Aerodramus fuciphagus

ave dos apódidos do grupo das salanganas

Aerodramus maximus é unha especie de ave da subclase das neornites, infraclase dos neognatos, orde dos apodiformes, familia dos apódidos e tribo dos colocaliinos (que comprende as salanganas),[2] unha das vinte e seis integradas hoxe no xénero Aerodramus.

Aerodramus fuciphagus

Aerodramus fuciphagus en voo
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Clase: Aves
Subclase: Neornithes
Infraclase: Neognathae
Orde: Apodiformes
Familia: Apodidae
Tribo: Collocaliini
Xénero: Aerodramus
Nome binomial
Aerodramus fuciphagus
Thunberg, 1812
Área de dispersión de Aerodramus fuciphagus
Área de dispersión de Aerodramus fuciphagus

Área de dispersión de Aerodramus fuciphagus
Subespecies
Véxase o texto
Sinonimia
Véxase o texto
Grupo de Aerodramus fuciphagus aniñando nos seus niños brancos.
Niños de Aerodramus fuciphagus destinados ao consumo humano.

Taxonomía editar

Descrición editar

A especie foi descrita en 1812 polo explorador, médico, naturalista e botánico sueco Carl Peter Thunberg, un dos dezasete apóstolos de Linneo, co nome de Hirundo fuciphaga (dada a súa aparencia externa semellante á das anduriñas), no seu traballo "Anmärkningar om de Svalor, som bygga gelé-acktige ätbare Nästen". ("Observacións sobre as anduriñas que constrúen niños comestíbeis como xelatina"). En: Afzelius, P. Kongliga Vetenskaps Academiens Nya Handlingar för månaderne Julius, Augustius, September, År 1812 33: 151–156. BHL. (ver páxina 153).[3]

Variacións taxonómicas editar

Posteriormene foi clasificada dentro do xénero Collocalia, descrito en 1840 por George Robert Gray e, máis tarde, en Aerodramus, que describira Harry Church Oberholser en 1906.

Etimoloxía editar

O epíteto específico, fuciphagus está formdo polos elementos fuci- e -phagus, ambos tirados do grego antigo; o primeiro deriva de φυκίον phykíon ou φῦκος, phỹkos, "alga", e o segundo de φαγεῖν, phageĩn, "comer".[4] Isto é probabelmente o resultado da crenza histórica (falsa) de que as salanganas consumían algas ou substancias da néboa mariña que lles permitía producir unha substancia xelatinosa coa que construían seus niños.[5]

Sinónimos editar

Ademais de polo nome válido actual, a especie coñeceuse tamén polos sinónimos:[6]

  • Hirundo fuciphaga Thunberg, 1812 (protónimo)
  • Collocalia fuciphaga (Thunberg, 1812)

Nomes vulgares editar

Na maioría dos idiomas a especie coñécese vulgarmente como salangana de niño branco e, noutras, como salangana de niño comestíbel, adaptación da pouco afortunada denominación en inglés, edible-nest swiftlet, xa que non é a única salangana da que se comen os seus niños en sopa (véxase máis abaixo).

Subespecies editar

Segundo o Congreso Ornitolóxico Internacional (IOC), organización cuxas decisións seguen a maioría dos ornitólogos, establece na actualidade (2019) a seguinte clasificación da especie, coas seis subespecies que se indican:[7]

  • Aerodramus fuciphagus (Thunberg, 1812)
    • Aerodramus fuciphagus inexpectatus (Hume, 1873)
    • Aerodramus fuciphagus vestitus (R. Lesson, 1843)
    • Aerodramus fuciphagus perplexus (Riley, 1927)
    • Aerodramus fuciphagus fuciphagus (Thunberg, 1812)
    • Aerodramus fuciphagus dammermani (Rensch, 1931)
    • Aerodramus fuciphagus micans (Stresemann, 1914)

Porén, o Sistema Integrado de Información Taxonómica (ITIS) recoñece unha subespecie máis:[8]

  • Aerodramus fuciphagus germani (Oustalet, 1876)

que o IOC considera como especie separada, coas subespecies:[9]

  • Aerodramus germani (Oustalet, 1876)
    • Aerodramus germani germani (Oustalet, 1876)
    • Aerodramus germani amechanus (Oberholser, 1912)

Características editar

Aerodramus fuciphagus ten unha lonxitude de 11 a 12 cm, e pesa de 15 a 18 g, sendo, por tanto, unha salangana mediana (a máis grande, Aerodramus maximus chega até os 14 cm, e a máis pequena, Collocalia troglodytes, de Filipinas, mide só 9 cm e pesa 5 g.[10]

A súa plumaxe é de cor parda amourada polas partes superiores, e máis pálida nas inferiores, o uropixio é lixeiramente máis pálido que o resto das partes superiores. A cola está lixeiramente bifurcada, e as ás, como en todas as salanganas, son longas e estreitas. O pico e as patas son de cor negra.

A subespecie A. f. micans é máis pálida e gris, mentres que A. f. vestitus é máis escura, e o uropixio é, obviamente, menos pálido que na subespecie tipo.

Distribución e hábitat editar

Esta especie, propia do sueste asiático, ten unha área de distribución bastante extensa, pero altamente fragmentada. Encóntrase en Brunei, Camboxa, na China, na India, Indonesia, Malaisia, Myanmar, Filipinas, Singapur, Tailandia, Timor Leste e Vietnam.

