Sucesos de La Granja (1832)

Os chamados sucesos de La Granja tiveron lugar en España en setembro de 1832 ao final do reinado de Fernando VII e consistiron no intento errado dos partidarios do irmán do rei Carlos María Isidro para que se anulase a Pragmática Sanción de 1789 que Fernando VII acababa de facer pública o 31 de marzo de 1830 e que permitía que as mulleres puidesen reinar se non tiñan ningún irmán home, polo que a filla de Fernando, Isabel de case dous anos de idade, era a lexítima herdeira ao trono e non Carlos María Isidro. Como os partidarios deste, chamados carlistas, non recoñeceron a Isabel como herdeira ao trono, a morte de Fernando VII provocou que este cambio desembocase nunha guerra civil, a Primeira Guerra Carlista.

Antecedentes: a división dos absolutistas e a Pragmática Sanción de 1789 editar

 
Retrato de Fernando VII.

Se durante o Trienio Liberal (1820-1823) producírase a escisión dos liberais entre "moderados" e "exaltados", durante a segunda restauración absolutista -coñecida polos liberais como a "Década ominosa" (1823-1833) e que constitúe o último período do reinado de Fernando VII, foron os absolutistas os que se dividiron entre absolutistas "reformistas" -partidarios de "suavizar" o absolutismo seguindo as advertencias da Santa Alianza, cuxa intervención militar mediante os Cen Mil Fillos de San Luís puxera fin en 1823 á breve experiencia de monarquía constitucional do Trienio Liberal- e os absolutistas "apostólicos" ou "ultras" que defendían a restauración completa do absolutismo, incluíndo o restablecemento da Inquisición que o rei Fernando VII, aconsellado polos "reformistas", non repuxera trala súa abolición polos liberais durante o Trienio. Os "ultras" tiñan no irmán do rei, Carlos María Isidro -herdeiro ao trono porque Fernando VII despois de tres matrimonios non conseguira ter descendencia- ao seu principal valedor, e por iso comezaban a ser chamados "carlistas".[1]

Trala morte da súa terceira esposa, María Amalia de Saxonia, o rei anunciou en setembro de 1829 que ía casar de novo. Segundo Juan Francisco Fontes, "é moi posible que as présas do rei por resolver o problema sucesorio tivesen que ver coas súas dúbidas sobre o papel que viña desempeñando nos últimos tempos o seu irmán don Carlos... Os seus continuos achaques de saúde e o seu envellecemento prematuro -en 1829 tiña tan só 45 anos- deberon persuadilo de que se lle estaba acabando o tempo. Segundo o seu médico, Fernando fixo en privado esta confesión inequívoca: «É mester que me case canto antes»".[2]

A elixida para se-la súa esposa foi a princesa napolitana María Cristina de Borbón-Dúas Sicilias, sobriña de Fernando e 22 anos máis nova ca el. Casaron o 10 de decembro e poucos meses despois Fernando VII facía pública a Pragmática Sanción de 1789 aprobada ao principio do reinado do seu pai Carlos IV que abolía a Lei sálica, unha lei que impedía que as mulleres puidesen reinar. Deste xeisto, Fernando VII asegurábase que, se por fin tiña descendencia, o seu fillo ou filla sucederíano.

A principios de maio de 1830, un mes despois da promulgación da Pragmática, anunciouse que a raíña María Cristina estaba embarazada, e o 10 de outubro de 1830 naceu unha nena, Isabel, polo que Carlos María Isidro quedou fóra da sucesión ao trono, para gran consternación dos seus partidarios ultrabsolutistas. Doutra banda, tralo triunfo da revolución de 1830 en Francia -que deu paso á monarquía constitucional de Lois Filipe de Orleáns-, os liberais españois exiliados organizaron e protagonizaron diversos pronunciamentos, todos eles fracasados para restablecer a Constitución de 1812 e pór fin á Monarquía Absoluta de Fernando VII. Deles, o de maior repercusión foi o pronunciamento de Torrijos de decembro de 1831 que rematou co fusilamento de tódolos seus integrantes sen xuízo previo; uns meses antes fora ajusticiada a garrote vil Mariana Pineda.[3]

Pero os "carlistas" non se resignaron a que a recentemente nada Isabel fose a futura raíña e tentaron aproveitar a súa primeira oportunidade con motivo da enfermidade do rei Fernando, o que deu lugar aos "sucesos de La Granja" do verán de 1832.

