Wikipedia:Páxina de usuario

(Redirección desde «Wikipedia:Páxinas de usuario»)

As páxinas de usuario son páxinas administrativas dentro dos espazos de nomes de Usuario e de Conversa usuario, útiles para a organización e asistencia no traballo que realizan os usuarios da Wikipedia, facilitando a interacción e colaboración entre usuarios. As páxinas de usuarios están destinadas principalmente para as conversas interpersonais, axudas útiles, avisos, probas e bosquexos e, se o usuario así o quere, unha extensión razoable de contido persoal e autobiográfico.

As páxinas de usuario están dispoñibles sempre que o seu propósito sexa compatible co proxecto da Wikipedia e o seu contido aceptable pola comunidade; a Wikipedia non é un blog, un servizo de espazo web ou unha rede social. As normas relacionadas co contido das páxinas da Wikipedia tamén aplican na súa maioría ás páxinas de usuario, polo que os usuarios deben cumprilas.

Terminoloxía

editar
Páxina de usuario
As páxinas de usuario teñen títulos da forma: Usuario:Exemplo. Un usuario pode redirixir a súa páxina de usuario cara á súa páxina de conversa se así o desexa. Tamén se pode crear unha páxina global de usuario en Meta-Wiki, que se visualizará en tódolos proxectos nos que usuario non teña creado a súa páxina de usuario.
Páxina de conversa de usuario
As páxinas de conversa de usuario teñen títulos da forma: Conversa usuario:Exemplo. Estas páxinas utilízanse para manter conversas con outros usuarios.
Subpáxinas de usuario
As subpáxinas no espazo de usuario poden utilizarse para almacenar páxinas de probas, ensaios sobre a Wikipedia ou bosquexos de artigos, entre outras cousas.
Os usuarios tamén dispoñen de subpáxinas rematadas en in .js e .css para gardar scripts de usuario e peles personalizadas para a edición da Wikipedia. Só os propios usuarios e os administradores da interface poden editar estas páxinas, aínda que todos os usuarios poden visualizalas.
Espazo de usuario
O conxunto de páxinas mencionadas anteriormente compoñen o espazo de cada usuario. Malia que os usuarios non "posúen" estas páxinas, teñen o control das mesmas sempre que o exerzan de forma razoable e seguindo as normas indicadas nesta páxina.

Contido aceptable no espazo de usuario

editar

Non existe un uso predefinido para as páxinas de usuario. O normal é que estas conteñan información útil para o propio usuario, mentres que as páxinas de conversa utilízanse para enviar mensaxes a outros usuarios. Mentres que outros usuarios poidan atopar a páxina principal de usuario e a de conversa de forma doada, os usuarios poden organizar libremente a estrutura do resto do seu espazo de usuario segundo consideren conveniente, sempre que se manteñan dentro do razoable.

Os usuarios poden incluír un aviso de páxina de usuario na súa propia páxina, na súa páxina de conversa ou en ámbalas dúas, utilizando o marcador {{Páxina de usuario}}.

Algúns dos usos lexítimos para o espazo de usuario inclúen, entre outros, os seguintes:

  • Avisos editoriais significativos (voluntarios, mais recomendados)
    • Indicacións de contas alternativas lexítimas segundo o permite a política correspondente.
    • Avisos de que as edicións se realizan para, ou en nome de, unha compañía, organización, grupo, produto ou persoa, notificando o feito abertamente para procurar manter unha boa relación coa comunidade.

      (As edicións deben ser sempre neutrais e dentro das normas da enciclopedia, non son aceptables os conflitos de intereses e axendas ocultas. A confesión aberta de estes intereses aumenta o respecto, invita a outros a axudar e demostra o desexo de editar de forma axeitada.)

  • Notas relacionadas co traballo na Wikipedia
    • Artigos en progreso ou planeados, temas nos que se adoita traballar, listas de traballos pendentes, recordatorios, listas de artigos nos que se traballou, traballos colaborativos, propostas, consideracións (construtivas) sobre os artigos ou políticas da Wikipedia, etc.
  • Traballos en progreso e bosquexos de artigos (habitualmente en subpáxinas)
  • Ligazóns, ferramentas e scripts útiles para o traballo na Wikipedia
  • Arquivos de conversas vellas
  • Probas e experimentos (habitualmente en subpáxinas)
    • Páxinas de probas para modelos ou código wiki pouco habitual, a modo de páxina de probas persoal.
    • Páxinas para probas de bots e scripts.
  • Contido autobiográfico limitado
    • Unha breve introdución, as linguas que se coñecen, ou os campos académicos e/ou profesionais nos que se ten experiencia.
  • Unha cantidade pequena e proporcional de material non relacionado directamente coa Wikipedia
    • Por exemplo: Coleccións, galerías ou listados de imaxes de Wikimedia Commons, artigos favoritos da Wikipedia, ou citas.
    • Non cumpren este criterio as páxinas utilizadas desta forma para a promoción ou batallas sobre temas non relacionados coa Wikipedia.

