Terra brava

obra literaria de Ánxel Fole

Terra brava, subtitulado Contos da solaina, é unha obra narrativa de Ánxel Fole, publicada en 1955 pola Editorial Galaxia.

Terra brava
Contos da solaina
Autor/aÁnxel Fole
OrixeGalicia
LinguaLingua galega
Xénero(s)Narrativa
EditorialEditorial Galaxia
Data de pub.2001
Páxinas280
ISBNISBN 978-84-8288-097-6
editar datos en Wikidata ]

Características

editar
 
Terras do Incio onde se desenvolve a narración

A obra figura como rematada en Santiago de Compostela no outono de 1955. Comeza cun longo limiar de Domingo García Sabell, datado en Santiago no outono de 1955 e que consta dos seguintes capítulos: A Galicia entrampada, a Galicia contemplada, a humildade de escribir, a arte da leria, o idioma, necesidade invisíbel e vida e literatura.

Na lapela da 2ª edición[1] sinálase:

Eiquí temos un feixe de contos alporizados. Simples e primarios, de aparente cativeira textura, psicolóxica, sen requintes, liñais e directos: o estremecemento en relampo, o si e o non do marabilloso, o intre estético do segundo inexpicable, a guiñada fuxidía do calafrío. Pintura verdadeira. Retratos caladiños. Terra Brava e ún libro de pantasmas, de ciúmes, de premonicións, de crimes, de defuntos, mais non é un libro tremebundista. Un continua peto do trasmundo, escrito sen esforzo dialéctico para turrar do lector. Un libro que deixa en nós un vago sentimento apacible, levemente irónico: o tempo galego transportado a nós mesmos. A Galicia reviradoira, leda, absolutamente apegada á terra, humorística e lírica, acénanos desde este libro.

Neste libro o lector participa e transfórmase en cómplice das historias imaxinadas que aparecen e desaparecen diante nosa. Cousas que acontecen na zona do Incio, escritos nun galego que "é o falado alí" , que Fole comezou a deseñar arredor de 1952 e con edición de 1955.[2]

A solaina

editar
Polo camiño

O mozo Gasparo recibe carta do padriño, o médico don Gasparo. Irá pasar con el unha tempada ao Incio. Marcha e vaino buscar o tío. Van de Sarria cara ao Incio. O tío é un médico dedicado á súa xente, que ama as paisaxes da contorna e vaille explicando as terras de Sarria, do Courel e do Incio.

A chegada

Coñecemos os criados, a comida e a paisaxe. Cóntase o caso de María Rosa: o pai é un aforrador arrastrado que non lle quere pagar nin a penicilina.

Andadas

Gasparo vai co tío visitar o Hospital, a Ferrería, o Val do Incio.

O grande parladoiro

Os protagonista son Cilistro (médico en Vigo), Gumersindo (boticario en Monforte) e Ramón (fidalgo da Engroba). Na conversa danlle un longo repaso á idiosincrasia da xente, á caza, á literatura galega, á emigración, don Ramón del Valle-Inclán, á normativización do galego. (moi extenso, da páx. 52 á 86 na 2ª ed).

Horas de paz. O achádego

O mozo descansa, e  atopa un manuscrito con contos do seu padriño: Os contos da solaina. Eses contos seráns os seguintes capítulos.

O arreguizo

editar

Na taberna fálase de lobos. Como de cando dous mozos pretendían unha moza, un moi bo e outro moi malo. O malo dicía que sería súa ou de ninguén. Estando o bo de conversa cuns amigos ve pola fiestra asomar unha man de muller e tamén se escoitaron tiros. Fora o malo que matara a moza.

As trasnadas do Toño

editar

O narrador coñece o Toño desde cativo. Atópanse nunha feira e cóntalle as súas trasnadas. O rapaz vivía na Ferrería case coma un becho, malcriado, arreo no monte. Tiña unha tía rica en Pacios, a tía Trécola, que o leva con ela para que aprenda o catecismo e a comportarse a xeito.  Mais el non deixa de ser un trasfego.

O gato da tía Trécola

Faille crer que está enmeigado porque lle foxe á cruz e ás xaculatorias, polo que acaban matándoo.

Cousa do inimigo

Fuma, fai trapalladas e ata lle bota ao caldo unha centola, cousa nunca vista.

O ovo azul

Pinta un ovo de azul que fai tolear á criada; ao fin a tía dille estar ao corrente de todo e rille as grazas.

Tres historias do pazo de Lucencia

editar

Longa descrición do pazo na ribeira do río Cabe. Visítao don Ramón, o administrador, que lle fala da decadencia do pazo. Cóntalle tres historias.

O morto entrara coa xistra

Trata da morte do señor Enrique-María. O señor saíra nunha noite de neve e frío. Chega á casa o seu can laiándose. Ségueno un grupo de homes con fachóns de palla acesos. Atoparán o corpo do señor xa morto na neve. Volven tal que unha Santa Compaña. A señora Mercedes, que nada sabía, xa o sospeita e agarda polo cadáver.

