Wikipedia:Política de bloqueo

(Redirección desde «Wikipedia:PB»)

O bloqueo na Wikipedia significa a privación do dereito de editar páxinas a algún usuario, rexistrado ou anónimo, por parte dun administrador. Os bloqueos úsanse para evitar danos, non para castigar aos usuarios. A miúdo empréganse como impedimento para frear os comportamentos prexudiciais e fomentar un medio de edición produtivo.

Os motivos poden variar, sendo o máis frecuente o vandalismo; a duración tamén depende das accións levadas a cabo polo vándalo: o bloqueo pode ter unha caducidade, que iría das dúas horas ata un ano (períodos de tempo entre os que se aplican os máis dos bloqueos)[1], ou ser de por vida (só reservado para casos moi extraordinarios)[2]. Unha vez cumprido o tempo do bloqueo, o usuario ou IP poderá volver editar con normalidade. Se se dese un caso de reincidencia, isto podería resultar nun bloqueo máis severo[3].

Cabe dicir que un dos principios da Wikipedia é o de asumir boa fe por parte dos colaboradores, polo que cada caso debe ser estudiado individualmente e valorado segundo o número de edicións que o editor teña feitas[4].

Así mesmo, mentres se poida confiar na boa vontade, sempre ten cabida o diálogo. E é que «falando enténdese a xente», ás veces unha pequena conversa faría gañar un novo colaborador. Pola contra, se a situación non dá pé a este diálogo aplicarase, por parte dun administrador, o bloqueo do usuario, tanto sexa anónimo, como rexistrado, como administrador ou burócrata (ou ambos), cunhas características e uns tempos de duración segundo os detallados máis adiante.

Habería que aclarar que o bloqueo é só de acceso á escritura, o que quere dicir que este non implica o impedimento de navegar a través da Wikipedia, dado que o usuario pode seguir lendo artigos e páxinas e ata copiar os seus códigos fonte.

Motivos para o bloqueo

editar

Vandalismo

editar
Artigo principal: Wikipedia:Vandalismo.

Trátase do motivo máis frecuente que pode levar á imposición dun bloqueo. Existen moitos tipos de vandalismos, e que poden ser de máis leves, como engadir un texto sen sentido, a máis graves, como incluír insultos ou información falsa. En todo caso, se se considera que a acción é ocasional e non se repetirá, chegará con desfacer a edición nos casos leves, e con desfacer a edición e cunha advertencia nos moderados e graves, podendo acabar en bloqueo se fose oportuno.

Reversións múltiples

editar

Existe unha regra que se aplica na Wikipedia que di:

Os colaboradores non poderán levar a cabo máis de tres reversións nunha única páxina dentro dun período de 24 horas, inclúan ou non o mesmo material, agás en certas circunstancias.

A vulneración desta norma carrexará un bloqueo, normalmente dun día, e imporase a calquera tipo de usuario (sen distinción entre privilexios) co fin de evitar posibles conflitos de edición.

Ataques persoais

editar

De ningunha maneira están permitidos os ataques persoais na Wikipedia. Débese conversar acerca do contido, non do editor. Os ataques persoais non axudan a apoiar un punto de vista; só danan a comunidade wikipédica e evitan que os usuarios axuden na creación dunha boa enciclopedia. Os comentarios despectivos cara a outros poderán ser eliminados por calquera editor. Os ataques persoais reiterados conducirán a un bloqueo; porén, pode darse o caso en que a gravidade dun só ataque ou que a creación dunha conta só teña este propósito desde a primeira edición, e sexa polo tanto motivo de bloqueo directo.

Publicación de información persoal

editar

A revelación de datos persoais como nome, domicilio, número de teléfono, DNI ou calquera outra información que poida atentar contra a seguridade e anonimato dun usuario incorrerá nun bloqueo indefinido e sen diálogo.

Para que non conste no historial da páxina ningún deses datos, un administrador deberá borrar de inmediato a(s) revisión(s) que os conteñen e logo avisar en Meta a un supervisor para que elimine definitivamente as revisións (xa borradas) e que así non aparezan en ningún arquivo (público ou privado).

Nomes de usuario

editar
Artigo principal: Wikipedia:Nomes de usuario.

Ao crear unha conta de usuario hai que elixir un nome ou alcume polo que se será (re)coñecido pola comunidade. Cadaquén é libre de escoller o que lle pareza, sempre dentro dunhas limitacións, que de non cumprir, recibirán un bloqueo indefinido:

  • Non estarán permitidos os nomes con insultos ou blasfemias que poidan danar a terceiras persoas.
  • Prohíbense os nomes semellantes aos doutros usuarios creados co fin de despistar ou enganar para atribuír accións aos suplantados.

Proxies abertos ou anónimos

editar

Polo xeral, os proxies abertos ou anónimos bloquearanse inmediatamente[5]. Os administradores poden fixar o tempo de duración do bloqueo a "para sempre", o que significa que se bloqueará o proxy anónimo indefinidamente. Se se tratase dun proxy Tor, o bloqueo debería ser menor, xa que non adoitan ser proxies durante moito tempo. Por outra banda, os administradores deberían intentar non bloquear os proxies ISP; este tipo de bloqueos poderían afectar a moitas persoas.