Tamén se pode incluír unha ligazón simple a unha páxina web persoal, aínda que non debe ir acompañada de linguaxe promocional.[1]

Espazo de usuario e espazo principal

editar
Véxase tamén: Wikipedia:Autobiografía.

A información persoal dun usuario non debe incluírse no espazo de nomes principal da enciclopedia, reservado só para os artigos, e estes nunca deben ligar ou transcluír páxinas no espazo de nomes de usuario.

Información persoal

editar

Algúns usuarios engaden información persoal como detalles de contacto (correo electrónico, contas en redes sociais, etc.), unha fotografía, o nome real, o sitio onde residen, información sobre experiencia e intereses, gustos persoais, etc. Unha vez engadida, é moi probable que esta información nunca volva a ser privada, polo que cómpre ter cautela á hora de endadir información privada nas páxinas de usuario, xa que moi probablemente non se poida eliminar posteriormente. O material que viole a privacidade dun usuario, engadido tanto por un mesmo como por outros, pode ser eliminado de calquera páxina e historial por medio dunha petición ós administradores.

Caixas de usuario

editar
Artigo principal: Wikipedia:Caixas de usuario.

Unha etiqueta ou caixa de usuario (en inglés: userbox) é unha pequena caixa de cores deseñada só para aparecer na páxina de usuario dun wikipedista como aviso comunicativo sobre el. Deste xeito, os usuarios poden engadir pequenas mensaxes para axudar directa ou indirectamente a unha colaboración máis efectiva no proxecto. As caixas de usuario foron creadas como unha adaptación das caixas de información Babel, usadas para informar acerca dos coñecementos lingüísticos dos usuarios e faclitar a interacción dos colaboradores.

O uso excesivo de caixas de usuario pode ser contraproducente. É probable que moitas das caixas sexan puramente puntuais, conxunturais, irrelevantes ou busquen facer bromas, polo que se recomenda economizar o espazo destinado para estas caixas.

Contido inaceptable no espazo de usuario

editar

As páxinas de usuario son un espazo que a Wikipedia cede xenerosamente ós usuarios, e sobre o que eles teñen o control. Pero, ao mesmo tempo, é un espazo que pertence á Wikipedia, e que polo tanto ten que aterse a unhas regras e normas.

Por norma xeral, debe evitarse calquera contido substancial na páxina de usuario que non estea relacionado coa Wikipedia. Wikipedia non é un servizo de aloxamento web, polo que a páxina de usuario non é un sitio web persoal. As páxinas de usuario tratan sobre as persoas como editores da Wikipedia, e as páxinas no espazo de usuario deben utilizarse para axudar nos traballos de edición que contribúen ó proxecto.

A maiores, non se pode incluír no espazo de usuario material que poida desprestixiar o proxecto ou que seña amplamente ofensivo. Isto inclúe, mais non se limita a, proclamas racistas, sectarias, homófobas ou sexistas, ou que inciten o odio e a discriminación en calquera das súas formas, proselitismo social, político ou relixioso, ataques persoais ou condutas de acoso.

Da mesma forma, as páxinas ou afirmacións que avoguen, incentiven ou aproben os comportamentos de vandalismo, violación de dereitos de autoría, guerras de edicións, acoso, intrusión da privacidade, difamación e actos de violencia de calquera tipo, serán directamente eliminadas. As ligazóns internas ou externas que dirixan ó lector a sitios enganosos ou violen as restricións sobre ligazóns non están permitidas e deben eliminarse.