A treboada

Son os protagonistas os tres fillos do señor Enrique-María  e a muller. Sidro é o morgado que vai estudar e non consegue acabar nada. Cousa que si fai o pequeno, o Fernando. O do medio é José María, guapo, esmorgante e con fillos de solteira. Sidro ten un soño no que ve mortes. Escríbeo, méteo nun sobre e lácrao. Unha noite de treboada chega o outro fillo pedindo cartos. O irmán ponlle a pistola no peito. Sidro morre na cama e cúmprese o soño escrito por el mesmo.

O cabaleiro namorado da fada do relanzo

Seguen as historias do administrador. Agora no cuarto do cabaleiro que segue pechado no pazo da Lucencia. Foi educado no estranxeiro e volve xa un home feito. Case non fala o galego e pasa o tempo cazando. Desde alí vese o río cun negro e fermoso relanzo e mesmo hai quen fala dunha fada que vive nel. Un día desaparece o cabaleiro. Na súa procura o can leva o rastro cara ao relanzo do río e logo de moito buscar atopan o cadáver coas pesas do reloxo no peto: marchar vivir coa súa namorada.

Por uns pelos

editar

Vai visitar o médico don Froilán, xa vello e retirado, que lle vai contar unha historia. Esta é dun día que o van buscar, vai alá e atopa a muller do Galo morta. Ve que foi afogada, pregunta e investiga. Observa que ten na man dous cabelos longos e negros, e un botón tirado. Como o Galo foxe a xente desconfía del. O doutor cálmaos falándolles o castelán. Despois esquece o caso.

A segunda parte da historia podería titularse “O monstro” ou “A cova das Choas”. Despois duns días de caza o médico xanta na casa do Senín. Cóntase que hai medo na xente polos asaltos e violacións. Ata a sobriña do Senín, a Estrela, foi asaltada por un home moi raro. Cando don Froilán vai de caza descansa nunha cova e nota algo estraño. Escoita berrar a Estrela, o monstro está a forzala. Loitan e o médico mátao. Logo volve á cova con dous homes e descobren o tobo, os pelos e o botón do inicio eran del. Así o Galo queda libre de culpa. O médico casa coa Estrela e os dous homes quedan co ouro que tiña escondido o home-monstro.

Cara de lúa.

editar

Descrición dunha vila chamada Burgo. Conversas nunha botica: o médico, o boticario, o veterinario, funcionarios do concello e do xulgado. Dous destes son moi bromistas no casino e búrlanse de todo. Hai un señorito moi lido, intelectual, que andou a estudar medicina, chámanlle “cara de lúa” e tamén é obxecto de bromas. O boticario convida a cear no cemiterio aos dous tunantes xusto  o día en que alguén trae a necrolóxica do señorito que morreu en Santiago. Comeza a cea e na sobremesa preséntase vestido de branco o defunto e pedindo a cea. Os burladores levan un susto de morte e non volven aparecer polo casino.

O corpo do delito.

editar

Don Crisanto fora xuíz de paz en Sarria e cóntalle un caso ao doutor. Resulta que apareceu morto o señor da casa, que vivía coa fillastra, o marido desta e mais a criada. Parece ser que escorregou pola escaleira despois de beber moito viño. Mais ao xuíz non lle cheira ben o asunto e non sabe por que é. Pasado un tempo a mesma criada acaba servindo na casa do xuíz. Cando sabe que os que foron os seus amos acabaron mal conta todo e aclara o crime. Mentres o marido viaxaba a Lugo a fillastra lavou ben as escaleiras e untounas con xabón La Toja. Deste xeito morrería o vello e non tería tempo a facer testamento para unha filla natural que tiña alá polas terras de Chantada.

En cada vila, o seu misterio

editar

Nunha noite de inverno don Gasparo ten que ir desde o Incio a Laiosa visitar un vello doente. Alí atopa o señor cura e o médico de Rubián. Quedarán a durmir os tres: cea, partida de cartas, habanos, coñac... Cada un deles conta un conto.

O roubo do viril

Foi alá por Sober onde unha marquesa lle regalou á igrexa parroquial un viril. O cura soña como lle rouban o viril, máis ben veo na parede despois de comer forte e abundante.  E resultou certo o do roubo. Pasaron os anos e nada se soubo do ladrón. Chegou a Guerra de África. Volve soñar, agora que aparece o viril. E tamén se cumpre, alí está xa. O cura desconfía dun criado que foi a Marrocos á guerra e mesmo ten unha ferida na man, igualiño que no seu soño.

As dúas cuartelas

O médico de Rubián ten un irmán máis novo que estivo na batalla de Teruel na Guerra Civil. Un día esperta el cunha forte dor nunha coxa, mais axiña lle pasa. Vólvelle máis tarde e tamén lle pasa de novo. E recibe unha carta do irmán contando como o feriron nunha coxa e lle tiraron a bala sen anestesia, coinciden os días e as horas coas súas dores.

