World Karting Federation leva a competición pola escasa presenza da FIA, e no Reino Unido a Motor Sports Association.
Drag Racing
editar- Artigo principal: Drag Racing.
O Drag Racing é unha categoría do automobilismo que se disputa en circuítos lineais, co obxectivo de completalos no menor tempo posíbel. Estes circuítos normalmente teñen unha lonxitude dun cuarto de milla, aproximadamente uns 400 metros. Para acadar este fin, pódense utilizar varias clases de vehículos, que van dende os coches de rúa sen modificar até os dragsters, automóbiles especialmente construídos e preparados para esta competición que poden atinxir preto de 450 km/h na liña de meta, tendo que accionar un paracaídas para frear, xa que a potencia dos discos de freo resulta insuficiente.
A maior organizadora deste tipo de eventos é a National Hot Road Association (NHRA), que é a federación norteamericana. É seguida pola International Hot Road Association.
Camións
editar- Artigo principal: Truck Racing.
O Truck Racing é unha categoría de automobilismo en circuítos nos que corren cabinas de camións modificadas.
Na versión europea, os camións teñen un peso máximo de 5500 kg e, por motivos de seguridade, 160 km/h de velocidade máxima. As carreiras, que duran entre 8 e 12 voltas, comezan cunha saída lanzada. No vello continente, esta competición gozou dunha gran popularidade nos 80.
No Brasil, é unha das categorías do automobilismo máis populares. Alí dispútase desde 1996 a Fórmula Truck, unha competición na que cada carreira dura entre 30 e 35 voltas con saída lanzada, e os camións poden chegar a 200 km/h, aínda que coa axuda de radares contrólase que non pasen dos 160 km/h permitidos como velocidade máxima. Puntúase dúas veces por carreira, os seis primeiros na volta 12 e os 10 primeiros no final.
Nos Estados Unidos, a NASCAR organiza as Craftsman Truck Series dende 1995. Non se diferencia moito das outras series con camións salvo na peculiaridade de que se disputa en circuítos ovais.
Carreiras históricas
editar- Artigo principal: Carreiras históricas.
As carreiras históricas son aquelas disputadas a bordo de vehículos xa retirados da competición oficial nas súas respectivas categorías, nos que o único equipamento moderno utilizado é o relativo á seguridade e á medición de tempos. Organízanse carreiras deste tipo para tódalas categorías, aínda que só unha está aceptada e regulada pola FIA entre os seus campionatos oficiais, o FIA Historic Formula 1 Championship, antigamente FIA Thoroughbred Grand Prix Championship. Por mor disto, os organizadores de cada evento fixan as súas propias normas. Por outro lado, os pilotos acostuman ser afeccionados, normalmente adiñeirados coleccionistas de coches que os proban neste tipo de competicións.
Ademais do campionato da FIA, os eventos máis importantes neste tipo de competición son o Goodwood Festival of Speed e o Goodwood Revival en Gran Bretaña, e o Monterey Historic nos Estados Unidos.
Outras
editar- Artigo principal: Lista de competicións automobilísticas.
- Autocross: Categoría cronometrada na que os automóbiles, que poden ir dende coches de rúa normais sen modificacións até coches construídos especialmente para esta competición, percorren un trazado de asfalto marcado por conos de tráfico. Próbase máis a pericia do piloto que as características do vehículo.
- Demolition Derby: Competición na que, normalmente 10 ou máis pilotos, chocan voluntariamente uns contra outros co obxectivo de se-los derradeiros superviventes co seu vehículo en funcionamento. Normalmente dispútanse en campo aberto ou en superficies de terra.
- Dirt Track Racing: Tipo de competición automobilítica na que os vehículos, que poden ser tanto turismos como monoprazas open-wheel, corren en circuítos ovais de terra.
- Drifting: Competición na que os pilotos fan derrapar de xeito controlado os seus turismos de tracción traseira a través dun circuíto tentando achegarse o máis posíbel a uns parámetros anunciados previamente polos xuíces da competición.
- Montaña: Competición na que os pilotos compiten contra o reloxo para completar un tramo de subida a un outeiro ou montaña. É unha das formas máis antigas de automobilismo, sendo disputada a primeira proba en 1897.
- Ice Racing: Competición de todo tipo de automóbiles, normalmente con tracción ás catro rodas, sobre pistas con superficie xeada, xa sexan lagos, ríos conxelados ou pistas con xeo artificial.
- Rallycross: Competición que se disputa en circuítos mixtos de area e asfalto nos que os coches, que poden ser do Grupo N ou do Grupo A similares ós coches de rally, corren directamente uns contra outros co obxectivo de chegar primeiros á liña de meta.
- Road Racing: Competicións automobilísticas de todo tipo en circuítos urbanos, que poden ser especialmente construídos para este fin, ou rúas dunha cidade pechadas para a ocasión.
