Enzo Anselmo Ferrari, nado en Módena o 18 de febreiro de 1898 [rexistrado o 20 de febreiro][1] e finado na mesma localidade o 14 de agosto de 1988, foi o fundador da Scuderia Ferrari e máis tarde da marca de automóbiles que leva o seu nome, Ferrari. Foi coñecido polos seguidores de Ferrari como Il nel.

Infotaula de personaEnzo Ferrari

Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento(it) Enzo Anselmo Giuseppe Maria Ferrari Editar o valor en Wikidata
18 de febreiro de 1898 Editar o valor en Wikidata
Módena, Italia Editar o valor en Wikidata
Morte14 de agosto de 1988 Editar o valor en Wikidata (90 anos)
Módena, Italia Editar o valor en Wikidata
Lugar de sepulturacemetery of San Cataldo (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeItalia (1898–1988)
Reino de Italia (1898–1946) Editar o valor en Wikidata
Actividade
Campo de traballoCarreira automobilística, manufacture of motor vehicles (en) Traducir e industria do automóbil Editar o valor en Wikidata
Ocupaciónemprendedor , piloto de automobilismo , industrial Editar o valor en Wikidata
Período de actividade1918 Editar o valor en Wikidata -
EmpregadorAlfa Romeo Editar o valor en Wikidata
LinguaLingua italiana Editar o valor en Wikidata
Carreira militar
ConflitoPrimeira guerra mundial Editar o valor en Wikidata
DeporteFórmula 1 Editar o valor en Wikidata
Familia
CónxuxeLaura Dominica Garello (1923–1978)
FillosPiero Ferrari, Dino Ferrari Editar o valor en Wikidata
IrmánsAlfredo Ferrari, Jr. (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
Premios
Sinatura
Editar o valor en Wikidata

IMDB: nm0274060 BNE: XX1729203 WikiTree: Ferrari-131 Find a Grave: 8896464 Editar o valor en Wikidata

Traxectoria

editar

Enzo Ferrari creceu no val do Po, ao norte de Italia. O pai de Enzo, Alfredo Ferrari, traballaba nunha empresa de estruturas metálicas.[2] Alfredo desexaba que os seus fillos Enzo e Dino se dedicaran a continuar co negocio familiar, mais Enzo afirmaba que quería ser xornalista ou cantante de ópera. En 1908, Alfredo levou os seus fillos a ver unha carreira de coches preto de Módena. Enzo tivo a oportunidade de ver a Vincenzo Lancia e dende ese momento a súa vida quedou marcada polas carreiras de automóbiles.

Alfredo enviou os seus dous fillos a unha escola de enxeñaría mecánica. Dino foi enviado á fronte cando Italia entrou na primeira guerra mundial. Alfredo faleceu en 1916, co que a empresa familiar crebou case de inmediato.

 
Alfa Romeo 8C 2300 da Scuderia Ferrari

Enzo Ferrari quedou practicamente só e saltou dun traballo a outro durante máis dun ano. En 1917 foi recrutado polo exército e aínda que intentou demostrar os seus dotes como mecánico, os seus superiores non o tiveron en conta e destinárono a ferrar mulas. Enzo contraeu pleuresía, unha doenza que pode ser mortal, mais que logrou superar.

Aos 20 anos rematou o seu servizo no exército, mais atopouse cunha Italia de posguerra totalmente en crise. Conseguiu unha carta de recomendación do coronel do seu rexemento e dirixiuse a Turín, capital automobilística italiana, para buscar sorte. Solicitou traballo en Fiat, mais non foi tido en conta.

Un ano despois, logrou conseguir traballo nunha pequena empresa de fabricación de coches chamada CMN, en Milán. Alí Ferrari comprou un Alfa Romeo usado para competir en carreiras, chamando a atención dos directivos de Alfa Romeo, quen o invitaron a traballar na marca e competir cos seus coches de carreiras.[3] Ferrari competiu en varias pequenas carreiras de 1920 a 1924, mais os seus resultados non foron destacados. Ferrari pediu a Alfa Romeo que lle permitise converterse nun vendedor da marca. Nesta actividade Ferrari coñeceu a Laura Dominica Garello, coa que casou en 1923.

