Rocha ultramáfica

(Redirección desde «Ultrabásico»)

As rochas ultramáficas, tamén chamadas rochas ultrabásicas (aínda que os dous termos non son totalmente equivalentes) son rochas ígneas e metaígneas cun contido de sílice moi baixo (de menos do 45%), xeralmente con >18% de MgO, alto contido en FeO e baixo en potasio, que están compostas dunha proporción xeralmente maior do 90% de minerais máficos (de cores escuras e altos en magnesio e ferro). O manto terrestre está composto de rochas ultramáficas. O termo ultrabásico é máis inclusivo porque comprende rochas ígneas cun contido baixo en sílice que poden non estar extremadamente enriquecidas en Fe e Mg, como carbonatitas e rochas ígneas ultrapotásicas.

Peridotita, un tipo de rocha ultramáfica.

O maior afloramento de rochas ultrabásicas de Galicia está na serra do Careón.[1]

Rochas ultramáficas intrusivas

editar
 
Diagrama de clasificación da IUGS das rochas intrusivas ultramáficas baseado nas porcentaxes modais de minerais máficos. A área verde representa as perodotitas típicas do manto terrestre.

As rochas ultramáficas intrusivas atópanse a miúdo en grandes intrusións estratificadas nas que con frecuencia aparecen tipos de rochas diferenciadas.[2] Tales tipos de rochas cumulíticas non representan a química do magma a partir do cal cristalizaron. As intrusivas ultramáficas inclúen as dunitas, peridotitas e piroxenitas. Outras raras variedades inclúen a troctolita, que ten unha porcentaxe maior de plaxioclasio cálcico. Estas gradualmente pasan a anortositas. O gabro e a norita adoitan aparecer nas porcións superiores das secuencias ultramáficas estratificadas. Tamén se encontran horneblendita e máis raramente flogopita.

Rochas ultramáficas volcánicas na Terra

editar

As rochas volcánicas ultramáficas son raras despois do Arcaico e están esencialmente restrinxidas ao Neoproterozoico ou antes. As rochas ultramáficas subvolcánicas e diques persistiron máis tempo, pero tamén son raras. Hai evidencias de rochas ultramáficas noutras partes do sistema solar.

Exemplos son a komatiita[3] e o basalto picrítico. As komatiitas poden albergar depósitos de minerais de níquel.[4]

Toba volcánica ultramáfica

editar

A toba volcánica ultramáfica é extremadamente rara. Caracterízase por unha abundancia de olivina ou serpentina e unha escaseza ou ausencia de feldespato e cuarzo. En raros casos pode incluír depositos superficiais pouco comúns de maares de kimberlitas nos campos de diamantes do sur de África e outras rexións.

Rochas ultramáficas ultrapotásicas

editar

Tecnicamente as rochas ultrapotásicas e rochas melilíticas considéranse un grupo separado, baseándose nos criterios do modelo de fusión, pero hai rochas ultrapotásicas e moi subsaturadas de sílice con >18% MgO, o que pode considerarse "ultramáfico".

As rochas ígneas ultramáficas ultrapotásicas como o lamprófiro, lamproíta e kimberlita sábese que acadaron a superficie da Terra, porque, aínda que non se observaron en erupcións modernas, os seus análogos antigos foron preservados.

A maioría destas rochas aparecen en diques, diatremas, lopólitos ou lacólitos e moi raramente, intrusións. A maioría das kimberlitas e lamproítas aparecen como diatremas volcánicas e subvolcánicas e maares; as lavas son virtualmente descoñecidas.

Coñécense xacementos de lamproíta do Proterozoico (mina de diamantes de Argyle) e do Cenozoico (Gaussberg, Antártida), e tamén os de lamprófiro do Devoniano (Escocia). As pipas de kimberlita do Canadá, Rusia e sur de África preservaron de forma incompleta tefra e facies de aglomerado.

Estes son xeralmente episodios de diatrema e como tales non son fluxos de lava aínda que os depósitos de tefra e cinza volcánica se conservaron parcialmente. Estes representan fusións de volátiles de baixo volume e conseguen ter unha química ultramáfica por diferentes procesos que os típicos nas rochas ultramáficas.

Rochas ultramáficas metamórficas

editar

O metamorfismo de rochas ultramáficas en presenza de auga e/ou dióxido de carbono ten como resultado dúas grandes clases de rochas metamórficas ultramáficas: carbonato de talco e serpentinita.

As reaccións de carbonatación do talco ocorren en rochas ultramáficas no metamorfismo máis baixo da facies do xisto verde á da granulita cando a rocha en cuestión está suxeita a metamorfismo e o fluído metamórfico ten máis do 10% de proporción molar de CO2.

Cando ditos fñuídos metamórficos teñen menos do 10% de proporción molar de CO2, as reaccións favorecen a serpentinización, orixinando ensamblaxes de minerais do tipo clorita-serpentina-anfíbolo.

Distribución no espazo e no tempo

editar

A maioría das rochas ultramáficas están expostas en cintos oroxénicos e predominan en terreos do Arcaico e Proterozoico. Os magmas ultramáficos no Fanerozoico son máis raros e hai moi poucas lavas ultramáficas recoñecidas do Fanerozoico.[Cómpre referencia]

Moitas exposicións superficiais de rochas ultramáficas ocorren en complexos ofiolíticos nos que as rochas derivadas do manto profundo foron obducidas na codia continental ao longo ou por riba de zonas de subdución.

Solos e rególito sobre rochas ultramáficas

editar

O solo de serpentina é un solo rico en magnesio e pobre en calcio, potasio e fósforo que se desenvolve no rególito derivado das rochas ultramáficas. As rochas ultramáficas tamén conteñen cantidades elevadas de cromo e níquel, que poden ser tóxicas para as plantas. Como resultado, neses solos desenvólvese un tipo distintivo de vexetación adaptada a eles. Exemplos son os bosques e páramos ultramáficos dos Montes Apalaches e o Piedmont, o "maquis húmido" das selvas de Nova Caledonia, e os bosques ultramáficos do Monte Kinabalu e outros picos de Sabah, Malaisia. A vexetación está tipicamente atrofiada e ás veces inclúe especies endémicas adaptadas aos solos.

A miúdo fórmanse sobre as rochas ultramáficas grosas rochas de cobertura de magnesita-caliche, así como lateritas e codias duras (duricrust) en ambientes tropicais e subtropicais. As ensamblaxes de flora particulares asociados con rochas ultramáficas moi niquelíferas son ferramentas indicativas para a busca de minerais.

As rochas ultramáficas meteorizadas poden formar depósitos de menas de níquel lateríticos.[5][6]

Noutros corpos celestes

editar

Detectouse o que parece ser lava ultramáfica na lúa de Xúpiter Ío, porque o mapa termográfico da superficie de Ío atopou áreas ultraquentes con temperaturas que exceden os 1200 °C. O magma que está debaixo deses puntos tan quentes está probablemente uns 200 °C máis quente, baseándose nas diferenzas de temperatura superficie-subsuperficie observadas na lava na Terra. Pénsase que unha temperatura de 1400 °C iindica a presenza de magma ultramáfico.[7]

Mercurio

editar

Mercurio parece ter tamén rochas volcánicas ultramáficas.[8]

  1. "Sección Organización - CMAOT". Consultado o 11/03/2023. 
  2. Ballhaus, C.G. & Glikson, A.Y., 1995, Petrology of layered mafic-ultramafic intrusions of the Giles Complex, western Musgrave Block, central Australia. AGSO Journal, 16/1&2: 69-90.
  3. Hill R.E.T, Barnes S.J., Gole M.J., and Dowling S.E., 1990. Physical volcanology of komatiites; A field guide to the komatiites of the Norseman-Wiluna Greenstone Belt, Eastern Goldfields Province, Yilgarn Block, Western Australia. Geological Society of Australia. ISBN 0-909869-55-3
  4. Lesher, C.M., Arndt, N.T., and Groves, D.I., 1984, Genesis of komatiite-associated nickel sulfide deposits at Kambalda, Western Australia: A distal volcanic model, in Buchanan, D.L., and Jones, M.J. (Editors), Sulphide Deposits in Mafic and Ultramafic Rocks, Institution of Mining and Metallurgy, London, p. 70-80.
  5. Golightly, J.P. (1981): Nickeliferous Laterite Deposits. Economic Geology 75, 710-735
  6. Schellmann, W. (1983): Geochemical principles of lateritic nickel ore formation. Proceedings of the 2. International Seminar on Lateritisation Processes, Sao Paulo, 119-135
  7. "Space Volcanoes". Horizon (Series 54, Episodio 6) (BBC). 7 de xullo de 2018. Consultado o 6 de marzo de 2019. 
  8. Charlier, B.; Grove, T.L.; Zuber, M.T. (2013). "Phase equilibria of ultramafic compositions on Mercury and the origin of the compositional dichotomy" (PDF). Earth and Planetary Science Letters 363: 50–60. Bibcode:2013E&PSL.363...50C. doi:10.1016/j.epsl.2012.12.021.