A banda da Loba

grupo musical galego

A banda da Loba é un grupo de música galega integrado por cinco mulleres que uniron as súas traxectorias individuais para crear un proxecto colectivo. Mesturando pop, blues, folk, rock e sons tradicionais crean un estilo musical de seu, heteroxéneo e singular. Bailando as rúas é o título do seu primeiro traballo, enteiramente autoproducido e editado no Nadal de 2017.[1] En marzo de 2018 gañaron o certame aRi[t]mar de música galega portuguesa.

A banda da Loba
OrixeSantiago de Compostela, Galicia Galicia
Período2016-presente
Xénero(s)folk galego
Selo(s) discográfico(s)Seispés Produccións Creativas, S.L.
MembrosAndrea Porto, Estela Rodríguez, Inés Mirás, Marcela Porto e Xiana Lastra
Na rede
abandadaloba.gal
Facebook: abandadaloba Instagram: abandadaloba Youtube: UCZkJHlvbIRyXE0qSwMRgSzg Spotify: 0CDzdr8pmN623ifZ9oEuVH iTunes: 1309585341 Deezer: 51288192 Editar o valor en Wikidata

Traxectoria

editar

Orixe do grupo

editar

No verán de 2016 xuntáronse Xiana Lastra, Andrea Porto e Marcela Porto para comezar a artellar o seu proxecto. Posteriormente, uníronse ao grupo Inés Mirás e Estela Rodríguez, completando a formación musical. Cada unha das cinco compoñentes teñen unha historia musical diversa, dotando ao grupo dunha música variada e caleidoscópica.[2]

Andrea Porto, desde pequena estivo acostumada a convivir coa música. Con oito anos comezou estudar guitarra clásica no conservatorio. Tocou na rondalla do seu colexio e ao mesmo tempo mantivo contacto coa música tradicional, bailando, tocando a pandeireta e a gaita. Máis adiante descubriu outros estilos de música moderna, pop, rock... Empezou a tocar o baixo nun grupo, atopando outra perspectiva da música. Tamén gusta de compoñer e escribe poesía.

Marcela Porto naceu nunha familia onde a música sempre estivo presente. Quixo tocar o violín máis a súa irmá Andrea que tocaba a gaita naquel tempo, convenceuna para ir con ela a clases e tocar o tambor. Ao fin, decidiu seguir estudos de percusión no Conservatorio Superior de Música de Oviedo. Anteriormente tocara a batería noutros grupos e nalgún combo de jazz, pero nunca tivera unha banda na que fora ela a batería como na Banda da Loba.

Inés Mirás comezou estudos na Escola Municipal de Ordes aos sete anos. O clarinete e o piano foron os seus primeiros instrumentos. Cambiou de centro de estudos ata chegar ao Conservatorio de Música de Santiago de Compostela, onde estudou guitarra. Durante un tempo tocou o baixo en varias bandas. Agora toca a guitarra, os teclados e outros instrumentos na banda.

Estela Rodríguez tivo claro desde moi nova que quería estudar violín. Aínda que non proviña dunha familia con tradición musical, quixo e foi estudar ao conservatorio. Tivo algún grupo cando estaba no instituto, antes de iniciarse na música clásica. Participou en varias orquestras coas que adquiriu moita experiencia ata que chegou Á banda da Loba.

Xiana Lastra medrou nunha atmosfera familiar de amor pola cultura galega. Formou parte do coro do colexio -o Grupo Ledicia- desde os catro anos ata os vinte e un[3]. Mentres estudaba a súa licenciatura de Xornalismo en Santiago de Compostela, meteuse no Orfeón Terra Nosa e colaborou noutros grupos de música tradicional e brasileira como Árdelle o eixo ou Odaiko Percusión Grupo. Desde o ano 2008 comezou a dedicación á música dun xeito máis profesional. Participou noutros proxectos como Puntada sen fío, dous libros discos: A miña primeira Rosalía (2013) e o Meu primeiro Celso Emilio (2014) como vocalista .[4]

