A pandeireta é un instrumento membranófono de percusión presente en moitas culturas.

A pandeireta vista dende fóra.

Características

editar

Está formada por un aro sobre o que se tensa unha pelica de cabra, cubrindo un lateral. Suxeito a el hai un conxunto de elementos (ferreñas[1] ou similares). Adóitase tocar batendo o coiro contra os dedos, a palma da man, o puño ou o pulso, ou ben facendo vibrar o coiro por fricción cos dedos, nun movemento que se chama repenicar ou triscar.

O tamaño da pandeireta é moi variado (dende os 13 cm a máis pequena até os 28 cm a máis grandes; nalgúns casos chegan a ter 40 ou 50 cm, pasando a chamares pandeiras). Son habituais tanto na música tradicional de todo o mundo, como noutras formacións; a Tuna adoptou o formato pequeno, o que facilita as acrobacias dos tunos, que bailan e realizan saltos espectaculares mentres acompañan e marcan o ritmo das cancións con ela. A vistosidade e dificultade a hora de manexar este instrumento leva a premiar o "mellor pandeireta" en cada certame que se realiza.

A pandeireta en Galiza

editar

En Galiza a pandeireta é un instrumento moi habitual, pola súa facilidade de emprego. O aro fúrase para introducir entre 9 e 13 pares de ferreñas ou ferriñas, de latón ou outros metais, que lle dan o seu son característico. Ten arredor de 25 centímetros de diámetro, e un burato ou un rebaixe facilita a colocación do furabolos ao tocala. O xeito galego de tocar é termando do instrumento coa man dereita e manténdoo ergueito verticalmente. Xírase sobre o seu eixo vertical central, facéndoa bater contra a man esquerda (estendida, pechada ou contra os dedos), ou contra o puño ou o pulso. Existen ademais outras variantes interpretativas, como abaneos ao aire ou, estando sentado, contra a perna e a man, en movemento vertical. Este xeito de tocar, percutindo coa pandeireta sobre a man esquerda, e lugar de tocar sobre o parche coa dereita como no resto do mundo, débese ao uso antigamente das ferreñas e o pandeiro, instrumentos que perderon popularidade no século XIX coa irrupción de Galicia da pandeireta.[2]

En Galiza tamén existe a mencionada pandeira, duns 40 ou 50 centímetros de diámetro, e máis ferreñas no aro. Ambas empréganse como instrumento de acompañamento, maiormente co canto feminino, ou ben acompañando conxuntos instrumentais, gaitas. Xeograficamente a pandeireta atópase en toda Galicia, salvo na zona da Fonsagrada, onde é mais habitual a pandeira.

Historia

editar

O instrumento remóntase a varios miles de anos atrás, tendo sido tocado en Exipto, Asia Menor e sendo mencionado na Biblia en varias ocasións coma "tímpano", denominación coa que tamén se coñeceu en latín, lingua que serviu de ponte entre o hebreo orixinal e as linguas latinas actuais. Está comunmente aceptado que a denominación galega procede do latín "pandorius" aínda que "tímpano" foi talvez o nome propio latino. De todas formas, resulta moi difícil distinguir entre a tipoloxía cadrada (pandeiro) e a redonda (pandeireta) cando se investiga tomando textos antigos, xa que ambos os instrumentos tiveron a mesma denominación en diferentes etapas históricas e zonas do mundo.

Proba da popularidade que tivo a pandeireta dende época medieval, no noroeste peninsular, é a talla en pedra dunha imaxe de tocadora de pandeireta nun capitel da igrexa de San Xoán de Amandi en Villaviciosa (Asturias), que data do século XII, así coma a imaxe procedente do Cancioneiro da Ajuda galaico-portugués , procedente do século XIII. Curiosamente, esta mesma historia está moi asociada ao instrumento maior do grupo, a pandeira ou pandeiro.

No 1536, nas festas do Corpus e de San Gregorio organizadas polo cabido da Seo zaragozana, figura un músico de pandeireta, e así mesmo, nun documento de 1558 procedente da obraría de San Paulo, figura outro ministril do instrumento de 1561. No 1596 estivo prohibida por un decreto de Filipe II, decreto que estivo en vigor até varios anos despois de 1765; pero non por iso conseguiu que se perdese a tradición de asociar a pandeireta ás panxoliñas.

Entre as súas representacións máis coñecidas figura a serie dos Anxos Músicos de Fra Angelico (1387-1455, no Museo San Marco, Florencia), moi similares aos que pintará nun retablo Agostino di Duccio, a mediados do século XV, no templo Malatestiano (igrexa de San Francesco, Rimini). O exemplar da Aparición da Virxe a unha comunidade, de Pedro Berruguete (1450-1504, no Museo do Prado) está menos detallado. Unha magnífica representación dunha pandeireta ou pandeireto encóntrase no anónimo español (século XVI) Anxos Músicos, Museo do Prado; os seus axóuxeres son de menor diámetro se os comparamos cos debuxados por Fra Angelico, e tamén o seu marco é máis estreito. Pola súa configuración achégase aos modelos populares aínda en uso. Outro exemplo, sen membrana e, polo tanto, formada só por un aro de madeira con diversos xogos de axóuxeres, é o que pinta Esteban March nun bo retrato titulado Anciá cuns axóuxeres (Museo do Prado). Os dous modelos, con e sen membrana, están representados no Éxtase de Santa Cecilia, de Rafael (1483-1520, na Pinacoteca Nazionale, Boloña). A pandeireta foi, e está sendo, moi usada nos máis diversos contextos, dende a música sinfónica até a música pop-rock.

A voz pandeireta é máis moderna que pandeiro e non empezou a xeneralizarse até a segunda metade do século XVIII. Foi xa entrado o século XX[cando?] cando o termo se incorporou nas primeiras publicacións da Real Academia Galega.

  1. Discos que poden ser de diversos metais, dende latón a ferro ou aceiro temperado, e poden estar troquelados ou moldeados en forma ondulante.
  2. Pablo Carpintero. Aires del Cabrera - Corrido y Muiñeira (Youtube). 

Véxase tamén

editar

Ligazóns externas

editar