O acoso é un padrón de comportamento ofensivo repetitivo que calquera observador razoable pode ver dirixido a unha persoa ou grupo específico. Con frecuencia o propósito deste comportamento é facer que o obxectivo se sinta ameazado ou intimidado. O seu resultado provoca no que recibe este acoso que o feito de editar na Wikipedia pase a ser unha actividade incómoda, socavando as súas ganas de colaborar, asustándoo ou desalentándoo de editar na Wikipedia.

A Wikipedia non debe utilizarse nunca para acosar a ninguén, tanto se o suxeito do acoso é un editor da mesma ou non. As edicións que incorran no acoso serán reverquidas, eliminadas ou suprimidas segundo sexa axeitado en cada caso, e os editores que incorran no acoso serán suxeito de bloqueos. O acoso pode incluír accións calculadas para que as vexa o obxectivo e claramente dirixidas a el, aínda sen ter lugar unha comunicación directa.

Acoso e comportamento prexudicial

editar

O acoso, incluíndo ameazas, intimidación, contacto non desexado ou procura de atención molesta, e ataques persoais continuos poden reducir o gozo da Wikipedia dun editor e polo tanto causar un prexuízo para o proxecto. O acoso dun editor por mor da súa raza, sexo, xénero, orientación sexual, relixión, idade ou discapacidade é totalmente inaceptable.

A prohibición do acoso aplica igualmente a tódolos editores da Wikipedia. Non é aceptable acosar a un usuario cun historial de comportamento prexudicial ó igual que calquera outro usuario. Debe procurarse unha comunidade cívica: a xente pode cometer erros e cómpre animar á xente a aprender deles e mudar o comportamento. O acoso é contrario a este espírito e prexudicial para o traballo de construción da enciclopedia.

Wikicaza

editar

A wikicaza consiste en facer obxectivo a un ou máis editores, uníndose ás conversas e debates en temas e páxinas múltiples nas que estes contribúen, para confrontalos repetidamente ou tentar limitar o seu traballo. Cando ocorre isto dase cun obxectivo aparente de crear irritabilidade, molestias ou malestar no outro editor ou editores. A wikicaza tamén adoita incluír o seguimento continuo do obxectivo dende un lugar a outro da Wikipedia.

Moitos usuarios adoitan seguir de cerca as edicións doutros, pero habitualmente por motivos colexiais ou administrativos. Cómpre ter precaución ó facer isto, e unha boa causa, para evitar sospeitas de que as contribucións dun editor están sendo seguidas para causarlles malestar ou por algún tipo de vinganza. O uso correcto do historial dun editor inclúe, pero non está limitado a, arranxar erros non ambiguos ou violacións das políticas da Wikipedia ou corrixir problemas relacionados en múltiples artigos. De feito, este tipo de prácticas están recomendadas para as tarefas de patrulla de cambios recentes e evitar o spam. Os historiais de edicións poden usarse nas conversas e procesos de resolución de disputas como evidencias presentadas nun proceso de mediación ou para informar de problemas no taboleiro dos administradores. O abuso dos procesos de resolución de disputas, mediación e taboleiro constitúe en si mesmo unha wikicaza se inclúe queixas sobre outro editor ou editores de forma persistente, frívola e/ou cunha base pobre ou inexistente.

A compoñente máis importante da wikicaza é o prexuízo causado ó gozo doutro editor na edición ou na participación xeral no proxecto, sen motivo válido. Se "seguir a outro usuario a todos lados" vai acompañado de edicións tendenciosas, ataques persoais ou calquera outro tipo de comportamento prexudicial, pode dar lugar a unha situación moi seria e pode resultar nun bloqueo temporal ou permanente.