O nome do grupo

editar

A banda da Loba non é un nome ao chou. As cinco músicas tiñan a idea clara de escoller un nome vinculado a unha figura feminina coa que se identificaran. Despois de desbotar varias ideas escolleron a Pepa a Loba, a lendaria bandoleira galega do século XIX. A identificación da banda con Pepa a Loba, vén da pretensión de darlle valor á capacidade da muller e á necesidade de que a muller colla as rendas e sexa consciente de que pode facelo todo sen axuda de ninguén, como A banda da Loba as súas cancións, os seus discos, o deseño gráfico, a autoprodución da xira.[5] Asemade, expresan o seu desexo de dar outra acepción á loba como animal, moitas veces empregada coma un insulto.[6]

Ás mulleres chámannos lobas con desprezo, como algo despectivo, e quixemos reapropiarnos do termo; darlle unha nova acepción, falar da muller loba como muller forte e arriscada e non como un insulto
Xiana Lastra

Bailando as rúas

editar

Despois de case un ano de intenso traballo acadaron o seu obxectivo da gravación de Bailando as rúas, o seu primeiro traballo discográfico. No seu repertorio, A banda da Loba inclúe temas da súa autoría, outros baseados nas letras de poetas clásicos coma Celso Emilio Ferreiro e Manuel María ou Rosalía de Castro, e os poemas contemporáneos de Rosalía Fernández Rial e Celia Parra.

Para o tema de "Pepa", con letra e música de Xiana Lastra, contaron coa participación das cantareiras Olaia, Sabela e Aida do grupo Tanxugueiras. Tamén neste disco colaborou a cantante Guadi Galego na gravación de "Ti e eu", baseada no poema de Celso Emilio Ferreiro, musicada e adaptada por Andrea Porto.[7]

A totalidade do disco foi autoproducido por A Banda da Loba e o produtor musical do disco foi Adrián Saavedra.

O día 19 de marzo de 2018 presentaron o vídeo "Tres en raia", en colaboración coa Asociación Down Compostela no seu 21 aniversario.[8]

A banda da Loba resultou gañadora en marzo de 2018 do certame aRi[t]mar de música galega portuguesa, coa canción "Bailando as rúas". Este proxecto ten por obxectivo divulgar a música e a poesía galego-portuguesas actuais, e achegar a cultura e a lingua dos dous países. Salvador Sobral e Luísa Sobral foron os gañadores portugueses coa canción "Amar pelos dois".[9]

En maio de 2018, presentaron a canción "Anagnórise", inspirada na novela do mesmo nome da escritora María Victoria Moreno e coa que quixeron homenaxear a cuarta muller a quen foi dedicado o Día das Letras Galegas no ano 2018, despois de Rosalía de Castro (1963), Francisca Herrera Garrido (1987) e María Mariño (2007).[10]

Seguintes traballos

editar

En decembro de 2019 publicaron o seu segundo álbum, titulado Fábrica de luz.[11] Case todos os temas do disco foron traballos propios, pero incluíu tamén dous poemas musicados de Rosalía de Castro e Manuel María. En abril de 2021 publicaron o EP Hasme oír, no que puxeron música a varios poemas de Xela Arias, homenaxeada ese ano co Día das Letras Galegas.[12]

En 2022 presentaron o disco Xabón Lagarta, inspirado nas lavandeiras e nos lavadoiros, eses «espacios de libertade, confidencias e insubmisión».[13] O disco inclúe a canción "A Capirota", contando a historia de Carmen Pesqueira Domínguez e o seu asasinato por unha banda de falanxistas en 1936. Con este disco comezaron unha xira de sete concertos fora de Galicia,[14]coa axuda acadada en Girando por salas[15] o Circuíto de Músicas Populares concibido para a promoción das músicas actuais.[16]

Compoñentes

editar
  • Andrea Porto (baixo)
  • Estela Rodríguez (violín)
  • Inés Mirás (guitarra)
  • Marcela Porto (batería e percusións)
  • Xiana Lastra (voz)

Discografía

editar
  • Bailando as rúas (2017).
  • Fábrica de luz (2019).
  • Hasme oír (2021). EP.
  • Xabón lagarta (2022).

