Tunip foi unha cidade-estado de Siria, mencionada por primeira vez nos textos exipcios e despois a miúdo nos hititas. A súa situación non se coñece. O máis probábel é que estivese no val medio do Orontes, ao sur do Ghab. A cidade estaba "a dous días de marcha de Nuhase" e Nuhase, ao sur de Alepo, ocupaba a parte norte do medio Orontes. Algunhas inscricións exipcias sitúana na terra de Amurru.

A cidade aparece xa mencionada sobre o -1900 como unha das cidades coas que Exipto comerciaba en tempo de Amenemhet II, segundo indican os "libros dos días" exipcios.

Sobre o -1500 o rei de Tunip converteuse en vasalo de Mitanni.

Tuthmosis III fala dun xefe de Kheta, na terra de Alepo ao norte de Tunip. Desde Irqata ao lado de Samur, cidade próxima á moderna Tartus, os exipcios ocuparon Tunip na metade do século –XV. Nesta época Tunip era o poder dominante ao norte de Siria, e as cidades de Ullaza, Samur, Irqata e Ardata, conquistadas por Exipto, pertencíanlle. O outro poder era o reino de Qadesh. As conquistas exipcias non puideron ser respondidas por Mitanni e finalmente serían confirmadas por un tratado.

Sobre o -1400 un tratado entre os reis Ir-Addu (Ir-Dim) de Tunip e Niqmepa de Alalakh sitúa Tunip con fronteira con Alalakh; Tunip estaría ao sur do río Ghab, no val medio do Orontes. Tunip estaba a dous días de marcha de Nuhashe, un reino do norte de Siria, ao sur de Alepo e ao norte do Orontes medio.

Ramsés II di que conquistou Dapur, cidade da rexión de Tunip na terra de Naharina; Dapur estaba na terra de Amurru e, polo tanto, Tunip estaría tamén en Amurru, e neste caso, a única posición factíbel é Tell Asharneh. Iso foi posto en dúbida polo achado dun documento en Baalbek, escrito en caracteres cuneiformes que levaba o nome de Baal Tunip, reforzando a teoría de Velikovsky que identificaba Tunip con Baalbek, pero esta identificación ten hoxe en día moi poucos seguidores.

A cidade foi destruída o -721 polo rei asirio Sargón II e ficou abandonada ata o tempo da Primeira Cruzada, ao comezo do século XII, cando se estableceu alí unha gornición militar de observación dos cruzados, sobre o 1109: construíronse algúns almacéns, torres de observación e cuarteis, controlado a cidade de Apamea máis ao sur, e vixiando aos árabes, que dominaban o castelo próximo de Qalat Sheizar.