Ameazas

editar

Proferir unha ameaza contra outra persoa considérase unha forma de acoso. Isto inclúe ameazas fóra da Wikipedia, como ameazas de dano físico, e ameazas de prexudicar o traballo doutra persoa na Wikipedia. As afirmacións de intención de uso axeitado e normal dos procesos da Wikipedia, como os procesos de resolución de disputas, a petición de mediación nun conflito ou un informe ós administradores non son ameazas. As ameazas con calquera tipo de accións legais tampouco están permitidas, e realizar unha ameaza legal considérase motivo para un bloqueo permanente. É importante non facer comentarios que outros usuarios poidan interpretar de forma razoable como ameazas legais. Para manexar este tipo de situacións cómpre que o autor clarifique a súa intención, ademais de explicarlle as políticas e pedirlle que retire dita ameaza.

Publicación de información persoal

editar

Publicar información persoal doutro editor considérase acoso, agás que o mesmo editor publicase previamente na Wikipedia de forma voluntaria a súa propia información, ou ligazóns a dita información. A información persoal inclúe o nome legal, data de nacemento, números de identificación nacional, direccións de traballo ou de casa, título e organización onde traballa, número de teléfono, enderezo de correo electrónico, outro tipo de información de contacto ou fotografías, sexa todo isto información correcta ou non. A información persoal publicada polo propio editor si pode ser considerada non obstante nos casos de revisión de posibles conflitos de intereses. Calquera edición que expoña información dun editor debe reverterse rapidamente, seguida dunha petición a un supervisor para a súa eliminación permanente do rexistro. Se un editor publicou previamente a súa información pero borrouna posteriormente, non debería repetirse de novo na Wikipedia.

Agás nos casos sen intención e non maliciosos, (por exemplo cando un editor coñece a outro fóra da Wikipedia e publica sen querer algunha información persoal doutro, como usar o seu nome real nunha conversa), a exposición intencionada de información pública pode ser causa dun bloqueo inmediato.

Esta política non prohibe o envío por correo electrónico de información persoal sobre editores a administradores individuais ou membros da Fundación Wikimedia, cando isto faise con motivo de informar sobre violacións de políticas ou normas xerais da Wikipedia (como conflitos de intereses, edicións pagadas ou acoso). Nestes casos só debe indicarse a información mínima necesaria e ó menor número de individuos que sexa posible.

Acoso no espazo de nomes de usuario

editar

Exemplos de acoso no espazo de nomes de usuario inclúen a colocación de múltiples advertencias falsas ou cuestionables na páxina de conversa do usuario, recuperar ese tipo de comentarios despois de que o usuario os elimine, colocar etiquetas de monicreque e semellantes na páxina do usuario ou tentar incluír material no seu espazo de usuario que o usuario poida atopar molesto ou embarazoso.

As páxinas de usuario existen para que os editores poidan dar unha información xeral sobre si mesmos e as páxinas de conversa de usuario existen para facilitar a comunicación. Non están pensadas para ser un "muro da vergoña" e non deben usarse para anunciar supostos problemas co usuario agás que este fose bloqueado como resultado doutros problemas. Para calquera tipo de contido que realmente deba manterse publicado na páxina do usuario ou eliminado da mesma, cómpre informar ós administradores do feito para evitar unha guerra de edicións tentando forzar a túa visión do contido no espazo de nomes doutro usuario.

Como tratar co acoso

editar

Se consideras que estás sendo acosado, primeiro de todo intenta actuar de forma calmada, malia dificultade do mesmo. Nos casos máis serios nos que a privacidade e outros aspectos fóra da wiki son un problema, contacta ós administradores para pedir axuda nesa situación.

Para cuestións máis simples dentro da wiki, como unha disputa con un usuario, o primeiro paso habitualmente é abrir un proceso de resolución de disputa (na taberna por exemplo), pedir a mediación doutro usuario. Para casos máis serios dentro da wiki, contacta ós administradores para que revisen a situación. Fornece calquera dif ou historial que poida axudarlles a determinar a gravidade da situación e as resolucións a tomar.

Nota: Se outros editores indican a súa preocupación sobre as túas edicións, é probable que os administradores e outros usuarios involucrados se fixen máis nelas. Calquera tipo de comentario cívico e axeitado á situación que che fagan neste tipo de situacións non se considera acoso.

