Abrir o menú principal

Videferre, Oímbra

parroquia do concello de Oímbra

Coordenadas: 41°50′59″N 07°35′10″O / 41.84972, -7.58611

Videferre
Iglesia de Santa María de Videferre.jpg
Igrexa de Santa María de Videferre.
ConcelloOímbra
Área22,2 km²
Poboación251 hab. (2011)
Densidade11,31 hab./km²
Entidades de poboación2

Santa María de Videferre é unha parroquia do concello de Oímbra, na comarca de Verín, provincia de Ourense. Segundo o IGE en 2011 tiña 251 habitantes, dos cales 124 eran homes e 127 mulleres, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 293 habitantes.

XeografíaEditar

Videferre está situada ao oeste do concello de Oímbra. fai fronteira con Portugal, na raia seca. Está a 828 msnm, e ten unha área de 22,22 km². Limita ao norte con San Millao (Cualedro) a través do río Búbal, e Azureira, e cos montes das Fragas, Buble e Casa da Moura. Ao sur limita con Soutelinho da Raia, a través dos montes do Penouco, Lama da Veiga e Reboeira. Ao leste limita con Bousés e Espiño, a través dos montes de Cruz da Pedra, Barreiras e Corga da Pega. Ao oeste limita con Vilar de Perdizes e o río Azureira.

ClimaEditar

Videferre ten un clima de montaña, frío en inverno, con xeadas e nevadas, e suave en verán. Os ventos frescos e húmidos procedentes da serra de Larouco deixan choivas abondosas.

HistoriaEditar

A súa orixe estímase cara ao século III ou IV. O topónimo ten orixe romana, vitis ferre. Da época da romanización consérvase a estrutura orixinal da ponte sobre o Azureira e algúns lagares.

Até 1868 pertenceu a Videferre a parte galega de Souteliño, lugar que era considerado un dos tres pobos promiscuos por estar situado na mesma fronteira, entre Galiza e Portugal. Ese ano, coa entrada en vigor do Tratado de Lisboa de 1864, a parte galega foi anexada a Portugal, á propia freguesía de Soutelinho da Raia.[1][2] Eclesiasticamente seguiu a pertencer á freguesía e por tanto á diocese de Ourense. Porén, coa entrada de Portugal en 1910 nun novo réxime e as crecentes dificultades dos párrocos para cruzar a fronteira, Souteliño acabou sendo incorporado tamén á arquidiocese de Braga o 27 de novembro de 1914.[3]

A actual igrexa parroquial de Santa María ten a súa orixe nos séculos XVI e XVII, sendo modificada a finais do século XIX. Está situada no centro da aldea, e ao leste da mesma situábase antigamente o camposanto. O adro foi restaurado recentemente. A parroquia pertence ao arciprestado de Monterrei.

EconomíaEditar

Até a década de 1960 a parroquia tiña unha economía de subsistencia, baseada na agricultura e gandería. A proximidade a Portugal facilitou o contrabando coas vilas de Soutelinho da Raia ou Vilar de Perdizes, especialmente despois da guerra civil española. A partir de mediados do século XX aumentou a emigración cara a Europa Occidental, o que provocou un descenso da poboación.

Flora e faunaEditar

A flora de Videferre é rica e diversa, destacando os soutos de castiñeiros. Outras árbores froiteiras son a maceira, a pereira, a cerdeira e a nogueira. Nas hortas cultívanse leitugas, cebolas, verzas, feixóns, centeo, pataca, millo e nabizas, amais de vide destinada á produción doméstica de viño.

Os pastos son usados para a alimentación do gando, destacando o vacún, cabalar, ovino e caprino.

Nas zonas máis montañosas hai diferentes especies salvaxes: réptiles como lagartos comúns, cóbregas ou salamántigas, e mamíferos como o raposo, o xabarín e mesmo o lobo.

GastromoníaEditar

A cociña de Videferre é tradicional de alta montaña, baseada nos produtos típicos da horta e no gando da comarca. Destacan os cocidos e os caldos, acompañados de chourizos e touciño. A uva da Videira dá un viño xove acedo.

Galería de imaxesEditar

Lugares e parroquiasEditar

NotasEditar

Véxase taménEditar

Outros artigosEditar

Ligazóns externasEditar