Algúns dos contidos non aceptables para o espazo de usuario inclúen, entre outros, os seguintes:

Escritos, informacións, debates e actividades non relacionadas co obxectivo da Wikipedia
  • Un blog no que se rexistran actividades non relacionadas coa Wikipedia.
  • Conversas exhaustivas sobre temas non relacionados coa Wikipedia.
  • Temas ou opinións persoais exhaustivas non relacionados coa Wikipedia, coa filosofía wiki, coa colaboración en liña ou o contido libre.
  • Escritos exhaustivos e temáticas que non teñen ningunha posibilidade de ser directamente útiles para o proxecto, a súa comunidade ou os artigos da enciclopedia, como por exemplo neste último caso, contido que sexa puramente unha investigación orixinal ou que sexa claramente non enciclopédico.
  • Comunicacións non relacionadas coa Wikipedia, con persoas non involucradas no proxecto ou nos proxectos relacionados.
  • Xogos, sesións de rol, páxinas secretas e outras cuestións relacionadas co simple entretemento, sen valor educativo relevante ó proxecto.
Material e ligazóns promocionais
  • Anuncios ou promoción dun individuo, negocio, organización, grupo ou punto de vista non relacionado coa Wikipedia.
  • Material autopromocional exhaustivo, en especial cando non é directamente relevante para a Wikipedia.
Material ofensivo ou divisivo non relacionado coa edición da Wikipedia
  • Afirmacións polémicas non relacionadas coa Wikipedia, ou afirmacións que ataquen ou vilipendien a un grupo de editores, peroas ou outras entidades. (A reiteración nestes casos adoita considerarse unha alteración da normalidade na edición)
  • Material que pode interpretarse como un ataque dirixido a outros editores, incluíndo probas negativas, listas de defectos ou fallos, recompilacións de edicións e críticas relacionadas con deteminadas situacións ou problemas. A recompilación de evidencias baseadas en feitos probados (difs) en subpáxinas de usuario, cando se fai co propósito de preparar unha proposta ou abrir un proceso de debate e resolución de disputas, permítese sempre que isto se utilice de forma axeitada e sen dilatarse no tempo.
Información persoal
  • Información persoal de terceiros sen o seu consentimento.
  • Información persoal excesiva ou inapropiada e non relacionada coa Wikipedia.
Outros
  • A inclusión en categorías ou a transclusión de modelos destinados a outros usos, en particular aqueles usados nos propios artigos ou os relacionados coas políticas e normas.

Categorías, marcadores que engaden categorías e redireccións

editar

As páxinas ou subpáxinas no espazo de usuario non deben incluírse en categorías de contido. Polo xeral, só a páxina principal de cada usuario se pode incluír nas categorías administrativas específicas para usuarios, como por exemplo Categoría:Usuarios por lingua ou Categoría:Wikipedia:Administradores. Cómpre ter en conta que algúns modelos adoitan incluír categorías nas páxinas nas que se transclúen, algo que se debe evitar nas páxinas de usuario.

As páxinas de conversa non deben redirixir a ningunha outra páxina que non sexa a páxina de conversa doutra conta de usuario controlada polo mesmo editor. As redireccións dende subpáxinas de usuario a páxinas no espazo de nomes principais, aínda que non presentan maiores problemas, deben evitarse na medida do posible. As redireccións suaves si están permitidas nas páxinas do espazo de usuario.

Outras consideracións a ter en conta coas páxinas de usuario

editar

Páxinas que semellan de proxecto

editar

O espazo de usuario non é un substituto axeitado para páxinas de proxecto (Wikipedia:...), nin debe utilizarse como fonte de documentación para políticas, normas ou conceptos establecidos da Wikipedia. Se unha páxina de usuario relacionada directamente co proxecto pasa a ser moi utilizada ou ligada dende o espazo de nomes de proxecto, ou ten un uso funcional semellante ó dunha páxina de proxecto, debe moverse ó espazo de nomes de proxecto ou fusionarse con outras páxinas semellantes xa existentes nese espazo.

Contido copiado dende o espazo de nomes principal

editar

Os artigos poden copiarse dende o espazo principal de forma temporal para realizar modificacións, bosquexos ou probas de edición, pero as copias de artigos do no espazo de usuario deben borrarse cando xa non estean a ser utilizadas. Nestes casos cómpre ter en conta os requerimentos de atribución dentro da Wikipedia.

Páxinas que semellan artigos

editar

O espazo de usuario non é un aloxamento web libre e non debe empregarse para manter de forma indefinida páxinas que semellan artigos, revisións vellas dos mesmos, contido eliminado ou unha versión persoalmente preferente dun contido disputado. As páxinas no espazo de usuario que semellan artigos non deben estar indexadas para os motores de procura.

Os artigos realmente falsos deben eliminarse por seren incompatibles co propósito do proxecto. As páxinas que presentan información falsa de forma obvia elimínanse segundo o criterio WP:X3. As promocións descaradas elimínanse segundo o criterio WP:X9. O contido claramente inaxeitado creado por editores non xenuínos elimínase baixo o criterio WP:X1. As páxinas que preserven material previamente borrado tras votación, sen unha intención activa de arranxar os motivos da súa eliminación, elimínanse segundo o criterio WP:X4

Violacións dos dereitos de autoría

editar
Artigo principal: Wikipedia:Dereitos de autoría.