Costumes editar

É unha das especies de salangans que teñen a capacidade de ecolocación, o que permite a estas aves visitar os lugares de refuxio, descanso e aniñamento en covas. Emiten varios chíos, incluído un ruidoso, perfectamente audíbel para os humanos, que utilizan para a ecolocación na escuridade das covas.

Para a ecolocación, xeralmente usan unha secuencia curta de dous sons de clic, nun rango de frecuencia de entre os 3,0 e os 7,3 kHz. O primeiro é un pouco máis curto, e o segundo segundo un pouco máis longo, de tres milisegundos; o intervalo entre os dous clics é de aproximadamente 1,2 milisegundos. En aproximadamente o 25 % dos casos incluso se escoitan os clics simples.[11]

Reprodúcese en colonias en covas, en fendas das rochas dos acantilados ou, ás veces, en edificios abandonados. O niño, en forma de soporte ou de cunca (que pode reordar ás veces a unha orella do entroido —ou mesmo á orella humana—, é branco e translúcido, e está feito de capas formadas por filamentos de saliva, que endurecen en contacto co aire, e unido á rocha. Mide uns 6 cm de ancho e ten unha profundidade de 1,5 cm, e un peso duns 14 g. Nel a femia pon dous ovos brancos, ovais, non brillantes.

Uso dos niños editar

Véxase tamén: Sopa de niño de andoriña.

Aerodramus fuciphagus é unha das principais fontes de niños comestíbeis para a elaboración da famosa delicatessen chinesa: a sopa de niño de anduriña,[12] que se consumiu tradicionalmente na China durante os últimos 400 anos.[13]

Os niños máis solicitados son os provenientes de varias especies de salanganas, especialmente de Aerodramus fuciphagus e Aerodramus maximus, porque na súa construción estas especies utilizan unicamente a súa saliva e non usan plumas nin materias vexetais como o resto dos seus parentes.[14] Así mesmo, úsanse tamén os dalgunhas especies do xénero Collocalia.

A sopa prepárase remollándoo en auga quente, e no vapor da auga. Ten sona, na China, de ser afrodisíaco, pero o certo é que ten varias cualidades medicinais: mellora a voz, alivia a asma e mellora o sistema inmunitario.[13]

Estes niños considéranse entre os produtos máis caros entre os consumidos polos humanos. Véndense a 1 400 euros o quilogramo, prezo que ascende a 3 000 euros de comprarse unha vez procesados. Segundo datos oficiais, hai máis de 20 000 recolectores destes niños no sueste asiático, que venden na súa totalidade á China.[15]

Estado de conservación editar

A Unión Internacional para a Conservación da Natureza e dos Recursos Naturais, tendo en conta que a área de distribución desta especie é moi grande e que, polo tanto, non se acerca ao limiar de vulnerábe baixo o criterio de "tamaño do rango" a pesar de que este é decrecente ou flutuante, e aque a extensión e a calidade do hábitat e o o tamaño da poboación parecen diminyuír, e que as súas poboacións están moi fragmentadas, e de que parece que están diminuíndo, non se cre que esta diminución sexa o suficientemente rápida, aavalían o status da especie como LC (pouco preocupante).[1]

Notas editar

  1. 1,0 1,1 BirdLife International (2016): Aerodramus fuciphagus na Lista vermella da UICN. Versión 2019-2. Consultada o 19 de outubro de 2019.
  2. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para salangana.
  3. Wikispecies.
  4. fuciphaga / fuciphagus en: James A. Jobling (2010): Helm Dictionary of Scientific Bird Names London, UK: Christopher Helm. ISBN 978-1-4081-2501-4.
  5. Edible-nest Swiftlet (Aerodramus fuciphagus, Thunberg 1812) en wiki.nus.edu.sg
  6. Aerodramus fuciphagus en Wikispecies.
  7. Ver Aerodramus fuciphagus na páxina Order Apodiformes da IOC World Bird List do Congreso Ornitolóxico Internacional. Versión 9.2. Consultada o 19 de outubro de 2019.
  8. Aerodramus fuciphagus (Thunberg, 1812) o ITIS.
  9. Ver Aerodramus germani na páxina Order Apodiformes da IOC World Bird List do Congreso Ornitolóxico Internacional. Versión 9.2. Consultada o 19 de outubro de 2019.
  10. Collins, Charles T. (1991), en Forshaw, Joseph. ed. Encyclopaedia of Animals: Birds. Londres: Merehurst Press. ISBN 1-85391-186-0, pp. 134–136.
  11. Hendrik A. Thomassen (2005): "Swift as sound. Design and evolution of the echolocation system in Swiftlets (Apodidae: Collocaliini)". Universidade de Leiden. ((Ver en liña).
  12. Marcone, Massimo F. (2005): "Characterization of the edible bird's nest the Caviar of the East". Food Research International 38: 1125-1134.
  13. 13,0 13,1 Hobbs, Joseph J. (2004): "Problems in the harvest of edible birds’ nests in Sarawak and Sabah, Malaysian Borneo." Biodiversity and Conservation 13: 2209-2226.
  14. Gausset, Quentin (2004): "Chronicle of a Foreseeable Tragedy: Birds' Nests Management in the Niah Caves (Sarawak)." Human Ecology 32: 487-506.
  15. Sara R. Estella (13 de agosto de 2017). "Nidos de pájaro a precio de oro". La Voz de Galicia. Consultado o 19 de outubro de 2019. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar