Tushratta (Dasharatha, "o que ten dez carros de combate"?) foi rei de Mitanni despois do -1399, talvez ata o -1390.

Modelo:BiografíaTushratta
Biografía
Nacementoséculo XV a. C. Editar o valor en Wikidata
Morte1340 a. C. Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónmonarca Editar o valor en Wikidata
Familia
CónxuxeJuni Editar o valor en Wikidata
FillosTadukhipa, Mattiwaza, Daduhepa Editar o valor en Wikidata
PaiShuttarna II Editar o valor en Wikidata
IrmánsGilukhipa Editar o valor en Wikidata

Descrito pola fonteEnciclopedia soviética armenia Editar o valor en Wikidata

Traxectoria

editar

Fillo pequeno de Shuttarna II, o seu irmán máis vello Artashshumara foi asasinado e el foi colocado no trono por un cortesán ou xeneral conspirador de nome Udhi, que quería gobernar no seu nome, pero (non se sabe porqué) non o logrou.

Co novo rei, oi mozo senón menor, Asiria negou o imposto a Mitanni, pero unha expedición mitannia sobre o -1370 impuxo outra vez a soberanía hurrita e o pagamento do imposto.

O reino fraccionouse talvez sobre o -1360, cando estourou unha revolta na parte oriental do país, dirixida por Artatama II, fillo do asasinado Artashumara, que se fixo co poder en Taite e na parte oriental, incluíndo Asiria, mentres ao oeste Tushratta logrou manter o control, xa desembarazado do rexente Udhi e os seus colaboradores.

En tempo de Tudhaliyas II os hititas apoderáronse de Alepo, que os hurritas recuperaron, pero os hititas volveron á zona e apoderáronse entón de Alepo e Nuhase. Un novo ataque hurrita recuperou Alepo, pero non conseguiron impoñerse en Nuhase ata pasado algún tempo. Os hititas serían rexeitados en Isuwa, pero conquistaron Kizzuwatna e mesmo a capital Washukanni (incluída en Kizzuwatna) que estaba baixo dominio hitita nos reinados de Tudhaliyas II e Arnuwandas I.

Cando Tushratta acadou persoalmente o goberno, o primeiro que fixo foi volver ás boas relacións con Exipto, que o rexente ignorara, pero nunca puido solucionar a reclamación do seu sobriño, que conservou a metade do reino. No tratado con Exipto este país renunciou a calquera dereito sobre Alepo e Karkemish e ratificábase a fronteira en Qatna (no Orontes), con Ugarit dentro da esfera exipcia. Sobre o -1360 Mitanni enviou a Exipto unha estatua da deusa Shaushka (Ishtar) de Nínive que supostamente curaba enfermidades.

Sobre o -1350 Tushratta de Mitanni favoreceu unha revolta de príncipes vasalos dos hititas na zona raiana entre ambos estados, cuxa dirección nominal se encargou a Isuwa, vasalo de Mitanni e leal a Tushratta. A revolta afectou a:

Suppiluliumas I, que probabelmente entón aínda só era príncipe herdeiro, foi á zona e derrotou aos rebeldes, non todos ao tempo, senón un detrás doutro. Os que puideron escapar refuxiáronse en Isuwa. Os hititas quixeron tomar vinganza e aproveitar a debilidade de Mitanni, fraccionada pola loita entre os dous aspirantes ao trono. Suppiluliumas invadiu os territorios de Tushratta a "o oeste do Éufrates" (probabelmente a parte occidental de Isuwa), pero Tushratta foi cun exército e derrotou aos hititas, que tiveron que saír do país, e os exiliados rebeldes ficaron en seguridade baixo protección de Mitanni en Isuwa. A vitoria foi presentada por Tushratta ao faraón como unha proba da súa forza e utilizouno nas negociacións sobre enviar a unha filla (Tadu-Hepa) á corte do faraón como raíña, acordo que se formalizou (na carta na que comunica ao faraón o envío da súa filla pide ao faraón unha estatua de ouro feita á imaxe da moza, carta que pola súa extensión é moi importante para o estudo do hurrita como un dos poucos documentos longos escritos nesta lingua)

Suppiluliumas I fixo a súa primeira campaña oriental sobre o -1340. Despois de asinar un tratado con Artatama II, que gobernaba a parte oriental de Mitanni (Asiria pagáballe a el o seu imposto), deixou fechado a Tushratta na parte occidental do reino, rodeado por inimigos a ambos lados. Asegurada a tranquilidade por esta beira, comezou a atacar Isuwa, vasalo de Tushratta, e que acollera a todos os expulsados polos exércitos hititas. A campaña en Isuwa foi un fracaso; o rei só puido saquear as terras de Isuwa ao oeste do Éufrates. Non podendo facer máis progresos, avanzou sobre o sur e atacou territorio de Mitanni en Siria. Mitanni pola súa banda respondeu aos hititas saqueando as terras ao oeste do Éufrates que caeran en mans hititas.

Cando Tushratta comezou a recuperar os territorios sobre os que se impuxeran os hititas, Abdi-Asirta de Amurru, que seguramente se apoderara dalgúns territorios antes hurritas, intentou ser leal aos dous grandes reis (o faraón e o rei de Mitanni) en cada un dos territorios correspondentes. Esta manobra foi denunciada por Rib-Hadda rei de Biblos. Abdi-Asirta visitou Mitanni e iso fixo reaccionar aos exipcios, que enviaron tropas á zona. Abdi-Asirta pediu axuda ao rei de Mitanni, que non lle contestou. Finalmente a súa propia xente matou a Abdi-Asirta. Os seus fillos reuniron aos leais e aínda conservaron parte das posicións paternas.

Suppiluliumas I volveu entón a Siria. Cruzou á parte oriental do Éufrates e apoderouse de Isuwa (da que xa dominaba a parte ao oeste do Éufrates), que foi anexionada. Acto seguido ocupou Alshe ou Alse, xusto ao sur, e o distrito de Kutmar, e instalou como príncipe vasalo a Antaratli de Alshe, ao que cedeu Kutmar. Tiña aberto o camiño ao distrito de Suta que levaba á capital de Mitanni, Washukanni. Suppiluliumas enviou unha mensaxe a Tushratta, que decidiu esperar ao hitita na cidade e non se arriscar nun enfrontamento a campo aberto. Cando Suppiluliumas se achegou, Tushratta fuxiu sen loitar, retirándose aparentemente a Siria; pero o rei hitita non puido conquistar a capital (a pesar de que se atribuíu tal cousa) e tívose que limitar a saquear o distrito de Suta.

Tushratta mentres estaba en Siria, conduciu campañas contra vasalos desleais ou sublevados. Suppiluliumas, despois de devastar Suta, volveu a cruzar o Éufrates, en persecución de Tushratta, cabeza en Siria. Neste lugar deuse conta da extraordinaria fragmentación política: cada cidade importante, cada val, ou comarca, tiña a súa cabeza, un xeque ou un rei.

O primeiro gran territorio que conquistou foi Nuhase (ou Nuhassi), que tiña ao menos dous reis, os cales son coñecidos (Sarrupsi e Addu-Nirari); un era seguramente vasalo hurrita e o outro exipcio (Addu-Nirari era sen dúbida vasalo exipcio). Sarrupsi, probabelmente sublevado contra Mitanni (talvez inicialmente pensando en Exipto como alternativa ou talvez en favor de Artatama II), sentiuse ameazado pola chegada de Tushratta e debía de considerar prudente declararse vasalo de Suppiluliumas. Este apoderouse de Nuhase (ou polo menos de parte) e expulsou a Tushratta das súas posesións. Pero unha vez salvo, Sarrupsi separouse da alianza hitita, non se sabe porqué, e foi deposto e a parte do reino que lle correspondía foi doada a un rei vasalo chamado Takip-Sarri, ata entón rei de Ukulzat, unha das cidades de Nuhase.

Suppiluliumas ocupou Khalap, que escapara ao seu control seguramente durante o ataque de Tushratta, e colocou no trono da cidade ao seu irmán Telipinus, gran sacerdote de Kizzuwatna. Foi coñecido como Telipinus I de Khalap "o sacerdote". Despois seguiron outras vitorias ata chegar a Qatna, onde o rei Akizzi se someteu.

En Amurru, un dos fillos de Abdi-Asirta chamado Aziru, escribiu a Suppiluliumas e declarouse o seu vasalo. Aziru foi proclamado rei de Amurru polo rei hitita. Se os outros irmáns o aceptaron de bo grao ou non, non se coñece, pero por aquel tempo Aziru xa se volvera a principal figura entre os irmáns. Así, os hititas pasaron a dominar Sumur, Ullassa (Ullaza), Irqata, Ardata, Tunip, e o monte Líbano. Algunhas gornicións hititas establecéronse en Amurru.

Tushratta foi asasinado por un fillo que quería o trono e algúns oficiais e dignatarios que lle perderan a confianza. Suppiluliumas recoñeceu loxicamente como único rei a Artatama II (ao que se entregara a rexión de Washukanni), que ata entón só era recoñecido como rei dos hurritas, pero non de Mitanni; pero Artatama debía de ser bastante maior, e deixara de feito o goberno ao seu fillo Shuttarna III, que actuaba como correxente. Shuttarna retornou as portas de prata e ouro do palacio de Asur que Mitanni tiña como trofeo, e retornou a Alshe os agasallos almacenados de ouro e prata; aceptou pagar imposto a Asiria; exterminou a casa de Tushratta e confiscoulles as propiedades; destruíu o palacio e exterminou as casas principais de nobres; algúns nobres serían extraditados a Asiria e a Alshe e outros empalados na cidade de Taite (probabelmente a súa capital habitual) e onde Suttarna estableceu a súa capital. O fillo de Tushratta, Kili-Teshub intentou recuperar o poder en Washukanni pero non o logrou. Un continxente con douscentos carros de combate dirixidos por un home chamado Aki-Teshub, probablemente da familia de Tushratta, que debían de ser os restos do exército, fuxiu a Babilonia. Artatama II e o seu fillo Shuttarna III impuxéronse en Mitanni.