Nas páxinas de usuario aplícanse as mesmas normas de dereitos de autoría que no espazo principal de artigos.

Simulación ou interferencias na interface MediaWiki

editar

Non está permidido simular os avisos e outros elementos da interface MediaWiki, agás en ocasións puntuais por cuestións de probas. Inclúense nesta prohibición os avisos de notificacións de conversas falsos que enganan ós lectores levándoos a pensar que teñen novos mensaxes sen ler. Non se permite tampocuo o uso de código CSS ou JS que altere a interface MediaWiki de forma negativa, por exemplo previndo a visión ou uso de ligazóns e contros importantes, dificultando a lectura do texto da interface ou substituindo a interface cunha simulación que de lugar a enganos.

Propiedade e edición das páxinas de usuario

editar

A comunidade adoita dar bastante liberdade ós usuarios para a xestión do seu espazo de usuarios segundo estes consideren. Porén, as páxinas do espazo de usuarios pertencen á comunidade no seu conxunto, non son unha páxina web persoal e non pertencen ó usuario. Son parte da propia Wikipedia, e existen co propósito de facilitar a colaboración entre usuarios.

En xeral, os colaboradores non editan as páxinas de usuarios doutros agás en ocasións puntuais se fose preciso corrixir problemas significativos. Algunhas políticas xerais, como por exemplo a de biografías de persoas vivas, tamén se aplican ó espazo de usuario.

Ó igual que o resto de edicións, as contribucións no espazo de usuario están de maneira irrevogable baixo a licenza Creative Commons Attribution/Share-Alike.

Borrado de comentarios, avisos e advertencias

editar

A política non prohibe ós usuarios, rexistrados ou anónimos, eliminar comentarios da súa propia páxina de conversa, malia que sempre é preferible que se arquiven en lugar de borrarse. Se un usuario elimina algo nunha das súas páxinas de usuario, considérase que o usuario leu e é consciente dos seus contidos. Os rexistros de avisos e conversas pasadas poden atoparse no historial da páxina de ser necesarios.

Existen unha serie de cuestións que os usuarios non deben eliminar das súas páxinas, por ser parte de procesos de maior alcance dentro da comunidade:

Protección de páxinas de usuario

editar

Ó igual que ocorre cos artigos, as páxinas de usuario poden ser obxectivo de vandalismos e, en ocasións máis puntuais, de guerras de edicións. Cando os vandalismos son persistentes e non é suficiente cun bloqueo, as páxinas de usuario poden bloquearse para evitar os mesmos. No caso das páxinas de usuario de administradores, estes poden bloquearse cando sexa oportuno, xa que estes poden editar as páxinas protexidas no espazo de usuario. No caso de páxinas de outros usuarios, as proteccións xeralmente serán temporais e cómpre avisar ó propio usuario afectado para coordinar calquera edición necesaria pola súa parte ou validar a desprotección da páxina en cuestión.

O vandalismo en páxinas de conversa adoita ser menos frecuente, e xeralmente é suficiente cunha reversión nestes casos. Nos casos de vandalismo repetido aplicaranse os bloqueos que correspondan. A protección de páxinas de conversa de usuario considérase un último recurso para casos extremos e debe evitarse sempre que sexa posible, dada a importancia das páxinas de conversa para o proxecto.

Borrado de páxinas de usuario

editar

Ó igual que no restos de espazos, as páxinas de usuarios que conteñan violacións de dereitos de autoría, páxinas de ataque, textos promocionais e violacións de privacidade ou de WP:BPV, poden ser obxectivo de eliminación segundo os criterios habituais.

Os usuarios poden solicitar o borrado das súas propias páxinas ou subpáxinas de usuario engadindo o marcador {{lixo}} na parte superior das mesmas.

As páxinas de conversas e os arquivos de conversas normalmente non se eliminan, xa que poden ser necesarias para futuras consultas por parte doutros usuarios. Algunhas das revisións individuais das mesmas poden eliminarse ou ocultarse por motivos de seguridade, ou por cuestións de acoso, ameazas ou linguaxe ofensiva.

Sinaturas

editar

Todos os principios indicados nesta páxina son aplicables tamén ás sinaturas, para as que ademais se desenvolveu unha norma específica.

  1. A inclusión dunha única ligazón deste tipo na páxina de usuario, sen máis involucración na Wikipedia, considérase un intento de autopromoción.