Karkemish, Carchemish ou Carquemís foi unha importante cidade dos imperios mitanno, hitita e asirio, situada no que hoxe é a fronteira turco-siria, coñecida polos romanos como Europus. É famosa por ser o lugar dunha importante batalla entre babilonios e exipcios, mencionada na Biblia, onde a cidade é chamada Ierablus, probabelmente unha corrupción dun posíbel nome en lingua local para a cidade, Iarablos. Hai noticias dela desde polo menos o ano 1800 a.C., cando era rei Aplakhanda.

Localización xeográfica

editar
 
Localización dos principais xacementos da Anatolia hitita

A antiga Karkemish estaba situada 100 quilómetros ao nordeste da actual Alepo, en Siria, e 60 quilómetros ao sueste da actual Gaziantep, en Turquía, na beira occidental do Éufrates, o que lle permitía controlar o principal vao deste río. Esta posición estratéxica explica boa parte da súa importancia para os imperios da antigüidade.

Turquía construíu unha base militar sobre as ruínas de Karkemish, o que impide o acceso libre á zona.

Historia da cidade

editar

Karkemish estivo poboada a partir do neolítico, converténdose pronto nun importante centro mercantil, mencionado xa no terceiro milenio antes de Cristo. Tivo tratos comerciais con Ugarit, Mitanni e Ebla, entre outros. Non obstante, co crecente poder de Mitanni, parece que a cidade puido converterse en vasala deste imperio; así, cando Exipto invade Mitanni, o faraón Thutmose I erixe unha estela preto de Karkemish para celebrar as súas vitorias (aprox. 1500 a.C.).

O control exipcio da zona non dura moito, e pronto Mitanni recupera a súa antiga posición de potencia dominante en Siria, ata o momento en que o rei hitita Suppiluliumas I (mediados do século XIV a.C.) logra destruír na primeira guerra siria o poder de Mitanni, deixando ao reino reducido a unhas poucas fortalezas, entre as cales Karkemish é a máis importante.

 
Localización de Karkemish

Na segunda guerra siria, Suppiluliumas conquistou Karkemish, e instalou a un dos seus fillos, Sarri-Kusuh, como vicerrei hitita na cidade. A partir deste momento, Karkemish convértese na principal castelo hitita en Siria, e no núcleo da súa administración na zona. Os vicerreis de Karkemish, sempre membros da familia real hitita, estiveron encargados de defenderen a fronteira oriental do reino contra os avances inimigos, primeiro de Exipto e logo de Asiria.

Un século despois, sobre o 1240 a.C. Ini-Tesub de Karkemish ocupábase de todos os asuntos de Siria por conta do seu parente Tudhaliyas IV e resolveu conflitos ou deu ordes a Ugarit (conflitos fronteirizos, Siyanni foi separado de Ugarit) e Amurru (prohibíndolle comerciar con Asur). Aínda así os principados vasalos de Siria facían xuramento de lealdade ao Gran rei hitita (o rei de Karkemish non era máis que un dos reis vasalos) e se tiña máis funcións era por delegación e pola confianza que tiñan as grandes reis hititas na xente da súa familia.

Ini-Tesub foi sucedido por Talmi-Tesub, cuxo fillo, Kunzi-Tesub, aparece nunha inscrición posterior e probabelmente foi rei antes do 1200 a.C.. Desaparecido o Imperio Hitita, sobre o 1185 a.C., o título de gran rei foi conseguido por Kunzi-Tesub de Karkemish (cinco xeracións despois do seu tataravó Suppiluliumas I) pero por pouco tempo, porque sobre o 1177 a.C. a cidade foi destruída polos Pobos do Mar e estableceuse unha dinastía luvita. Os vicerreis da cidade, diante da ausencia dun monarca en Hattusa, capital hitita, adoptaron para si mesmos o título de Gran Rei e conservaron un extenso reino de cultura hitita durante algún tempo; porén, o crecente poder asirio non puido ser combatido, e pronto (comezos do século -X), Karkemish perde case todo o seu reino, sendo reducida a tributaria asiria no século IX a.C..

No ano 717 a.C., Karkemish é finalmente conquistada polo asirio Teglatfalasar, que tamén usaron a cidade como importante centro administrativo. Durante a época de Nabopolasar de Babilonia e do seu fillo, Nabucodonosor II (finais do século VII a.C.), os asirios sufriron unha serie de derrotas e perderon a súa capital Nínive, polo que intentaron retirarse primeiro a Harrán e posteriormente a Karkemish. Desde aí, os asirios preparáronse para unha última batalla (605 a.C.) contra os babilonios, onde contaron con axuda exipcia. A vitoria dos babilonios implicou a desaparición do imperio asirio e a conquista por parte de Babilonia de Karkemish, momento a partir do cal a cidade esmoreceu, sen que se rexistren máis sucesos de importancia asociados a esta.

Arqueoloxía de Karkemish

editar

A pesar de que Karkemish era coñecida por referencias na Biblia e en documentos exipcios e asirios, a súa localización correcta non foi descuberta ata 1876 por George Smith, xa que anteriormente se barallaron outras localizacións, como a confluencia do Chebar e o Éufrates ou a Hierápolis grega.

A investigación arqueolóxica de Karkemish estivo en mans do Museo Británico ata a primeira guerra mundial; nestas investigacións participou Thomas Edward Lawrence, o famoso Lawrence de Arabia.

  1. Garelli, Paul (1978). El Próximo Oriente asiático: desde los orígenes hasta las invasiones de los pueblos del mar. Col. Nueva Clío. La historia y sus problemas nº2 (3ª ed.). Barcalona: Labor. p. 136. ISBN 84-335-9310-2. 

Véxase tamén

editar