Conta de usuario dunha institución

editar
Véxase tamén: Wikipedia:Centros de ensino.

No caso das institucións, estas poden usar servidores proxy, polo que un mesmo enderezo IP pode representar diferentes usuarios en diferentes ordenadores. Deste xeito, un usuario pode recibir unha mensaxe que non ía dirixida a el ou sufrir un bloqueo como consecuencia do vandalismo doutra persoa. Unha solución sería crear unha conta propia para evitar posibles confusións.

Salto do bloqueo

editar
Véxase tamén: Wikipedia:Monicreques.

Un administrador pode restablecer o bloqueo dun usuario que evita intencionadamente un bloqueo, podendo alongar a duración do mesmo se o usuario reitera ou volve incorrer no seu comportamento durante a evasión do bloqueo. As contas de usuario ou enderezos IP usados para saltarse o bloqueo tamén deberán ser bloqueados.

Violación dos dereitos de autor

editar
Véxase tamén: Wikipedia:Dereitos de autor.

A Wikipedia é unha enciclopedia libre, isto significa que todo o que se escribe nela debe estar libre de dereitos de autor; se alguén decide publicar textos da súa propia autoría estes terán implicitamente a licenza Creative Commons recoñecemento compartir igual 3.0 e a GFDL. Isto implica que, sempre que se manteña a mesma licenza, calquera persoa poderá editar, modificar ou mesmo eliminar este texto.

Un aspecto que convén remarcar é a incorporación de textos traducidos doutras wikipedias. Cómpre indicar a orixe e licenza deste tipo de textos, senón sería unha violación dos dereitos de autor. A explicación sobre como manter a licenza ao realizar traducións atópase en Axuda:Resumo de edición#Resumos de edición nas traducións doutras Wikipedias.

Unha violación reiterada dos dereitos de autor, previo aviso, será motivo de bloqueo.

Artigo principal: Wikipedia:Bots.

Os bots, dada a súa natureza de usuarios automáticos, precisan ser aprobados pola comunidade antes de poderen editar sen seren advertidos nos cambios recentes. Non obstante, e para que se produza esta aprobación, os donos dos bots deberán facer unhas edicións ao día para mostrar o seu propósito e que a comunidade valore a súa utilidade e inocuidade. Está establecido que por norma xeral os bots non realicen máis de 50 edicións ao día antes de lles outorgar o status de bot un burócrata. Múltiples edicións por parte dun bot non aprobado serán motivo de bloqueo.

Ademais, unha vez aprobado, o bot pode descontrolarse e causar problemas nas páxinas que edita. Se isto pasase, o usuario que o ve debe advertilo no Taboleiro dos administradores decontado (co fin de que estrague o menos posible) para que un administrador execute o bloqueo pertinente e poder arranxar o(s) incidente(s). Despois disto, procederase a comunicar ao operador do bot o acontecido co fin de solucionar os problemas que puidese ter e logo desbloquear o bot.

Tempo de duración do bloqueo

editar

A continuación aparece unha guía cos períodos de bloqueo xeralmente aplicados segundo algúns criterios detallados; na práctica, e segundo o caso, o aquí dito pode non ser a referencia a seguir. Isto é, os administradores terán unha ampla marxe para actuar sen atender a estes tempos.

Nota: Aínda que no formulario de bloqueo só aparezan uns tempos de duración predeterminados, pódense aplicar outros especificándoo no campo "Outro período de tempo:" unha vez seleccionada a opción "outra" no campo "Duración:".
  • 2 horas, 1 día e 3 días
Para casos leves. Xeralmente débense a que o usuario non posúe as nocións básicas da Wikipedia; descoñece as políticas básicas; incumpre os procedementos internos; está probando o formato wiki; está baleirando páxinas; está experimentando co sistema.
  • 1 semana, 2 semanas e 1 mes
Para casos moderados. Aquí entrarían os vandalismos que acontecen cando os usuarios insisten en non cumprir as regras á mantenta e causando esforzo dos editores que deben perder o tempo na reversión das edicións. Estes casos adoitan darse: cando o usuario non está disposto a ler as normas internas; o usuario non está preocupado en comprender o funcionamento do proxecto; o usuario non dá sinal de que se preocupa en mellorar; o usuario non está interesado en aprender dos erros; o usuario engade insultos ou información falsa.
  • 3 meses, 6 meses e 1 ano
Para casos severos. Atópanse nesta saca os motivados por: chamar a atención (linguaxe impropia) dos demais ou dalgunha causa; atacar a Wikipedia facendo sabotaxe desde dentro ou fóra do wiki; agredir o asunto tratado nun artigo; confundir ou manipular o lector; facer spam reiterado (promoción ou divulgación dalgunha marca, produto, institución, ideal etc.); destruír o traballo dos demais tanto en artigos coma en conversas.