A caixa dos habanos

Alá polo ano 1942 está de médico en Becerreá. Soña que está nos Estados Unidos de América, que é un famoso doutor e ata recibe un agasallo do mesmo presidente Truman. Ao acordar ve que alguén lle trouxo un agasallo: unha caixa de habanos Partagás con moedas e dólares; que é regalo duns amigos americanos. E lembra como unha noite acolleu a dous homes estraños que fuxían da Gestapo alemá. Eran espías americanos.

A Estadea e o Urco

editar
 
Terra brava foi incluída na Biblioteca Galega 120.

O día da feira na Cruz do Incio aparece pola consulta o Breixo de Gomesende acompañado da nai e mais da sogra. Elas din que toleou, di cousas raras, non come, non mira pola familia... El pon fóra as dúas vellas igualiñas e pídelle ao doente que lle conte todo. Fala Breixo que escoitou como homes armados rodeaban a súa casa para matalo (seguro que culpa das vellas), tivo que fuxir e perseguírono con bengalas (o doutor cre que son figuracións: era unha partida de cazadores e as luces os foguetes dunha festa próxima á aldea). Logo Breixo viu unha estraña figura como de néboa branca e un can moi grande e negro (o doutor ve que está describindo a Estadea e o Urco tal e como contan as lendas, talvez porque as escoitou de rapaz). Don Gasparo dille que se quere curar ten que contarlle o seu segredo, iso que leva metido dentro tanto tempo. Breixo acaba abrindo o corazón: sendo mozo violou unha rapaza, pensaba casar con ela pero a nai e a sogra amañaron outro matrimonio que lles conviña a elas e a rapaza marchou para as Américas. E en poucos meses o Breixo curou de todo.

Narración

editar

A técnica narrativa bota man das estratexias realistas como o narrador omnisciente que o sabe e controla todo e a estrutura clásica das historias –presentación, nó e desenlace-.[3]. A obra é un longo conto de contos entrelazados, o que Claudio Rodríguez Fer chama “narración en espiral”[4]: un encadeamento constante de narracións que remite ao espazo popular, aos contos contados diante do lume da lareira.

En xeral e baixo os mesmos presupostos que n´A lus do candil, insiste na descrición e recreación de historias propias  do mundo rural aínda que agora se adopte unha modulación que por veces poida amosarse cun verniz un tanto máis reivindicativo.[5]

Paisaxe, música e fala

editar

“Os contos de TERRA BRAVA suceden na bisbarra do Incio. O galego usado polo autor é o falado alí.” (Nota no final do libro).

Tres vencellos nos lean fortemente á terra: o sentimento da paisaxe, a fala i a música, asevera un dos personaxes de “O grande parladoiro”.[6] Armando Requeixo sinalou a importancia da paisaxe como elemento temático e argumental e fala de etnopaisaxe, paleopaisaxe, sociopaisaxe, videopaisaxe, audiopaisaxe e metapaisaxe.[7] En canto á lingua, recolle moitas palabras e fraseoloxía do Courel, Quiroga, O Incio, constituíndo un dos máis ricos galegos que da narrativa galega. Poucos escritores galegos tiveron unha sensibilidade para a fala como Ánxel Fole.[8]

Edicións

editar

Á primeira edición de 1955 seguíronlle en Galaxia unha segunda en 1976 (349 páxs. con gravados da cuberta de Carlos Maside e do libro de Xohán Ledo), unha terceira e unha cuarta en 2001.[9]

  1. Fole, Ánxel (1976). Terra Brava. Contos da Solaina. Galaxia. ISBN 84-7154-237-4. 
  2. Castro Rodríguez, Xavier. ""Terra brava": Ánxel Fole traza o perfil do país". www.galiciahoxe.com. Arquivado dende o orixinal o 08 de xullo de 2019. Consultado o 2019-07-08. 
  3. Forcadela, Manuel (1997). Guía de lectura de "Á lus do candil". Ed. do Cumio. p. 58. 
  4. Rodríguez Fer, Claudio (1996). “Anxel Fole. Vida e obra” en Fole, Ánxel (1903-1986). Unha fotobigrafía. Xerais. Xerais. p. 89. 
  5. Vilavedra, Dolores (Coord) (1995). Diccionario da Literatura Galega I. Autores. Ed. Galaxia. p. 235. ISBN 84-8288-019-5. 
  6. Pena, Xosé Ramón (2019). Historia da Literatura Galega IV. De 1936 a 1975. «A longa noite». Xerais. p. 222. ISBN 978-84-9121-481-6. 
  7. Requeixo, Armando (1996). Ánxel Fole. Aproximación temática á súa obra narrativa en galego. Ed. do Cumio. p. 102. 
  8. "Enciclopedia Historia Literatura Galega". literaturagalega.as-pg.gal. Consultado o 2019-07-08. 
  9. "Terra brava". Editorial Galaxia. Consultado o 2019-07-08.