Os feitos editar

O 16 de setembro de 1832 agrávase a delicada saúde do rei Fernando VII que se atopaba convalecente no seu palacio de La Granja (en Segovia). A raíña María Cristina, influída e enganada polos ministros ultraabsolutistas encabezados por Francisco Tadeo Calomarde e polo embaixador do Reino de Nápoles (o barón Antonini),[4] que lle aseguraron que o exército non a apoiaría na súa Rexencia cando morrese o rei (e tentando evitar unha guerra civil,[5] segundo o seu propio testemuño posterior), inflúe no seu esposo para que revogue a Pragmática Sanción do 31 de marzo de 1830[6] que pechaba o acceso ao trono a Carlos María Isidro.

O día 18 o rei asina a anulación da Pragmática da Lei sálica, polo que a lei que impide que as mulleres poidan reinar, volve estar en vigor. Porén, inesperadamente, Fernando VII recobra a saúde e o 1 de outubro destitúe aos ministros "carlistas" -partidarios do seu irmán, e que enganaron á súa esposa- e o 31 de decembro anula o decreto derrogatorio que xamais se publicou (pois o rei asinárao coa condición de que non se publicase até despois da súa morte), pero que os "carlistas" encargáranse de espallar. Desta xeito, Isabel, de dous anos de idade, tornaba se-la herdeira ao trono.[7]

Consecuencias editar

 
Gravado que retrata a Francisco Cea Bermúdez

O novo goberno encabezado como Secretario de Estado polo absolutista "reformista" Francisco Cea Bermúdez e do que foron apartados os "ultras", inmediatamente toma unha serie de medidas para propiciar un achegamento aos liberais "moderados", iniciando así unha transición política que trala morte do rei continuará a Rexencia de María Cristina. Así, levouse a cabo a reapertura das universidades, pechadas dende 1830 polo ministro Calomarde[8] para evitar o "contaxio" da Revolución de xullo de 1830 francesa, e, sobre todo, a promulgación dunha amnistía o mesmo día da súa constitución, o 1 de outubro de 1832, que permite a volta a España da maioría dos liberais exiliados. Ademais o 5 de novembro crea o novo Ministerio de Fomento,[9][10] un proxecto reformista boicoteado polos ministros "ultras".[11]

A partir do seu afastamento do poder, os "ultrabsolutistas", apoiándose nos Voluntarios realistas, enfróntanse ao novo goberno e o propio irmán do rei négase a prestar xuramento como princesa de Asturias e herdeira ao trono a Isabel, polo que Fernando VII obrigouno a abandonar España. Así o 16 de marzo de 1833, Carlos María Isidro e a súa familia marchan a Portugal. O rei, seguindo o uso tradicional, convocou Cortes en Madrid para xuño, e na sesión celebrada o día 22, Isabel foi xurada como herdeira e sucesora de Fernando.[6]

Uns meses despois, o 29 de setembro de 1833, o rei Fernando VII morre, iniciándose o 2 de outubro, antes de ser coroada Isabel,[8] unha guerra civil pola sucesión á Coroa entre "isabelinos" -os partidarios de Isabel II-, tamén chamados "cristinos" pola súa nai, que asume a rexencia, e "carlistas" -partidarios do seu tío Carlos.[11]

Notas editar

  1. Fuentes (2007); pp. 81-87
  2. Fuentes (2007); pp. 88
  3. Fuentes (2007); pp. 88-89
  4. Suárez Fernández (1981); p. 548
  5. Suárez Fernández (1981); p. 549
  6. 6,0 6,1 Zöpfl, Henrique (1839). Bosquejo histórico sobre la sucesion á la corona de España. (traducido do alemán por D. Santiago de Tejada). París: Librería de Ayot. pp. 148–149. 
  7. Fuentes (2007); páxs. 89-90
  8. 8,0 8,1 Alvar Ezquerra, Jaime (Coord.) (2003). Diccionario de historia de España. Col. Fundamentos nº 200. Madrid: Istmo. p. 226. ISBN 84-7090-366-7. 
  9. Encima y Piedra, Victoriano (1867). De los sucesos del Real Sitio de San Ildefonso o la Granja a fines de 1832. París: Librería de Rosa. pp. 159–160. 
  10. Suárez Fernández (1981); p. 555
  11. 11,0 11,1 Fuentes (2007); p. 90

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Fuentes, Juan Francisco (2007). El fin del Antiguo Régimen (1808-1868). Política y sociedad. Madrid: Síntesis. ISBN 978-84-975651-5-8.
  • Suárez Fernández, Luis (1981). Del antiguo al nuevo régimen: hasta la muerte de Fernando VII. Historia Generalde España y América. Vol XII. Madrid: Rialp. ISBN 84-321-2109-6.

Outros artigos editar