Para sempre

editar

Un bloqueo indefinido é aquel que non ten unha duración fixada. Aplícanse normalmente cando existe unha alteración ou un incumprimento grande das políticas, así como tras a violación sistemática das normas de conduta. Tamén se pode dar o caso en que un usuario crease unha conta co único obxectivo de suplantar outra persoa, producir danos, facer acoso ou ataques persoais, incluír información difamatoria, en particular de persoas vivas ou mesmo empregar un novo usuario para limpar o historial de bloqueos. En tales casos un bloqueo sen final pode ser apropiado para evitar problemas posteriores ata que o asunto sexa resolto conversando se a situación dese pé a isto.

Na práctica, este tipo de bloqueo débese evitar na medida do posible.

Nalgunhas ocasións, non obstante, o resultado máis habitual adoita ser o compromiso de seguir as políticas da Wikipedia e abandonar as condutas problemáticas no futuro, permitindo o desbloqueo do usuario.

Características do bloqueo

editar
  • Bloquear automaticamente o último enderezo IP utilizado por este usuario e calquera outro enderezo desde o que intente editar, durante un período de $1
Isto cambia o efecto dun bloqueo nos usuarios rexistrados. Ao activalo, bloquea o enderezo IP usado máis recentemente polo usuario e calquera outro enderezo desde o que intente editar.
  • Creación de contas
Isto cambia o efecto dun bloqueo nos usuarios rexistrados ou enderezos IP. Ao activalo, non deixará que poidan crear contas durante a vixencia do seu bloqueo.
  • Enviar correos electrónicos
Isto cambia o efecto dun bloqueo nos usuarios rexistrados. Ao activalo, non deixará que poidan usar a ferramenta "Especial:Correo electrónico". Debería usarse para parar o abuso desta funcionalidade; úsase tamén en casos de nomes de usuario indebidos.

Casos particulares

editar

Bloqueo de rangos

editar

Os administradores teñen a posibilidade de bloquear rangos de enderezos IP. Estes bloqueos son moi delicados e deben ser o máis breves posible, dado que poden afectar a un número moi grande de enderezos IP cada un. Isto resérvase como último recurso.

Para obter máis información, existe a páxina mw:Help:Range blocks/es (en castelán). O mellor é pedir axuda en Meta-Wiki para evitar calquera problema.

Bloqueo accidental

editar

Todo o mundo comete erros, ata os máis experimentados. Así, un administrador pode premer no botón "bloquear" dun usuario e accidentalmente aplicarlle o bloqueo que ía destinado a outro. Cando isto pase, procederase ao seu desbloqueo inmediato indicando no resumo o erro cometido.

Bloqueo intencionado

editar

O uso dos privilexios de administrador nunca poderá usarse para levar unha disputa ao lado do interesado, é dicir, como medida para sacar vantaxe nunha discusión e rematar inmune do problema. Un abuso sen argumentación deste tipo pode levar á retirada dos permisos de administrador e mesmo ao bloqueo.

Desbloqueo

editar

Calquera bloqueo, da duración que sexa e coas características que teña, pode ser retirado se o vándalo demostra que non repetirá os comportamentos que levaron ao seu bloqueo. O xeito de recorrer o bloqueo é abrir unha conversa por correo electrónico cos administradores. Tamén pode ocorrer que o administrador bloquease algún usuario sen o querer.

O desbloqueo ou redución dun bloqueo é moi común cando un administrador decide que o bloqueo debe ser revertido cando as circunstancias cambian ou se houbo algún erro.

Alterando as opcións de bloqueo

editar

Os administradores poden desbloquear un usuario co fin de volvelo bloquear seleccionando outras opcións de bloqueo, cando sexa necesario[6]. O desbloqueo para o posterior bloqueo pode ser útil se é preciso modificar o motivo para o bloqueo por calquera razón, aínda que o motivo orixinal seguirá sendo visible nos rexistros.

  1. Aínda que no formulario de bloqueo só aparezan uns tempos de duración predeterminados, pódense aplicar outros especificándoo no campo "Outro período de tempo:" unha vez seleccionada a opción "outra" no campo "Duración:".
  2. Os bloqueos sen caducidade están desaconsellados cando se trata de enderezos IP, pois poden ser usados por varias persoas. (Para ver os casos onde aplicalo véxase a sección "Para sempre".)
  3. Isto quere dicir que nas reincidencias co mesmo tipo de vandalismo causante do 1º bloqueo, os administradores poderán aumentar a duración do mesmo, malia non estar listado o devandito vandalismo entre os motivos de bloqueo de maior duración.
  4. Non é o mesmo un usuario anónimo que basea as súas edicións en incluír información falsa ou destruír contido, ca outro que ten contribuído en poucos artigos achegando pequenas informacións e que, debido á súa inexperiencia, baleira unha páxina ou substitúe todo o texto por unha frase que intentaba engadir a unha parte do mesmo. (Isto sería tamén aplicable aos usuarios rexistrados.)
  5. Conversas acerca dos proxies na lista de correos da Wikipedia.
  6. Por exemplo, se o bloqueo dunha conta rexistrada causa efectos colaterais nun enderezo IP compartido ou un usuario bloqueado abusa da función "Especial:Correo electrónico".