Alfa Romeo tiña pensado competir cun coche denominado P1 no Gran Premio de Italia celebrado no circuíto de Monza. Ferrari, xunto con varios mecánicos que logrou convencer para que deixasen Fiat e comezasen a traballar con el, chegou a Monza un día antes da carreira. Ugo Sivocci foi o piloto escollido, mais na volta de recoñecemento saíuse do circuíto e faleceu. Ferrari sufriu unha forte crise emocional.

 
Pilotos de Alfa Romeo xunto con Enzo Ferrari

O P1 fracasara, e Ferrari precisaba redeseñalo, polo que logrou traer de Fiat o enxeñeiro Vittorio Jano, xenio da mecánica. Xuntos redeseñaron o vehículo, rebautizándoo como P2. Ao volante puxeron a Antonio Ascari e o P2 gañou a carreira, logrou o récord de volta e a velocidade máis alta na pista. Ferrari propúxolle a Alfa Romeo que o deixase ao cargo das actividades de competición da compañía, o que Alfa Romeo aceptou. O 1 de decembro de 1929, Ferrari abriu as portas do que se convertería na Scuderia Ferrari.

A pesar dos seus éxitos profesionais, a súa vida familiar non era nada pracenteira, xa que a súa nai e a súa dona Laura se detestaban mutuamente. En 1932 Laura deu a luz ao seu primeiro fillo Dino Ferrari, mais case inmediatamente o neno foi diagnosticado con distrofia muscular. Enzo sufriu terriblemente non poder facer nada polo seu fillo e intentou en van deter a enfermidade con dietas e varias medicinas importadas de diferentes países. Finalmente Dino faleceu en 1956 aos 24 anos causando unha intensa dor en Enzo Ferrari.

En 1939 comezou a segunda guerra mundial e Mussolini xunto con Alemaña lánzanse á invasión. Alfa Romeo rompeu lazos coa Scuderia de Enzo, polo que este viuse obrigado a traballar co goberno fascista para sobrevivir financeiramente tanto el como a Scuderia. Así, en 1940 naceu Auto Avio Costruzioni Ferrari, que traballaba coa compañía nacional de aviación en Roma, para Piaggio e para RIV. En 1943, a fábrica Ferrari trasladouse de Módena a Maranello por orde do goberno, para protexela dos bombardeos aliados. Aínda así, a fábrica foi bombardeada en 1944 e reconstruída en 1946, ano en que comezou o deseño e fabricación do primeiro Ferrari.

Nas súas constantes viaxes a Maranello coñeceu a Lina Lardi, unha secretaria coa que tivo un romance. Con ela tivo dous fillos chamados Piero Ferrari e Gustavo Pompa.

A guerra rematou e en 1947, Ferrari e o público estaban preparados para volver ás carreiras de coches. Ese ano culminou o desenvolvemento do Ferrari 125 con motor de litro e medio. A primeira carreira en que competiu un Ferrari foi en Piacenza o 11 de maio de 1947, unha proba menor. As expectativas eran altas tanto para Enzo Ferrari como para a prensa italiana. Na carreira, cando faltaban só tres voltas para o final e o vehículo estaba en cabeza, rompéuselle a bomba de combustible. Enzo chegou a describir o 125 entón como un "fracaso prometedor". Enzo nunca viu a competición e dende ese momento non volveu asistir a unha carreira na que competise un dos seus vehículos.

 
Ferrari 125, Scuderia Ferrari

Ferrari comezou o desenvolvemento de varios vehículos sen precedentes, de velocidades non vistas antes. Comezou a gañar case todas as competicións, mais os custos das carreiras eran enormes e a Ferrari estábanselle a acabar os cartos. Por iso, a pesar da súa total falta de interese na idea, comezou a vender versións de turismos dos seus coches.