- Street Racing: Versión ilegal do road racing, con carreiras que poden xurdir de maneira espontánea entre dous vehículos parados nun semáforo, ou de xeito coordinado entre dous ou máis competidores. Acostuman levar apostas detrás.
A tripla coroa
editarNo mundo do automobilismo, hai tres probas que pola súa antigüidade e importancia, son consideradas como as tres grandes de todas as categorías do automobilismo, e constitúen a Tripla coroa do automobilismo: o Gran Premio de Mónaco de Fórmula 1, as 500 millas de Indianápolis de IndyCar e as 24 Horas de Le Mans de Sport Prototipos.
Bandeiras no automobilismo
editar- Artigo principal: Bandeiras no automobilismo.
Un elemento moi importante nalgunhas categorías automobilísticas que se disputan en circuíto son as bandeiras, utilizadas polos comisarios de pista por orde dos comisarios de carreira para sinalar calquera tipo de suceso que se produza en pista.
O significado destas bandeiras poden variar segundo a competición na que se utilicen e dende o posto no que os comisarios a amosen, pero xeralmente utilízanse para os descritos na seguinte lista.
Bandeira | Descrición |
---|---|
Bandeira amarela. Perigo á fronte, débese reduci-la velocidade. | |
Bandeira azul. Deixe pasar o vehículo que vén por detrás. Úsase normalmente cando un piloto vai dobrar a outro, e non obedecela acarrea normalmente penalizacións. | |
Bandeira verde. Pista libre. Xeralmente mostrada após a retirada da pista do Safety Car ou após a retirada da bandeira amarela dun tramo de pista. | |
Bandeira vermella. Carreira parada, débese volver ós boxes. | |
Bandeira raiada en amarelo e vermello. Pista esvaradiza. Normalmente ensínase cando hai aceite ou gasolina verquida por outros vehículos na pista. | |
Bandeira branca. Vehículo lento en pista. Normalmente amósase cando hai unha ambulancia ou un vehículo similar na pista. | |
Bandeira cuadriculada. Fin da proba. | |
Bandeira metade negra, metade branca en diagonal. Primeiro aviso a un piloto con actitude antideportiva. | |
Bandeira negra. Descualificación do piloto ó que lle é amosada. | |
Bandeira negra cun círculo laranxa. Algún problema técnico no vehículo. O piloto deberá volver ós boxes. |
O automobilismo en Galicia
editarEn Galiza, o deporte do automobilismo está organizado e regulado pola Federación Galega de Automobilismo, integrada na Federación Española de Automotomobilismo, que é membro da FIA. Na actualidade, organiza 6 campionatos galegos:
- Campionato de Galicia de Karting
- Campionato de Galicia de Autocross
- Campionato de Galicia de Montaña
- Campionato de Galicia de Rally
- Copa de Galicia de todo terreo
- Campionato de Galicia de Slálom
Existen espazos habilitados para a práctica do karting por toda a xeografía do país, e circuítos de autocross, como o Circuíto de Autocross de Arteixo ou o de Carballo. Aínda que se proxectou a construción dun Circuíto Galego de Velocidade, que foi deseñado por Pablo López Fuentes e homologado pola FIA,[4] este nunca chegou a construírse.[5][6]
No que a deportistas se refire, nunca houbo ningún piloto galego de éxito internacional. Porén, o coruñés Luis Moya, que foi durante 14 anos o copiloto do condutor de rallies Carlos Sainz, gañou con el dous Campionatos do Mundo de Rally nos anos 1990 e 1992, e conseguiu tamén catro subcampionatos e cinco terceiros postos.
Notas
editar- ↑ (en inglés e francés) Artigo 251, sección 1 do Apéndice J do Código Internacional de Deportes de Motor Arquivado 27 de setembro de 2007 en Wayback Machine.
- ↑ (en inglés) Páxina 2 da solicitude de licenza de condución da FIA para o ACCUS de 2007 Arquivado 29 de setembro de 2007 en Wayback Machine.
- ↑ F1Racing, páxina 73 do número 86 de Abril de 2006
- ↑ "Comunicado 072/07 do 4 de xuño de 2007 da Federación Galega de Automobilismo" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 10 de agosto de 2007. Consultado o 13 de agosto de 2007.
- ↑ Carballo, Pablo (3 de xuño de 2019). "El circuito de velocidad languidece". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 1 de agosto de 2020.
- ↑ "El fallido Circuito de Velocidade tiene otra vida 16 años después". La Voz de Galicia (en castelán). 29 de marzo de 2016. Consultado o 1 de agosto de 2020.
Véxase tamén
editarLigazóns externas
editarCommons ten máis contidos multimedia sobre: Automobilismo |
Vexa a entrada do Galizionario acerca de automobilismo |