Acusar a outros usuarios de acoso

editar

Realizar acusacións de acoso pode resultar nunha provocación e non resultar útil nunha disputa. Pode considerarse un ataque persoal de acusar a outro editor de acoso sen evidencias claras de que as súas accións constitúen realmente un acoso. As acusacións non fundadas poden constituír en si mesmas unha forma de acoso de repetirse habitualmente. Da mesma forma, as declaracións de sufrir un acoso deben tomarse en serio e non rexeitarse de forma sumaria agás que sexa moi claro que son acusacións non fundadas.

Axuda para administradores que son obxectivo de acoso

editar

As accións dos administradores da Wikipedia poden levalos a un conflito directo con usuarios conflitivos e en ocasións tamén poden ser vítimas de acoso. Isto adoita suceder cando un administrador decide intervir nunha disputa para advertir ou bloquear á parte prexudicial da mesma ou previr un comportamento prexudicial continuado.

Os administradores son editores voluntarios como calquera outro usuario. Non teñen máis obrigación que calquera outro usuario de tomar ningunha acción específica máis aló da boa conduta e responsabilidade que se espera deles, non se lles require ou se espera deles que se sitúen en situacións incómodas para levar a cabo accións que diminúan o seu gozo do traballo na Wikipedia, ou que se poñan "en situacións de risco" de ningunha forma. Os administradores que se sintan nunha situación deste tipo poden pedir consello, debater a situación con outros administradores ou pedir que outro administrador tome partido e revise a situación e as accións a tomar.

En caso de problemas os administradores teñen exactamente o mesmo dereito que calquera outro usuario de declinar ou retirarse dunha situación incómoda ou con incremento de problemas, sen necesitar ningún motivo concreto a maiores.

Reacción fronte acoso

editar

Algunhas persoas poden ter dificultades para manterse en calma e reaccionar de forma construtiva perante unha situación de acoso real ou percibido. É importante que as alegacións de conduta impropia sobre alguén que está sufrindo acoso se consideren neste contexto. Sufrir acoso real ou aparente non xustifica a mala conduta dun editor, pero debe terse máis consideración á hora de levar a cabo sancións nese tipo de situacións.

Consecuencias do acoso

editar

Malia que a recomendación xeral é ignorar ou responder da forma máis amable posible ós incidentes illados, isto non implica que estes sexan aceptables ou non teñan consecuencias. Un padrón de hostilidade reduce as posibilidades de que a comunidade asuma a boa fe, e pode considerarse un comportamento prexudicial. Os usuarios que insisten nun estilo de confrontación marcado polo acoso e/ou ataques persoais acabarán probablemente involucrados nunha disputa e poden enfrontarse a consecuencias máis serias como un bloqueo. Nos casos máis extremos, como ameazas legais ou violentas, poden aplicarse bloqueos de protección sen aviso previo. Os incidentes de wikicaza repetitivos poden chegar a resultar tamén nun bloqueo.

Que non é acoso

editar

Esta política está destinada a protexer ás vítimas do acoso xenuíno que pretende causar malestar no usuario. A palabra acoso leva consigo connotacións na vida real, e debe empregarse con precaución e tendo en conta estas connotacións. Un editor que simplemente advirta a outro por falta de civismo ou comportamento prexudicial non é acoso sempre que estas afirmacións se fagan de maneira cívica e de boa fe para tentar resolver unha disputa no lugar de aumentala.

Tampouco se considera acoso seguir as contribucións doutro editor na procura de violacións das políticas. Os editores non posúen as súas edicións ou contido dos artigos, e o resto de editores está no seu dereito de revisar os seus padróns de edición e, de ser necesario, reverter as súas edicións. A resistencia sen máis a este tipo de esforzos pode ser un sinal de intención de posesión do contido e podería dar lugar a sancións.

En xeral, as acusacións de acoso non fundamentadas considéranse un ataque persoal serio e deben tratarse da forma axeitada.