Porén, as velocidades tamén trouxeron consecuencias. As carreiras automobilísticas eran un negocio perigoso e comezaron a morrer pilotos nos circuítos nunha proporción maior. En 1957 na celebración da Mille Miglia, unha popular carreira da época, participaban cinco Ferrari entre máis de 250 participantes. Cinco millóns de persoas achegábanse a ver pasar os automóbiles ao longo do circuíto.[4] Pola súa extensión era case imposible controlar todo o público. O Ferrari máis potente, o 335 de 4,1 litros ao mando do piloto español Alfonso de Portago, perdeu o control e foise cara ao público. Morreron once persoas, incluído o piloto, e moitas máis quedaron feridas.[5] Enzo Ferrari foi acusado de homicidio non premeditado, mais catro anos despois retiráronse os cargos.

En 1961 Ford decidiu competir con Ferrari, obtendo resultados diversos. Ferrari comezou a perder e o custo de manter a Scuderia aumentaba vertixinosamente. A pesar da venda de turismos o diñeiro esgotábase. En 1967, a Scuderia Ferrari estaba ao bordo da creba. Entón chegou o grupo Fiat por axuda económica. O acordo con Fiat contemplaba que Enzo se encargaría da división de automóbiles de carreira e Fiat fabricaría os turismos de Ferrari. Contra o 1969 cada parte conta co 50 % das accións de Ferrari (en 1988 o Grupo Fiat converteuse no accionista maioritario).

 
Oficina de Enzo Ferrari en Maranello.

En 1963, Ferrari construíu o Instituto Professionale per l'Industria e Artigianato, escola de aprendizaxe en Maranello. En 1972 construíu a pista de probas de Fiorano.[6]

Enzo enfermou gravemente do ril en 1978, tralo que permaneceu moito tempo na cama. Morreu o 14 de agosto de 1988[7] arredor da unha da tarde, rodeado da súa familia.[8][9]

Recoñecementos

editar

Enzo Ferrari recibiu o galardón de Cavalieri polos seus méritos deportivos en 1924 e ademais foi nomeado Commendatore en 1927 e Cavaliere di Lavoro en 1952. En 1960 recibiu o título honorífico en enxeñaría mecánica por parte da Universidade de Boloña. En 1988, a Universidade de Módena e Reggio Emilia concedeulle o de física.

Baixo a súa dirección (1947-1988), Ferrari gañou máis de 5000 carreiras en todas as categorías e obtivo vinte e cinco títulos de Campionatos Mundiais.

Escolla de pilotos

editar

"Il Commendatore", como é coñecido polos seguidores da Scuderia, encargábase persoalmente de escoller os pilotos que correrían nela. Unha das súas escollas máis memorables deuse en 1977, cando as relacións con Niki Lauda estaban no seu peor momento. Ferrari buscaba con urxencia un substituto, e decidiuse polo descoñecido Gilles Villeneuve, que aínda que nunca gañou un campionato do mundo, se converteu no seu piloto favorito e nun dos pilotos máis lembrados da Fórmula 1.

  1. "Enzo Ferrari's 100th Birthday" (en inglés). Consultado o 18 de marzo de 2012. 
  2. Williams p. 9–10
  3. Buckland, Damien (4 de febreiro de 2015). Collection Editions: Ferrari In Formula One (en inglés). Lulu Press, Inc. ISBN 9781326174880. 
  4. MacKenzie, Angus (febreiro de 2013). "The Most Epic Drive. Ever.". Motor Trend 65 (2): 88. With an estimated 5 million Italians out watching the race, crowd control was another cause for concern. 
  5. "Tausen Meilen Nostalgie". Auto Motor u. Sport. Heft 16 1977: Seite 18–19. 3 de agosto de 1977. 
  6. Nunzia Manicardi, Quel Diabolico Ferrari, Koinè Nuove Edizioni, Modena, 2000
  7. Levin, Doron P. (16 de agosto de 1988). "Enzo Ferrari, Builder of Racing Cars, Is Dead at 90". The New York Times (en inglés). ISSN 0362-4331. Consultado o 25 de marzo de 2019. 
  8. Enzo Ferrari[Ligazón morta]. Consultado o 11 de xuño de 2010
  9. Enzo Ferrari Arquivado 13 de agosto de 2010 en Wayback Machine. Consultado o 11 de xuño de 2010

Véxase tamén

editar

Ligazóns externas

editar