Premios

editar
  • Premios aRi[t]mar 2018. Gañadoras coa canción "Bailando as rúas".[9][17]
  • Premios Opinión 2018 á mellor canción por "Bailando as rúas". Finalistas.[18]
  • V Premios Martín Códax da Música 2018, na modalidade "música de autor". Finalistas.[19]
  • X Concurso Fran Pérez "Narf", da Deputación da Coruña 2018. Grupo finalista.[20][21]
  1. "A Banda da Loba presenta hoy disco". Consultado o 2018-02-18. 
  2. "A Banda da Loba: “As mulleres temos que conquistar novos territorios musicais” - Pincha". Pincha (en castelán). 2017-11-06. Consultado o 2018-03-09. 
  3. "Datos Grupo Ledicia (grupo musical)". Biblioteca Nacional de España. 
  4. "musicaengalego: A MIÑA PRIMEIRA ROSALIA". musicaengalego. Consultado o 2018-03-04. 
  5. "Lume na Palleira". 
  6. "Ás mulleres dinnos lobas con desprezo e quixemos reapropiarnos deste termo". El Progreso de Lugo (en inglés). Consultado o 2018-02-18. 
  7. "Tí e máis eu - Poema de Celso Emilio Ferreiro". escritas.org. Consultado o 2018-03-03. 
  8. "Down Compostela". www.downcompostela.org (en castelán). Consultado o 2018-03-22. 
  9. 9,0 9,1 "A banda da Loba e os irmáns Sobral gañan o certame aRi[t]mar de música galega e portuguesa - Praza Pública". Praza Pública. Consultado o 2018-03-26. 
  10. "A Banda Municipal de Música, a Festa no Teatro e a Banda da Loba despiden a Ascensión este domingo - Noticias. Concello de Santiago de Compostela". santiagodecompostela.gal (en inglés). Consultado o 2018-08-19. 
  11. "A Banda da Loba presenta su segundo disco tras el bum de «Bailando as rúas»". La Voz de Galicia (en castelán). 26 de novembro de 2019. Consultado o 30 de abril de 2021. 
  12. Munín, Rebeca. "Xela Arias, coa música de A banda da Loba". www.revistapincha.gal. Consultado o 30 de abril de 2021. 
  13. Fernández, Santiago (2022-09-23). "La voz comprometida de A banda da Loba llega a León para presentar su último trabajo 'Xabón Lagarta'". leonoticias.com (en castelán). Consultado o 2024-01-07. 
  14. Fernández, Santiago (2022-09-23). "La voz comprometida de A banda da Loba llega a León para presentar su último trabajo 'Xabón Lagarta'". leonoticias.com (en castelán). Consultado o 2024-01-07. 
  15. "Girando por Salas – Circuito de Músicas Populares" (en castelán). Consultado o 2024-01-07. 
  16. "A BANDA DA LOBA, EN SIETE CONCIERTOS CON AYUDAS DE GIRANDO POR SALAS #GPS12 EN SORIA, ZARAGOZA, LEÓN, CÁCERES, ALCALÁ DE GUADAÍRA (SEVILLA), GUADALAJARA Y MADRID – Girando por Salas" (en castelán). Consultado o 2024-01-07. 
  17. "La Gala aRi[t]mar reunirá en Santiago lo mejor de la poesía y de la música". MUNDIARIO (en castelán). Consultado o 2018-10-21. 
  18. "Discos con propostas moi variadas". Consultado o 2018-02-28. 
  19. "V Premios Martín Códax da Música". www.premiosmartincodaxdamusica.com. Arquivado dende o orixinal o 20 de abril de 2018. Consultado o 2018-04-19. 
  20. "A Banda da Loba, finalista del concurso artístico Narf de la Diputación de A Coruña". Consultado o 2018-10-21. 
  21. "La voz y guitarra de Su Garrido Pombo ganan el décimo Premio Fran Pérez 'Narf'". Consultado o 2018-10-21. 

Véxase tamén

editar

Ligazóns externas

editar